Museo das Peregrinacións e de Santiago

museo sobre as peregrinacións e sobre Compostela
(Redirección desde «Museo das Peregrinacións»)

O Museo das Peregrinacións e de Santiago é un museo de Santiago de Compostela centrado no fenómeno universal da peregrinación (con especial atención á xacobea) e no nacemento e desenvolvemento da cidade de Santiago ó redor da catedral e da peregrinación á tumba de Santiago o Maior.

Museo das Peregrinacións e de Santiago
Casa Gótica (s. XIV), primeiro edificio do actual Museo das Peregrinacións e de Santiago
PaísGalicia
CidadeSantiago de Compostela
TipoHistórico, cultural
DirectorMaría Esperanza Gigirey Liste
Construción1939
Inauguración1951
Na rede
https://museoperegrinacions.xunta.gal
BNE: XX116378
editar datos en Wikidata ]

Foi creado en 1951 e declarado Ben de Interese Cultural en 1985[1], se ben apenas tivo actividade ata 1996. En 2012 ampliou as súas instalacións grazas á integración no museo do antigo edificio do Banco de España, na praza das Praterías, cambiando o nome e constituíndose nun museo descentralizado: está integrado pola Casa Gótica (o museo orixinal), a Casa do Cabido e este novo edificio.

Creación e primeiros anos

editar

Co nome de Museo de Santiago e das Peregrinacións, foi creado a finais de 1951 grazas á iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, co obxectivo de albergar os restos arqueolóxicos e outros elementos relacionados con Santiago de Compostela e coa peregrinación xacobea. Abriuse na rúa de San Miguel na chamada Casa Gótica,[2] do século XIV, e que adquiriu o Concello para este fin.

 
Detalle das ferraxes da porta do Museo

Durante anos só se fixeron labores internas, realizáronse obras de rehabilitación do edificio e outros traballos de organización e dotación de contidos para o museo. En 1963 asume a xestión a Dirección Xeral de Belas Artes, que lle dá o novo nome de Museo das Peregrinacións e orienta os contidos ó fenómeno universal da peregrinación, baixo o que abre ó público en 1965, co gallo dos eventos organizados no contexto do Ano Santo Xacobeo que se celebrou nese ano. Na inauguración presentouse unha ampla exposición de obxectos de culto e obras de arte relacionados co apóstolo, procedentes de diversas igrexas da Arquidiocese de Santiago de Compostela.

Clausurados os actos do Ano Santo, o museo pechou as portas e así continuou ata o Ano Santo de 1976, cando se organizou outra exposición similar, pechando de novo ó finalizar o ano.

Cando en 1982 a Xunta de Galicia asume as competencias de cultura e, sete anos despois, a xestión das infraestruturas culturais como museos e bibliotecas, non se inclúe o Museo das Peregrinacións por canto este estaba catalogado como Museo nacional, e hai que esperar ata 1995 para que se consiga a transferencia da xestión deste museo ó goberno autónomo.[3]. E así foi posible a apertura ó público definitiva a partir de febreiro de 1996. Nese momento, distintas adquisicións e doazóns particulares, xunto a outro material en depósito, foron enriquecendo os fondos do museo con numerosas pezas arqueolóxicas, cadros e esculturas, ourivaría, gravados etc.

Aínda así, demórase ata 2007 a publicación do instrumento legal do museo, xa baixo o nome actual de Museo das Peregrinacións e de Santiago:[4]

"Artigo 1. Definición: Establécese o Museo das Peregrinacións e de Santiago, como institución museística nacional e centro de documentación, investigación e interpretación de Santiago e das Peregrinacións, de titularidade estatal e dependente da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais, á que corresponde a protección, conservación, documentación, investigación e difusión dos bens materiais e inmateriais integrantes do patrimonio cultural relacionados co fenómeno universal da peregrinación, coa peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en particular, e co nacemento e a evolución da cidade de Santiago de Compostela como meta de peregrinación"

O Museo das Peregrinacións a partir de 2012

editar
 
Fachada do novo edificio do Museo das Peregrinacións.

A Casa Gótica xa naceu con serias limitacións espaciais e o propio Chamoso Lamas escribía en 1965 que "... tendo en conta o caudal enorme de elementos arquitectónicos e escultóricos con que se conta e a densidade de pezas representativas das distintas rutas da Peregrinación que esperan ser exhibidas, a súa capacidade resulta sumamente escasa, á vez que unha circulación de visitantes masiva acharía entorpecemento".

