O pene é o órgano masculino que intervén na excreción urinaria e en certas prácticas sexuais.[1] O pene en erección, en especial a súa representación, recibe o nome de falo. Intervén na expulsión do esperma e os ouriños e a súa forma e tamaño depende do grao de excitación sexual e doutros factores externos. É por tanto un órgano cunha función dupla: sexual e excretora.

Representación artística dun pene, época romana.

Alén diso, e derivado da súa representación da masculinidade, o falo ten un significado simbólico a nivel psíquico. Do mesmo xeito o falo cobra significado en manifestacións relixiosas, antropolóxicas e culturais.

Denominación

A palabra pene procede do latín penis, que significa "cola". Á súa vez, crese que este termo latino deriva do grego πέος. O termo falo provén do latín phallus, e este do grego φαλλός, o cal podería derivar do verbo fenicio phalla, que quere dicir "ser admirable", ou ben da palabra phalou, que significa "cousa secreta e oculta".[2]

Na linguaxe familiar ou vulgar ten varios sinónimos en distintos idiomas. Camilo José Cela dedicou un volume do seu Diccionario Secreto aos diversos nomes do órgano en cuestión en lingua castelá. Como noutras palabras referentes ao aparato sexual -masculino ou feminino-, o recurso aos eufemismos e expresións metafóricas para designar o pene deu lugar a unha longa lista de sinónimos e denominacións figuradas e familiares, entre as cales están as seguintes: caralla, caralleta, carallo, cipote, fleme, gaita, garabatillo, maneto, minga, mingalla, mingallo, miñoca, mioca, moca, moco, nabo, óso, pau, paxaro, picha, pirola, pirolo, pirulí, pirulo, pisa, pisparro, pispilete, pistolo/pistola, pistolón, pita, pitilín, pito, pixa, porra, porro, rabo, rella, tolete, verga, vergallo.[3]

Para os distintos termos usados en argot para "pene", pode verse WikiSaurus:pene

Aspectos anatómicos e fisiolóxicos

 
Sección transversal do pene.

Anatomía

O aparato xenital masculino consta dun órgano par, o testículo, no que se producen os espermatozoides, e dunha longa serie de vías que transportan os espermatozoides por medio do líquido espermático dende o testículo ata o meato, situado no extremo do pene. Os testículos, en número de dous, alóxanse en sendas bolsas cutáneas exteriores ao abdome, chamadas escrotos. Deles parten os condutos deferentes, que finalizan ao unirse ao conduto excretor das vesículas seminais para constituíren o conduto exaculador. Dito conduto exaculador desemboca na uretra ao atravesaren a próstata. A uretra transporta o líquido espermático e a urina ata o extremo do pene, onde son expulsados ao exterior.[4]

O pene consta dun segmento cilindroideo ou parte libre, que está pendurado por diante das bolsas do escroto, e dunha raíz suxeita ás ramas isquiopubianas e ao perineo. Estruturalmente o armazón fundamental do pene está constituído polos seus tres corpos eréctiles: dous corpos cavernosos e un corpo esponxoso.

Cada un dos corpos cavernosos é unha formación cilíndrica afiada polos seus extremos. Na parte libre do pene os corpos cavernosos discorren xuntos polo seu dorso ata que, ao chegaren á raíz, diverxen, aplicándose cada un deles á correspondente rama isquiopubiana, á cal quedan suxeitos polo correspondente músculo isquio-cavernoso. O corpo esponxoso é un longo cilindro cuxa metade anterior se incorpora á parte libre do pene, onde queda en posición ventral e entre os dous corpos cavernosos, mentres que a metade posterior se dispón ao longo da liña media do perineo anterior. O seu extremo posterior constitúe o bulbo esponxoso. No extremo contrario, o corpo esponxoso expándese en sentido dorso-lateral para constituír a glande ou bálano, de forma sensiblemente cónica en cuxo vértice se atopa o meato. A glande presenta unha falla ventral en forma de escote angular.[5]

O corpo esponxoso está percorrido en toda a súa lonxitude pola uretra peneana, que desemboca no meato. A uretra presenta dúas dilatacións: unha anterior (a fosa navicular), próxima ao meato, e outra posterior (a fosa bulbar), próxima ao bulbo. A parte libre do pene está cuberto por unha pel moi fina e elástica que no seu extremo anterior, no canto de fixarse no contorno do meato urinario, se invaxina continuándose cunha folla mucosa ata rematar xusto por debaixo da coroa da glande. Esta vaíña así constituída chámase prepucio. Un freo tamén elástico liga o devandito escote da glande co punto ventral do anel prepucial. En condicións normais o anel prepucial é o bastante grande para permitir que a glande se exteriorice cando a pel do pene é retraída cara a raíz do membro, como acontece durante a erección. A estreitura do prepucio é coñecida como estenose prepucial ou fimose. A cuberta do pene inclúe, como no escroto, un estrato muscular liso, chamado dartos. Cubrindo este estrato hai unha capa de tecido celular subcutáneo extraordinariamente laxo que permite o deslizamento da pel sobre a fascia penis, vaíña fibrosa que envolve o complexo antes descrito dos corpos eréctiles. Sobre a fascia penis corre a vea dorsal superficial, que recolle o sangue cutáneo, e en posición lateral, as dúas arterias dorsais, mentres que a vea dorsal profunda vai en posición subfascial. Por dentro de cada un dos corpos cavernosos discorre a correspondente arteria cavernosa, que deriva da arteria pudenda interna.[5]

O pene humano carece de baculum, un óso que se encontra no pene de moitas especies de mamíferos e cuxa función é a de facer posíbel a erección. O pene humano, a diferenza dos doutros primates, pendura fóra da cavidade abdominal, e con iso exponse a posibles lesións. Entra dentro do posible que os nosos antepasados tivesen baculum, como tantos outros mamíferos actuais, e que o perdesen xunto co pregadura da pel abdominal que o cubría. Porén non se coñecen fósiles de ósos do pene entre os antepasados do home moderno e esta posibilidade faise indemostrable.[6]

A seguinte táboa reflicte as diferenzas anatómicas entre mamíferos domésticos no que se refire ao aparato reprodutor masculino:[7]

Touro, cervo e carneiro Cabalo Porco Can Gato Llama
Orientación testicular Cauda vertical cara a abaixo Horizontal Cauda perineal cara a arriba Horizontal Cauda perineal cara a arriba Cauda perineal cara a arriba
Ampola + + +- +- - +-
Vesícula seminal + + + - - -
Bulbouretra + + ++ - + +
Próstata + + + + + +
Tipo de pene Sigmoide fibroelástico Vascular Sigmoide fibroelástico Vascular Vascular Sigmoide fibroelástico

Fisioloxía

 
Disposición das arterias (arriba) e das veas (abaixo) nos corpos cavernosos e no corpo esponxoso.
Vídeo dunha exaculación.

Para poder empregar o pene en actos de tipo sexual este debe estar en erección. A erección é produto da actividade rexistrada polos centros nerviosos superiores do cerebro (erección psicóxena) ou da estimulación da pel da rexión xenital (erección reflexoxénica). As febras nerviosas aferentes procedentes da rexión xenital esténdense polos nervios pudendos ata a zona sacra da medula espiñal. Os impulsos no nervio cavernoso provocan a dilatación da arteria pudenda interna e das súas ramas principais.[8] A erección lógrase a través de dous mecanismos hidráulicos sinérxicos: por unha banda a ingurxitación dos corpos cavernosos do pene, a través da dilatación das arterias que o irrigan ao tempo que se contraen as vénulas correspondentes; por outra parte a compresión que exercen os músculos isquiocavernosos contra o arco isquiático, que impide a drenaxe dos tecidos cavernosos. En definitiva, é a maior afluencia e menor evacuación de sangue o que fai cobrar volume e dureza ao pene.[9]

Os nervios pudendos proporcionan respostas sensoriais que manteñen a erección durante a estimulación xenital, e que proveñen na súa meirande parte dos receptores táctiles cutáneos existentes na glande. A emisión e a exaculación son considerados os estadios finais do acto sexual masculino. Cando a estimulación sexual se fai moi intensa as contraccións rítmicas no conduto deferente e na ampola impulsan aos espermatozoides cara ao conduto exaculador, e a continuación segrégase líquido prostático e contráense as vesículas seminais. Este proceso chámase emisión. A exaculación é a expulsión do líquido ao exterior a través do pene. Durante a exaculación péchase o esfínter vesical para evitar a saída da urina da vesícula e o retroceso do seme, e prodúcense contraccións musculares que conducen o líquido seminal ao longo do pene. A exaculación adoita ir acompañada dunha sensación pracenteira chamada orgasmo.[8] A exaculación prodúcese normalmente co pene en erección, pero tamén pode acontecer en semierección ou co pene en estado fláccido. Certos estados patolóxicos poden provocar que se produza un orgasmo sen exaculación ou unha exaculación sen orgasmo. Os orgasmos múltiples son excepcionais e sempre acontecen durante a adolescencia e en homes de ata 20 anos de idade, tras un período de aprendizaxe e adestramento no que aprenden a separar exaculación de orgasmo.[2]

 
Morfoloxía externa dos xenitais masculinos.
 
Morfoloxía externa típica do pene en erección.

Morfoloxía

Na cultura popular é habitual considerar que o tamaño do pene está relacionado coa masculinidade. Aínda así, non ten moita relación coa capacidade reprodutiva e sexual dun individuo, agás casos extremos.

Un estudo presentado no Congreso Nacional de Androloxía celebrado en Alacant no 2001 realizou medicións en 572 homes entre os 22 e os 75 anos de idade, cunha idade media de 53. A lonxitude media en flaccidez foi de 8,75 cm; en extensión máxima de 12,43; e en rixidez de 13,58. Entre os homes estudados a lonxitude mínima en erección foi de 8,2 cm e a máxima de 19,6. A circunferencia media do pene en erección foi de 11,25 cm, cunha mínima medida de 7 cm e unha máxima de 17 cm. O tamaño do pene tamén varía ao longo da vida: aumenta de tamaño dende a puberdade ata os 20 anos, e diminúe ao longo da terceira idade.[2]

No desenvolvemento embrionario, o órgano que no embrión de sexo masculino se converterá no pene é o equivalente ó que no embrión de sexo feminino se converterá no clítoris. Naqueles casos nos que se presenta algunha alteración durante tal desenvolvemento, é posible que o estado do neonato se corresponda co coñecido como hermafroditismo, é dicir, que o seu pene ou o seu clítoris se atope en etapas intermedias na súa formación. Como consecuencia desta anomalía algúns individuos poden presentar, na idade adulta e independentemente do seu sexo hormonal, un pene excepcionalmente pequeno ou ben un clítoris excepcionalmente grande, alén doutras peculiaridades fisiomorfolóxicas.

O tamaño do pene varía moito entre as especies, mesmo entre aquelas moi relacionadas. Por exemplo, o pene erecto dun gorila adulto ten uns 4 cm, mentres que o do chimpancé, cuxo tamaño corporal é significativamente menor, mide aproximadamente o duplo. O chimpancé común (Pan troglodytes) ten o terceiro pene máis grande entre os grandes simios. O pene humano e máis grande có do chimpancé común, tanto en termos absolutos como proporcionalmente ao tamaño corporal.

Con arredor de 2 m, o pene da balea azul é o máis grande de todo o reino animal, mais proporcionalmente ao seu tamaño, o percebe ten o pene máis longo: unhas vinte veces a lonxitude total do animal. Os gorilas posúen penes relativamente pequenos, aínda que o de menor tamaño entre os vertebrados pertence á musaraña, cuns 5 mm. Entre as aves, só as pertencentes á superorde paleognathae (tinamúes, avestruces, casuarios etc) e á familia anátidos (parrulos, gansos, cisnes etc) posúen pene e a súa estrutura é diferente á do pene dos mamíferos. O parrulo de lagoa arxentino (Oxyura vittata) ten o pene máis longo entre os vertebrados proporcionalmente á masa corporal: o seu membro viril está enrolado no estado fláccido, e en estado erecto é común que mida a metade da lonxitude do seu corpo, quer dicir uns 20 cm. Crese que tamaños tan importantes poden ter relación coa competencia existente entre estas aves promiscuas.

A maioría dos marsupiais, agás as dúas especies máis grandes de canguros, teñen o pene bifurcado, separado en dúas columnas e rematado en dúas puntas. Os machos da orde dos réptiles squamata (que inclúe lagartos e serpes) caracterízanse por ter hemipenes, quer dicir, o seu aparato reprodutor consta de dous penes. O golfiño ten control prénsil sobre o seu pene e pode usalo como un apéndice sensorial co cal sonda o fondo do mar.

A estrutura homóloga do pene nos insectos macho é coñecida como aedeagus.

Variacións temporais

Ao longo da vida do home o comportamento dos xenitais experimenta variacións notables: diminúe a cantidade de esperma emitido en cada exaculación e a súa calidade, e emprégase máis tempo en completar unha erección. Entre os 40 e os 70 anos de idade a porcentaxe de homes que non teñen problemas de impotencia descende do 60% ao 30%. No referente ás dimensións, o pene tamén sofre cambios a partir dos 30 anos de idade:[10]

  • Cor e pel: o fluxo sanguíneo que chega ao glande diminúe e isto provoca un cambio na súa cor. Comeza a perda de pelos pubianos. Coa redución dos niveis de testosterona o pene retorna á fase pre-puberal.
  • Dimensións: a tendencia habitual a incrementar os tecidos adiposos do abdome fai que a dimensión aparente do pene diminúa. Nalgúns casos o pene queda oculto dentro do tecido graxo. Alén diso, o pene experimenta unha redución real do seu tamaño, que sen ser notable é significativa. O motivo son os depósitos de graxa nas arteiras, o cal dificulta a afluencia de sangue ao pene durante a erección. Arredor dos 40 anos de idade varía tamén a dimensión dos testículos, que tenden a facerse máis pequenos: os dun home de 30 anos teñen de media un diámetro de 3 centímetros, mentres que os dun de 60 miden 2 centímetros.
  • Curvatura. Aqueles penes de forma curva experimentan unha acentuación da súa curvatura. Nalgúns casos esta variación na forma pode ser resolta por métodos cirúrxicos.
  • Sensibilidade. A partir dos 40 anos o pene perde sensibilidade. Este feito pode facer máis difícil a consecución do orgasmo.

Patoloxías

   
Pene non circuncidado (esquerda) e circuncidado (dereita)    
Hipospadias uretral (esquerda) e parafimose (dereita)    
Enfermidade de Peyronie (esquerda) e chancroide (dereita)

Existe unha serie de doenzas que afectan ao pene en maior ou menor medida. Algunhas delas son de transmisión sexual, pero outras teñen outras orixes ou mesmo poden ser de tipo conxénito. Entre outras, existen as seguintes:[11]

  • Epispadia: anomalía da uretra que consiste na apertura da uretra ao exterior na cara dorsal do pene, nun punto previo ao extremo. Adoita ir asociado a outras anomalías conxénitas.
  • Hipospadias: anomalía análoga ao epispadia, pero con abertura na cara ventral do pene.
  • Fimose: presenza dun prepucio redundante que non pode retraerse sobre a glande, imposibilitando que quede ao descuberto. Pode ser de natureza conxénita ou adquirida. Ten tratamento cirúrxico, coñecido como circuncisión. Antigamente, capistración.
  • Parafimose: retracción mantida por un prepucio cinguido tras o suco coroal.
  • Enfermidade de La Peyronie ou cavernite fibrosa: aparición de tecido fibroso no septo intracavernoso do pene, que causa a distorsión do pene erecto e unha erección dolorosa.
  • Priapismo: erección anormal, persistente e dolorosa, de aparición repentina e non relacionada co desexo sexual. Adoita presentarse asociado a outras doenzas; no verdadeiro priapismo non hai erección da glande nin dos corpos esponxosos.
  • Trombose dos corpos cavernosos: a invasión do trombo no tecido fibroso produce unha distorsión na erección.
  • Balanite: inflamación da glande, adoito unida á do prepucio. Pode estar provocado por procesos infecciosos, como é o caso da balanite gangrenosa, que chega a destruír a glande e os xenitais externos.
  • Herpes xenital: causado polo virus do herpes tipo II, de transmisión sexual e que afecta a ámbolos dous sexos. Sobre a glande fórmanse pápulas que se transforman en vexigas que, ao romperse, deixan úlceras superficiais.
  • Chancroide ou chancro brando: infección venérea, non sifilítica producida pola bacteria Haemophilus ducreyi, que comeza cunha pústula nos xenitais externos que se estende ata os ganglios inguinais producindo necrose, dor e sensibilidade ao tacto.
  • Linfogranuloma: infección de transmisión normalmente venérea. Pode coexistir coa sífilis, o chancroide e o linfogranuloma venéreo.
  • Granuloma inguinal: infección crónica, producida polo Calymmabacterium granulomatis, de transmisión sexual, caracterizada pola aparición de úlceras no perineo (na muller, na vulva) e granulomas nos xenitais externos; pode estenderse á pel e ósos.
  • Estenose uretral: estreitamento da uretra causado por infeccións, polo uso de catéteres ou por traumatismos. Pode vir acompañada de infeccións en calquera parte do tracto xenitourinario.
  • Verrugas venéreas: producidas polo virus do papiloma humano, adoitan presentarse arredor da base da glande con prepucio fimótico.
  • Varios tipos de cáncer.

Aspectos psíquicos e culturais

Artigo principal: Falo.

Psicanálise

Para a teoría psicanalítica o pene constitúe un obxecto libidinal durante o estadio prexenital do desenvolvemento psicosexual. Freud considera que os chamados obxectos parciais, entre eles o pene, son os que confiren a súa condición sexuada á persoa que os posúe.[12] Nos primeiros anos da vida a esixencia libidinal vai aparecendo en distintos órganos, o que vai marcando fases sucesivas, das cales a fase fálica, centrada no pene, é a de culminación da sexualidade infantil. A fase edípica posterior aparece cando o neno se decata de que a nena non ten pene e de que o seu desexo de posuír á súa nai supón para el o risco de perder o seu propio pene, no que se denomina complexo de castración.[13]

O analista junguiano Robert M. Stein mostra a diferenza entre o pene como órgano e Falo, o deus que personifica o tipo especial de enerxía impulsiva e explosiva á que os homes son especialmente susceptibles. Dende esta perspectiva, a atención do home á súa potencia fálica, tendente á penetración como exploración, vai en detrimento da vertente afectiva da súa alma, que percibe a penetración como fusión.[14]

Relixión e superstición

 
Hermes, en Siphnos.

Ao longo da historia practicamente todas as relixións empregaron o falo como símbolo de fecundidade, moitas veces herdado de substratos mitolóxicos anteriores aos que se lles daba un tratamento asimilador á nova fe.

No imperio exipcio atopáronse exvotos con forma fálica a Hathor, divindade asociada ao sexo e á fertilidade.[15] Na antiga Grecia celebrábanse festas en honor de Baco, nas que se consumían pasteis en forma de falo e tortas con forma de embigo. As bacantes executaban danzas lascivas e místicas. O culto ao falo foi introducido na Etruria por sacerdotes gregos baixo o nome de Baco e Liber, e nel levábanse a cabo tamén cerimonias de desfloración e de cura da infertilidade.[16]

Entre os indios as representacións do falo atópanse sobre os muros dos templos. En ocasións era levado como ornamento ou como amuleto, era obxecto de veneración e posuía virtudes medicinais.[16]

Nas representacións de Cristo da Idade Media o pano que cobre o corpo espido insinúa cos seus pregos a forma do falo, recreando a erección que a crenza popular atribúe aos estertores da morte. Noutros casos a forma do corpo crucificado traspón sobre o ventre unha erección vertical. Antes da revolución francesa en moitas igrexas había representacións de falos sobre as portadas e cuxa presenza se considera herdanza de tradicións pagás, tales como a de Hermes, Fascinus etc.[17]

Sociedade

Mentres que se acepta comunmente que existen diferenzas físicas entre as razas, as diferenzas no tamaño do pene foi un tabú porque podía facerse unha lectura que implicase que unha raza é "superior" ou "inferior" a outra. O intelectual Franz Fanon cobre este tema en Black Skin, White Mask (Pel negra, máscara branca, 1952), onde se inclina cara á opinión de que a suposta correlación positiva entre os penes grandes e a ascendencia africana é un mito. Por outro lado, un estudo estatístico Race, Evolution, and Behavior: A Life History Perspective (Raza, Evolución, e Comportamento: Unha Perspectiva da Historia da Vida, 1995), defende a opinión oposta. As cuestións culturais implicadas na relación entre o tamaño do pene e a raza son complexas. Por exemplo, na historia estadounidense, os escravos africanos foron percibidos a miúdo como animais sexuais, segundo o ilustrado polo personaxe principal da novela Invisible Man de Ralph Ellison.

O que semella unha constante cultural é a implicación dos xenitais nas cerimonias de iniciación que dan fin á infancia, é dicir, que marcan o paso dunha sexualidade edípica a unha sexualidade obxectal. No caso do home son especialmente significativas a circuncisión, a subincisión e a ablación testicular ou monorquidia. A circuncisión, consistente na eliminación do prepucio, ten unha difusión case universal e está vinculada por moitos autores á castración. Coa práctica da subincisión, que consiste na apertura de parte ou toda a uretra peneana mediante un corte na superficie inferior do pene, os xenitais masculinos feminízanse, ao obrigaren ao home a ouriñar agachado. A subincisión está moito menos difundida que a circuncisión, normalmente sucédea cunha diferenza dun par de anos.[18]

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pene.
  2. 2,0 2,1 2,2 ARRONDO ARRONDO, J.L. (2006). Historia íntima del pene. La nueva sexualidad masculina. Nau Llibres. ISBN 84-7642-810-3.  (en castelán)
  3. www.vieiros.com (ed.). "¿Trebellas ou traballas?". Arquivado dende o orixinal (Html) o 09/11/2020. Consultado o 19/09/2010. 
  4. JACOB, S. (2002). Atlas de anatomía humana. Elsevier España. ISBN 84-8174-653-3.  (en castelán)
  5. 5,0 5,1 SANTOS GUTIÉRREZ, L. (1998). Síntesis de anatomía humana. Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-879-6.  (en castelán)
  6. MARGULIS, L.; SAGAN, D. (1992). Danza misteriosa. Editorial Kairós. ISBN 84-7245-254-9.  (en castelán)
  7. CUNNINGHAM, J.G. (2003). Fisiología veterinaria. Elsevier España. ISBN 84-8174-659-2.  (en castelán)
  8. 8,0 8,1 POCOCK, G. (2005). Fisiología humana: la base de la Medicina. Elsevier España. ISBN 84-458-1479-6.  (en castelán)
  9. URROZ, C. (1991). Elementos de anatomía y fisiología animal. EUNED. ISBN 9977-64-602-3.  (en castelán)
  10. FREEMAN, D. www.men.webmd.com, ed. "Experts explain how a penis changes in size, appearance, and sexual function as a man ages.". Arquivado dende o orixinal o 05/10/2010. Consultado o 29/09/2010.  (en inglés)
  11. BUJA, L.M.; KRUEGER, G.R.F. (2006). Netter: anatomía patológica. Elsevier España. ISBN 84-458-1563-6.  (en castelán)
  12. DORON, R; PAROT, F. (2004). Diccionario Akal de Psicología. Ediciones Akal. ISBN 84-460-1258-8.  (en castelán)
  13. GARCÍA VEGA, L. (2007). Breve historia de la psicología. Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-1294-0.  (en castelán)
  14. DOWNING, C. (1994). Espejos del yo. Editorial Kairós. ISBN 84-7245-267-0.  (en castelán)
  15. REDFORD, D.B. (2008). Hablan los dioses. Diccionario de la Religión Egipcia. Editorial Critica. ISBN 84-7423-743-2.  (en castelán)
  16. 16,0 16,1 MORALI-DANINOS, A. (1992). Historia de las relaciones sexuales. Publicaciones Cruz O. ISBN 968-20-0180-3.  (en castelán)
  17. SÁNCHEZ, J.A. (2003). Situaciones: un proyecto multidisciplinar en Cuenca. Universidad de Castilla La Mancha. ISBN 84-8427-265-6.  (en castelán)
  18. AGUIRRE BAZTÁN, Á. (1994). Psicología de la adolescencia. Marcombo. ISBN 84-267-0971-0.  (en castelán)

Véxase tamén

Outros artigos