Linfocito

tipo de glóbulo branco do sangue que forma parte do sistema inmunitario dos vertebrados

Os linfocitos son un tipo de glóbulo branco do sangue que forma parte do sistema inmunitario dos vertebrados. Encárganse de producir anticorpos, ou secretar substancias citotóxicas ou regulatorias, segundo os casos.[1]

Linfocito humano visto cun microscopio electrónico de varrido.

Vistos co microscopio óptico, os linfocitos poden dividirse en linfocitos grandes e pequenos. Os linfocitos pequenos inclúen os linfocitos B e os T. Os linfocitos grandes granulares inclúen as células asasinas naturais ou NK.

 
Un linfocito tinguido rodeado dun glóbulo vermello vistos utilizando un microscopio óptico.

Os principais tipos de linfocitos son:

Linfocitos B

editar
Artigo principal: Linfocito B.

Orixínanse na medula ósea e maduran alí nos mamíferos, pero nas aves maduran na bolsa de Fabricio, de onde procede a súa denominación B (bolsa) [2]. Interveñen na inmunidade humoral. A súa función é a produción de anticorpos que se unirán aos antíxenos estraños que invadan o organismo, xeralmente situados na superficie dos patóxenos. Os anticorpos facilitan a destrución do patóxeno polos macrófagos e o sistema do complemento. Os linfocitos B para ser activados xeralmente deben tomar contacto co antíxeno estraño e cunha célula T (á que lle presentan fragmentos do antíxeno unidos ás súas moléculas de membrana MHC-II), que os activa por medio da secreción de citocinas. Algúns antíxenos bacterianos poden activar directamente aos linfocitos B. Cando se activan, transfórmanse en plasmocitos cun extenso retículo endoplasmático rugoso produtor de anticorpos. Algunhas células B dan lugar a células de memoria ou con memoria, que lembran o antíxeno e actívanse con maior rapidez se volven a entrar en contacto con el. Levan os antíxenos de superficie CD21, CD19 e antíxenos MHC-II, e unha inmunoglobulina de membrana que funciona como receptor do antíxeno, chamada receptor da célula B (BCR).

Linfocitos T

editar
Artigo principal: Linfocito T.

Os linfocitos T orixínanse na medula ósea e maduran no timo, de onde procede a súa denominación T (timo). Tamén se chaman timocitos. Interveñen na inmunidade mediada por células secretando substancias regulatorias (citocinas) ou citotóxicas. A súa misión é activar e regular o funcionamento do sistema inmunitario e matar células con antíxenos estraños. Distínguense doutros linfocitos pola presenza dun receptor de membrana para o antíxeno chamado receptor de células T (TCR). O seu CD característico é o CD3. Tamén forman células de memoria. Hai varias poboacións distintas de células T:

  • Células T αβ. O seu receptor TCR leva as cadeas proteicas α e β. Son a gran maioría, Distínguense tres clases:
    • Células T citotóxicas. Levan o antíxeno de superficie CD8, polo que se chaman linfocitos CD8+ ou linfocitos TC. Matan células con antíxenos estraños. Secretan substancias citotóxicas en fronte da célula que van destruír. Recoñecen as células obxectivo cando detectan un antíxeno estraño asociado a unha molécula MHC-I (presentes na superficie de case todas as células do corpo).
    • Células T colaboradoras. Tamén se chaman auxiliares, axudantes, linfocitos Th ou TH (helper) ou linfocitos CD4+, xa que presentan o antíxeno de membrana CD4. Son fundamentais para a activación dos linfocitos B e T, xa que secretan citocinas activadoras. Actívanse cando unha célula presentadora do antíxeno lles fai tomar contacto cun fragmento do antíxeno estraño unido a moléculas MHC-II.
    • Células T reguladoras ou supresoras. Eliminan os clons de células T autorreactivas (que reaccionan con antíxenos propios), polo que establecen a tolerancia inmunolóxica e impiden as enfermidades autoinmunes. Tamén cortan a resposta inmunitaria nas fases finais da mesma.
  • Células T γδ. O receptor TCR das células T γδ leva as cadeas γ e δ en vez das α e β. Son pouco comúns (2% das células T). Son frecuentes na mucosa intestinal, onde forman a poboación de linfocitos intraepiteliais. Para a súa activación non están restrinxidos ás moléculas MHC, e poden recoñecer proteínas enteiras e non só péptidos unidos a moléculas MHC. Non se coñece ben que antíxenos as activan. Algunhas poboacións poden recoñecer fosfoantíxenos.

Células NK

editar
Artigo principal: Célula NK.

As células NK (Natural Killer) ou células asasinas naturais ou células extrerminadoras naturais forman parte do sistema inmunitario innato e atacan a células infectdas por virus ou tumorais, liberando substancias citotóxicas. Recoñecen as células que deben destruír cando detectan cambios nos antíxenos MHC-I de ditas células. Actívanse en resposta a citocinas chamadas interferóns [3].

Orixe e desenvolvemento

editar
 
Orixe das células sanguíneas.

As células nai de mamífero diferéncianse en varias clases de células sanguíneas na medula ósea.[4] Este proceso denomínase hematopoese. Todos os linfocitos se orixinan, durante este proceso, a partir de células linfoides proxenitoras comúns e despois diferéncianse nos distintos tipos. A formación de linfocitos coñécese como linfopoese. As células B maduran a linfocitos B na propia medula ósea,[5] pero as células T migran e maduran no timo. Despois da maduración, os linfocitos entran na circulación e nos órganos linfoides periféricos, como o bazo e nódulos linfáticos, onde vixían a presenza de patóxenos ou células tumorais.

Os linfocitos implicados na inmunidade adaptativa ou específica (como as células B e T) sofren unha nova fase de diferenciación despois de estaren expostos a un antíxeno; e forman linfocitos efectores e linfocitos de memoria. Os linfocitos efectores funcionan eliminando o antíxeno, ou liberando anticorpos (no caso das células B activadas ou células plasmáticas), gránulos citotóxicos (no caso das células T citotóxicas) ou factores regulatorios para outras células do sistema inmunitario (no caso das células T colaboradoras). As células de memoria permanecen nos tecidos periféricos e na circulación durante bastante tempo preparadas para responderen ao mesmo antíxeno en novas exposicións ao mesmo.

Características

editar
 
Imaxe de microscopio electrónico de varrido de sangue humano.

Microscopicamente, nun frotis de sangue periférico coa tinguidura de Wright, un linfocito normal ten un gran núcleo moi tinguido, cun citoplasma pequeno moi pouco eosinófilo. Normalmente, o núcleo grande e denso do linfocito é de aproximadamente 7 microns de diámetro (o tamaño dun glóbulo vermello).[4] Algúns linfocitos mostran un pequeno citoplasma formando unha zona clara perinuclear (ou halo) arredor do núcleo ou unha pequena zona clara a un lado do núcleo. A presenza de polirribosomas é moi evidente vistos con microscopio electrónico.[4] A abundancia de ribosomas permítelles sintetizar grandes cantidades de proteínas, como citocinas ou inmunoglobulinas, segundo os casos.

Nun frotis é imposible distinguir as células B das T.[4] Normalmente, utilízase unha proba de citometría de fluxo para contar as poboacións específicas de linfocitos, que pode determinar a porcentaxe de linfocitos que contén unha determinada combinación de proteínas de superficie, como certas inmunoglobulinas de membrana ou os marcadores chamados clusters de diferenciación (CD), que son agrupacións de proteínas de membrana, ou que producen determinadas proteínas internas (por exemplo, citocinas utilizando a marcaxe de citocinas intracelulares ou ICCS). Para estudar a función dos linfocitos por medio da detección das proteínas que xeran, poden utilizarse outras técnicas como ELISPOT ou ensaios de secreción.[3]

Marcadores de recoñecemento típicos dos linfocitos[6]
CLASE FUNCIÓN PROPORCIÓN MARCADORES FENOTÍPICOS
Células NK Lise de células infectadas por virus ou tumorais 7% (2-13%) CD16 CD56 pero non CD3
Células T colaboradoras Liberación de citocinas e factores de crecemento que regulan outras células inmunitarias 46% (28-59%) TCRαβ, CD3 e CD4
Células T citotóxicas Lise de células infectadas por virus, células tumorais e aloenxertos (rexeitamento de transplantes) 19% (13-32%) TCRαβ, CD3 e CD8
Células T γδ Inmunorregulación e citotoxicidade TCRγδ e CD3
Células B Secreción de anticorpos 23% (18-47%) MHC de clase II, CD19 e CD21

No sistema circulatorio móvense dun ganglio linfático a outro. Isto contrasta cos macrófagos, que son bastante estacionarios unha vez que chegan aos nódulos.

Enfermidades

editar

Os recontos de linfocitos fanse xeralmente como parte dun reconto completo de sangue periférico e exprésanse como porcentaxe de linfocitos no total de glóbulos brancos.

O incremento xeral no número de linfocitos coñécese como linfocitose e unha diminución como linfocitopenia.

Recontos altos

editar

Un incremento na concentración de linfocitos é normalmente signo de infección viral. Tamén aumentan os linfocitos na leucemia linfocítica.

Recontos baixos

editar

Unha concentración de linfocitos baixa está asociada cun incremento das taxas de infección despois dunha operación de cirurxía ou trauma.

Outra razón dos recontos baixos é a infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH), o cal infecta e destrúe as células T CD4+. A perda destas células T fai que o corpo sexa susceptible a moitas infeccións oportunistas que doutro modo non afectarían ás persoas sás. A progresión do VIH determínase tipicamente medindo a porcentaxe de células T CD4+ no sangue do paciente.

Infiltración de linfocitos en tumores

editar

Nalgúns cánceres, como o melanoma[7] e o cáncer colorrectal, os linfocitos poden migrar ao tumor e atacalo. Isto pode ás veces conseguir a regresión dun tumor primario.[8]

 
Valores de referencia para as análises de sangue de leucocitos, no que se compara a cantidade de linfocitos (mostrados en azul claro) con outras células.
  1. "Dorlands Medical Dictionary:lymphocyte". Consultado o 2009-01-27. [Ligazón morta]
  2. "B Cell". Merriam-Webster Dictionary. Encyclopædia Britannica. Consultado o 28 October 2011. 
  3. 3,0 3,1 Charles Janeway, Paul Travers, Mark Walport, Mark Shlomchik (2001). Garland Science, ed. Immunobiology; (Fifth ed.). New York and London. ISBN 0-8153-4101-6. .
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Abbas AK and Lichtman AH (2003). Saunders, Philadelphia, ed. Cellular and Molecular Immunology (5th ed.). ISBN 0-7216-0008-5. 
  5. Kumar, Abbas, Fausto. Pathologic Basis of Disease (7th ed.). 
  6. Berrington, J. E.; Barge, D; Fenton, AC; Cant, AJ; Spickett, GP (2005-05). "Lymphocyte subsets in term and significantly preterm UK infants in the first year of life analysed by single platform flow cytometry". Clin Exp Immunol 140 (2): 289–292. PMC 1809375. PMID 15807853. doi:10.1111/j.1365-2249.2005.02767.x. 
  7. http://professional.cancerconsultants.com/ccj.aspx?id=36989 Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Current Topics in Oncology
  8. http://www.asco.org/ascov2/Meetings/Abstracts?&vmview=abst_detail_view&confID=47&abstractID=34439 Arquivado 25 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Protective effect of a brisk tumor infiltrating lymphocyte infiltrate in melanoma: An EORTC melanoma group study. 2007

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar