Vesícula biliar

órgano que almacena e concentra a bile producida polo fígado

A vesícula biliar ou vesícula do fel (vesica fellea) dos vertebrados é un pequeno órgano con forma de bolsa conectado co fígado e o intestino, que almacena e concentra a bile producida polo fígado, a cal axuda a dixerir as graxas. Nos humanos a perda da vesícula biliar é xeralmente ben tolerada. A extirpación cirúrxica da vesícula biliar denomínase colecistectomía.

Relación entre a vesícula biliar e o duodeno.
3. Condutos hepáticos esquerdo e dereito. 4. Conduto hepático común. 5. Conduto cístico. 6. Colédoco (ou conduto biliar común). 7. Ampola hepatopancreática ou de Vater. 8. Papila de Vater ou duodenal ou carúncula maior. 9. Vesícula biliar.
O fígado visto por detrás, coa vesícula biliar en verde.

Anatomía humana

editar

A vesícula biliar ten o aspecto dunha bolsa oca con forma de pera situada baixo o fígado.[1] Mide uns 8 cm de longo nos adultos e ten un diámetro de 3–4 cm.[2] Anatomicamente descríbese como dividida en tres partes: fondo, corpo e colo. Os condutos cístico e colédoco comunícana co duodeno.

  • O fondo é a parte inferior máis grande, que asoma por debaixo da parte inferior do fígado (xa que a vesícula está na súa maior parte tapada polo fígado vista de fronte). O fondo está totalmente rodeado de peritoneo e ponse en contacto pola parte posterior co colon transverso e coa parede abdominal á altura da 9ª cartilaxe costal dereita.
  • O corpo sitúase nunha fosa pouco profunda do lóbulo dereito do fígado. Está unido ao fígado por tecido areolar e por varios vasos sanguíneos e linfáticos pequenos. O corpo ascende cara a arriba, atrás e á esquerda e a súa superficie inferior está cuberta polo peritoneo e apoia no duodeno e colon transverso [3].
  • O colo (collum vesicae biliaris) é a porción superior que se vai adelgazando e ten forma curva de S e continúase co conduto cístico. No límite co corpo pode haber unha bolsa chamada bolsa de Hartman, onde se poden acumular cálculos de vesícula. Na zona onde se continúa co conduto cístico a súa mucosa ten uns pregamentos chamados válvula ou pregamento espiral ou de Heister. Está unido ao fígado por un tecido areolar [3].
  • O conduto cístico sae do colo e mide uns 4 cm de longo. Diríxese cara a abaixo ata unirse co conduto hepático común formando a partir da fusión de ambos o conduto colédoco. A súa mucosa presenta pregamentos.
  • O conduto colédoco ou conduto biliar común formado pola fusión do hepático e o cístico ten unha lonxitude de 7–8 cm (pero é variable) e diríxese cara ao duodeno, onde conecta co conduto pancreático, xeralmente fusionándose con el e desembocando xuntos na ampola hepatopancreática ou de Vater, situada a uns 10 cm do píloro. Na zona onde se unen increméntase a musculatura lisa do colédoco e do conduto pancreático, formando o esfínter de Oddi. Cando se contrae a musculatura lisa da vesícula biliar e se expulsa a bile, o esfínter de Oddi reláxase e ábrese [3].

A vesícula está irrigada polas arterias e veas císticas, e recibe innervación do ganglio celíaco, do nervio vago [4].

Anatomía microscópica

editar
 
Micrografía da parede dunha vesícula biliar normal con tinguidura de hematoxilina-eosina.

A parede da vesícula biliar consta das seguintes capas:[5]

  • O epitelio, unha fina capa de células que revisten o interior da vesícula biliar.
  • A lámina propia, unha fina capa de tecido conectivo laxo. O epitelio xunto coa lámina propia forman a mucosa.
  • A capa muscular, unha capa de músculo liso que axuda a que a vesícula biliar se contraia e expulse a bile que contén.
  • A capa perimuscular fibrosa, outra capa de tecido conectivo.
  • A serosa, é o revestimento externo do órgano, que procede do peritoneo, o revestimento da cavidade abdominal.

A diferenza do que ocorre en todo o tracto intestinal, a vesícula biliar carece de muscularis mucosae.

Funcións

editar

Cando entra no tracto gastrointestinal comida que contén graxa, estimúlase a secreción da hormona colecistoquinina. En resposta á colecistoquinina, a vesícula biliar adulta, que almacenaba uns 50 mL de bile, libera o seu contido no duodeno. A bile, producida no fígado, emulsiona as graxas que hai na comida parcialmente dixerida, o cal facilitará a acción dos encimas dixestivos.

A produción de bile no fígado é constante, pero o baleiramento da vesícula é intermitente e está en relación coa dixestión. O control da contracción da vesícula e a conseguinte expulsión da bile é principalmente endócrino, e está a cargo basicamente da hormona duodenal colecistoquinina, que favorece a descarga de bile cando se están a dixerir graxas. Outras hormonas gastrointestinais poden influír tamén, como a gastrina (induce o baleirado), secretina (amplifica a acción da colecistoquinina) e motilina (contrae a vesícula), o polipéptido pancreático (inhibe a contracción vesicular), e o VIP (relaxa o músculo liso da vesícula).

Durante o almacenamento da bile na vesícula, a bile faise máis concentrada, polo que se intensifica o seu efecto. A concentración faise por absorción de auga e ións na bile almacenada, a cal pode diminuír o seu volume ata a décima parte.

En 2009 demostrouse que a vesícula biliar extirpada dun paciente podía expresar varias hormonas pancreáticas, incluíndo a insulina.[6] Este descubrimento foi sorprendente, porque ata ese momento pensábase que a insulina se producía só nas células β pancreáticas. Os autores suxiren que como a vesícula biliar e o páncreas están contiguos durante o desenvolvemento embrionario, existe un enorme potencial de que se deriven algunhas células pancreáticas proxenitoras á vesícula biliar.

Patoloxía da vesícula biliar

editar
 
Vesícula aberta chea de cálculos biliares. Os máis negros están formados principalmente por pigmentos biliares e os máis amarelos principalmente por colesterol.

Na vesícula biliar poden formarse cálculos biliares (cristalizacións ou "pedras" na vesícula), o que se chama litíase biliar. Os cálculos están formados por pigmentos biliares e/ou colesterol que se acumulan dentro da vesícula ou obstrúen as vías biliares e xeran patoloxías inflamatorias que, nalgúns casos, poden eliminarse con medicamentos, e noutros deben tratarse con cirurxía. Á inflamación da vesícula biliar se lle chama colecistite. As vías biliares ademais de obstruírense, poden ser o lugar de orixe de tumores.

Os pólipos de vesícula biliar son crecementos das paredes da vesícula con forma de pólipo. Os auténticos pólipos son acumulacións anormais de tecido das membranas mucosas. Afectan ao 5% da poboación [7]. As causas non se coñecen, pero a incidencia aumenta coa idade, e xeralmente non dan síntomas. A maioría dos pólipos son benignos pero algúns poden ser cancerosos.

A hipersensibilidade da vesícula cursa cunha dor moi característica, denominada punto cístico de Murphy. Ao facermos presión cos dedos sobre o lado dereito do abdome, a uns 2 ou 3 cm debaixo da beira das últimas costelas e ao mesmo tempo inspirar profundamente, a persoa xusto despois de comezar a tomar aire, sente unha dor aguda no momento en que a vesícula inflamada sente a presión causada polos dedos, obrigándonos a cesar bruscamente a inspiración. Isto denomínase signo de Murphy positivo, e se tal reacción ocorre durante a inspección pode ser indicio dunha colecistite.[8]

Noutros animais

editar

A maioría dos vertebrados teñen vesículas biliares, pero os invertebrados non. Porén, a súa forma precisa e a disposición dos condutos biliares pode variar considerablemente. En moitas especies, por exemplo, hai varios condutos separados que se dirixen ao intestino, en vez dun conduto común como en humanos. Varias especies de mamíferos (como o cabalo, cervo, rata, e os camélidos suramericanos como as llamas e outros[9]) e varias especies de aves carecen de vesícula biliar, como tamén ocorre nas lampreas.[10]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 10 de marzo de 2012. 
  2. Jon W. Meilstrup (1994). CRC Press - Boca Raton, ed. Imaging Atlas of the Normal Gallbladder and Its Variants. p. 4. ISBN 0-8493-4788-2. 
  3. 3,0 3,1 3,2 G.J. Romanes Cunningham Tratado de Anatomía. 12ª edición (1987). Interamericana-Mc Graw Hill. Páxinas 511-513. ISBN 84-7605-359-2
  4. Ginsburg, J.N. (2005-08-22). "Control of Gastrointestinal Function". En Thomas M. Nosek,. Gastrointestinal Physiology. Essentials of Human Physiology. Augusta, Georgia, United State: Medical College of Georgia. pp. p. 30. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2008. Consultado o 2007-06-29. 
  5. "Staging of Gallbladder Cancer". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2012. Consultado o 10 de marzo de 2012. 
  6. Sahu, Subhshri; Joglekar, Mugdha V.; Dumbre, Ramesh; Phadnis, Smruti M.; Tosh, David; Hardikar, Anandwardhan A. (2009-5). "Islet-like cell clusters occur naturally in human gall bladder and are retained in diabetic conditions". Journal of Cellular and Molecular Medicine (en inglés) 13 (5): 999–1000. PMC 3823415. PMID 19175681. doi:10.1111/j.1582-4934.2008.00572.x. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2019. 
  7. Myers RP, Shaffer EA, Beck PL (2002). "Gallbladder polyps: epidemiology, natural history and management.". Can J Gastroenterol. 16 (3): 187–94. PMID 11930198. 
  8. "Dolor de estómago (Gastralgia)". Instituto Químico Biológico. Consultado o 23-06-2017. 
  9. C. Michael Hogan. 2008. Guanaco: Lama guanicoe, GlobalTwitcher.com, ed. N. Strömberg Arquivado 04 de marzo de 2011 en Wayback Machine.
  10. Romer, Alfred Sherwood e Parsons, Thomas S. (1977). Holt-Saunders International, ed. The Vertebrate Body. Philadelphia, PA. p. 355. ISBN 0-03-910284-X. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar