Xetafe

concello da Comunidade de Madrid

Xetafe[1] (en castelánGetafe) é un municipio situado na zona sur da Comunidade de Madrid, España. É unha das cidades máis poboadas e industrializadas da área metropolitana da capital. A importancia de Xetafe provén tamén da súa base aérea militar, unha das máis antigas de España, do Cerro de los Ángeles, considerado o centro xeográfico da Península Ibérica, e da Universidade Carlos III, cuxo reitorado se acha na cidade.

Modelo:Xeografía políticaXetafe
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 40°18′00″N 3°43′00″O / 40.3, -3.7167
EstadoEspaña
Comunidade autónomaComunidade de Madrid Editar o valor en Wikidata
CapitalMadrid Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación185.899 (2023) Editar o valor en Wikidata (2.360,92 hab./km²)
Xeografía
Superficie78,74 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude622 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataSara Hernández Barroso (2015–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal28901–28909 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE28065 Editar o valor en Wikidata

Sitio webgetafe.es Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451174

A proximidade de Xetafe a Madrid propiciou un gran desenvolvemento industrial ao longo do século XX, aumentando así a poboación ata os 170.115 habitantes (2011) e converténdose nunha cidade dormitorio. O incremento de poboación obrigou a construír numerosas vías de acceso, fixo ampliar a oferta de servizos públicos e impulsou a creación de novos barrios ao longo do século XX. O club de fútbol local, Getafe CF xoga na primeira división de fútbol española.

A cidade sitúase a 13 km ao sur do centro de Madrid, na parte sur da área metropolitana de Madrid, nunha zona chá da Meseta Central da Península Ibérica, e na cunca do río Manzanares.

Etimoloxía

editar

Na Idade Media, no actual concello de Xetafe convivían varias aldeas, e unha das máis importantes era Alarnes, situada moi preto do actual centro urbano. No 1326, os poboadores destas aldeas uníronse nunha vila situada ao longo do camiño real que unía Madrid con Toledo. A este nova vila chamóuselle Xatafi. Este nome viña da palabra árabe Jata, que significa "algo longo". De aí deduciuse que Xatafi referíase á longa rúa principal da vila, que non era outra que o camiño real. Polo tanto, Xetafe significa "rúa longa". A partir de aí, o nome evolucionou pasando por Xetafi, Jetafee, Jetaphe, Jetafe e, finalmente, Getafe.

Historia

editar
 
Restos da vila romana da Torrecilla.
 
Mapa de Xetafe no século XVII.
 
Gran Teatro de Xetafe (finais do Século XIX).

A historia de Xetafe pódese dividir en tres fases claramente derregadas. Na primeira etapa, que vai desde a Prehistoria ata o 1326, distintas civilizacións e aldeas habitaron o termo municipal, aínda que Xetafe non existía como vila. Na segunda, que empeza no século XIV e acaba no século XX, Xetafe fórmase como vila e vaise desenvolvendo lentamente con diversas construcións. Na terceira fase, que comeza no século XX, Xetafe pasou de ser unha vila agrícola a converterse nunha gran cidade industrial, cun grande aumento da actividade comercial e industrial, da poboación, e da superficie urbana. A continuación desenvólvense estas tres fases.

Orixes

editar

A presenza humana en Xetafe remóntase ao Paleolítico Inferior (antes do 100.000 aC), nun socalco do río Manzanares, onde se atoparon varios útiles de pedra, vasos e brazais. Do século II ao III produciuse a chegada dos romanos ao termo municipal construíndo a vila romana da Torrecilla, localizada na ribeira do Manzanares. Os visigodos (s. VI - VII) deixaron a súa pegada cunha necrópole próxima á Torrecilla.

No século VIII, a zona onde actualmente se acha Xetafe foi invadida polos musulmáns, e en 1085, Afonso VI conquistou as aldeas entón situadas no actual concello. En 1326, os habitantes de Alarnes e doutras aldeas trasladáronse á contorna do camiño real Madrid-Toledo, creándose unha concentración de vivendas e nacendo así Xetafe. Para estruturar a nova vila, nese mesmo século construíuse a primitiva ermida da Madalena, que máis tarde sería derrubada.

Idade Moderna

editar

En 1492 a fame e a peste asolaron Xetafe e en 1529 creouse o Hospitalillo de San José. En 1549 Alonso de Covarrubias comezou a construír a igrexa da nosa Señora da Madalena (actual catedral) sobre o predio da antiga ermida e en 1610 construíuse a ermida da nosa Señora dos Anxos no Cerro de los Ángeles. En 1737 fundouse o colexio das Escolas Pías en Xetafe, e en 1763, baixo o reinado de Carlos III, construíuse o novo camiño de Aranjuez (cuxo último destino era Cádiz) que pasaba ao pé das abas do Cerro de los Ángeles. Entre 1808 e 1812 as tropas napoleónicas ocuparon Xetafe e en 1851 inaugurouse o treito ferroviario Madrid-Aranjuez, pasando este polo concello.

Século XX e actualidade

editar

O 22 de decembro de 1897 inaugurouse o alumeado público en Xetafe. En 1911 estableceuse con carácter permanente a base aérea, e dous anos despois, creouse a Escola de Aviación Civil. O 30 de maio de 1919 Afonso XIII inaugurou o primeiro monumento ao Sagrado Corazón no Cerro de los Ángeles e en 1924 a empresa C.A.S.A. instalou a súa factoría no municipio. Nese mesmo ano, na base aérea, realizábase o primeiro voo no autoxiro, creado por Juan de la Cierva.

A proximidade de Xetafe a Madrid proporcionou un forte desenvolvemento industrial a principios do século XX, convertendo o municipio en cidade dormitorio e provocando un rápido crecemento da poboación a partir da década de 1950. En 1956 instalouse no municipio a fábrica de John Deere e un ano despois facía o mesmo Siemens. A partir dos 1970 creáronse novos barrios como San Isidro, El Bercial, Juan de la Cierva e Las Margaritas con motivo do forte aumento da poboación que experimentaba a cidade.

En 1961 a canle de Isabel II abasteceu de auga o concello e en 1979 celebráronse as primeiras eleccións democráticas municipais, logo da Constitución de 1978. En 1988 comezaron as obras da Universidade Carlos III. Entre 1979 e 1988 construíuse o barrio do Sector III, a finais dos anos 1990 fíxose o mesmo co barrio de Xetafe Norte e o Arroyo Culebro. Actualmente estase ampliando o barrio de El Bercial. En abril de 2003 inaugurouse a liña 12 do Metro de Madrid, unindo así as cidades do sur coa capital.

