Fígado
O fígado é un órgano vital presente nos vertebrados e nalgúns outros animais, no ser humano constitúe a maior glándula do corpo humano. Localízase no canto dereito superior do abdome, baixo o diafragma, e o seu peso aproximado é de case 1,5 kg no home adulto e un pouco menos na muller; en cativos é proporcionalmente maior, pois constitúe 1/20 do peso total dun recentemente nacido. Na primeira infancia é un órgano tan grande que pode ser sentido abaixo da marxe inferior das costelas, no lado dereito. Funciona como glándula exócrina, isto é, libera secrecións en sistema de canais que se abren nunha superficie externa ou interna. Actúa tamén como glándula endócrina, unha vez que tamén libera substancias no sangue ou nos vasos linfáticos.
Fígado | |
---|---|
![]() | |
En vermello, localización do fígado con respecto ao resto do organismo. | |
Latín | Iecur ou jecur |
Gray's | pág.1188 |
Sistema | Dixestivo Circulatorio |
Arteria | Hepática |
Vea | Hepática, Porta |
Nervio(s) | Ganglios celíacos, Nervio vago |
Nome Editar
Orixinalmente, en latín o órgano era denominado iecur. Porén, existía o costume de cebar con figos os animais que eran criados coa intención de lles comer o fígado, e estes fígados cebados con figos eran denominados iecur ficatum. Co tempo, a designación que prevaleceu foi ficatum, da cal deriva o nome do órgano nas linguas romances (galego e portugués fígado, asturleonés fégadu, castelán hígado, francés foie...).
O prefixo hepato- e o adxectivo hepático, usados na linguaxe médica para se referir a cousas relacionadas co fígado, deriva do grego hēpar (ήπαρ). Este termo, á súa vez, provén de hēpaomai (ἠπάομαι) que significa reparar, arranxar, probabelmente debido á capacidade rexenerativa deste órgano.[1]
Funcións do fígado Editar
Nalgunhas especies animais o metabolismo alcanza a actividade máxima despois da alimentación; isto diminúelles a capacidade de reacción a estímulos externos. Noutras especies, o control metabólico é estacionario, sen diminución desta reacción. A diferenza é determinada polo fígado e a súa función reguladora, órgano básico da coordinación fisiolóxica.
Entre algunhas das funcións do fígado, podemos citar:
- Destrución das hemacias.
- Emulsificación de graxas no proceso dixestivo, a través da secreción da bile.
- Almacenamento e liberación de glicosa.
- Síntese de proteínas do plasma.
- Produción de precursores das plaquetas.
- Conversión de amonio en urea.
- Purificación canto a diversas toxinas.
Unha fábrica de procesamento Editar
Alén das funcións citadas máis enriba, este órgano efectúa aproximadamente 220 funcións diferentes todas interligadas e correlacionadas. Unha das súas principais actividades é a formación e excreción da bile; as células hepáticas producen en torno de 1,5 l por día, descargándoa a través do conduto hepático. A transformación de glicosa en glicóxeno, este coñecido como amidón animal, e o seu almacenamento, dáse nas células hepáticas. Ligada a este proceso, está a regulación e a organización de proteínas e graxas en estruturas químicas utilizábeis polo organismo na concentración dos aminoácidos no sangue, que resulta na conversión de glicosa, esta utilizada polo organismo no seu metabolismo. Neste mesmo proceso, o subproduto resulta é a urea, eliminada polo ril. Alén diso, paralelamente existe a elaboración da seroalbumina, da seroglobulina e do fibrinóxeno, isto todo ao mesmo tempo en que ocorre a desintegración dos glóbulos vermellos. Durante este proceso, tamén actúa en diversos outros, todo simultaneamente, destruíndo, reprocesando e reconstruíndo, como se fosen varios órganos independentes, por exemplo, á vez que destrúe as hemacias, o fígado forma o sangue no embrión, a heparina, a vitamina A a partir do caroteno, entre outros.
O fígado, alén de producir nos seus procesos diversos elementos vitais, aínda actúa como un depósito, almacenando auga, ferro, cobre e as vitaminas A, D e as do complexo B.
Durante o seu funcionamento produce calor, participando da regulación do volume sanguíneo. Ten acción antitóxica importante, procesando e eliminado os elementos nocivos de bebidas alcohólicas, café, barbitúricos ou graxas, entre outros. Alén diso, ten un papel vital no proceso de absorción dos alimentos.
Morfoloxía Editar
Nos humanos, o fígado ten forma de prisma, con ángulos arredondados, dándolle aparencia ovalizada. A súa coloración é vermello-escuro, tendendo ao marrón avermellado. Os tecidos que o compoñen son de natureza moi fráxil, a súa aparencia e consistencia seguen o padrón doutros animais. A súa localización é na parte máis alta da cavidade abdominal, embaixo do diafragma no hipocondrio dereito.
Está formado por tres superficies: superior ou diafragmática, inferior ou visceral e posterior. Algúns anatomistas dividen o órgano en dous lobos, o dereito é ben maior que o esquerdo, tendo aínda máis dous lobos menores situados entre o dereito e o esquerdo.
A superficie superior fica inmediatamente debaixo do diafragma e o ligamento falciforme divídea en dous lobos: o dereito e o esquerdo.
A superficie inferior é plana, dividida por tres sucos, dando unha forma de H. Na parte anterior do suco dereito, atópase a vesícula biliar, que é unha bolsa membranosa que almacena bile; na parte frontal do suco esquerdo, está situado o ligamento redondo que é unha extensión da vea umbilical.
Lobos hepáticos Editar
Ver artigo principal: Lobo (fígado)
Existe aínda un suco transverso determinado polo hilo, que é por onde entran e saen todos os vasos sanguíneos, exceptuando as veas hepáticas. Os sucos dividen a superficie inferior do fígado en catro lobos: o dereito ou cuadrilátero; o esquerdo ou triangular; o cadrado, situado na parte da fronte do hilo e, por último, o alongado na parte posterior, tamén chamado de lobo de Spiegel.
Fixación Editar
O fígado ten gran parte da superficie externa revestida polo peritoneo, que forma os ligamentos que o conectan ao abdome e ás vísceras veciñas. Envolvéndoo, hai un invólucro especial, formado pola chamada cápsula de Glison, que reviste todo o órgano, sen interrupción, como unha capa, e que na parte máis próxima do hilo envolve a arteria hepática, a vea porta, o condutor hepático e os nervios.
Aínda que o tecido hepático sexa brando, a cápsula que o recobre é extremadamente resistente e diminúe a posibilidade de lesións traumáticas. En caso de ruptura, as consecuencias son gravísimas, pois o tecido interno lacérase con gran facilidade.
O órgano está constituído por aproximadamente cen mil lóbulos, que son minúsculos agregados celulares formados polas células hepáticas, organizadas en cordóns dispostos en volta da vea chamada centrolobular. A vea porta contén moitas pequenas ramificacións, ligadas ás sinusoides, que son espazos comprendidos entre as diversas capas de células hepáticas.
Hematoloxía e irrigación Editar
O fígado é irrigado pola arteria hepática, cuxa función é levar sangue arterial osixenado necesario para o seu metabolismo.
O sangue procedente do bazo e do intestino vén da vea porta; este é rico en substancias nutritivas, absorbidas durante a dixestión. O sangue é recollido pola vea centrolobular e conducido para veas cada vez máis grosas, ata chegar á vea suprahepática.
Procesamento químico e subprodutos Editar
As impurezas son filtradas polo fígado, que destrúe as substancias tisulares transportadas polo sangue. Os lípidos, glícidos, proteínas, vitaminas etc., vidos polo sangue venoso, son transformados en diversos subprodutos.
Os glícidos son convertidos en glicosa que, metabolizada, se converte en glicóxeno, e, novamente convertida en azucre que é liberado para o sangue cando cae o nivel en plasma. As células de Kupfer, que se atopan nos sinusoides, actúa sobre as células sanguíneas que xa non teñen vitalidade, e sobre bacterias, sendo descompostas e convertidas en hemoglobina e proteínas, xerando a bilirrubina, que é colectada polos condutores biliares, que pasan entre cordóns desas células que segregan bile; esta, á súa vez, vaise movendo a condutos de maior calibre, ata chegar ao canal hepático (tamén chamado ducto hepático); neste, únese nunha xunción en forma de Y co ducto cístico, chegando á vesícula biliar. Da unión en Y, o ducto biliar común esténdese ata o duodeno, primeiro treito do intestino delgado, onde a bile vai se mesturar co alimento para participar na dixestión. O alimento descomposto atravesa as paredes permeábeis do intestino delgado e as súas moléculas penetran na corrente sanguínea. A vea porta conduce estas ao fígado que as combina e recombina, remitíndoas ao resto do organismo.
A importancia do fígado e o seu poder de rexeneración Editar
En casos de impactos moi fortes pode haber ruptura da cápsula que recobre o fígado, coa inmediata laceración do tecido do órgano.
As lesións en xeral son importantes e de extrema gravidade, podendo ser moitas veces fatais, debido á enorme cantidade de sangue que pode perderse, dado o gran número de vasos sanguíneos que compoñen o órgano. Se en caso de accidente grave, e consecuente lesión, a persoa logra sobrevivir, o fígado xeralmente demostrará alto e rápido poder de rexeneración.
Enfermidades Editar
- Véxase tamén: Hepatotoxicidade.
Entre as principais enfermidades que atacan ao fígado están as Hepatites agudas de etioloxía descoñecida, chamadas de hepatites criptoxénicas, as hepatites B, C, D e E, as doenzas alcohólicas do fígado, as doenzas hepáticas tóxicas, as insuficiencias hepáticas, as fibroses e cirroses hepáticas, entre outras.
Notas Editar
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fígado |
Bibliografía Editar
- Wolf, Heidegger: Atlas de Anatomía Humana, Guanabara-Koogan, 1968.
Ligazóns externas Editar
- Medicina, diversos[Ligazón morta]
- Anatomía do fígado Arquivado 02 de novembro de 2005 en Wayback Machine.
- Fígado no atlas de anatomía de Henry Gray (en inglés)