Freixo común

especie de planta
(Redirección desde «Fraxinus excelsior»)

O freixo común, chamado simplemente freixo (Fraxinus excelsior) é unha árbore polígama de ata 30–40 m. O seu sistema radicular é potente e estendido e presenta un tronco dereito e cilíndrico cunha cortiza lisa e verde agrisada nos exemplares novos que se volve parda escura, rugosa e gretada nos exemplares adultos. A copa é alta, ovoide, estendida e pouco ramalluda.

Freixo común

Freixo senlleiro
Estado de conservación
Non ameazado
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Asteridae
Orde: Lamiales
Familia: Oleaceae
Xénero: Fraxinus
Especie: F. excelsior
Nome binomial
'Fraxinus excelsior'
L.
Distribución da especie
Distribución da especie

Distribución da especie
Folla composta do freixo
Fraxinus excelsior

Pódese confundir co freixo de folla pequena (Fraxinus angustifolia), do que se distingue por ter as xemas negras e aveludadas.

Esta especie é orixinaria de Europa e o oeste de Asia, habita en sebes, ribeiras e bosques con solos frescos e profundos. É abondosa no norte de Galiza, e no sur é substituída polo Fraxinus angustifolia. O segundo nome latino (Excelsior), significa o "mais alto", por ser o freixo que acada maior altura.

Ademais de freixo, a forma máis común en toda Galiza, outras denominacións galegas son: afereixo, afreixo, freixa, freixeira e frinxo. Para o colectivo existen as denominacións freixal, freixedo, freixeiro e freixido.

Descrición editar

As follas do freixo son dun tamaño que oscila entre os 20 e os 30 centímetros, caedizas, opostas, imparipinnadas, compostas de 9 a 13 folíolos (ás veces pode haber menos) de 5-11 x 1–3 cm cada un, sentados ou case sentados, entre ovados e lanceolados, acuminados no ápice, cuneados na base, serrados en todo o seu contorno, cun número de dentes dobre do número de nervios secundarios, verdes escuras na face e máis pálidas no envés. As follas, ó caer, adquiren unha tonalidade amarelenta moi chamativa.

As flores son de distintos tipos, unhas unisexuais e outras hermafroditas, pouco vistosas, amarelo-verdosas ou púrpuras, pequenas (2 mm), núas, con 2 estames e ovario súpero, agrupadas en panículas curtas de 2 a 3 cm, primeiro erectas, logo colgantes.

O froito é unha sámara de 25-50 x 7–10 mm, con á lanceolada, truncada ou escotada no ápice, arredondada na base, primeiro verde e despois parda. A semente madura a finais do verán.

Usos tradicionais editar

É unha especie leñosa importante na formación da paisaxe, empregada como ornamental, para o que se seleccionan moitas variedades. A madeira empregouse tradicionalmente na construción de carros e outros apeiros de labranza, en xeral aqueles elementos que requiren robustez e flexibilidade como os mangos.

O freixo parece se-la madeira preferida para os eixos dos carros, segundo o cantigueiro popular, pola súa sonoridade:

  • Se queres que o carro cante / bótalle o eixo de freixo / e se queres que o amor veña / dálle talladas de queixo.
  • Se queres que o carro cante / bótalle o eixo de freixo, / se queres ter un bo mozo / dálle talladas de queixo.
  • Se queres que o carro cante, / compañeiro, meu viciño, / bótalle o eixo de freixo / i as treitoiras de sangriño.
  • Se queres que o carro ande / forte a un tempo e velaíño, / bótalle o eixo de freixo / e as treitoiras de sanguiño.

A leña desta árbores é moi bo combustíbel e dá un carbón de primeira calidade xa que arde mesmo estando verde. As varas empréganse na cestería, e as follas como forraxe, moi apreciada para o engorde do gando.

Usos medicinais editar

As follas en infusión téñense empregado como laxante e diurético, e tamén para combater as enfermidades renais e a reuma. A cortiza pode empregarse para baixar a febre e tamén como aromática, aperitiva, tónica e expectorante. Para cura-la dor de cabeza úsanse infusións da casca maumiña de freixo.

Na Fonsagrada (Lugo), para cura-la úlcera dos meniños, empregan este remedio: botan nun prato de freixo nove cabezas de estrugas e nove areas de sal, fan sobre o corpo de cativo varias cruces e círculos e recitan a seguinte oración: “Sal de salgar,/ ortiga de ortigal,/ márchate Ulcera/ pró teu lugar,/ que nin crezas/ nin avivezas,/ nin fagas cousas/ que mal parezas./ Pol-o poder de Dios/ e da Virxe María,/ un Padre Nuestro/ e-un Ave María”. Débese repetir esta oración por nove veces, á vez que se botan ó lume o sal e as estrugas (Jesús Rodríguez López e Víctor Lis Quibén). Lis Quibén tamén recolleu no concello de Cotobade outro tratamento popular para cura-la úlcera que tamén utiliza un prato de freixo: botan nunha cunca de madeira de freixo nove gotas de aceite, nove de viño, nove de auga e nove areas de sal. Bendicen a parte enferma cun hisopo feito de nove gromos: tres de silva, tres de estruga e tres de fiúncho. O tratamento e o ensalmo correspondente repítese tres veces ó día durante nove días seguidos.

Cantigueiro editar

  • Ai, que freixeira tan alta! / Ai, que freixas tan maduras! / Ai, que nenas tan bonitas! / Quén che mas dera nas uñas!

O freixo, fonte de topónimos editar

 

A abundancia de freixos en Galiza explica a abundancia de topónimos derivados, tanto do nome da propia árbore como do colectivo. A seguinte relación, quitada do Nomenclátor, amosa a súa distribución histórica por toda a xeografía galega:

Galería de imaxes editar