Porta Santa

Porta da catedral de Santiago ao leste na cabeceira que vai dar á Praza da Quintana

A Porta Santa ou Porta do Perdón é unha das sete portas menores de que constaba orixinalmente a Catedral de Santiago de Compostela. Ábrese ó leste na cabeceira e vai dar á Praza da Quintana.

Vista interior da Porta Santa.

Inicialmente estivo dedicada a San Paio (cuxo convento está xusto en fronte), polo que tamén se coñeceu como Porta de San Paio. Na descrición da Catedral que fixo Aimery Picaud no Libro V do Códice Calixtino, escrito entre 1135 e 1140, explica que a basílica ten tres pórticos principais e sete pequenos: "Dos sete pórticos pequenos, o primeiro chámase de Santa María [...] o terceiro, de San Paio [...]" (López Pereira, 1993, pp. 128–129).

Chámase Porta do Perdón porque por ela entran na basílica os peregrinos durante o Ano Santo para gañar o xubileu,[1] é dicir, o perdón dos seus pecados grazas á indulxencia concedida polo papa Alexandre III na súa bula Regis aeterni de 1179.

A Porta Santa do deambulatorio

editar

A Porta Santa ábrese no deambulatorio, entre as capelas do Salvador, pola que se comezou a construción da Catedral en 1075, e a de San Pedro ou da Azucena.

Desde o 2004, é unha porta de bronce, obra do escultor santiagués Suso León e doazón da Cámara de Comercio de Compostela, que veu substituír a anterior, de Paco Leiro.[2] Na cara externa represéntanse as imaxes de Xesús, Santiago e outros peregrinos; na cara interna, seis escenas da vida do Apóstolo: como pescador no lago Tiberíades, escoitando a Xesús, evanxelizando en Galicia, a decapitación, a translación do seu corpo e o descubrimento do sepulcro polo eremita Paio e o bispo Teodomiro.

Flanqueando a Porta hai dúas esculturas do apóstolo Xudas Tadeo e do profeta Ezequiel (á esquerda e dereita, respectivamente, do espectador). Como as que están colocadas fóra, estas tamén proceden do coro pétreo do mestre Mateu.

 
Detalle da Porta Santa antes da reforma realizada en 1658.

A Porta Santa da Quintana

editar

Aínda que xa é común designar como Porta Santa a porta que se ve desde a praza da Quintana,[3] cómpre lembrar que a Porta Santa é a do interior, aberta no muro románico, e que esta da Quintana é unha antesala construída na segunda metade do século XVII dentro das reformas desenvolvidas por José Vega y Verdugo co obxectivo de homoxeneizar a fachada da Catedral cara a Quintana.

 
Porta Santa exterior.

O cóengo Vega sostiña a teoría de que, sendo pola fachada leste por onde se achegaban á Catedral "todos cantos veñen a esta santa igrexa", o que se atopaban era "unha mala portiña metida nun estreito recuncho e uns catorce ou quince tellados que parecían capelas de forno", como resultado das reformas que se foran facendo na cabeceira da catedral ó longo dos séculos, abrindo novos espazos ben para culto, ben para cuarto da garda e servizos administrativos. Para argumentar ante o Cabido catedralicio a necesidade destas reformas -e mais outras na capela maior e na fachada do Obradoiro- presentou en 1657 un Informe o Memoria sobre as obras na Catedral de Santiago no que desenvolvía o proxecto de unificar a fachada leste facendo un peche homoxéneo desde a Torre do Reloxo. As obras comezaron a realizarse a partir de 1658, da man do arquitecto salmantino José Peña de Toro.[4] A reforma consistiu en construír un alto muro a todo o longo da fachada da Quintana, cunha balconada corrida rematada por altos pináculos. Este muro oculta a ábsida e absidiolas, aínda que asoman por riba, pero regulariza a estrutura da praza e consegue dotar á fachada dunha harmonía visual de conxunto. Simultaneamente, serviu para reconstruír a cara exterior da Porta Santa e abrir a Porta dos Abades (esta xa sobre a Quintana de Vivos).

No debuxo (de 1657) que nos deixou Vega y Verdugo do estado da fachada leste da Catedral antes das reformas propostas vese que a Porta Santa xa existía cunha estrutura semellante á actual, aínda que se observa que só estaba flanqueada por 12 estatuas. Descoñécese a data da construción desta porta externa pero sábese que as 12 figuras foron colocadas entre 1611 e 1616 para decorar a porta existente. En 1660, Peña de Toro comeza as obras nesta zona da fachada para darlle a forma actual, colocando as outras 12 figuras e os 4 floróns que encabezan os catro grupos escultóricos, pero a configuración definitiva débese a Domingo de Andrade cara 1694.

O pórtico, pechado por unha forte reixa de ferro, presenta a ámbolos dous lados vinte e catro figuras de profetas e apóstolos (entre eles o propio Santiago), que proviñan do antigo coro de pedra do mestre Mateu, construído para a Catedral cara 1200 e desmontado entre 1603 e 1604 por orde do arcebispo Sanclemente. As 24 figuras están distribuídas en 4 rúas de 3 corpos superpostos, cunha figura a cada lado.

Identificación dos santos da Porta Santa
 
1. profeta Miqueas;
2. profeta Oseas;
3. Samuel;
4. San Filipe apóstolo;
5. profeta Abdías;
6. San Tomé apóstolo;
7. profeta Malaquías;
8. San Marcos evanxelista;
9. profeta Xeremías;
10. apóstolo Santiago o Maior;
11. profeta Habacuc;
12. profeta Xonás.
 
1. rei Salomón;
2. Moisés;
3. profeta Daniel;
4. profeta Isaías;
5. Aarón;
6. profeta Nahum;
7. San Lucas evanxelista;
8. profeta Axeo;
9. rei Saúl;
10. profeta Zacarías;
11. Santo André apóstolo;
12. Simón apóstolo.

En 1694, Domingo de Andrade constrúe un segundo corpo sobre as 24 figuras anteriores, coroado coas imaxes de Santiago peregrino e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro ao seu lado, obra de Pedro del Campo. Este programa iconográfico explica a denominación popular de Porta dos 27 sabios.[5]

A porta dá a un angosto corredor onde reciben sepultura os Abraldes,[6] que conduce á verdadeira Porta Santa pola que se entra ao deambulatorio.

A exposición ó exterior das esculturas, tanto ás inclemencias meteorolóxicas como á presión humana, foi a causa dunha progresiva deterioración, cunha forte erosión e perda dalgúns elementos, especialmente mans e narices. Estas agresións deberon comezar xa no momento do desmontado e reutilización na Porta, como o demostra a existencia de certos recortes laterais nalgunha figura para adaptala ó marco. Dous séculos despois, Pascual Madoz (1806-1870) relata que, a consecuencia da Primeira guerra carlista (entre 1833 e 1840), "las estatuas de la primera línea fueron decapitadas en una noche por el furor de la pasada guerra de sucesión", habendo constancia de que se repararon poucos anos despois.[7] En 1990, a cabeza do profeta Nahum -unha desas figuras da primeira liña' que xa foran decapitadas na guerra citada- caeu ó chan e rompeu, polo que tivo que ser substituída pola que hoxe se ve.[8] En 2007, un home que parecía non estar nas súas facultades mentais espiuse e subiu ata o alto da Porta, onde arrincou o báculo da figura de Santiago, no cumio, e causou pequenos danos noutras dúas estatuas.[9]

Apertura da Porta Santa

editar

A Porta Santa está permanentemente pechada excepto os Anos Santos, durante os que permanece aberta para que entren os peregrinos no seu remate do camiño. A apertura da Porta ten lugar na tarde do 31 de decembro do ano anterior e volve pecharse o 31 de decembro do Ano Santo, seguindo un complexo e antigo cerimonial encabezado polas autoridades relixiosas e políticas.

Cando está pechada, a Porta está tapiada cun muro de pedra (pequenas pedras soltas, en equilibrio inestable) que queren simbolizar a dura peregrinación. No momento da apertura, a procesión encabezada polo o arcebispo achégase a ese muro desde a Quintana, o arcebispo golpéao tres veces cun martelo de prata e tras pedir permiso ó Apóstolo ordena que se abra a Porta. A seguir, os operarios derruban o muro desde o interior e, tras recoller os cascallos e limpar o chan con pólas de loureiro, a procesión entra na igrexa. É costume entre as autoridades que van entrando recoller algunha das pedras do chan.

  1. Que o DRAG Arquivado 18 de novembro de 2013 en Wayback Machine. define como "Indulxencia plenaria, solemne e universal concedida polo papa en certas ocasións especiais".
  2. A porta que fixera Paco Leiro en 1993 [1] Arquivado 20 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. pode verse agora no museo da Catedral.
  3. Existe outra porta chamada Porta Quintana, máis coñecida como Pórtico Real ou Porta real, situado máis ó sur, que recibe este nome porque por esta porta accedían os reis de España á catedral. O nome de Porta Quintana vénlle de ser o acceso do Cabido cando o 2 de novembro, día dos Fieis Defuntos, acode en procesión para rezar polos mortos que foron soterrados durante séculos na praza da Quintana.
  4. Quen, desde 1652, se atopaba traballando para o Mosteiro de San Martiño Pinario.
  5. Ferro Ruibal recolleu a expresión popular compostelá ¡Vaillo contar ós vinte e sete da Porta Santa! para mandar a paseo algún impertinente ou mostrar total incredulidade ante o que se escoita.
  6. A casa dos Abraldes foi unha liñaxe galega documentada desde primeiros do XVI, da que podemos citar a Pedro Abraldes Feijóo (de principios do XVI) e Benito Abraldes (cabaleiro de Santiago en 1630). Tivo casa solar en Santiago, onde hoxe se abre a rúa do Vilar, e tivo señorío sobre Guimeráns, as torres de Aríns (en Santiago) etc.
  7. Yzquierdo 1990, p. 37. Engade Yzquierdo a seguinte cita recollida por Xosé Carro, que testemuña o pago polo traballo de estauración: "Recibí de la Santa Yglesia Catedral la cantidad de sien reales por la echura de cinco cabezas y colocarlas para los profetas de la puerta santa. Santiago 28 de Nobiembre de 1857. Bentura da Fonte".
  8. La Voz de Galicia, 17.11.1990. O periodista engade que, das 24 figuras correspondentes ó taller do mestre Mateu, "varias son reproducciones" (unha delas, precisamente, a do profeta Nahum á que se refería a noticia), pero ningunha outra fonte confirma este dato.
  9. La Voz de Galicia, 30.11.2007

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar