Crónica de Paros

A Crónica de Paros (Χρονικὸν Πάριον) é un documento epigráfico que contén unha relación cronolóxica de diversos eventos lendarios, políticos e culturais de importancia sucedidos no mundo grego en sincronía cos diversos reis e arcontes atenienses. Abarca unha cronoloxía que vai desde o ano -1581 até o -264/3.

Fragmento da parte conservada no Museo Arqueolóxico de Paros.

A crónica está tallada no mesmo tipo de mármore que fai honra ao seu nome como mármore de Paros. O fragmento máis importante —que adoita denominarse fragmento A— foi trasladado a Inglaterra en 1627 por un emisario de Thomas Howard. A parte superior do mesmo foi destruída pero coñécese o seu contido porque foi publicado no século XVII antes da súa destrución. A parte inferior consérvase no Museo Ashmolean de Oxford (Reino Unido). Unha terceira parte —que se denomina fragmento B— atopouse en 1897 na illa grega de Paros e consérvase no Museo Arqueolóxico de Paros.

Coñécese tamén como:

  • Chronicon marmoreum.
  • Marmora paria.
  • Marmor parium.
  • Marmora arundeliana.
  • Marmora oxoniensia.
  • Marmorchronik.

Contido editar

Entre o contido da estela de mármore figura:

Fragmento perdido
Ano Contido
-1581/-1580 Fundación da primitiva Atenas por Cécrope I, fundador da liñaxe dos Cecrópidas.
-1573/-1572 Deucalión reina en Licorea.
-1531/-1530 Realízase o primeiro xuízo no Areópago, de Ares contra Poseidón.
-1528/-1527 Diluvio de Deucalión.
-1521/-1520 Anfictión reina nas Termópilas.
-1520/-1519 Os gregos pasaron a denominarse helenos.
-1518/-1517 Fundación de Tebas por Cadmo.
-1515/-1514 Dato fragmentario dun ano en que Anfictión reinaba en Atenas.
-1510/-1509 Chegada de Dánao e as súas fillas no primeiro pentecóntero á Hélade. Varias delas erixen o templo de Atenea en Lindos.
-1505/-1504 Institución das Panateneas. Nesa data tamén Erictonio foi o primeiro que xunguiu os cabalos ao carro para tirar del mentres que Hiagnis inventou a frauta en Frixia e realizou composicións en modo frixio en honra da Nai dos Deuses, de Dioniso e de Pan.
-1462 ou -1423 Reinado de Minos en Creta e descubrimento do ferro no Monte Ida polos Dáctilos ideos.
-1409/-1488 Chegada de Deméter a Atenas e o seu encontro con Triptólemo.
-1408/-1407 Triptólemo realiza a primeira recollida de gran.
-1399/-1398 Orfeo realiza a primeira composición poética do mito do rapto de Perséfone e a súa procura por Deméter.
-1397/-1396 Eumolpo institúe os Misterios de Eleusis.
-1325/-1324 Pandión II reina en Atenas.
Entre -1324/-1323 e -1308/-1307 Institúense os Xogos de Eleusis e o festival de Zeus Liceo en Arcadia.
Entre -1307/-1306 e -1295/-1294 Dato fragmentario referido a Heracles no período en que Exeo reina en Atenas.
-1294/-1293 Hai unha praga de fame na Ática e tras consultar o oráculo, fíxase o tributo que os atenienses deben pagar a Minos.
-1259/-1258 Teseo é rei de Atenas, onde institúe a democracia. Ademais coloniza a dodecápole xonia e institúe os Xogos Ístmicos.
-1256/-1255 As amazonas invaden a Ática.
-1251/-1250 A guerra dos Sete contra Tebas ten lugar, así como a fundación dos Xogos Nemeos.
-1218/-1217 A guerra de Troia empeza.
-1209/-1208 A toma de Troia ten lugar o 24 de tarxelión (que se corresponde co 5 de xuño).
-1208/-1207 Xuízo a Orestes no tribunal do Areópago.
-1202/-1201 Fundación de Salamina (en Chipre).
-1086/-1085 Neleo coloniza Mileto e o resto de Xonia: Éfeso, Eritras, Clazómenas, Priene, Lébedos, Teos, Colofón, Miúnte, Focea, Samos e Quíos e organiza Xogos Panxonios[nota 1].
-937/-936 Florecemento de Hesíodo.
-906/-905 Florecemento de Homero.
Fragmento de Oxford
Ano Contido
-895/-894 Introdución dos pesos e medidas por Fidón de Argos, que tamén cuñou moedas de prata en Exina.
Data indeterminada ao redor de mediados do século -VIII Fundación de Siracusa por Arquias, con emigrantes procedentes de Corinto.
-683/-682 Os arcontes pasan a exercer o seu cargo por un período dun ano.
-644/-643 Florecemento de Terpandro de Lesbos, que revolucionou a música.
-604/-603 Aliates convértese en rei de Lidia.
Data indeterminada Desterro de Safo á illa de Sicilia.
-591/-590 Realización de sacrificios dos Anfictións despois de derrotar a Cirra e instauración de xogos deportivos onde se outorgan premios monetarios procedentes do botín.
-582/-581 Introdución da coroa de loureiro como premio nos xogos de Delfos.
En torno ao -580 Primeiro coro de actores cómicos en Atenas, organizado no demo de Icario e inventado polo poeta Susarión, onde se premiaba ao vencedor cun cesto de figos e un odre de 40 litros de viño.
-561/-560 Pisístrato convértese en tirano de Atenas.
-556/-555 Embaixada de Creso a Delfos.
-541/-540 O rei Ciro II o Grande toma Sardes.
-536/-535 Posta en escena da primeira obra dramática de Tespis, onde se propuxo como premio para o vencedor un macho cabrío.
-520/-519 Darío I convértese en rei dos persas tras a morte de Gaumata.
-511/-510 Asasinato de Hiparco por Harmodio e Aristoxitón.[nota 2]
-509/-508 Primeiro certame de coros de homes (ditirambos), onde venceu Hipódico de Calcis.
-494/-493 Vitoria de Melanípides en Atenas.
-490/-489 Batalla de Maratón, onde Esquilo loitou con 35 anos.
-489/-488 Vitoria de Simónides de Ceos en Atenas. Morte de Darío e ascenso ao trono de Xerxes.
-485/-484 Primeiro triunfo dunha traxedia de Esquilo nas grandes Dionisias así como o nacemento de Eurípides e a chegada a Grecia do poeta Estesícoro[nota 3].
-480/-479 Xerxes manda construír unha ponte sobre o Helesponto e prodúcense as batallas das Termópilas e de Salamina.
-479/-478 Batalla de Platea e erupción do Etna.
-478/-477 Xelón convértese en tirano de Siracusa.
-477/-476 Vitoria de Simónides, o inventor dun sistema mnemotécnico, nunha competición coral de Atenas, así como data das estatuas de Harmodio e Aristoxitón.
-472/-471 Hierón convértese en tirano de Siracusa e estancia na cidade do poeta Epicarmo.
-469/-468 Vitoria de Sófocles cunha traxedia á idade de 28 anos.
-468/-467 Caída dun meteorito no río Egospótamos e morte de Simónides.
-461/-460 Morte de Alexandre I e ascenso ao trono de Macedonia do seu fillo Pérdicas.
-456/-455 Morte de Esquilo en Xela á idade de 69 anos.
-442/-441 Primeira traxedia de Eurípides que obtivo o primeiro posto nas grandes Dionisias, á idade de 44 anos. Sócrates e Anaxágoras foron contemporáneos del.
-420/-419 Morte de Pérdicas e ascenso ao trono de Macedonia de Arquelao.
-408/-407 Dionisio convértese en tirano de Siracusa.
-407/-406 Morte de Eurípides.
-406/-405 Morte de Sófocles aos 92 anos, e Ciro comeza a súa expedición.
-402/-401 Vitoria do poeta Telestes de Selinunte en Atenas.
-400/-399 Os helenos da Expedición do Dez Mil chegan á costa.
-399/-398 Vitoria de Aristónoo en Atenas.
Data indeterminada Vitoria en Atenas de Poliído de Selimbria cun ditirambo.
-380/-379 Morte do poeta ditirámbico Filóxeno aos 55 anos.
-377/-376 Vitoria do dramaturgo Anaxándrides en Atenas.
-373/-372 Vitoria de Astidamante en Atenas e incendio do templo de Apolo de Delfos.
-371/-370 Batalla de Leuctra onde vencen os tebanos, e ascenso ao trono de Macedonia de Alexandre II tras a morte de Amintas.
Entre -370 e -368 Vitoria de Estesícoro de Himera en Atenas (distinto do Estesícoro citado na data de -485/[[-484) e construción de Megalópole.
-368/-367 Dionisio II convértese en tirano de Siracusa despois da morte do seu pai e ascensión ao trono de Macedonia de Ptolomeo de Aloro despois da morte de Alexandre II.
-366/-365 Os focidios apodéranse do Oráculo de Delfos.
Data indeterminada Morte de Timoteo.
Data indeterminada. Ascenso ao trono de Macedonia de Filipo II e ascenso ao trono de Persia de Oco tras a morte de Artaxerxes II.
-357/-356 Dato fragmentario.
-355/-354 Dato fragmentario.
Indeterminada Dato fragmentario.
Fragmento de Paros
Ano Contido
-336/-335 Ascenso ao trono de Macedonia de Alexandre tras a morte de Filipo.
-335/-334 Alexandre marcha contra os tríbalos e os ilirios e destrúe Tebas.
-334/-333 Alexandre cruza a Asia e teñen lugar as batallas de Gránico e de Isos.
-333/-332 Alexandre apodérase de Fenicia, Chipre e Exipto.
-332/-331 Alexandre derrota a Darío preto de Arbela, toma Babilonia e funda Alexandría.
-330/-329 Florecimiento de Calipo, Alexandre atrapa a Darío e aforca a Beso.
-328/-327 Vitoria de Filemón o cómico e fundación dunha cidade helena a beiras do río Tanais[nota 4].
-324/-323 Morte de Alexandre e Ptolomeo faise co control de Exipto.
-323/-322 Guerra Lamiaca e Batalla de Amorgos entre atenienses e macedonios.
-322/-321 Antípatro toma Atenas e Ofelas toma Cirene.
-321/-320 Antígono cruza a Asia, enterro de Alexandre Magno en Menfis, morte de Pérdicas, Crátero e Aristóteles, e viaxe de Ptolomeo a Cirene.
-319/-318 Morte de Antípatro, fuga de Casandro de Macedonia, sitio de Cícico por Arrideo, conquista de Siria e Fenicia por Ptolomeo e elección de Agatocles como comandante do exército de Siracusa.
-317/-316 Batalla naval entre as frotas de Clito e Nicanor cerca do templo dos calcedonios e Demetrio promulga leis en Atenas.
-316/-315 Retorno de Casandro a Macedonia, reconstrución de Tebas, morte de Olimpia, fundación de Casandrea e Agatocles convértese en tirano de Siracusa. No mesmo ano tivo lugar a primeira vitoria do poeta Menandro en Atenas.
-313/-322 Morte do poeta Sosífanes.
-312/-311 Eclipse de sol, derrota de Demetrio Poliorcetes ante Ptolomeo en Gaza[nota 5].
-311/-310 Morte de Nicocreonte e Ptolomeo apodérase da súa illa.
-310/-309 Morte de Alexandre e de Heracles, fillos de Alexandre Magno, e Agatocles desembarca en África.
-309/-308 Fundación de Lisimaquia, nacemento de Ptolomeo II Filadelfo en Cos, e morte de Cleopatra de Macedonia en Sardes.
-308/-307 Demetrio Poliorcetes cerca e toma o Pireo e expulsa a Demetrio de Falero de Atenas.
-307/-306 Demetrio destrúe Muniquia e conquista Chipre.
-306/-305 Nacemento do poeta Sosífanes (por tanto trátase dun Sosífanes distinto do nomeado con ocasión do ano -316/-315.)
-305/-304 Sitio de Rodas e Ptolomeo ocupa o trono en Exipto.
-304/-303 Terremotos en Xonia e Demetrio toma Calcis.
-303/-302 Aparición dun cometa e Lisímaco cruza a Asia.
-302/-301 Dato fragmentario que cita a Demetrio e Casandro, nun ano en que Nicocles era arconte de Atenas.
-299/-298 Dato fragmentario onde se citan os personaxes de Demetrio, Casandro, os Ptolomeos e a cidade de Calcis.

Unha das cuestións destacábeis é que a crónica ofrece moitos datos sobre a fundación de diversos Xogos Panhelénicos e outros xogos e festivais helénicos pero con todo, non hai datos sobre os Xogos Olímpicos.

Notas editar

  1. Son as cidades da Liga Xónica.
  2. O texto engade que con iso liberaron a Atenas dos Pisistrátidas, pero isto era un erro moi difundido posto que o poder efectivo era exercido por Hipias, o irmán de Hiparco.
  3. A cronoloxía máis aceptada, en cambio, sitúa a Estesícoro entre os séculos -VII e -VI. Tratouse de explicar a datación deste poeta na Crónica de Paros sinalando a posibilidade de que o cronista coñecese a viaxe a Grecia do poeta pero descoñecese a súa data e quixese sincronizala cos grandes poetas tráxicos atenienses. Tamén se suxeriu que se podería tratar doutro poeta do mesmo nome que o máis coñecido Estesícoro: Marco Ercoles, La cronologia di Stesicoro e l’eclisse. Testimonianze letterarie e dati scientifici (en italiano) Arquivado 04 de xullo de 2019 en Wayback Machine., p.36, en revista «Prometheus» 34, 2008, 35-47.
  4. Véxase Arriano, Anábase de Alexandre Magno IV,1,3. Supónse que esta cidade era Alexandría Escate que en realidade estaba na beira do río Iaxartes, un río que ao que parece era confundido por algúns co río Tanais.
  5. Considérase que a data da eclipse de sol está equivocada, posto que a eclipse máis próxima tivo lugar en agosto do -310.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar