Víctor Lis Quibén
Víctor Lis Quibén, nado en Buenos Aires en 1893 e finado en Pontevedra o 9 de xullo de 1963, foi un médico, político e escritor galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1893 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 9 de xullo de 1963 (69/70 anos) Pontevedra, España |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Renovación Española 24 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Confederación Española de Derechas Autónomas 1 de decembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | médico, político, escritor |
Traxectoria
editarMalia que Lis Quibén naceu en Buenos Aires, a súa familia era orixinaria de Cutián, San Xurxo de Sacos.
Médico de profesión, actividade que exerceu en Pontevedra, militou politicamente na ideoloxía monárquica. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi membro do somatén. No 1930 foi nomeado rexedor do concello de Pontevedra. Nas eleccións municipais de abril de 1931, obtivo acta de concelleiro polo mesmo municipio, cargo do que foi suspendido en 1932 por implicación no intento de golpe de Estado do xeneral Sanjurjo[1]. Nas eleccións de 1933 foi elixido deputado das Cortes pola provincia de Pontevedra como candidato da Unión Regional de Derechas, que agrupaba dirixentes dos agrarios e da CEDA. Nese mesmo ano, porén, contacta con José Antonio Primo de Rivera, quen o encarga da organización da Falange Española en Pontevedra, mais Lis Quibén abandonou de seguido as súas fileiras, ingresando en 1934 en Renovación Española. Nas eleccións xerais de 1936 foi elixido novamente deputado das Cortes, nas listas de Renovación Española.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou a colaborar inmediatamente cos sublevados, e ocupou a xefatura dunha autodenominada Guardia Cívica, que se dedicou a incautar locais dos sindicatos obreiros e organizacións agrarias de Pontevedra, participando en torturas e decenas de asasinatos.[2][3] Participou tamén na detención do deputado Ignacio Seoane Fernández, nos sucesos de Salcedo (12 de decembro de 1936) e na operación na que resultou morto o "escapado" Manuel González Fresco, O Fresco (1937). Nese mesmo ano a Guardia Cívica foi disolta. En total, está considerado responsábel da morte de 20 persoas e da detención de 30 máis. Ascendido ao grao de capitán médico de complemento dentro do corpo de Sanidade Militar, Lis Quibén proseguiu o resto da guerra incorporado ao exército franquista. Terminada a contenda abandonou a política, dedicándose ao exercicio da profesión médica e á investigación etnográfica na que xa publicara algún traballo nos anos da Segunda República, paradoxalmente iniciada na Revista Nós.
Obra publicada
editarAdemais de diversos artigos en revistas como Nós, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Douro Litoral, Antropología Médica etc, publicou as seguintes obras:
- Venticuatro horas en el convento de Poyo (1936)
- Santuario de Nuestra Señora de La Peneda (1961)
- El cancionero de Pontevedra (1963)
- El abantuxo (1963)
A obra principal de Lis Quibén, que en parte recolle materiais anteriores, publicados en revistas foi:
- La medicina popular en Galicia (1949), reeditada en Madrid, por Akal Editor en 1980 ISBN 84-7339-503-4.
Notas
editar- ↑ Cfr. o blog de Xosé Álvarez Castro
- ↑ "El psicópata que asesinó a decenas de personas en Galicia durante la guerra civil española: Víctor Lis Quibén". El Español (en castelán). 2024-12-08. Consultado o 2024-12-08.
- ↑ XI congreso de cooperación agraria[Ligazón morta]
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Víctor Lis Quibén |