Co transcurso dos anos realizáronse diversas modificacións e ampliacións (primeiro, un edificio de nova construción de catro plantas; en 1974, a adición de dúas salas e un patio axardinado; a partir dos anos oitenta, unha redistribución interna dos espazos e dependencias), pero o resultado final seguiu sendo insuficiente para os fondos existentes e as novas adquisicións e, a maiores, a circulación dos visitantes resultaba complicada e confusa. Dos 1.285 de superficie útil só se ocupan con fins expositivos uns 470 m², reservando o resto do espazo a oficinas, almacéns etc.

A necesidade de ampliacións desbotou algunhas propostas iniciais, como a construción dun novo edificio ou compartir os fondos en diversos centros coordinados, como Iria Flavia (Padrón), o castro Lupario (entre Brión e Rois), e o Pico Sacro (Boqueixón).[5] En 2006 acórdase a constitución dun museo plurinuclear, formado pola Casa Gótica e mais a Casa do Cabido e o edificio do Banco de España, coa idea de dedicar estes dous últimos edificios a exposicións temporais e servizos administrativos.

Conta con oito salas dedicadas á peregrinación en xeral e ó Camiño de Santiago en particular, ás orixes do culto xacobeo, a translación desde Palestina a Galicia, ó sepulcro de Santiago e o nacemento e consolidación da cidade ó seu redor, ás actividades dos gremios na cidade e á música do Camiño (con reproducións dos instrumentos musicais do Pórtico da Gloria). Conta con numerosas estatuas e gravados de Santiago nas súas iconografías de apóstolo, peregrino e cabaleiro (matamoros).

Casa do Cabido

editar
 
Casa do Cabido.

Trátase dun edificio barroco construído en 1759 por Clemente Sarela a modo de fachada pétrea coa que se pecha a praza das Praterías. O edificio, de só catro metros de fondo, estrutúrase en tres plantas. Utilizouse como negocio (a planta baixa) e residencia particular (as plantas superiores) e foi adaptado para uso museístico en 2011, trala restauración levada a cabo polo Consorcio de Santiago.

O obxectivo é dedicar a planta baixa a uso público (exposicións temporais) e as outras plantas a oficinas e servizos administrativos.

Edificio do Banco de España

editar
 
Nova sede do Museo das Peregrinacións

Trátase dun edificio construído en 1949 polo arquitecto Romualdo de Madariaga e que albergou as oficinas do Banco de España na cidade ata que en 2004 foron pechadas. En 2006 propúxose a reutilización deste edificio como ampliación e futura sede do Museo das Peregrinacións, levándose adiante unha profunda remodelación a partir de 2007. O arquitecto que a deseñou e desenvolveu foi Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) e a reforma foi premiada en 2010 coa Medalla de Ouro da Arquitectura. Dispón de case 3.500 m² de superficie construída.

O 24 de xullo de 2012 foi inaugurado polo alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás. A inauguración presentou a exposición Compostela dicitur. A cidade da catedral, consistente nunhas maquetas espectaculares, unha da catedral de Santiago[6] e outra dunha reprodución hipotética da cidade de Santiago no século XIII, así como diversos paneis e fotografías, xunto a dispositivos audiovisuais.

  1. Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC)". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  2. Recibe este nome por ser un edificio singular do gótico civil, das que se conservan moi poucas mostras en Santiago.
  3. Real Decreto 2168/1994, de 4 de novembro, sobre ampliación de medios adscritos ós servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 306, de 23.12.1994).
  4. Real Decreto 1293/2007, de 28 de setembro, polo que se regula o Museo das Peregrinacións e de Santiago (BOE nº 252, de 20.10.2007).
  5. Lémbrese que o Castro Lupario se considera a residencia da Raíña Lupa, e que, segundo a lenda, o Pico Sacro foi onde mandou ós discípulos do apóstolo para que buscasen lugar onde sepultalo. É dicir, serían tres localidades directamente relacionadas coa translación de Santiago.
  6. Esta maqueta foi creada en 1992 para o pavillón de Galicia na Exposición Universal de Sevilla. Na páxina de Turgalicia pode verse unha fotografía da maqueta cando estaba exposta no Pavillón de Galicia da Expo’92 e outra na súa localización actual no Museo das Peregrinacións.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar