Historia antiga de Exipto

Véxase tamén: Antigo Exipto.

A historia antiga de Exipto abrangue a historia de Exipto durante a Idade Media. Iníciase a finais do IV milenio a.C. e remata cando Exipto é conquistado por Alexandre o Grande, momento no que perde definitivamente a independencia.

Historia antiga de Exipto

Pirámides de Giza.
Historia Historia de Exipto
Cronoloxía Cronoloxía de Exipto
Categoría Historia de Exipto
Prehistoria
Prehistoria de Exipto
Idade Antiga
Historia antiga de Exipto
Período predinástico
Período tinita
Imperio Antigo de Exipto
Primeiro Período Intermedio
Imperio Medio de Exipto
Segundo Período Intermedio
Imperio Novo de Exipto
Terceiro Período Intermedio
A Baixa Época
Período grecorromano
Idade Media
Historia medieval de Exipto
Idade Moderna
Historia moderna de Exipto
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Exipto

Os tres milenios que durou esta civilización divídense tradicionalmente de acordo coas dinastías reinantes. As datas son discutidas e pode haber diferenzas de tres séculos. As dinastías agrúpanse en "períodos", se ben existen diferenzas entre os estudosos á hora de asignar algunha dinastía a un período ou a outro.

Período predinástico (4500-3150)

editar
Artigo principal: Período predinástico.

A vida en Exipto estivo confinada sempre á estreita faixa ribeireña. As crecidas do Nilo inícianse regularmente a mediados de xullo, inundan todo o val e proporcionan humidade; o seu descenso gradual, a partir de novembro, deixa tras de si unha camada de limo que fertiliza o chan. As crecidas foron sometidas mediante diques e canles, o que esixía unha organización centralizada, mais a lonxitude do río obrigaba á subdivisión administrativa en nomos, ou provincias. A aparición da metalurxia do cobre marca o comezo do período predinástico, aínda que a introdución do metal non supuxese mudanzas importantes, pois os trazos fundamentais do que sería a cultura exipcia xa existían. A finais deste período xa era clara a diferenza entre o Alto e o Baixo Exipto: No sur sucédense as culturas tasiense, badariense e amraciense (ou Naqada I) e no norte a geerzense (ou Naqada II) e a maadiense. A mediados do IV milenio fúndense a amraciense e a gerzeense nunha cultura única, da que xurdirá o imperio unificado.

Puido haber soberanos con pleno dominio sobre todo o Exipto antes da I dinastía que sucederon a senllas dinastías do Alto e do Baixo Exipto. Neste período xa estaban formados os elementos característicos da plástica exipcia.

O individuo máis antigo "momificado" data de preto de 3300 a.C., aínda que non sexa unha verdadeira momia. O corpo consérvase no Museo Británico e recibiu o alcuño de "Ginger" por ter o cabelo roxo. A Ginger enterrárono nas areas quentes do deserto, talvez con algunhas pedras empilladas sobre o cadáver para evitar que o comesen os chacais. As condicións quentes e secas disecaron o corpo, evitando que os músculos e os tecidos moles se descompuxesen. Na súa tumba tamén contiña algúns recipientes de cerámica, orixinalmente con comida e bebida para sustentar o morto na longa viaxe ata o outro mundo. Non existen rexistros escritos sobre a relixión ou deuses do tempo, e non se sabe se era intención dos antigos exipcios que o corpo fose preservado. Sábese apenas que a comezos da I Dinastía a cultura exipcia xa estaba plenamente formada.

Período tinita (3150-2700)

editar
Artigo principal: Período tinita.

Segundo a lista de reis transmitida por Manetón, o primeiro faraón que unificou Exipto foi Menes. Con anterioridade existira un rei Escorpión (supostamente), que foi seguido por Ka, por Narmer e por Aha. Un destes dous últimos, posibelmente Narmer, é o Menes de que fala Manetón. O feito mítico da unificación está reflectido na [[Paleta de Narmer|paleta de lousa do rei Narmer]], atopada en Hieracómpolis, que é probabelmente, o documento histórico máis importante de toda a historia de Exipto. A pose do rei, a punto de partirlle o cranio cunha maza a un inimigo, serviu de modelo para retratar os faraóns dos tres milenios posteriores. A tumba máis antiga de Saqqara é a de Aha. Este período, chamado tamén Protodinástico, durou uns cinco séculos e durante el reinaron a I e II dinastías. Unha vez establecida a unión do norte e o sur, aínda que precaria, procedeuse a protexer as fronteiras contra os libios, que tentaron continuamente penetrar desde o oeste, subir polo Nilo até a Nubia (Dzer chegou á segunda catarata), e ocupar o Sinaí. A capital trasladouse de Tinis a Menfis e a necrópole de Abidos a Saqqara a partir da II dinastía.

Durante este período consolidouse o poder centralizador do faraón e desenvolveuse unha estrutura burocrática e administrativa. O faraón faise divinizar, proclamándose descendente do deus Horus e establece ritos e cerimonias, como a festa Sed, ou xubileu, na que renova os seus poderes. Os faraóns enterrábanse en luxosas construcións funerarias, como a de Abidos. Os nomos eran administrados por un gobernador, entre cuxas principais tarefas estaba organizar o sistema de irrigación.

Parece como se o uso da escrita se difundise precisamente a partir do comezo da I dinastía. Usábase principalmente para indicar o nome do ano.

As prácticas funerarias dos campesiños serían as mesmas dos tempos predinásticos. Cando a fins do período predinástico algunhas das sepulturas se converteron en tumbas máis amplas e se introduciron os ataúdes, a "momificación" natural das areas do deserto non se producía, polo que foi preciso deseñar procedementos específicos de momificación para asegurar a inmortalidade dos faraóns. As tumbas destes chámanse mastabas (palabra que provén da palabra exipcia moderna para "banco", porque a distancia asemellan un banco de lama). Nunha tumba en mastaba, escavábase unha cámara profunda que despois se revestía con pedra, ladrillos de lama ou madeira. Na superficie, a lama era empillada e ficaba marcando o local claramente.

Imperio Antigo (2700-2134)

editar
Artigo principal: Imperio Antigo de Exipto.

A cidade máis poderosa deste período foi Menfis, a primeira capital do Exipto unido. Abidos, no norte, foi a primeira cidade funeraria, se ben máis tarde os faraóns preferiron Saqqara, preto da capital.

O Imperio Antigo iníciase coa III dinastía, cuxo segundo faraón, Zoser (2630-2611), foi inmortalizado grazas ás impresionantes construcións realizadas baixo a dirección do seu primeiro funcionario, Imhotep. Especialmente, a pirámide de Zoser de Saqqara, na que substituíu os ladrillos por pedra como elemento construtivo e introduciu as columnas (acaroadas).

 
Pirámide de Queops

A IV dinastía (2726-2563) é a dos grandes construtores de pirámides. Cunha das dúas que Snefru, o fundador da dinastía, fixo construír en Dahshur, ficaron establecidos os trazos típicos e esenciais da sepultura real: pirámide con cámara sepulcral escavada debaixo, na rocha; foxo arrodeándoa, templo funerario e templo exterior, unido ao río mediante unha canle pola que chegaba o barco funerario. Tres dos seus sucesores, Khufu (Queops), Quefrén e Menkaure (Micerinos) foron os construtores das grandes pirámides de Gizeh: Khufu ergueu a Gran Pirámide; Quefrén, ademais da súa pirámide mandou esculpir a Esfinxe, e a terceira pirámide do complexo é a de Menkaure, que ficou inacabada debido á decadencia posterior. Queops foi descrito posteriormente como un tirano cruel que escravizou os seus súbditos.

Durante a V dinastía (2563-2423) deixáronse de construír grandes pirámides. As tumbas señoriais son, pola contra, máis suntuosas que con anterioridade, constrúense en provincias e decóranse con escenas cotiás. Reviviuse o culto a Ra e á súa filla Hathor, en honra a quen se ergueron varios templos.

A economía foise debilitando, como reflicte o tamaño cada vez menor das últimas pirámides de Saqqara e Abusir. O longo reinado de Pepi II (2278-2184 a.C) contribuíu a agravar a situación provocada por sucesivas más colleitas e a debilidade dos seus últimos anos. Sucedeulle a primeira raíña de Exipto, Nitocris, que nada puido facer para impedir o declive.

Primeiro Período Intermedio (2134-2040)

editar
Artigo principal: Primeiro Período Intermedio.

Co debilitamento do poder central entrouse nunha época turbulenta que Manetón caracteriza dicindo que en setenta días chegou a haber setenta reis. Os funcionarios foran creando os seus propios reinos, que sostiñan con exércitos privados. A ausencia dun poder unificador é observábel na arte deste período, no que se detectan variacións locais, así como na literatura. As tentativas de recuperar a monarquía unificada en Heracleópolis mediante alianzas dos reinos meridionais frustrouse ao formar Tebas unha monarquía independente.

Imperio Medio (2040-1640)

editar
Artigo principal: Imperio Medio de Exipto.

O Imperio Medio comeza para algúns coa XI dinastía, co poderoso caudillo tebano Mentuhotep II e para outros coa XII dinastía, iniciada por Amenemhat I, cando se consolidou a reunificación de Exipto, logrou centralizarse o poder e se emprendeu a expansión das fronteiras, freando as incursións estranxeiras. A XII dinastía trasladou a capital a Menfis e aumentou a burocracia. Sesostris I (1970-1936) iniciou a irrigación do lago Moeris (al-Fayum) e ampliou as fronteiras na Asia e na Nubia. Sesostris III (1887-1850) suprimiu o cargo de nomarca, ou gobernador dun nomo, e dividiu o país en tres sectores, Baixo, Alto e Medio Exipto. Invadiu o Sinaí, Palestina e Siria e conquistou boa parte da Nubia. Nunca antes Exipto atinxira tanta prosperidade. Quen o seguiu, Amenemhat III, é visto como o maior monarca do Imperio Medio.

Moitas das maiores accións dos reis da XII dinastía tiveron lugar fóra do val do Nilo. Tal como antes, houbo moitas expedicións a Nubia, Siria e ao Deserto do Oriente, en busca minas e de madeira para transportar para Exipto. Para alén diso, estableceuse comercio coa Creta minoica.

Durante o Imperio Medio, a fase seguinte en deseño funerario foron as tumbas escavadas na rocha. Os mellores exemplos destas tumbas poden verse no Val dos Reis. Aínda se construían grandes templos en áreas máis visíbeis. O proxecto arquitectónico máis destacado foi o impoñente mausoleo de Mentuhotep en Deir al Bahri, que serviría de prototipo para o templo de Hatshepsut cinco séculos máis tarde. É o período clásico da arte e a literatura exipcios.

O faraón perdeu o carácter divino dos séculos precedentes, pero a autoridade real ficou firmemente establecida. Unha táctica moi utilizada para manter o control era substituír os gobernadores provinciais por funcionarios adeptos, moitos deles inmigrantes da veciña Palestina. Tebas converteuse nunha gran metrópole; os faraóns trasladáronse á antiga capital, Menfis, que estaba máis próxima do centro do país. Sesostris III e Amenemhet II construíron grandes pirámides en Saqqara, Dahshur, Illahun e Hawara.

A XIII dinastía é incluída frecuentemente no Reino Medio, se ben o período parece ser un tempo de confusión e de príncipes estranxeiros provenientes da Asia, coñecidos por hicsos, que se aproveitaron da inestabilidade política no Delta do Nilo para obteren o control da área e máis tarde estender o seu poder para o sur. Os hicsos, que eran eses colonizadores que tanto lles serviran aos faraóns, trouxeron consigo a carruaxe de guerra puxada por cabalos. Os exipcios non botaron moito tempo ata recoñecer o poder desta carruaxe e comezar, eles mesmos, a usala.

Sexa como for, esta quebra no control central marca o inicio do Segundo Período Intermedio.

Segundo Período Intermedio (1640-1550)

editar
Artigo principal: Segundo Período Intermedio.

As dinastías XIII e XIV (1785-1670) foron débiles e foron derrubadas polos "hicsos" ou "gobernantes de terras estranxeiras". De orixe asiática, reinaron (dinastías XV e XVI) primeiro desde Ávaris e foron avanzando cara ao sur até tomaren Menfis. O seu primeiro faraón foi Salitis e o seu momento de maior poder corresponde ao reinado de Khian. Introduciron en Exipto os arreos do cabalo, o carro de guerra e o bronce.

En Tebas, xa en tempos da XIII dinastía, unha casa real local recoñeceuse vasala dos hicsos até que, acaudillados por Seqenenre Taa II e os seus fillos Kamés e Amosis, logrou unificar todo o Alto Exipto e se instaurou como dinastía XVII en tempos do hicso Apofis I.

Imperio Novo (1550-1070)

editar
Artigo principal: Imperio Novo de Exipto.

Entre 1580 e 1200 Exipto atinxiu e superou o esplendor dos imperios antigo e medio. É a Idade de Ouro do Antigo Exipto, cando se converteu no imperio máis poderoso da Antigüidade. Durante a loita contra os hicsos formárase un auténtico exército profesional, baixo o mando dunha aristocracia renovada e o afortalamento do sacerdocio de Amón, que se convertera nunha casta moi poderosa co emparentamento con Ra para crear o deus Amón-Ra, rei dos deuses.

A XVIII dinastía comezou con Ahmosis (1580-1558), que iniciou unha política expansiva desde a Siria até a Nubia (onde case chegou á terceira catarata). Amenofis I (1557-1530), Thutmose I (1530-1520) e Thutmose II (1520-1505) proseguiron as conquistas e anexións territoriais até chegar ao Éufrates. Na verdade, non se trataba de conquistas de ocupación, senón que o que se procuraba era un botín. Esta política detívose brevemente durante a rexencia de Hatshepsut (1505-1484), pero Thutmose III chegou aínda máis lonxe e elevou o poderío de Exipto, que os faraóns seguintes mantiveron. Amenofis I fundou tamén Deir-el Medina, desde onde se traballou no Val dos Reis. Os faraóns seguintes naceron de esposas secundarias do rei que ascendían ao trono grazas ao seu ingreso, sempre mediante o matrimonio, na liña sucesoria feminina.

Thutmose II foi seguido da súa esposa e medio irmá Hatshepsut, a raíña máis coñecida de Exipto. Thutmose III chegou até Asia Menor e o Éufrates. O seu fillo, Amenofis II creou o reino que tan sabiamente administrou o que, posibelmente, foi o máis grande de todos os faraóns, Amenofis III, chamado como o Magnífico.

 
Busto de Amenofis IV/Akhenatón

O seu fillo, Amenofis IV levou a cabo unha reforma relixiosa radical. Impulsou o culto de Ra e enfrontouse ao clero ao cerrar os seus templos e facer de Atón, o disco solar, a divindade oficial. Tomou o nome de Akhenatón e creou unha capital de nova planta en Akhetaton (actual Tell al-Amarna). O nome e a imaxe de Amón foron borrados dos edificios públicos. Para todo isto contou co apoio da súa esposa, Nefertiti. Na arte desenvolveuse un "realismo" que incluía elementos da vida cotiá e retratos non idealizados.

Á súa morte (o sucesor designado, Smenkhare só viviu dous anos), Tutankhamón ordenou o retorno á situación anterior e regresou a Tebas. Horemheb foi o último faraón desta dinastía, e tívose que dedicar a recuperar a estabilidade interna; o seu xeneral Horemheb (que reinaría máis tarde), tivo nisto unha importancia fundamental. Deu paso á XIX dinastía ao designar como sucesor a Ramsés I, cuxo fillo, Seti I, recuperou o prestixio exterior e consolidou a monarquía reconquistando Tiros e ocupando de novo Palestina e parte de Fenicia e Siria, combatendo contra os hititas en Qadesh. A súa tumba, construída no Val dos Reis foi a maior das das dinastías XVIII e XIX.

 
Estatua de Ramsés II no corredor principal do seu templo en Abu Simbel

Ramsés II (1298-1235), de fama bíblica, enfrontouse á primeira invasión dos "pobos do mar". Durante o seu reinado, de 66 anos, construíronse edificios colosais, como o Gran Templo de Abu Simbel.

A debilidade das dúas dinastías seguintes, acosadas por invasores desde o leste e o oeste e a maior autonomía que adquiren os nomos, algúns dos cales mesmo designan reis, conduce á división do reino e ao fin do Imperio Novo.

A feitura dos caixóns funerarios mudou da forma rectangular do Imperio Medio para a familiar forma de momia, con cabeza e ombros arredondados. Ao principio, eran decorados con penas esculpidas ou pintadas, mais máis tarde pasaron a ser pintados cunha representación do falecido. Tamén eran sobrepostos como bonecas rusas: un caixón externo de grandes dimensións contiña outro máis pequeno, que por súa vez contiña un terceiro case moldeado ao corpo. Cada un dos caixóns interiores era decorado de forma máis elaborada que o inmediatamente exterior. Datan desta época a maioría das momias que chegaron ata nós.

As técnicas de momificación foron sendo gradualmente perfeccionadas co uso de natrón cristalino. Todos os tecidos moles, como o cerebro e os órganos internos, eran removidos, despois do que as cavidades eran lavadas e enchidas con natrón, e o corpo enterrado nunha pilla de natrón. Os intestinos, pulmóns, fígado e estómago eran preservados separadamente e almacenados en "vasos canopos" protexido cada un por un dos "catro fillos de Horus": Duamutef (estómago), Qebhsenuef (intestinos), Hapy (pulmóns) e Imsety (fígado).

Terceiro Período Intermedio (1070-664)

editar
Artigo principal: Terceiro Período Intermedio.

A dinastía XXI estableceu a capital en Tanis, no delta do Nilo, mentres o val era controlado polos grandes sacerdotes tebanos. Nos últimos anos os "libios" ocupaban xa moitos dos postos de maior poder, e o primeiro faraón da XXI dinastía, Sheshonk I (945-924), tiña esta orixe. Pretendeu reunificar o poder instalando o seu fillo como Sumo Sacerdote de Amón en Tebas, ao tempo que xeneral en xefe dos exércitos e gobernador do Alto Exipto. Outro tanto tentou Takelot II (860-835), pero o seu fillo, Osorkón, foi rexeitado polos tebanos e orixinou unha longa guerra civil durante a que calquera potentado optaba á realeza, incluído un rei nubio, Kashta (770-750), que gobernou sobre o Alto Exipto desde Napata (Gebel Barkal).

A finais do século VIII enfrontáronse os gobernantes locais de Sais, no delta occidental, e os tebanos. Piye (750-712), irmán e sucesor de Kashta, desenvolveu unha campaña por todo Exipto que o levou até Menfis, onde se lle someteron catro reis; se ben, na verdade, o reino non ficaba unificado. Shabaka (712-698) si se impuxo sobre os demais reis e estableceu a capital en Menfis, aínda que os gobernantes locais continuaron sendo bastante independentes.

O medio século de reinado nubio (dinastía XXV) permitiu a mellora económica e un rexurdimento artístico. O único rival era Asiria, que viña expandíndose desde o século IX, e coa que se enfrontaron na Palestina durante os reinados de Sennaquerib (704-681) e Esarhaddón (681-669).

A Baixa Época (664-323)

editar
Artigo principal: A Baixa Época.

O rei asirio Assurbanipal (660-627) estableceu un maior control (desde o 671 Menfis caera e o país pagáballe un tributo) apoiando o gobernador de Sais, Neco I (672-664), quen se enfrontou aos nubios. Pero o fillo deste, Psammético I, aproveitando que Assurbanipal marchara reprimir unha rebelión en Babilonia, liberouse da súa tutela e unificou o reino. Psammético I foi o primeiro faraón que empregou mercenarios gregos e carios.

A prosperidade aumentou, especialmente no delta, e xa na XXVI dinastía tentouse controlar Palestina aproveitándose da decadencia asiria: Neco II combateu en Siria, rexeitou un ataque do rei babilonio Nabucodonosor (604-562) e construíu unha frota no Mediterráneo e outra no Mar Vermello, ao tempo que tentaba enlazar o Nilo e o Mar Vermello mediante un canal. Apries (589-570) apoiou tamén os pequenos estados palestinos contra Babilonia e aceptou os exiliados xudeus que fuxían da catividade. Tentou reprimir os colonos gregos de Cirene pero o xeneral que enviara, Amasis (570-526) sublevouse e depúxoo.

Ao ano seguinte da morte deste, os persas invadiron e puxeron no trono a Cambises (525-522), primeiro soberano da XXVII dinastía (persa). Darío I rematou o canal de Neco II. Durante os 80 anos que seguiron á derrota persa contra os gregos en Maratón (ano 490), os exipcios combateron por expulsar os persas apoiándose nos gregos. En 404 Amirteo de Sais liberou o delta e catro anos máis tarde o resto do país. Os persas volveron a dominar Exipto durante dez anos (343-333), no que constituíu a XXXI dinastía.

Período grecorromano

editar

No 332, Alexandre Magno tomou pose de Exipto sen necesidade de loita. Fundou Alexandría, sacrificou aos deuses exipcios e consultou o oráculo de Ammón (non o Amón exipcio). Á súa morte, Tolomeo erixiuse en soberano da satrapía de Exipto, enterrou en Menfis a Alexandre (que foi levado a Alexandría con posteridade) e proclamouse independente.

Durante os dous séculos seguintes Exipto foi gobernado por gregos, pero como un país independente. Entrou no mundo helenístico e avanzou na agricultura (dúas colleitas anuais, por exemplo) e no comercio. Xurdiron moitos asentamentos gregos e Alexandría chegou a ser a capital do mundo grego. Os Tolomeos presentábanse nos monumentos indíxenas como faraóns tradicionais e mesmo gravaban inscricións relatando as súas accións. Os anuncios públicos gravábanse en tres escritas: a xeroglífica exipcia, a demótica ou popular e en grego. Un destes decretos, publicado por Tolomeo V Epífanes (205-180), conservouse na pedra de Rosetta e permitiu o desciframento da escrita xeroglífica no século XIX.

No século II producíronse numerosas revoltas dos nativos do Alto Exipto, ao tempo que abundaban as conspiracións dentro da familia gobernante. Durante s período tolemaico desenvolveuse moito o culto aos animais, creándose mesmo cidades mortuorias para a momificación de animais, peregrinacións e consultas oraculares.

No ano 30 a.C. Roma apropiouse de Exipto. Convertido no seu "celeiro", era administrado directamente polo emperador a través dun prefecto. A relixión continuou como antes, pero erguéronse moitos menos edificios e monumentos que con anterioridade. A cultura exipcia foi destruída polo cristianismo. A última inscrición en escrita xeroglífica data do 394 d.C.; ao ano seguinte dividiuse definitivamente o Imperio Romano e Exipto ficou como posesión do Imperio Romano de Oriente, ou Bizancio.

Referencias

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar