Os Pisistrátidas (en grego antigo Πεισιστρατίδαι / Peisistratídai), son os descendentes de Pisístrato, tirano de Atenas.

Literalmente, o termo designa aos seus dous fillos: Hipias e Hiparco, que herdaron e gobernaron conxuntamente en Atenas, tras o falecemento do seu pai no -527.

Hiparco (-527 - -514), mecenas e protector dos poetas Simónides de Ceos e Anacreonte, e promotor dunha gran biblioteca en Atenas, non ostentou, máis que de forma simbólica, o poder. Foi asasinado, no -514, polos tiranicidas Harmodio e Aristoxitón.

Hipias, que saíu indemne do atentado no que morreu o seu irmán, detentou durante máis tempo o poder, recruando a súa tiranía até límites insustentábeis.

No -510, os Alcmeónidas, que foran exiliados por Pisístrato, rebeláronse contra Hipias, e chamaron no seu auxilio a Esparta que se uniu a eles no ataque. A intervención, promovida por Cleómenes I, obrigou a Hipias a se refuxiar na Acrópole, os espartanos raptaron aos seus fillos forzando, para salvalos, o desterro do tirano, que abandonou Grecia e se refuxiou en Sixeo. Este foi o fin do dominio dos Pisistrátidas.