Pan (deus)

deus dos pastores e dos rabaños na mitoloxía grega

Pan (en lingua grega antiga Πάν) era o deus dos pastores e dos rabaños na mitoloxía grega;[1] era especialmente venerado en Arcadia, aínda que non tiña alí grandes santuarios. Pan é o deus da fertilidade e da sexualidade masculina sen freo. Seica este deus se dedicaba a perseguir ninfas polos montes. Os arcadianos crían que cando unha persoa durmía a sesta non se podía espertar, pois dese xeito interrompíase o sono de Pan.

O deus Pan

LendaEditar

Pan era o deus das brisas do amencer e da tardiña, vivía na compaña das ninfas nunha cova do Párnaso chamada Coriciana, atribúenselle dons proféticos e formaba parte do séquito de Dionisos, dise que compartía con este as súas costumes. Era cazador, curandeiro e músico. Polo que se conta Pan estaba dotado cunha grande potencia sexual, acosaba continuamente ás ninfas. Pan vivía nos montes e nas selvas, enredando coas ovellas e asustando ós homes que se atrevían a internarse no monte (de aí a palabra pánico). Pan represéntase cun caxato de pastor e unha siringa, tamén chamada Frauta de Pan. É amigo das fontes e a sombra das árbores. Tamén tiña o costume de se agochar entre os arbustos para espiar as ninfas. Pan ten moi mal espertar, sobre todo se se molesta durante a sesta.

Tivo amoríos coa ninfa Pitis; o seu rival Boreas, nun ataque de celos, tirou a Pitis dende o alto dun penedo; Xea, sentiu mágoa da ninfa e transformouna en piñeiro; dende entón Pan aparece cunha coroa de follas de piñeiro e seica esta árbore xeme cando sopra Boreas.

Pan namorouse tamén da ninfa Siringa, pero ela non o correspondía, unha vez que fuxía do acoso de Pan tirouse ó río e pediu axuda ás súas irmás as ninfas. Estas, compadecidas, convertérona en canaval; cando Pan chegou só puido abraza-las canas abaneadas polo vento, o son que producían gustoulle tanto que decidiu crear un novo instrumento musical con elas; deste xeito inventou a frauta chamada siringa en recordo da ninfa. Seduciu a Selene, a Lúa, regalándolle un vélaro de gran brancura. Pan e Selene eran venerados nunha cova do monte Niceo.

Os rituais de fertilidade orixinais foros asumidos a partir do século V polas Bacantes cuns rituais pagáns que se celebraron ata ben entrada a Idade Media.

A partir da Idade Media e ata os nosos días, a imaxe tradicional de Pan lígase á imaxe do diaño en forma de macho cabrío e ós aquelarres.

XenealoxíaEditar

Segundo a mitoloxía, Pan ten dezanove xenealoxías diferentes:

Unha das xenealoxías di que, cando Hermes pastoreaba os rabaños de Driops, tivo unha relación amorosa cunha das súas fillas, e dese encontro amoroso naceu o deus Pan. A súa aparencia era, de cintura para abaixo, a dun macho cabrío e o resto do seu corpo (da cintura para riba) de home, na testa tiña dous cornos, e a cara enrugada; o queixo de Pan sobresaía e todo el estaba cuberto dunha capa de pelo. Nada máis nacer escapou ás montañas, Hermes tivo que buscalo para levalo ó Olimpo envolto na pel dunha lebre. Foi no Olimpo onde os deuses lle puxeron o nome de Pan por ser fonte de diversión para todos eles.

Outra das posibles xenealoxías di que Pan é fillo de Penélope; segundo esta versión, na ausencia de Ulises, Penélope tivo varios amantes ó mesmo tempo e de todos eles preñou. Froito desa preñez nacería Pan, nome que significa fillo de todos.

Existe outra versión na que, repudiada por Ulises despois de retornar e acusala de infiel, Penélope concibiu a Pan de Hermes.

Existen lendas que din que é fillo de Zeus e de Hybris ou de Zeus e Calixto.

Despois da batalla de Maratón foi incluído entre os grandes deuses recoñecidos polo estado. En Atenas foille consagrada unha das grutas da vertente norte da Acrópole, e instituíse na súa honra unha festa anual cunha carreira de fachos.

NotasEditar

  1. "Pã". Portal São Francisco (en portugués). 2016-01-04. Consultado o 2022-08-23. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar