Os choctaw son unha tribo amerindia de lingua muskogee (grupo hoka siouan), cuxo nome pode significar "descendentes de Chacta", un personaxe mitolóxico, termo quizais derivado do español chato. Dividíanse en catro distritos:

  • Okla Falaya ("o pobo longo"), ao Noroeste.
  • Okla Tannap ou Ahepat Okla ("pobo ao lado oposto") ao Noroeste.
  • Okla Hannali ("pobo das seis vilas") ao Sur.
  • Okla Chito ("gran pobo").
Pobo choctaw
Retratos de Choctaw
Poboación
Poboación total:
c  214 000
Rexións principais:
Oklahoma200 000 (2020)[1]
Mississippi Band11 000 (2020)[2]
MOWA Band3 600 (2007)[3]
Jena Band284 (2011)[4]
Aspectos culturais
LinguaLingua choctaw
RelixiónProtestantismo, catolicismo, crenzas tradicionais
Grupos
relacionados
Chicksaw, muskogee, e despois seminole
Mapa do Territorio Indio e do Territorio de Oklahoma arredor de 1890, onde figura o territorio choctaw

Localización xeográfica editar

Vivían nas beiras do río Yazoo (Mississippi inferior) e ao oeste dos ríos Alabama e Tombigbee (centro e sur de Mississippi), nunha área de 63.000 millas cadradas. Actualmente, un grupo vive en sete reservas no estado de Mississippi (Redwater, Standing Pine, Pearl River, Tucker, Bogue Chito, Conehatta e Bogue Homa) cun total de 21.000 acres, algúns en Luisiana, e o resto en Oklahoma. Actualmente están repartidos en tres reservas:

  • Jena band of choctaw, en Luisiana, con 109 habitantes (188 apuntados ao rol tribal) en 1995.
  • Mississippi choctaw, en Mississippi, con 7.419 habitantes (11.240 apuntados ao rol tribal) en 1995.
  • Choctaw nation, Talihina Agency, en Oklahoma, con 59.832 habitantes (97.550 apuntados no rol tribal).

Demografía editar

Calcúlase que en 1650 eran uns 15.000 individuos. Cara a 1780 eran uns 20.000 individuos en 60 ou 70 poboacións. En 1872 eran 16.000, en 1885 uns 12.816, e en 1890 uns 10.017, e cara a 1900 censaron 25.000, dos cales 18.981 vivían en Oklahoma, 1.639 en Mississippi e 5.449 eran negros. Desde entón, o seu número foi obxecto de especulación: en 1930 eran 18.000 en Oklahoma, Mississippi e Luisiana, pero a Enciclopedia Británica contabiliza 17.500 en Oklahoma e 3.119 en Mississippi en 1960, e 11.000 en 1970 a Enciclopedia Americana. Cara a 1990 había un total de 45.000 choctaws, dos cales 8.100 vivían en Mississippi, 27.500 en Oklahoma e 11.200 en California, Luisiana e outros estados. A súa lingua, con todo, era falada por uns 12.000 individuos en 1980. Segundo o censo de 2000 eran 158.774 divididos nos seguintes grupos:

Fracción Dunha tribo Dúas tribos Unha tribo máis
outras razas
Dúas tribos máis
outras razas
Total
Choctaw 66.287 9.381 46.303 11.677 133.648
Clifton Choctaw 76 - 22 - 103
Jena Band 84 2 22 - 108
Mississippi Band 7.626 82 851 24 8.583
Mowa Band 1.572 11 206 7 1.796
Oklahoma 11.690 108 2.713 49 14.560
Total 87.349 9.552 50.123 11.750 158.774

Costumes editar

Non tiñan fama de ser tan guerreiros como os seus veciños muskogee e chickasaw, e practicaban a agricultura do millo, cabazas, chícharos, melóns, feixóns, batatas, xirasois e tabaco, levada a cabo tanto por mulleres como por homes. Aclaraban a terra e queimaban as herbas. Empregaban bastóns de óso de bisonte para remover a terra e plantar a semente, e para cavar os homes empregaban un utensilio feito coa paletiña do bisonte, e unha cuncha ou unha pedra tallada unida a un bastón. Coa colleita facían celeiros e ocultábana en cabanas especiais.

O seu armamento consistía en arcos e frechas e unha longa xavelina de cana baleira, e cando chegaron os brancos obtiveron cabalos. A pesca era comunal, con redes, arco e frechas ou ben drogando a auga.

Vivían en casas de teito de palla feitas con troncos ou cortiza e cubertas de barro. Cazaban cervos e osos, aplanaban a cabeza dos recentemente nados e celebraban o busk ou cerimonia do millo verde, como as outras tribos muskogee. Dividíanse en dúas irmandades, kushapokla ("pobo dividido") dividida nos grupos kushiksa ("cana"), lawokla, lulakiksa e linoklusha, e watakihulata ("pobo amado"), dividida en chufaniksa ("xente amada"), iskulani ("pobo pequeno"), chito ("pobo grande") e shakchukla ("pobo do cangrexo").

Agrupábanse en poboados, o principal dos cales era Nanih Waiya, creado ao redor do ano 500 como centro espiritual. A sociedade tiña dúas divisións, de paz e de guerra: vermello e negro, como os cherokee e os creek. Cada división tiña roles propios en ritos funerarios da división oposta: os corpos eran envolvidos en peles e deixados ao aire libre, ás veces nunha plataforma feita para a ocasión. Tiñan un corpo especial de sacerdotes que se encargaba de limpar os ósos e deixalos sen carne. Os ósos limpos gardábanse nunha oseira, sobre o cal había un catafalco con escenas de caza, coroas e imaxes gravadas para asistir aos espíritos. Cando xa estaba cheo de ósos, realizábase unha festa para os mortos e os ósos eran enterrados nun túmulo cónico de terra. Tamén tiñan alikchi ou bruxos, e crían nos shilup (pantasmas). Entre 1825 e 1830 Gideon Lincecum recolleu as súas tradicións de boca do ancián Ghanta Imataha.

Tamén xogaban ao ishtaboli, chamado lacrosse polos franceses e chunckey polos ingleses, xogo de pelota similar ao hoquei cunha pelota de pel e raquetas chamadas kapucha, ou ben cun disco redondo.

Historia editar

 
Eagle Dance, 1835-37, Smithsonian American Art Museum

Foron descubertos por Hernando de Soto en 1540, quen lles chamou chaetas. O xefe dos Tuscaloosa recibiuno na vila de Mabila (quizais a Mobile actual), onde os españois mataron 1.500 indios. Xa entón eran inimigos dos chickasaw, e culturalmente relacionábanse coas outras tribos da cultura do Mississippi.

En 1673 visitáronos os franceses Jacques Marquette e Louis Jolliet, que foron ben recibidos. Así, en 1699 construíron o Fort Maurepas, do mesmo xeito que as vilas de Mobile (1702) e Fort Rosalie en 1716.

Cara ao século XVIII eran exportadores de millo, e aliáronse cos franceses; pero o seu caudillo Red Shoes alzouse contra os franceses en 1746 polo tratado do comercio de peles, axudado polo gobernador de Carolina do Sur. O conflito acabaría coa execución do caudillo e unha guerra civil choctaw, tras a cal volverían aliarse con Francia.

Por esta razón, tras a derrota francesa na guerra de 1756-1760, houberon de cederlles territorio aos británicos. Isto obrigaríaos cara a 1780 a moverse cara ao Oeste, onde chocaron coas tribos caddo. Entón vivían en 60 ou 70 poboados nas ribeiras dos ríos Pearl, Pascagoula e Chickasawhay. O 3 de xaneiro de 1786 asinaron cos colonos dos Estados Unidos o Tratado de Hopewell, polo cal declarábanlles "paz perpetua", tratado que foi renovado en 1792. Por este motivo, non axudaron aos ingleses na guerra de 1812.

Isto non os salvou, emporiso, dos diferentes tratados que os obrigaban a ceder terra aos Estados Unidos. En 1801, polo de Fort Adams, o cantón do Mississippi; en 1803, polo de Hoe Buckintopae, cedéronlles toda Alabama (853.760 acres); en 1805, polo de Mound Dexter, 4 142 720 acres máis entre o sur de Alabama e Mississippi; en 1816, polo de Fort Saint Stephens, a parte externa do río Tombigbee (Alabama), que supuña uns 3 millóns de acres; e en 1820, polo de Doak's Strand, 5 169 788 acres máis.

En 1819 Cyrus Kingsbury fundou Elliot, primeira escola choctaw.

Durante a Guerra Creek de 1811-1814 axudaron como mercenarios ao presidente Jackson, quen desde 1820, cando os obrigou mediante subornos e ameazas a ceder cinco millóns de acres do centro de Mississippi ao goberno, fixo todo o posible por arrebatarlles a terra e facelos marchar. Polo tratado do 20 de xaneiro de 1825, asinado polo xefe Mushulatubbee, cederon 2 millóns de acres a cambio de que non lles distribuísen as terras. Pero polo novo tratado de Dancing Rabbit Creek de 1835, asinado polos xefes Mushulatubbe, Greenwood La Flore (de Okla Falaya), Nitakiche e Killihota con 172 xefes máis e 6.000 indios, a pesar de adoptar un sistema constitucional, a pesar de posuír prósperas granxas e rabaños e ter un bo sistema docente, foron obrigados a ceder as terras a cambio dunha axuda económica para pagar o traslado e ir cara a Oklahoma, coas outras tribos civilizadas. En 1848 traduciron a Biblia ao choctaw, e a maioría fíxose baptista.

En 1831 uns 14.000 choctaw cruzaron o Mississippi en transbordadores, pero o caos na distribución dos alimentos provocou que uns 2.500 morresen no traslado por fame e cólera. E ademais non lles pagaron a indemnización que lles prometeron. En Oklahoma levantarían de novo escolas, igrexas e tribunais, e ata crearían unha milicia.

 
Nenas Choctaw en 1868. Smithsonian Institution

En 1837 pactaron o Tratado de Doaksville cos chickasaw, polo cal asinaban a paz. Peter Pitchlynn (1806-1881), mestizo coñecido como Ha-Tchoctucknee (Tartaruga Mordedora) foi un dos inspiradores do tratado de Dancing Rabbit Creek e da Federación das cinco tribos civilizadas en 1859. Foi unionista e xefe da tribo de 1864 a 1866. Uns 69 xefes de familia (en realidade 7000 indios), con todo, decidiron quedar e someterse ás leis estatais. Así mesmo, 5720 máis foron a Oklahoma entre 1845 e 1854. En 1860 estableceron unha constitución e un consello de representantes, e durante a guerra de secesión deron apoio ao Sur, a pesar de que o xefe Pitchlynn deuno ao Norte. O mesmo inspiraría o novo tratado de 1866. Dividiron o territorio en tres distritos:

    • Pushmataha, ao Oeste do río Kiamichi, para o xefe Nikatichi.
    • Apukshunaubee, ao Leste do río Kiamichi, para o xefe La Flore.
    • Moshulatubee, entre os ríos Arkansas e Canadian, para o xefe Moshulatubee.

En 1890 adoptarían todos o baptismo como relixión, e en 1984 aplicaríanlles o Allotment act, a pesar da oposición do seu xefe Green McCurtain. En 1906 foi disolto o goberno tribal, aínda que continuaron manténdoo de xeito limitado. En 1907 a reserva choctaw foi parcelada en propiedades individuais, e o resto vendido a brancos, pero en 1960 aínda uns 17.500 vivían en terras tribais, nunha especie de reserva informal.

En 1908-1916 descubriuse que uns mil vivían aínda en Mississippi e iniciouse unha investigación do Congreso estadounidense, de maneira que en 1944 devolvéronlles 16.000 acres e recoñecéronos como tribo con tal de que se atopasen baixo tutela da Bureau of Indian Affairs.

Un choctaw membro do AIM, Dave Hill, participaría nos feitos de Wounded Knee de 1973. Harry Belvin, xefe dos choctaw de 1945 a 1978, en 1975 adoptou unha constitución máis actual. Doutra banda, Philip Martin, xefe dos choctaw de Mississippi desde 1979, conseguiu máis recoñecemento federal para a súa tribo.

Gobernantes choctaw de Mississippi editar

  • Xefes de Okla Tannip
    • 180? - 1809 Homastubbee (m. 1809)
    • 1809 - 1826 Moshulatubbee (primeira vez) (1778-1838)
    • 1826 - 1830 David Folsom (1791-1847)
    • 1830 - 1834 Moshulatubbee (segunda vez)
  • Xefes de Okla Falaya
    • 180? - 1824 Apukshunnubbee (m.1824)
    • 1824 - 1826 Robert Cole
    • 1826 - 1834 Greenwood LeFlore (1800-1865)
 
Xefe Choctaw/Xeneral americano Pushmataha, 1824
  • Xefes de Okla Hannali
    • 180? - 1824 Pushmataha (1764-1824)
    • 1824 - 1826 Humming Bird (m.1828)
    • 1826 - 1830 John "Sam" Garland
    • 1830 - 1834 Nitakechi (1792-1846)
  • Voceiros
    • 1945 - 1949 Joe Chitto
    • 1949 - 1959 Emmett York (1ª vez)
    • 1959 - 1967 Phillip Martin (1926)
    • 1967 - 1975 Emmett York (2ª vez)
  • Xefes
    • 1975 - 1979 Calvin Issac
    • 1979 - 2007 Phillip Martin (s.a.)
    • 2007 - Beasley Denson

Xefes da Nación Choctaw de Oklahoma editar

  • Xefes de Moshulatubbee
    • 1834 - 1836 Moshulatubbee
    • 1836 - 1838 Joseph Kincaid
    • 1838 - 1842 John McKinley
    • 1842 - 1846 Nathaniel Folsom
    • 1846 - 1850 Peter Folsom
    • 1850 - 1854 Cornelius McCurtain
    • 1854 - 1857 David McCoy
  • Xefe do Oklafalaya
    • 1834 - 1838 Thomas LeFlore
  • Xefes de Apukshunnubbee
    • 1838 - 1842 James Fletcher
    • 1842 - 1850 Thomas LeFlore
    • 1850 - 1857 George Washington Harkins
  • Xefes de Pushmataha
    • 1834 - 1838 Nitukechi (1ª vez)
    • 1838 - 1841 Pierre Jusan
    • 1841 - 1846 Isaac Folsom
    • 1846 Nitukechi (2ª vez)
    • 1846 - 1850 Silas D. Fisher
    • 1850 - 1854 George Folsom
    • 1854 - 1857 David McCoy
  • Gobernadores
    • 1857 - 1858 Alfred Wade
    • 1857 - 1859 Tandy Walker
    • 1859 - 1 Out 1860 Basil LeFlore
  • Presidentes da Nación Choctaw
    • 1 Out 1860 - 6 Out 1862 George Hudson (1808-1865)
    • 6 Out 1862 - 3 Out 1864 Samuel Garland (1803-1870)
    • 3 Out 1864 - 1 Out 1866 Peter Perkins Pitchlynn (1806-1881)
    • 1 Out 1866 - 3 Out 1870 Allen Wright
    • 3 Out 1870 - 5 Out 1874 William J. Bryant
    • 5 Out 1874 - 7 Out 1878 Coleman Cole (m. 1886)
    • 7 Out 1878 - 1880 Isaac Levi Garvin (1831-1880)
    • 1880 - 6 Out 1884 Jackson Frazier McCurtain (1830-1885)
    • 6 Out 1884 - 3 Out 1886 Edmund McCurtain (m. 1890)
    • 3 Out 1886 - 1 Out 1888 Thompson McKinney (m. 1889)
    • 1 Out 1888 - 6 Out 1890 Benjamin Franklin Smallwood (1829-1891)
    • 6 Out 1890 - 1 Out 1894 Wilson Nathaniel Jones (1831-1901)
    • 1 Out 1894 - 5 Out 1896 Jefferson Gardner (1847-1906)
    • 5 Out 1896 - 1 Out 1900 Green McCurtain (1910)
    • 1 Out 1900 - 6 Out 1902 Gilbert Wesley Dukes (1849-1916)
    • 6 Out 1902 - 1910 Green McCurtain
    • 1910 - 1918 Victor Locke, Jr. (1876-1929)
    • 1918 - 1922 William Finley Sample (1883-1969)
    • 1922 - 1929 William Henry Harrison (1876-1929)
    • 1930 - 1936 Ben H. Dwight (1890-1953)
    • 1937 - 1948 William H. Durrant (1866-1948)
    • 1948 - 1975 Harry J.W. Belvin (m. 1975)
    • 1975 - 1978 C. David Gardner
    • 1978 - 1997 Hollis E. Roberts
    • 9 Jun 1997 Gregory E. Pyle

Notas e referencias editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Bushnell, David I. Smithsonian Institution Bureau of American Ethnology Bulletin 48: The Choctaw of Bayou Lacomb, St. Tammany Parish, Louisiana. Washington, D.C.: Government Printing Office, 1909.
  • Byington, Cyrus. Smithsonian Institution Bureau of American Ethnology Bulletin 46: A Dictionary of the Choctaw Language. Washington, D.C.: Government Printing Office, 1915.
  • Carson, James Taylor. Searching for the Bright Path: The Mississippi Choctaws from Prehistory to Removal. Lincoln: University of Nebraska Press, 1999.
  • Galloway, Patricia. Choctaw Genesis 1500-1700. Lincoln e Londres: University of Nebraska Press, 1995.
  • Haag, Marcia e Henry Willis. Choctaw Language & Culture: Chahta Anumpa. Norman, Okla: University of Oklahoma Press, 2001.
  • Mould, Tom. Choctaw Tales. Jackson, Miss: University Press of Mississippi, 2004.
  • O'Brien, Greg. Choctaws in a Revolutionary Age, 1750-1830. Lincoln: University of Nebraska Press, 2002.
  • Pesantubbee, Michelene E. Choctaw Women in a Chaotic World: The Clash of Cultures in the Colonial Southeast. Albuquerque, NM: University of New Mexico, 2005.
  • Swanton, John R. Source Material for the Social and Ceremonial Life of the Choctaw Indians. Tuscaloosa e Londres: The University of Alabama Press, 2001.
  • Tingle, Tim. Walking the Choctaw Road. El Paso, Tex: Cinco Puntos Press, 2003.

Ligazóns externas editar