Axente biolóxico patóxeno
En Infectoloxía, un axente biolóxico patóxeno (do grego pathos, enfermidade e genein, procrear) é toda aquela entidade biolóxica capaz de producir enfermidade ou dano na bioloxía dun hóspede (humano, animal, vexetal etc.) sensiblemente predisposto. O mecanismo da patoxenicidade foi moi estudado e ten varios factores, algúns dos cales son dependentes do axente patóxeno e outros do hóspede.
A especificidade do hóspede
editarEn primeiro lugar debe sinalarse que moitos microorganismos son específicos dunha especie animal determinada. Así, o virus da varíola humana só afecta ás persoas e a ningunha outra especie do reino animal. O mesmo pode sinalarse para o caso da febre tifoide.
Outros patóxenos son compartidos por varias especies, tal como o Bacillus anthracis, axente do carbuncho (en inglés, anthrax), o que pode producir enfermidade tanto a bovinos, porcinos, equinos, ovinos, caninos, felinos e humanos. Con todo, a pesar de que este microbio pode afectar a todas estas especies, a gravidade da enfermidade é moi variable dependendo da especie afectada. Por exemplo, o carbuncho ovino é extremadamente fatal pero só causa un carbuncho leve no can. Isto indica que entre o microorganismo e o seu hóspede debe haber, necesariamente, certa afinidade de xeito que os produtos do metabolismo do axente causen severo dano ou unha resposta esaxerada por parte do hóspede.
Dende o punto de vista evolutivo aqueles organismos parasitarios que causan a morte do hóspede teñen tendencia a ser eliminados por unha razón moi sinxela: non lle quedan hóspedes para parasitar. Por esta razón só sobreviven aqueles que non son tan patóxenos para o seu hóspede de xeito que o parasito se poida perpetuar.
Factores intrínsecos
editarEn infectoloxía o hóspede (hospedador) achega ao fenómeno infeccioso un conxunto de factores intrínsecos, que afectan á exposición, á susceptibilidade ou á resposta aos axentes, na produción de enfermidades.
Estes factores intrínsecos ou atributos do hóspede son:
- Factores inmunolóxicos.
- Factores xenéticos.
- Idade.
- Sexo.
- Condicións fisiolóxicas.
- Enfermidades intercurrentes ou preexistentes.
- Comportamento ou estilo de vida: é un dos factores máis importantes para a adquisición de enfermidades humanas ou animais e sobre o que máis se pode intervir, pois pódese modificar mediante a educación ou previr modificando certas prácticas zootécnicas.
A resistencia do hóspede
editarA patoxenicidade do microorganismo está freada ou facilitada pola resistencia inmunitaria do hóspede. As persoas correctamente vacinadas contra a varíola son inmunes a este virus. Este feito foi descuberto por Jenner en Inglaterra, ao decatarse de que as muxidoras que foran afectadas pola varíola vacúa, unha enfermidade propia do gando vacún e que se adquiría ao manipular os ubres destes animais, non sufrían a mortal varíola humana. Por outra banda, as persoas afectadas pola SIDA, cuxo virus diminúe as defensas, poden presentar enfermidades debido a xermes que adoitan ser inofensivos.