Parénquima é o termo que se usa para designar un tipo de tecido biolóxico que forma a principal masa dos órganos e realiza as funcións metabólicas ou vexetativas típicas do mesmo. O termo utilízase tanto en histoloxía animal coma vexetal.

O termo é unha latinización moderna procedente das palabras gregas παρέγχυμα - parenkhuma, "carne visceral", e παρεγχεῖν - parenkhein, 'infundir' , de para-, 'ao lado de' + en-, 'en' + khein, 'verter' (o tecido que está vertido arredor dos demais).[1]

Parénquima nos animais editar

Nos animais o parénquima forma a parte funcional dos órganos. O termo contraponse a estroma, que se refire á parte estrutural dos órganos, formado principalmente por elementos do tecido conectivo.

Durante o desenvolvemento embrionario dos mamíferos o parénquima da maioría dos órganos orixínase fundamentalmente a partir do ectoderma (cerebro, pel) ou do endoderma (pulmóns, tubo dixestivo, fígado, páncreas). Só uns poucos órganos teñen parénquima de orixe mesodérmica (bazo, riles, corazón). Polo contrario, o estroma de todos os órganos é de orixe mesodérmica.

Exemplos de parénquimas (coas células ou estruturas que forman o parénquima entre paréntese) son:

Ademais, no cancro, denomínase parénquima ás células mutantes cancerosas dunha soa liñaxe, e estroma ao tecido conectivo circundante e as células asociadas a el.

Parénquima vexetal editar

 
Parénquima clorofílico.

O parenquima é un tecido fundamental vexetal moi versátil, que realiza as funcións vexetativas da planta. Forma o córtex e a medula dos talos e raíces, o mesofilo das follas, a polpa dos froitos, a nucela dos primordios seminais e o endosperma das sementes. As células do parénquima son células vivas e pouco diferenciadas, que permanecen meristemáticas na madurez, o que significa que poden dividirse se reciben os estímulos axeitados (hormonas vexetais, por exemplo). As súas paredes celulares celulósicas son finas e flexibles, e xeralmente teñen forma poliédrica cando están formando os tecidos, aínda que adquiren formas máis esféricas se as illamos. Teñen grandes vacúolos centrais, que lles permiten almacenar auga, regular os ións e almacenar produtos residuais. As células do parénquima poden ter funcións secretoras (por exemplo, nos hidatodos, nectarios e células que tapizan os condutos resiníferos). Tamén poden intervir na reparación de feridas polo seu potencial meristemático de dividirse, o cal tamén se pon de manifesto na formación de órganos adventicios ou na soldadura dos tecidos nos enxertos.

A forma das células do parénquima varía coa súa función. No mosófilo esponxoso da folla, as células do parénquima varían desde case esféricas e colocadas moi soltas deixando espazos intercelulares [3] ata células ramificadas ou estreladas, interconectadas coas veciñas polos extremos das prolongacións formando unha rede tridimensional, como no feixón Phaseolus vulgaris.[4]

Tipos de parénquima vexetal editar

 
Parénquima amilífero na raíz de Ranunculus ficaria
 
Parénquima aerífero.
  • Parénquima clorofílico ou clorénquima: realiza a fotosíntese. Sitúase nas follas e nos talos verdes.[3] Nas follas pode ter dúas disposicións distintas.
    • Parénquima de barreira: principal tecido que realiza fotosíntese e proporciona alimento á planta. Ten cloroplastos e moitos vacúolos. Non deixa espazos intercelulares. A morfoloxía das células é alongada.
    • Parénquima esponxoso: posúe abundante espazo intercelular, o que lle permite realizar o intercambio de gases (O2, CO2) necesario para a respiración e a fotosíntese. Posúe grandes vacúolos e paredes celulares delgadas. Encóntrase en talos, follas e na porción carnosa das froitas.
  • Parénquima de reserva ou amilífero: almacena determinadas substancias ou nutrientes para a planta, como o amidón, nos plastidios (concretamente nos amiloplastos), e outras substancias como proteínas, graxas, aceites, auga en vacúolos, na propia parede celular ou no citoplasma. É frecuente en raíces engrosadas, sementes (endosperma, cotiledóns), tubérculos engrosados etc. As células que o compoñen son, polo xeral, de maior tamaño ca as anteriores, e non presentan espazos intercelulares.
  • Parénquima acuífero: as súas células teñen un enorme vacúolo cheo de auga e mucilaxe, polo que é característico da vexetación xerófita (plantas que habitan en medios áridos).
  • Parénquima aerífero ou aerénquima ten células moi pequenas que delimitan cavidades cheas de aire (lagoas parenquimáticas). É característico da vexetación hidrófita (que habita en medios acuáticos e, por tanto, pobres en osíxeno).
  • Parénquima vascular: protexe os tecidos condutores (xilema e floema) da planta.
  • Parénquima de recheo: ocupa os espazos libres. A súa principal característica é que as células son todas isodiamétricas.

Notas editar

  1. "eMedicineDictionary - Parenchyma". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2012. Consultado o 07 de agosto de 2012. 
  2. Aherne, W. & Dunnill, M. S. (1966) Quantitative aspects of placental structure. J Path Bacteriol 91 123-139
  3. 3,0 3,1 "Leaves". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 07 de agosto de 2012. 
  4. Jeffree CE, Read N, Smith JAC and Dale JE (1987). Water droplets and ice deposits in leaf intercellular spaces: redistribution of water during cryofixation for scanning electron microscopy. Planta 172, 20-37