Portal:Pobos indíxenas de América/Lugar de interese/Arquivo

Aquí están todos os lugares de interese destacados no portal Pobos indíxenas de América:

1 editar

Chichén Itzá é unha cidade arqueolóxica maia localizada no estado mexicano do Iucatán, en México. O nome Chichén-Itzá ten raíz maia e significa "na beira do pozo do pobo Itza". Vestixio importante da civilización maia, as edificacións principais corresponden co período clásico serodio ou posclásico temperán (800-1100 dC.).

A arquitectura monumental que chegou até os nosos días, que é emblemática do xacemento, ten unha clara influencia tolteca. O deus que preside o sitio, segundo a mitoloxía maia, é Kukulcán, representación maia de Quetzalcóatl, deus tomado do panteón da cultura tolteca.

Chichén Itzá foi unha cidade ou un centro cerimonial, que pasou por diversas épocas construtivas e influencias dos distintos pobos que a ocuparon e que a fixeron medrar dende a súa fundación.

A zona arqueolóxica de Chichén Itzá foi inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1988. O 7 de xullo de 2007, o Templo de Kukulcán, en Chichén Itzá, foi recoñecido como unha das novas sete marabillas do mundo, por unha iniciativa privada sen o apoio da Unesco, pero co recoñecemento de millóns de votantes arredor do mundo.


2 editar

A Reserva india de Standing Rock é unha reserva do pobo lakota localizada en Dacota do Sur e Dacota do Norte, nos Estados Unidos de América. É a sexta meirande reserva india dos Estados Unidos, e inclúe todo o condado de condado de Sioux e o de Corson, e algunhas partes do norte do condado de Dewey e Ziebach en Carolina do Sur.

A área da reserva abrangue 9251,2 km2 e ten unha poboación de 8 217 segundo o censo de 2010. As maiores comunidades da reserva son Fort Yates, Cannon Ball e McLaughlin.


3 editar

O Templo do Sol de Sogamoso era un templo construído polos muiscas como sitio de adoración para o seu deus do Sol, Sué. O templo foi construído en Sogamoso, Colombia, daquela parte da Confederación muisca e chamada Sugamuxi. Era o templo máis importante da relixión muisca. O templo foi destruído polo lume dos conquistadores españois liderados por Gonzalo Jiménez de Quesada, que devecía por atopar o lendario El Dorado. Unha reconstrución moderna foi erixida no Museo Arqueolóxico de Sogamoso.

O Templo do Sol foi construído na marxe dereita do pequeno río Monquirá. O templo era unha grande estrutura redonda feita de feita de postes e arxila cun teito feito de cana. O templo non tiña ningunha fiestra. As columnas que arrodeaban o templo en tres aneis concéntricos estaban feitas de madeira de Casanare. O templo representaba o cosmos e foi construído na honra do deus do Sol, Sué. O templo tamén era un lugar de enterramentos para os máis importantes caciques e sacerdotes (en muisca: ogques).

Os muiscas tiñan coñecementos de astronomía e o templo foi construído de acordo coas posicións do Sol. Tamén construíron deste xeito outros lugares ó longo dos seus territorios, como El Infiernito, preto de Villa de Leyva, ou o Templo da Lúa de Chía.

No templo, os rituais eran organizados polos caciques e os zaques da Confederación muisca, que vestían roupas de cor vermella. O cacique mitolóxico Idacansás realizaba reunións onde os nenos (moxas) eran sacrificados. Eles converteron a cidade de Sugamuxi nun lugar sagrado. O tamén mítico Thomagata viaxaba cada noite dende Hunza ó templo, unha marcha que repetía dez veces cada noite.


4 editar

O Imperio Azteca ou a Tripla Alianza (en náhuatl: Ēxcān Tlahtōlōyān), comezou como unha alianza de tres "altepetl", ou cidades-estado aztecas: Tenochtitlán, Texcoco e Tlacopán. Estas tres cidades-estado gobernaron a área arredor do Val de México dende 1428 até que en 1521 foron derrotadas polas forzas dos conquistadores españois e os seus aliados nativos baixo o mando de Hernán Cortés.

A Tripla Alianza formouse na facción vitoriosa dunha guerra civil entre a cidade de Azcapotzalco e as súas antigas provincias tributarias. Malia que o imperio comezou nun principio como unha alianza por tres cidades autogobernadas, Tenochtitlán axiña se converteu na dominante militarmente. Na época da chegada dos españois, en 1519, as terras da Alianza estaban gobernadas por Tenochtitlán, mentres que os seus aliados tiñan papeis subsidiarios.

A alianza comezou guerras e expandiuse rapidamente despois da súa formación. No seu estado máximo de expansión, a alianza controlou a maioría do centro de México así como territorios máis distantes dentro de Mesoamérica, como a provincia de Xoconochco, un exclave azteca preto da actual fronteira con Guatemala. O goberno azteca foi descrito polos estudosos como "hexemónico" ou "indirecto". Os aztecas deixaron no poder ós gobernantes das cidades conquistadas sempre que aceptasen dun tributo semi-anual á Alianza, así como apoio militar na guerra. En compensación, a autoridade imperial ofreceu protección e estabilidade política, e facilitou a integración económica de diversos pobos e territorios cunha significativa autonomía local.

A relixión do imperio era o politeísmo azteca, adorando a diversos panteóns que incluían a ducias de deidades. Moitos cultos conseguiron un recoñecemento oficial importante abondo como para estar representado no recinto do templo central da capital. O culto imperial era o de Huitzilopochtli, o distintivo deus guerreiro dos mexicas. Os pobos das provincias conquistadas tiñan permitido manter e continuar coas súas propias tradicións relixiosas, sempre que engadisen ó deus imperial Huitzilopochtli nos seus panteóns locais.


5 editar

Machu Picchu (do quechua sureño Machu Pikchu, "montaña vella") é o nome contemporáneo que se lle dá a unha llaqta (antigo poboado andino inca) de pedra construída principalmente a mediados do século XV no promontorio rochoso que une as montañas Machu Picchu e Huayna Picchu na vertente oriental dos Andes Centrais, no sur do Perú e a 2430 msnm, altitude da súa praza principal. O seu nome orixinal sería Picchu ou Picho.

Segundo documentos de mediados do século XVI Machu Picchu sería unha das residencias de descanso de Pachacuti (primeiro emperador inca, 1438-1470). Así a todo, algunhas das súas mellores construcións e o evidente carácter cerimonial da principal vía de acceso á llaqta demostrarían que esta foi usada como santuario relixioso. Ámbolos usos, o de palacio e o de santuario, non serían incompatibles. Algúns expertos parecen descartar, emporiso, un suposto carácter militar, polo que os populares cualificativos de "fortaleza" ou "cidadela" poderían ser superados.

Machu Picchu está considerada tamén coma unha obra mestra da arquitectura e a enxeñaría. As súas peculiares características arquitectónicas e paisaxísticas e o veo de misterio que teceu arredor seu gran parte da literatura publicada sobre o sitio, convertérono nun dos destinos turísticos máis populares do Planeta.

Machu Picchu foi declarado Santuario Histórico Peruano en 1981 e está na lista do Patrimonio da humanidade da UNESCO dende 1983, como parte de todo o conxunto cultural e ecolóxico coñecido coa denominación Santuario Histórico de Machu Picchu.

O 7 de xullo de 2007 Machu Picchu foi declarada unha das Novas sete marabillas do mundo nunha cerimonia realizada en Lisboa, (Portugal), que contou coa participación de máis de cen millóns de votantes no mundo enteiro a traves dun concurso realizado en internet.


6 editar

As liñas de Nazca, como son máis coñecidas, atópanse nas Pampas de Jumana, no deserto de Nazca, entre as poboacións de Nazca e Palpa no Perú. Foron trazadas pola cultura Nazca. Están compostas por varios centos de figuras que abranguen deseños tan sinxelos como liñas ata complexas figuras zoomorfas, fitomorfas e xeométricas que aparecen debuxadas na superficie.

O abraiante é que estas liñas soamente poden ser observadas na súa integridade dende o ar, ao sobrevoar o deserto, o cal espertou grandes cuestións sobre as intencións e habilidades dos seus construtores.

Considérase que estes xeróglifos foron realizados polos poboadores da cultura Nazca que habitaron esta rexión, entre o 200 a. C. e o 700. Debido á superposición de motivos, crese probable que se realizaron en dúas etapas, primeiro as figuras, e logo as liñas. Con todo, debido ás características do chan é moi difícil poder datar con certa seguridade o período no que foron construídas, especialmente polas dificultades para aplicar o sistema de datación por Carbono 14, que non deu resultados concluíntes. Deste xeito, os científicos deberon valerse doutros métodos, como a comparación das figuras dos xeoglifos cos motivos atopados na olería da cultura Nazca.

Dende 1994 a Comité da UNESCO inscribiu as liñas e xeoglifos de Nazca e de Pampas de Jumana como Patrimonio da Humanidade.


7 editar

Nunavut (en inuktitut: ᓄᓇᕗᑦ, A nosa terra), é o maior e máis recente dos Territorios Autónomos do Canadá, situado ao Nordeste do país, entre Groenlandia ao Leste, Manitoba ao Sur, e os Territorios do Noroeste ao Oeste, territorio do que se saíron o 1 de abril de 1999, de acordo cos lindeiros fixados previamente en 1993. As devanditas fronteiras recoñecían a soberanía de Nunavut sobre case todas as illas árticas do Canadá (Ellesmere, Baffin, Devon, Southampton e a metade oriental de illa Victoria e a de Melville), así como sobre a zona costeira central do Canadá sobre o Océano Ártico e todas as illas da Baía de Hudson.

Desde 1996, ano en que se produciron disturbios entre o exército canadense e varios pobos inuit (tamén chamados esquimós), como os oka, ipperwash e nativos de Gusafsen Lake, empezábase a advertir a arela destes pobos inuit por lograr unha maior autonomía para o territorio. Tras a recomendación que facía un informe da Comisión Real do Canadá sobre a conveniencia de conceder maior autonomía aos pobos aborixes do Canadá, esta chegou de forma efectiva a mediados de 1999.

O territorio posúe unha superficie de 2.093.190 km², da cal o 7,5% corresponde a augas interiores. A súa poboación é duns 29.300 habitantes, repartidos en case unha trintena de aldeas ou poboacións menores. Unha delas é Iqaluit, a capital, situada na illa de Baffin, anteriormente denominada Frobisher Bay.


8 editar

O Sendeiro das bágoas (en inglés: Trail of Tears, e en cherokee: ᎨᏥᎧᎲᏓ ᎠᏁᎬᎢ) é o nome co que se coñece a unha serie de traslados masivos forzados das nacións nativas americanas nos Estados Unidos de América segundo a Lei de Traslado Forzoso dos Indios de 1830 (Indian Removal Act). Entre os trasladados cóntanse ás nacións de cherokee, muskogee, seminole, chickasaw e choctaw, os cales escolleron non ser asimilados pola sociedade estadounidense. Por mor disto, foron trasladados dende as súas terras ancestrais do sueste do país a unha área ó oeste do río Mississippi que foi designada como territorio indio. Os nativos americanos que elixiron ficar e seren asimilados recibiron a cidadanía estadounidense. A expresión "Sendeiro das bágoas" orixinouse a partir dunha representación da desaparición da nación choctaw en 1831.

Moitos nativos americanos sufriron enfermidades e fame mentres viaxaban pola ruta cara os seus destinos, e cálculase a morte de entre 2.000 e 6.000 cherokees dos 16.543 que foron desprazados.


9 editar

O arquipélago Haida Gwaii, antigamente Illas da Raíña Carlota, (en lingua haida: Haida Gwaii (que significa «illas dos homes») e en inglés: Queen Charlotte Islands) son un arquipélago á praza da Columbia Británica. Hai dúas illas principais, separadas por un estreito canal: a illa Graham a norte ea illa Moresby a sur, ademais de preto de 150 pequenas illas para unha área total de 10 180 km ². O arquipélago está separado do continente a este polo estreito de Hécate. A illa Vancouver está a sur, separada pola canle denominado Queen Charlotte Sound, e as illas costeiras do sur de Alasca ao norte, separadas pola entrada Dixon (Dixon Entrance).

Unha parte das illas onde habita o pobo haida está protexida por leis federais do Canadá e a lei define Haida como reserva nacional. Nas illas hai unha importante fauna.


10 editar

Os Camiños do Inca (en quechua, Qhapaq Ñan, que quere dicir: camiño do rei ou do poderoso ou camiño do Inca) foi un sistema de camiños de enormes distancias na civilización incaica que vinculaba as cidades importantes da costa e da serra. Estruturouse con base en dous eixos lonxitudinais: do sector da cordilleira e do chairo costeiro. Este sistema dos incas non foi senón un bimilenario legado preincaico, potenciado durante o Imperio Inca, tanto para a totalidade desa organización de rutas, que superaban os 30 000 quilómetros, como para o camiño principal (de aproximadamente 5200 km de lonxitude). Todos estes camiños atopábanse conectados a Cuzco, a capital do Tahuantinsuyo ou Imperio incaico, e facilitaban a súa comunicación cos distintos pobos anexados no marco do proceso expansivo inca e, ó mesmo tempo, constituían un efectivo medio de integración político–administrativa, socioeconómica e cultural. Dado que o Qhapaq Ñan interconectaba localidades tan distantes como Quito, Cuzco e Tucumán, os conquistadores españois empregárono durante o século XVI para invadir o Perú, Bolivia, Chile e as pampas da cordilleira arxentina.

O famoso «Camiño do Inca», que une a cidade de Cuzco co sitio arqueolóxico de Machu Picchu, é só unha parte mínima e intrarrexional da xigantesca rede de camiños incas.