Historia heráldica

editar

O escudo de Xetafe está dividido verticalmente en dúas partes iguais que representan as dúas características máis importantes do concello. Na metade esquerda hai un corazón no centro dunha cruz latina que representa o Sagrado Corazón de Xesús, e que fai referencia ao Cerro de los Ángeles. A metade dereita ten varios avións pequenos e brancos que representan a tradición aeronáutica do concello e fan referencia á súa base aérea. Na parte superior, a coroa real española preside o escudo, como símbolo da lealdade do concello á monarquía española.

Política e goberno

editar
Lista de alcaldes
Lexislatura Nome
1943-1964 Juan Vergara Butragueño
1964-1971 Pedro Zarzo Calvo
1971-1971 Juan Ángel Lozano Mula
1971-1973 Félix Cervera Cifuentes
1973-1974 José Mingo Guerrero
1974-1979 Ángel Arroyo Soberón
1979-1983 Jesús Prieto de la Fuente
1983-2011 Pedro Castro Vázquez
2011 - Juan Soler Espiauba-Gallo
 
Concello de Xetafe.

Nas eleccións municipais do 2011, o PP obtivo doce concelleiros, o PSOE nove, IU catro e UPyD, dous. O alcalde do concello é Juan Soler Espiauba-Gallo, do Partido Popular, quen ocupa o cargo desde entón. Porén, Xetafe caracterizouse tradicionalmente por posuír unha poboación maioritariamente obreira; así mesmo, ao longo da súa historia, os partidos políticos máis influentes foron os da esquerda: sobre todo, o PSOE, quen ostentou ininterrompidamente a alcaldía dende 1983 ata 2011 na persoa de Pedro Castro Vázquez. Xetafe é unha das cidades máis destacadas na loita obreira debido á gran cantidade de poboación que traballaba na industria local. Os sindicatos máis importantes que hai no municipio son Comisións Obreiras e UGT. Ambas formacións teñen unha sucursal en Getafe e contan cun gran número de afiliados.

Xeografía

editar

Localización

editar
 
Cerro Buenavista, a maior elevación do termo municipal, con 704 metros. No seu cumio hai un depósito de auga da canle de Isabel II.

Xetafe está situado na zona sur da Comunidade de Madrid, España, no suroeste de Europa, no centro da Península Ibérica, ao norte da Submeseta Sur (división da Meseta Central), na cunca do río Manzanares, e entre os 610 e 640 metros sobre o nivel do mar. As súas coordenadas son 40º 18' N 3º 43' O. O termo municipal de Xetafe ten unha superficie de 78,74 km², un perímetro de 46,5 km e unha forma alongada de oeste a leste, cunha distancia máxima nesta dirección de 16 km, e 7 km de norte a sur. A parte máis oriental do concello está dentro do Parque Rexional do Sueste, abarcando os socalcos do río Manzanares, parte do regato Culebro e os cerros da Marañosa.

Distancias

editar

A céntrica situación de Xetafe na Península Ibérica fai que non diste máis de 725,6 km de ningunha capital de provincia da España peninsular. Estas son as distancias a algunhas cidades, aos mares que bañan a costa española e ás fronteiras con Portugal e Francia:

   

Relevo

editar
 
Parte xetafense da veiga do Manzanares. É a zona máis baixa do termo municipal (540 m).

O relevo do termo municipal de Xetafe é bastante chan, cunha inclinación menor do 5% cara ao leste e cunha altura media de 631 metros sobre o nivel do mar. A altitude mínima atópase no extremo leste, no río Manzanares, con 540 metros, e a máxima elevación está no outeiro Buenavista, con 704 metros, situado no extremo oeste do termo municipal, limitando con Leganés. A zona máis accidentada é a dos Cerros de la Marañosa, situados no sueste, cuxa máxima elevación é de 698 metros. No centro do concello está o Cerro de los Ángeles (670 metros). O solo de Xetafe erosiónase con facilidade ante a acción da auga, e para evitar isto, nas abas dos outeiros como o de los Ángeles e os De la Marañosa plantáronse bosques de piñeiros.

Hidrografía

editar
 
Lagoas de Perales. Estas catro pequenas lagoas están protexidas.

Pola parte máis oriental do concello pasan 9,5 km do río Manzanares, por toda a zona sur transcorren 16,5 km do regato Culebro, e no sueste descenden 2 km do barranco de Filipinas desde os Cerros de la Marañosa. Hai dúas canles artificiais que transcorren por ambos os lados do río Manzanares e paralelos a este, cuxa función é regar os cultivos próximos ao río. A 2 km ao leste do Cerro de los Ángeles están as lagoas de Perales, unhas das poucas que quedan na zona. O regato Culebro e o barranco de Filipinas levan un caudal escaso e nulo na estación estival, mentres que o río Manzanares leva auga todo o ano. Polo tanto, o concello de Xetafe áchase dentro da cunca do río Manzanares, agás unha pequena parte do sueste, que pertence á do Jarama.

Límites

editar

O concello municipal de Xetafe limita cos seguintes concellos: ao norte con Villaverde e Vallecas (distritos de Madrid), ao leste con Rivas-Vaciamadrid, ao sueste con San Martín de la Vega, ao sur con Pinto, ao suroeste con Fuenlabrada, e ao oeste con Leganés.

Noroeste: Leganés Norte: Villaverde (Madrid) Nordeste: Vallecas (Madrid)
Oeste: Leganés Xetafe Este: Rivas-Vaciamadrid
Suroeste Fuenlabrada Sur: Pinto Sueste: San Martín de la Vega
 
Un parque de Xetafe nun día de neve.

O clima de Xetafe é mediterráneo continentalizado e está influído polas condicións urbanas. Os invernos son frescos, con temperaturas inferiores aos 8 °C, xeadas nocturnas moi frecuentes e nevaradas ocasionais (tres ou catro ao ano). Os veráns son calorosos, con temperaturas medias superiores aos 24 °C en xullo e agosto, e con máximas que moitas veces acadan os 35 °C. A oscilación diaria é de aproximadamente 10 °C, pero vese reducida polo efecto antrópico creado por Madrid e o conxunto de cidades próximas.

As precipitacións, aínda que escasas, están regularmente distribuídas ao longo do ano se exceptuamos os meses de verán, que son os máis secos. O mes máis chuvioso é novembro con 56,48 mm, e o máis seco xullo con 8,21 mm. A media de precipitacións anuais é de 445 mm. Un dos problemas do clima de Xetafe é a contaminación, que se ve incrementada cando o vento sopra de compoñente sur ou sueste, aínda que esta polución mingua notablemente cando o vento sopra do norte. A temperatura media anual é de 14 °C, a máxima histórica é de 41,6 °C (24 de xullo de 1994), e a mínima absoluta de -12 °C (5 de febreiro de 1963). A humidade relativa media é do 71%, a presión media é de 1.015,8 Mb, a media de horas de sol ao ano é de 2.811, e o réxime de ventos máis predominante é do NE, aínda que este non adoita ser intenso.

Os fenómenos adversos, como furacáns, inundacións, tremores de terra e tornados, non se dan nunca en Xetafe grazas ás súas condicións climáticas e xeográficas. Un problema do clima do interior da Península Ibérica é a seca, que asexa cada vez que as precipitacións escasean durante varios meses.

Observatorio da Base Aérea de Xetafe
1948-1988 xan feb mar abr mai xuñ xull ago set out nov dec TOTAL
Temp. máxima (°C) 9,9 11,6 15,2 18,3 22,9 27,8 32,5 31,2 26,8 20,4 13,9 10,0 20,0
Temp. mínima (°C) 1,2 1,7 4,2 6,3 10,1 14,0 17,5 16,9 13,7 9,3 4,4 1,7 8,4
Precipitacións (mm) 40 49 47 50 42 27 6 15 33 37 52 47 445

Flora e fauna

editar
 
Vista desde o Cerro de los Ángeles da metade leste do concello. Na imaxe apréciase o piñeiral do outeiro, algunhas oliveiras e extensos campos de trigo.

A vexetación autóctona de Xetafe é a característica do bosque mediterráneo, composto por aciñeiras e, en menor medida, sobreiras. En canto ás formacións arbustivas, as especies autóctonas, pero non abondosas, son a esteva e a xesta. Este bosque e sotobosque autóctono só ocupa o 16 % da superficie do termo municipal, localizado nos Cerros de la Marañosa e na zona leste. Nas ribeiras do río Manzanares e do regato Culebro podemos atopar árbores de folla caduca e canaveiras.

A maior parte do solo non urbanizado corresponde a cultivos cerealísticos (trigo na súa maioría), e en menor medida de regadío, con hortas na veiga do Manzanares. Algunhas zonas están reforestadas con piñeiros mansos e piñeiros de Alepo, como é o caso do Cerro de los Ángeles, o Prado Acedinos, parte dos Cerros de la Marañosa e parte do Parque do Sector III. Nos parques e rúas da cidade, as árbores máis abondosas son o pradairo, a acacia de tres puntas, o olmo e o piñeiro manso. Con menor presenza pódense atopar cedros, cipreses, piñeiros de Alepo, ameixeiras, chopos, abetos e palmeiras.

Respecto da fauna local, debe destacarse a importante poboación de certas aves pequenas que viven na propia cidade como os pardais e as pombas. Na zona leste do concello pódense atopar aves de maior tamaño, coellos, raposos, xabaríns e donicelas. En Perales del Río hai unha importante comunidade de lagarteiro buxarelo, unha ave da familia do falcón.

Urbanismo

editar
 
Chalés encostados no Sector III.
 
Moderno edificio de Xetafe Norte.
 
Igrexa de Perales del Río; un dos edificios máis antigos da cidade.

O espazo urbano organízase dun xeito case lonxitudinal, de nordeste a suroeste. Así, a forma alongada que ten hoxe débese principalmente á proximidade da base aérea, que impide o seu crecemento cara ao sueste. As rúas máis importantes da cidade son as rúas Madrid e Toledo. Esas dúas vías, peonís na súa parte máis céntrica, son hoxe o que foi na Idade Media o camiño real de Madrid-Toledo. Xetafe ten outras rúas e avenidas importantes que estruturan os seus barrios, como a avenida de España, a avenida de las Ciudades, a avenida Juan Carlos I e a rúa Ferrocarril.

Os edificios da arquitectura popular de Xetafe caracterízanse por ter, xeralmente, dous andares, un tellado a tella, varios pequenos balcóns no segundo andar e fachada de ladrillo descuberto e de cor suave, características propias da arquitectura castelá. Este tipo de casas atópanse no barrio do centro, pero cada vez hai menos, porque cando quedan deshabitadas a miúdo son derrubadas para construír no seu predio un novo bloque de vivendas. Unha característica especial do urbanismo de Xetafe é que a altura media dos seus edificios é de cinco andares, ou o que é o mesmo, uns 17 metros. Esta peculiaridade é debida á proximidade da base aérea, e fai que Xetafe sexa unha cidade de edificios baixos, algo pouco común nas cidades da zona sur de Madrid. Desta forma, as edificacións de Xetafe que superan os 8 andares son escasas.

Pese aos límites urbanísticos impostos pola base aérea e os propios límites do concello, a cidade ten unha serie de espazos verdes cunha superficie importante. Dous dos parques máis grandes son os do Sector III e o de La Alhóndiga, ambos unidos. Estas zonas verdes teñen un lago e un río artificiais, dous piñeirais e numerosos camiños. Ocupan unha superficie semellante á do barrio centro e están situados ao oeste do centro urbano, separado deste pola autovía de Toledo (A-42). Dentro da cidade hai unha serie de parques de diversos tamaños e características: o de Castilla-La Mancha, o de San Isidro, o de Las Escuelas Pías e o El Casar. Fóra da cidade hai dous piñeirais con merendeiros, fontes e quioscos: o do Cerro de los Ángeles e o de Prado Acedinos.

Actualmente estanse levando a cabo varias ampliacións do solo urbano. Unha delas é a do barrio El Bercial. Esta ampliación fará cuadriplicar a superficie do barrio e fará medrar a cidade cara ao noroeste, unindo El Bercial co centro urbano. Así mesmo, estase ampliando cara ao leste o polígono industrial Los Olivos, e Perales del Río medra cara ao oeste, quedando estes dous barrios cada vez máis preto. Na zona sur, xunto á autovía M-50, estase construíndo a área Tecnolóxica do Sur, unha zona na que se crearán salóns de exposicións e espazos para novas industrias.

O concello de Xetafe ten varios proxectos para ampliar o solo urbano da cidade co fin de agrandar barrios. Un destes proxectos é a ampliación do Sector III, onde se pretende construír vivendas nas inmediacións do depósito do Cerro Buenavista. Outro proxecto é a creación do barrio residencial de San Marcos, situado ao leste de Xetafe Norte e ao norte do polígono Los Ángeles. Tamén se está proxectando a construción da Universidade Politécnica de Xetafe, que constará de tres facultades e dun edificio central.

División administrativa

editar
 
Avenida de España, coa estación de metro de Juan de la Cierva.
 
Céntrica praza da Cibelina situada no barrio centro.
 
Rúa Madrid, unha das máis céntricas, comerciais e importantes da cidade.

Antes do século XX, a cidade tiña só un barrio, que corresponde ao barrio centro e La Alhóndiga. Perales del Río é tamén un dos barrios máis antigos do concello, xa que data de, aproximadamente, o século XVII. A partir da década dos 1960 o rápido aumento da poboación obrigou a creación de novos barrios como os de San Isidro no sur, Juan de la Cierva no leste, Las Margaritas no norte e El Bercial no oeste. Nos anos 1980, construíuse Sector III no suroeste, ampliouse Perales del Río, e na década seguinte creouse Xetafe Norte. Hoxe en día, Xetafe está dividido en nove barrios e cinco polígonos industriais:

Centro
O barrio centro o máis antigo do municipio. Conserva un ambiente enxebre, tradicional e comercial. É o máis poboado de Xetafe e ten un gran número de rúas peonís. Nel están o concello, a catedral, as Escuelas Pías e o Hospitalillo de San José.
El Bercial
El Bercial é un pequeno barrio illado do centro urbano e unido a un polígono industrial de Leganés. Data da década dos 1970, e actualmente estase ampliando dunha forma notable.
Xetafe Norte
construído na década dos 1990, é o barrio máis setentrional da cidade. Nel está o estadio de fútbol Coliseum Alfonso Pérez. Gran parte deste barrio está constituído por chalés.
Juan de la Cierva
Juan de la Cierva é un céntrico e comercial barrio que recibe o nome do famoso enxeñeiro. Data da década dos 1970 e actualmente é o segundo máis poboado de Xetafe.
La Alhóndiga
La Alhóndiga é un dos barrios máis antigos e castizos de Xetafe. Está ao oeste do Centro, xunto á autovía A-42 e ao Hospital Universitario de Xetafe.
Las Margaritas
Las Margaritas é un pequeno barrio situado xunto á Universidade Carlos III e a residencia de estudantes. Data da década dos setenta e ten un importante polideportivo.
Perales del Río
é o barrio máis afastado do casco urbano. Está situado xunto ao río Manzanares no extremo leste do concello. Aínda que é un dos barrios máis antigos do municipio, estase agrandando actualmente.
San Isidro
San Isidro está situado ao sur do Centro, posúe un importante polideportivo e grandes zonas verdes. Data da década de 1970.
Sector III
O Sector III é un barrio de vivendas unifamiliares. É o máis extenso do concello, e o terceiro máis poboado; construíuse na década dos 1980 e ampliouse co Arroyo Culebro.
cinco polígonos industriais
os cinco polígonos industriais están repartidos polas zonas periféricas da cidade. Na zona leste dea cidade están Los Ángeles, San Marcos e Los Olivos. Na zona sur El Culebro, e xunto ao barrio de Las Margaritas está El Rosón.

Infraestruturas

editar
 
Avións na Base Aérea de Xetafe.
 
Estadio do Getafe CF.

Esta cidade creceu moito nas últimas décadas, inducindo un incremento análogo no número de infraestruturas. Algunhas destas son as seguintes:

  • as facultades de Humanidades, Ciencias Xurídicas, e o reitorado da Universidade Carlos III de Madrid. As instalacións están no céntrico barrio de Las Margaritas;
  • a residencia de estudantes Fernando de los Ríos, situada a 500 metros da universidade no mesmo barrio
  • o Hospital Universitario de Xetafe, famoso pola súa unidade de queimados. Está xunto á autovía A-42, no km 12 e é un dos máis grandes da zona sur de Madrid
  • a Base Aérea de Xetafe, famosa por ser unha das primeiras de España. Está situada ao sueste do centro urbano e o seu uso é case exclusivamente militar, aínda que tamén a usa a fábrica de Construcións Aeronáuticas SA
  • o Teatro Federico García Lorca, un gran centro cultural situado no barrio Centro. Construíuse na década de 1990 e actualmente alberga gran cantidade de actos culturais
  • o Coliseum Alfonso Pérez, estadio do Getafe Club de Fútbol. Está en Xetafe Norte, inaugurouse en 1998 e ten unha capacidade de 14.400 persoas;
  • o Conservatorio Profesional de Música de Xetafe, situado no Sector III. É o único conservatorio público da zona sur de Madrid
  • a liña de tren de proximidade C-4 ao seu paso polo centro de Xetafe está soterrada desde o 2001 para evitar divisións e ruídos (aínda que non se evitaron as vibracións aos edificios lindeiros) e crear así un parque no seu antigo treito;
  • o cemiterio de Nosa Señora da Soidade, situado ao sur da base aérea, é o principal camposanto da cidade e foi inaugurado en 1974. Anterior a este, estaba o cemiterio vello, que quedou en desuso coa construción do novo;
  • xunto a Perales do Río hai unha depuradora que trata as augas do río Manzanares ao seu paso polo termo municipal de Xetafe, do mesmo xeito que a depuradora do regato Culebro, situada ao sur de Xetafe.
  • a praza de touros, construída en 2004 e localizada xunto ao recinto feiral, acolle touradas nas festas locais
  • numerosos polideportivos, as tres piscinas municipais, os centros cívicos e bibliotecas repartidas polo concello son infraestruturas que se describen na súa sección.

Medios de comunicación

editar

O concello ten varios xornais locais como El Buzón, medio que conta cunha edición digital, El Buzón de Getafe, Observador, Acción Getafense, Vivir en Getafe, Getafe Ahora, o semanario deportivo Zona Sur, tamén con edición dixital Zona Sur Deportivo, Boletín del Ayuntamiento, Getafe al Día, Getafe Capital e Mercado, entre outros. A emisora local Radio Getafe desapareceu absorbida por Cadea COPE (101.8 FM). A cidade contou nos anos 1990 cunha emisora de televisión chamada Tele Getafe. Existen outros medios só dixitais como Capital del Sur, Getafe Digital.

Medios de transporte

editar
 
Estación de tren e metro de Xetafe Central.

Xetafe ten uns medios de transporte propios dunha gran cidade, como son as autoestradas e autovías, paradas de taxi, autobuses, trens e metro.

Estradas

editar

Catro autoestradas e autovías pasan por Xetafe, dúas radiais (A-42 e A-4), e dúas de circunvalación a Madrid (M-45 e M-50). Outra estrada de dous carrís por sentido comunica Xetafe con Leganés, e dúas estradas provinciais comunican con Perales del Río.

Autoestradas
  • M-45, autovía de circunvalación de Madrid. 4 km desta autovía están dentro do concello, atravesándoo de oeste a leste. A estrada fai de límite norte dos barrios El Bercial e Xetafe Norte.
  • M-50, autovía de circunvalación de Madrid. Por Xetafe transcorren 13,6 km desta vía e atravesa o concello de oeste a leste. A autovía fai de límite sur do Sector III, de límite norte do polígono industrial El Culebro e atravesa Perales del Río.
Autovías
  • A-4, a Autovía do Sur, denominada antes como N-IV. Por Xetafe transcorren 7,25 km desta vía e atravesa o concello de norte a sur. A estrada separa os polígonos industriais Los Ángeles e San Marcos, do polígono Los Olivos e do Cerro de los Ángeles.
  • A-42, Autovía de Toledo, chamada antes N-401. Polo concello transcorren 6,13 km desta estrada e atravesa o termo municipal de norte a sur. A autovía separa aos barrios El Bercial e Sector III do centro urbano. Para evitar esta división, o concello fixo un proxecto para soterrar esta autovía ao seu paso por Xetafe.
Outras estradas
  • M-406, estrada con dúas carrís por sentido. Pasa por Alcorcón, Leganés e Xetafe. Esta vía, ao entrar en Xetafe, convértese na Rúa Leganés.
  • M-301, estrada que sae de Villaverde, pasa por Perales del Río e acaba en San Martín de la Vega.
  • Estrada do Cerro de los Ángeles a Perales del Río. É unha continuación da M-406 e comunica o centro de Xetafe con Perales del Río.

Transporte público

editar
Aeroporto
A Base Aérea de Xetafe é de uso exclusivamente militar. Aínda así, o centro urbano de Xetafe está a 26 km do Aeroporto Internacional de Barajas ao que se chega pola autoestrada M-40.
Autobús
A cidade ten oito liñas urbanas, oito liñas que conectan con Madrid, cinco que conectan cos concellos de Valdemoro, Leganés, Alcorcón, Parla, Serranillos, Casarrubuelos e Griñón, e dúas liñas nocturnas que conectan con Madrid.
  • L-1: Sector III - Ambulatorio
  • L-2: Ambulatorio - Sector III
  • L-3: El Bercial - Avda. Juan de Borbón
  • L-4: Hospital - Perales del Río
  • L-5: Avda. España - Cemiterio [2]
  • 428A: Xetafe - Área Empresarial Andalucía
  • Pi-1: Xetafe Central - Polig. Ind. Los Ángeles - Polig. Ind. Los Olivos
  • Pi-2: Xetafe Central - Polig. Ind. San Marcos - Polig. Ind. El Lomo
  • 411: Madrid (Legazpi) - Perales del Río
  • 441: Madrid (Atocha) - Xetafe (Sector III)
  • 442: Madrid (Atocha) - Xetafe (Juan de la Cierva)
  • 443: Madrid (Embajadores) - Xetafe (Barrio de las Margaritas)
   
  • 444: Madrid (Embajadores) - Xetafe (Sector III)
  • 446: Madrid (Palos de la Frontera) - Xetafe (El Bercial)
  • 447: Madrid (Legazpi) - Xetafe (Hospital)
  • 448: Madrid (Legazpi) - Xetafe (por Villaverde)
  • 428: Xetafe - Valdemoro
  • 450: Xetafe - Leganés - Alcorcón
  • 455: Xetafe - Pinto
  • 462: Xetafe - Parla
  • 468: Xetafe - Griñón - Casarrubuelos - Serranillos
  • 488: Leganés (San Nicasio) - Xetafe (Los Espartales)
  • N801: Madrid (Atocha) - Xetafe (Sector III - Pórtico de Andalucía)
  • N805: Madrid (Atocha)- Xetafe (Centro / Sector III)
Tren
Por Xetafe pasan dúas liñas de tren de Cercanías Madrid que atravesan o concello de norte a sur. Estas dúas liñas son: C-3 (estacións: El Casar e Getafe Industrial) e C-4 (estacións: Las Margaritas Universidad, Getafe Central e Getafe Sector 3). Hai un total de cinco estacións, dúas delas con intercambiador co Metro de Madrid.
Metro
Desde abril de 2003, Xetafe ten oito estacións da liña 12 da Rede de Metro de Madrid. Estas estacións son: El Bercial, Los Espartales, El Casar, Juan de la Cierva, Getafe Central, Alonso de Mendoza, Conservatorio e Arroyo Culebro. O goberno da Comunidade de Madrid ten un proxecto de ampliación da liña 3 de Metro de Madrid para facela chegar a Perales del Río pasando pola estación de El Casar.

Demografía

editar
 
Gráfico da evolución demográfia de Xetafe durante o século XX e XXI.
 
Zona peonil da rúa Madrid, unha das rúas máis comerciais e céntricas da cidade.

A poboación de Xetafe, cifrada en 156.320 habitantes en 2006 segundo o INE, está distribuída de xeito desigual nos distintos barrios que a conforman: Sector III, San Isidro, Perales del Río, Las Margaritas, La Alhóndiga, Juan de la Cierva, Xetafe Norte, El Bercial e Centro.

O barrio que máis vivendas ten é Centro, con 12.574; seguido de Juan de la Cierva, con 12.072. En tanto que Perales del Río, con 1.815 e, El Bercial, con 1.820, son os que menos; aínda que estes últimos verán incrementado o seu número considerablemente cos desenvolvementos urbanísticos programados. Os barrios máis poboados son Juan de la Cierva, Centro e Sector III, con 32.925, 32.160 e 24.217 habitantes respectivamente. No concello viven 30.000 persoas entre os 20 e os 40 anos, e 24 persoas de 100 ou máis anos (das que 21 son mulleres e 3 son homes); en termos agregados, predominan as mulleres sobre os homes, sendo estas 79.514 e os homes, 78.849.

A poboación estranxeira aumenta ano tras ano en Xetafe, e actualmente sitúase en torno ao 9% respecto ao total. Os inmigrantes que chegan á cidade proceden principalmente de Hispanoamérica, Europa do Leste e Europa Occidental. A taxa de crecemento anual constante sitúase entre 0,01 e 3,00%, a taxa de natalidade está entre o 0,01 e o 8%, a taxa de mortalidade entre o 4 e o 8‰, e o crecemento vexetativo do período que vai de 1996 ao 2002 é de entre o 5 e o 10‰. O índice de mocidade é do 13%, o índice de avellentamento do 12%, e a idade media dos habitantes é menor de 22 anos. En canto á relixión, máis do 85% dos habitantes considéranse católicos, pero só preto do 20% deles son practicantes que acoden semanalmente a un templo católico.

A poboación de Xetafe experimentou un forte crecemento ao longo da segunda metade do século XX. Durante toda a Idade Media e ata 1900, a poboación roldaba entre os 2.500 e os 6.000 habitantes. En 1950 a poboación era de 12.254, en 1970 de 69.424, en 1977 de 124.601, e en 1988 de 136.162 habitantes. Os datos demostran o forte incremento de poboación ocorrido a partir de 1960 ata a actualidade. Hoxe en día, a poboación da cidade crece de xeito continuo e moderado, a razón dunha media de 1.700 persoas por ano. Con todo, 2006 foi o primeiro ano desde o século XVII en que a poboación descendeu, concretamente 2.043 persoas respecto do ano anterior. Actualmente, Xetafe é un claro exemplo de cidade dormitorio onde preto da metade da súa poboación traballa en Madrid.

Xetafe ocupa o posto 41 na orde de cidades máis poboadas de España, detrás de Salamanca e por diante de Logroño. Na Comunidade de Madrid é a sétima cidade máis poboada, detrás de Alcorcón e por diante de Torrejón de Ardoz. Os códigos postais da cidade son: 28901 - 28902 - 28903 - 28904 - 28905 - 28909.

Evolución da poboación desde 1497 ata 2006

1497 1690 1900 1920 1950 1970 1982 1988 1992 1996 2000 2006

1.350 6.120 4.444 5.336 12.254 69.424 130.181 136.162 140.341 143.153 146.310 156.320


Economía

editar
 
Contorna natural do concello de Xetafe. Cerros de la Marañosa ao fondo.
 
Céntrico edificio cheo de comercios.

A economía de Xetafe comezou sendo principalmente agrícola: o sector primario foi o máis importante durante gran parte da súa historia. A principios do século XX apareceron no concello as primeiras fábricas, pero non foi ata a segunda metade dese século que a industria comezou a cobrar protagonismo. Na década dos 1960 esta xa era o principal sector da economía local.

Hoxe en día a economía xetafense é maiormente industrial, posto que a cidade ten cinco polígonos industriais. Logo de Madrid, Xetafe é a cidade máis industrializada da Comunidade de Madrid, e ten numerosas industrias como John Deere, Siemens ou Construcciones Aeronáuticas SA entre outras moitas. A cidade ten cinco polígonos industriais repartidos nas zonas periféricas. En canto ao tipo de actividade industrial, a industria xetafense divídese así: o 34 % é de metalurxia, o 20% de alimentación, o 14% de madeira e moble, e o 6 % de téxtil e pel; outras industrias como o papel e artes gráficas ou a construción ocupan porcentaxes menores. En canto á minería, existen unhas canteiras na zona leste do concello que se explotan intensivamente.

O sector de servizos comezou a despuntar a finais dos anos noventa coa creación de novos centros comerciais e de lecer, e as novas oficinas instaladas no centro urbano. Actualmente este sector está en constante crecemento. Os sábados á mañá hai un mercado ambulante no aparcadoiro da estación de proximidade Las Margaritas. O peso da agricultura na economía local vese xa moi reducido, aínda que a zona leste do termo municipal conserva boas extensións de cultivo de secaño e regadío. O cultivo predominante é o trigo, e existen pequenas extensións de oliveira, vide e hortas. A gandería, cada vez menos presente, aínda se conserva na proximidade do Cerro Buenavista e, sobre todo, nos pastos próximos ao río Manzanares.

A renda per cápita media dos habitantes de Xetafe é de 10.000 €, por baixo da media da Comunidade de Madrid, que é de 12.500 €. Os barrios máis "ricos" son o Sector III e Xetafe Norte con 13.000 € de media, e os máis "pobres" La Alhóndiga, Centro e San Isidro con 9.000 €. No mes de xaneiro de 2006, a taxa de desemprego era do 8,4%, e ten unha suave tendencia a baixar.

Turismo

editar
 
Vista aérea do Cerro de los Ángeles.
 
Catedral de Nuestra Señora de La Magdalena coa súa torre mudéjar.
 
Fachada do Hospitalillo de San José.
 
Escuelas Pías, un centro de educación relixiosa fundado en 1609.

O turismo está pouco desenvolvido na cidade, pese a que o patrimonio histórico de Xetafe é importante. Curiosamente, as prazas hoteleiras da cidade son numerosas e a miúdo son moi solicitadas, debido a que os turistas que visitan Madrid e o centro de España, atopan en Xetafe unha variada oferta hostaleira moi próxima á capital.

Monumentos e lugares de interese

editar

Xetafe ten unha serie de monumentos e lugares de interese que representan un fiel reflexo da súa historia. O lugar máis famoso e visitado de Xetafe é o Cerro de los Ángeles, pero hai outros lugares importantes como é a Catedral de Nosa Señora da Magdalena e o Hospitalillo de San José.

Cerro de los Ángeles
O Cerro de los Ángeles é un famoso outeiro situado na zona de polígonos industriais. A súa fama reside en que é considerado o centro xeográfico da Península Ibérica. No seu cumio está a ermida da nosa Señora de los Ángeles e o monumento ao Sagrado Corazón. O outeiro, case sempre visible desde Xetafe, elévase sobre os edificios facendo de pano de fondo.
Catedral de Nosa Señora da Magdalena
A Catedral de Xetafe é sé do bispado da zona sur da Comunidade de Madrid. A igrexa data do século XVIII, ten unha torre mudéxar e un retablo barroco. En 1958 foi declarada Monumento Histórico Artístico.
Hospitalillo de San José
Hospitalillo de San José é un antigo hospital construído, en 1529, para mellorar a precaria saúde dos habitantes de entón. Mantén un estilo moi castelán co seu patio central porticado e a súa pequena capela.
Colexio de Escuelas Pías
O Colexio de Escuelas Pías, construído en 1609, é a escola relixiosa máis importante da zona sur de Madrid. Está no centro da cidade e hoxe en día está moi solicitada. Dentro do recinto da escola hai un pequeno polideportivo e un frondoso parque.
Biblioteca Ricardo de la Vega. Antigo cárcere
a biblioteca Ricardo de la Vega, antigo cárcere construíuse en 1617. A partir de mediados do século XX converteuse en biblioteca. Ten un estilo sobrio e planta rectangular.
Igrexa dos Santos Justo y Pastor
A igrexa dos Santos Justo y Pastor data do século XVI e está en Perales del Río. No 2004 reconstruíuse debido ao lamentable estado que presentaba previamente.
Universidade Carlos III de Madrid
A Universidade Carlos III de Madrid ten o seu reitorado e tres das súas facultades en Xetafe. Algunhas destas localízanse en edificios que funcionaron como cuarteis militares, a principios do século XX.

Hostalaría

editar

O municipio ten dous hostais no centro urbano, dous moteis, un hotel e un camping na Autovía do Sur (A-4), e dous hoteis preto da Autovía de Toledo (A-42).

Os dous hoteis máis céntricos son:

  • Hotel Carlos III, 3 estrelas
  • Hostal Colón, 2 estrelas

Na Autovía do Sur (A-4) están os seguintes establecementos:

  • Camping Alpha, 2ª categoría
  • Motel Los Olivos, 3 estrelas
  • Motel Los Ángeles, 3 estrelas
  • Hostal Formule 1, 1 estrela

Preto da Autovía de Toledo (A-42) están os seguintes hoteis:

  • Hotel AC, 4 estrelas
  • Hotel Hesperia, 4 estrelas
  • Hotel Ibis, 2 estrelas

Cultura

editar
 
Praza de touros de Xetafe.

A cultura en Xetafe vese representada en institucións como a Universidade Carlos III, cuxo reitorado e tres facultades de humanidades e ciencias xurídicas atópanse en Xetafe. Esta universidade ten un coro e unha orquestra galardoados e recoñecidos en numerosas ocasións en todo o territorio español. O Conservatorio Profesional de Música de Xetafe, que foi inaugurado no 2000, resulta ser o conservatorio público de toda a zona sur da comunidade. O Teatro Auditorio Federico García Lorca, un dos máis grandes e importantes da zona sur de Madrid, foi inaugurado a finais dos 1990 e nel fanse multitude de obras de teatro e concertos. Ademais, oito centros cívicos e unha serie de bibliotecas públicas repártense polos diferentes barrios de Xetafe. Xunto á biblioteca do Sector III atópase o Centro de Poesía José Hierro, un lugar de creación e de estudo onde se poden realizar consultas, reunións e actividades formativas, cuxo obxectivo é recompilar documentos e crear un patrimonio literario. Neste centro hai un gran legado do poeta José Hierro, revistas históricas, unha fototeca e unha videoteca. En 2005 púxose en marcha un proxecto para construír o Museo da Aviación de Xetafe, que será deseñado polo prestixioso arquitecto Norman Foster.

Preto do 40% dos habitantes de Xetafe proceden de comunidades autónomas distintas á madrileña. Parte destes colectivos crearon as Casas Rexionais, lugares de encontro onde se fan actividades e actos culturais. Algunhas destas Casas Rexionais son as de Estremadura, Castela-A Mancha, Rexión de Murcia, Andalucía e Castela e León.

Tradicións

editar

As festas da nosa señora dos Anxos (Señora de los Ángeles) son 40 días despois do Domingo de resurrección, é dicir, a finais de maio. Ao principio destas festas faise unha cerimonia relixiosa na que se baixa a virxe do Cerro de los Ángeles e lévase en forma de procesión, desde o Cerro de los Ángeles á catedral de Xetafe. Durante estes días, móntase un feirón no recinto feiral, fanse numerosas actividades culturais, algúns concertos, unhas pequenas fallas, e varias touradas.

Durante os días de Nadal realízanse varias actividades culturais, como concertos especiais de Nadal, a montaxe dun gran belén murciano no patio interior do Hospitalillo de San José e a cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro. Tamén é tradición celebrar o Entroido con cabalgatas de disfraces e actos culturais. Durante a Semana Santa realízanse entre dúas e catro procesións relixiosas que saen de diversas igrexas e percorren as rúas da cidade.

Educación

editar
 
Universidade Carlos III.

A oferta educativa pública de Xetafe é de seis colexios de educación infantil (ata 5 anos), 23 colexios de ensino infantil e primaria (ata 12 anos) e trece institutos de educación secundaria. As escolas privadas non son moi numerosas, destacándose as Escuelas Pías, de educación relixiosa, e Los Aristos, que ten un club deportivo e piscina cuberta. Na cidade hai tamén varios centros de formación profesional de primeiro e segundo ciclo. Para rematar, o reitorado da Universidade Carlos III ten a súa sede en Xetafe xunto a tres das súas facultades de humanidades e ciencias xurídicas. Ao pé da universidade está a residencia de estudantes Fernando de los Ríos. A porcentaxe de persoas maiores de 16 anos con título universitario é do 14 % e a taxa de analfabetismo é do 12%.

Gastronomía

editar

A gastronomía típica de Xetafe é moi similar, por non dicir igual, á de Madrid. O clima, os produtos do campo e a historia configuraron esta variada gastronomía. Os pratos máis representativos son o cocido madrileño, os callos á madrileña, o caldo de garavanzos, a tortilla de pataca, o ollomol á madrileña, a lombarda e as rosquillas tontas y listas, entre outros. En canto aos viños, destácanse os da Comunidade de Madrid, entre os cales, os máis famosos son os de San Martín de Valdeiglesias, Arganda del Rey e Navalcarnero. Tanto nos grandes centros comerciais como nas rúas céntricas de Xetafe podemos atopar unha variada oferta de restaurantes. Un dos máis luxosos e recoñecidos é Las Moreras, situado entre a estación de tren Las Margaritas Universidad e a residencia de estudantes.

Compras e lecer

editar
 
Mesas dun restaurante do centro de Xetafe nunha noite estival.
 
Rúa Madrid, zona comercial.

Xetafe é unha cidade para as compras e o lecer; ten moitas tendas situadas no centro urbano e varios grandes centros comerciais e de lecer en zonas máis periféricas. No centro de Xetafe, a zona con máis tendas e comercios é o eixe da rúa Toledo e a Rúa Madrid, que atravesa o municipio de norte a sur. Gran parte deste bulevar é peonil, o que fai máis cómodo o ir de compras a pé. Outra zona céntrica moi comercial é a avenida de Juan de la Cierva.

Conforme nos afastamos do centro, atopamos o centro comercial Getafe 3, situado no barrio do Sector III, e conta cun Alcampo, varios restaurantes e un gran número de tendas de roupa e calzado. No barrio de Xetafe Norte, está o Bulevar, que conta cun Carrefour, varios restaurantes, sete salas de cine e tendas de roupa. O maior centro comercial e de lecer de Xetafe, é Nassica, situado na Área Tecnolóxica do Sur, ao que se chega pola M-50, a 5 km do centro urbano. O centro ten tendas de informática, de mobles, un Factory, 25 restaurantes, unha boleira, xogos recreativos, un feirón permanente e 20 salas de cine. No barrio do El Bercial está o centro comercial máis novo da cidade, que tamén se chama El Bercial. Alberga un El Corte Inglés, un Hipercor e dous cafeterías-restaurante. A zona con máis ambiente nocturno está no Barrio Centro, que é onde están a maioría de bares de tapas e discotecas da cidade.

Malia a proximidade a Madrid, o concello ten dous bos piñeirais con mesas, merendeiros, grellas, campos de fútbol e parques infantís. Estas instalacións están preparadas para pasar unha xornada en contacto coa natureza. Un deles é o Prado Acedinos, situado ao sur do casco urbano, ao que se chega pola saída 16 da autovía A-42. O outro é o Cerro de los Ángeles, ao que se chega pola autovía A-4.

Deporte

editar
 
Piscina municipal de Xetafe Norte. O Cerro de los Ángeles ao fondo.

O deporte estrela en Xetafe, así como no resto de España, é o fútbol. O equipo local de fútbol é o Getafe Club de Fútbol. O 19 de xuño do 2004 o equipo logra o ascenso á primeira división española, feito que mobilizou á localidade. Tamén son populares o baloncesto, o tenis, o ciclismo e os deportes de motor, contando cunha grande afección entre os seus cidadáns. Cada mes de xuño, nas festas locais, celébrase o día da bicicleta, xornada na que ducias de miles de xetafenses sacan as bicicletas á rúa para facer unha rota pola cidade sen fins competitivos. Outro evento deportivo importante é o medio maratón Villa de Getafe, que se celebra cada xaneiro e que conta cunha grande afluencia de atletas.

A cidade ten oito polideportivos repartidos nos distintos barrios, pero os máis grandes e importantes son os de San Isidro e Las Margaritas. Xetafe conta, ademais, con tres piscinas municipais, que son a do Sector III, a de Xetafe Norte e a de Perales del Río. Tamén se destaca o estadio de fútbol Coliseum Alfonso Pérez, cunha capacidade para 14.400 espectadores. Con motivo do ascenso á primeira división do equipo local de fútbol, construíuse unha cidade deportiva situada xunto á piscina municipal de Xetafe Norte.

Sanidade

editar
 
Lago artificial do Parque do Sector III.

Xetafe ten un bo servizo sanitario, tanto público como privado. Na cidade hai oito centros de saúde públicos repartidos nos barrios de Juan de la Cierva, Las Margaritas, La Alhóndiga, Xetafe Norte, Sector III, El Bercial e Perales del Río. O Hospital Universitario de Xetafe, inaugurado a principios dos anos 1990, é obviamente, o principal centro de saúde da poboación. Este centro hospitalario, situado xunto ao barrio da La Alhóndiga, é famoso en toda España pola súa unidade de queimados. Xunto ao Prado Acedinos, a 5 km ao sur do centro urbano, está a Apanid, unha residencia para persoas con síndrome de Down. Este centro é único en toda a zona sur da Comunidade de Madrid.

Diocese

editar
 
Localización e extensión da diocese de Xetafe.

A diocese de Xetafe é unha das máis novas de España. Foi erixida canonicamente polo papa Xoán Paulo II o día 23 de xullo de 1991, o mesmo día da creación da nova diocese de Alcalá de Henares. Ambas foron desmembradas da arquidiocese de Madrid-Alcalá, da que son dioceses sufragáneas. A creación destas dúas novas dioceses debeuse ao gran crecemento demográfico da arquidiocese de Madrid que, a principios dos anos 1990 chegaba xa aos 5 millóns de habitantes, dos cales ao redor do 90% son considerados católicos.

O territorio diocesano de Xetafe abarca toda a zona sur da Comunidade de Madrid, ocupando unha extensión de 2.295 km², cunha poboación de 1.122.601 habitantes, distribuídos en 115 parroquias. A Catedral de Xetafe é a igrexa da Magdalena, que fose consagrada catedral o 23 de xullo de 1995. A patroa da diocese é Nosa Señora dos Anxos, cuxa devoción está unida, segundo di a tradición, ao santuario no Cerro de los Ángeles, xunto ao camiño que se dirixe desde Madrid ao sur da península. A diocese conta cun Seminario Diocesano, denominado "Nosa Señora dos Apóstolos", que está situado no Cerro de los Ángeles, sobre a autovía do Sur, no quilómetro 13.

O primeiro bispo de Xetafe foi monseñor Francisco-José Pérez e Fernández Golfín, quen foi nomeado no seu cargo o 23 de xullo de 1991 e faleceu o 24 de febreiro de 2004. O actual bispo é monseñor Joaquín María López de Andújar y Cánovas del Castillo, nomeado no cargo o 29 de outubro de 2004, e como bispo auxiliar, desde o 13 de decembro de 2005, oficia monseñor Rafael Zornoza Boy.

Cidades irmandadas

editar

A cidade de Xetafe participa activamente na iniciativa de irmandamento de cidades promovida, entre outras institucións, pola Unión Europea.

Vistas panorámicas

editar
 
Os barrios centrais de Xetafe co Cerro de los Ángeles como pano de fondo. De esquerda a dereita, vese a torre do concello (unha torre branca), a catedral de Xetafe e vivendas unifamiliares do Sector III. Fotografía tomada desde o Cerro Buenavista.
 
O Sector III visto desde o Cerro Buenavista. En primeiro plano aprézanse os xulgados, o edificio de Correos e o colexio privado Aristos.
  1. Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Língüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). p. 132. ISBN 84-9749-199-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de setembro de 2015. Consultado o 29 de novembro de 2014. 
  2. Autobuses urbanos de Xetafe[Ligazón morta]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Acción Getafense (2002). Getafe-Jetafe: historia de un hermanamiento. Getafe: Colectivo Histórico, Artístico, Cultural y Deportivo (Acción Getafense). ISBN 84-404-8526-3
  • Antolínez Merchán, María del Pilar; Ballesteros Romero, Emilio; Jiménez Gómez, María Montserrat (2001). Getafe: una visión general de su tejido económico. Getafe: Organismo Autónomo Fundación Pública Local Getafe Formación y Empleo. ISBN 84-920628-0-0
  • Coplaco (2005). Getafe. "Colección Documentos para difusión y debate". Madrid (Comunidad Autónoma): Consejería de Política Territorial. ISBN 84-85584-45-7
  • Corella Suárez, Pilar Sabela (2005). Arquitectura religiosa de los siglos XVII y XVIII en la Provincia de Madrid: estudio y documentación del partido judicial de Getafe. "Colección Biblioteca de estudios madrileños, 24". Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 84-00-04483-5
  • Fariña Jamardo, José (2001). El Getafe del siglo XVIII. Xetafe: Concello de Xetafe. ISBN 84-500-5102-9
  • Fidalgo García, Pablo & Martín Espinosa, Agustín (2005). Atlas Estadístico de la Comunidad de Madrid 2005. Instituto de Estadística de la Comunidad de Madrid. ISBN 84-451-2786-1
  • Las condiciones de vida de la población pobre de Getafe. (2001). Madrid: Fundación Fomento de Estudios Sociales y de Sociología Aplicada. ISBN 84-89397-23-6
  • Pingaron Santofimia, Pedro (2004). Estudio histórico de Getafe. Xetafe: Concello de Xetafe. ISBN 84-505-2888-7
  • Sánchez González, Martín (1989). De Alarnes a Getafe. Xetafe: Concello de Xetafe. ISBN 505-8587-2

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar