Muscularis mucosae

A muscularis mucosae (lamina muscularis mucosae) é o fino estrato de fibras musculares que forma parte da mucosa que tapiza a parede interna de diferentes partes do tubo dixestivo, principalmente o esófago, estómago, intestino delgado e intestino groso. Non debe confundirse coa túnica muscular ou muscularis externa que tamén está formada por músculo liso pero ten maior grosor e está en posición máis externa (máis lonxe da luz do tubo).

Muscularis mucosae
Sección da parede do duodeno dun gato na que poden observarse a mucosa e a muscularis mucosae entre outras estruturas.
Latín lamina muscularis mucosae (TA A05.4.01.016)
Gray's pág.1144
Sistema Dixestivo

A primeira capa (a máis interna) da parede do tubo dixestivo é a túnica mucosa. Está en contacto cos alimentos en dixestión e os zumes dixestivos. A túnica mucosa consta á súa vez de varias capas: o epitelio superficial, a lámina propia na que se encontran os vasos sanguíneos que nutren o epitelio, e a muscularis mucosae, que non é máis que unha fina capa de músculo liso en contacto coa lámina propia.[1] Debaixo están as outras tres capas do tubo dixestivo, que son a túnica submucosa, a túnica muscular formada por músculo liso, e a túnica serosa, que é a capa máis externa.

En medicina a muscularis mucosae serve de punto de referencia para describir as lesións da parede do estómago e outros órganos do tubo dixestivo. Se existe unha lesión na parede do estómago que non chega á muscularis mucosa, a lesión chámase erosión, pero se a lesión é máis profunda e chega a dito nivel denomínase úlcera.[2]

  1. Elvira Estrada Flores, María del Carmen Uribe Aranzábal: Atlas de histología de vertebrados. Universidad Autónoma de México, 2002, ISBN 968-36-9866-2. Consultado o 1-9-2010
  2. Antonio Martín Duce: Patología quirúrgica, Elsevier España S.A., 2005, ISBN 84-8174-739-4. Consultado o 1-9-2010