Sorícidos
Sorícidos Soricidae Musarañas, murgaños, furaños e furafollas Rango fósil: eoceno medio - actualidade | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Crocidura russula | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||||||
A dos sorícidos (Soricidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos soricomorfos,[1] que reúne numerosas especies coñecidas vulgarmente como musarañas[2], muraños,[3][4] murgaños (ou morgaños),[5] furaños[6][7] e furafollas.[8][9]
Son animais de pequeno tamaño que se encontran en todo o mundo, agás en Australia, Oceanía, as rexións máis próximas aos polos e na maior parte de Suramérica,[10] e que se caracterizan polos seus pequenos ollos e por presentaren un longo fociño con vibrisas (bigotes) moi sensíbeis.
Na súa forma e tamaño son similares aos ratos, pero non son roedores, senón que están emparentados coas toupas, aínda que recentemente suxeriuse que teñen unha relación xenética máis próxima cos ourizos. Durante moito tempo estiveron incluídos na hoxe desbotada orde dos insectívoros.
Morfoloxía
editarTodas as musarañas son comparativamente pequenas, varias apenas alcanzan o tamaño dun rato doméstico.
A especie máis grande deste grupo, do tamaño dunha rata, é a especie Suncus murinus, da Asia tropical, que mide cerca de 15 cm e que pode chegar aos 100 g.[11]
No outro extremo está Suncus etruscus, cunha lonxitude de entre 3,5 e 5 cm e un peso de 1,8 a 3 g, que quizais sexa o mamífero máis pequeno que existe.[12]
A cabeza presenta un fociño longo e afiado, en forma de trompa, que supera moito o nivel dos incisivos.[10][13]
O seu cranio é alongado, e carece de arcos zigomáticos; as súas suturas fusiónanse moi cedo.[12]
A súa fórmula dentaria é: 1.3.5.1.3 / 1.1.1.3 = 28-32.[10]
Un dos incisivos do maxilar inferior está moi desenvolvido, e ás veces presenta cúspides adicionais no seu bordo cortante.
O incisivo anterior do maxilar superior está curvado cara a abaixo e é bifurcado, formando unha especie de tences co inferior, que serven para capturar e suxeitar ás súas presas.
Os premolares, excepto o posterior (P4), mostran unha tendencia á redución.
O premolar posterior é grande e molariforme.
En moitas especies as cúspides dos dentes presentan unha coloración escura.[12]
Os ollos xeralmente son moi pequenos, pero nunca están cubertos pola pel.
As orellas, sempre prsentes, son tamén polo xeral pequenas, e frecuentemente están cubertas na súa maior parte pola pelaxe.[10][12]
A cola, aínda que longa, é habitualmente máis curta que a lonxitude conxunta da cabeza e o tronco.[10]
Bioloxía
editarHábitat e distribución
editarHábitat
editarAs musarañas viven en lugares moi diversos, incluso en desertos, rexións circumpolares e augas correntes. Aínda que hainas semiacuáticas, a maioría das case 400 especies de musarañas coñecidas son terrestres. Prefiren os lugares con certa humidade, así como os terreos pedregosos con abundante vexetación. Habitan predominantemente ao abeiro da vexetación baixa, entre a follaxe de árbores e arbustos, en bosques caducifolios, límites de campos de cultivo, pozas, bordos de camiños, pasteiros con herba cortada etc.[10]
Distribución
editarAs musarañas distribúense por case toda a Terra firme, e só está ausentes de Australia, Oceanía, as rexións máis próximas aos polos e da maior parte de Suramérica.[10]
Costumes
editarAlimentación
editarSon os mamíferos máis activos que existen. Animais solitarios cazan os seus alimentos tanto de día coma de noite. Moitas das especies, en especial as europeas, comen o seu propio peso en insectos diariamente, e poden chegar a morrer se pasan máis de catro horas sen comer, por iso se alimentan cada 2 ou 3 horas e viven en lugares onde o alimento abunda. O seu alimento baséase en invertebrados e, ás veces, poden aproveitar prea, e poden chegar a cazar e comer pequenos vertebrados tales como trilladeiras, ratos de campo, lagartas e incluso (en casos excepcionais) ratas.[10]
Algunhas especies de musaraña teñen saliva velenosa que usan para paralizar presas pequenas, como insectos e miñocas, ao igual que as toupas.[12]
Inimigos
editarA maioría das especies deféndense dos seus depredadores mediante unhas glándulas odoríferas nos flancos, e que son especialmente visíbeis no machos, que producen un olor almiscrado desagradábel,[13] que os fai un prato pouco atractivo para animais con bo olfacto, como cans e mapaches, aínda que algúns mamíferos as cazan e despois as deixan abandonadas a causa do seu cheiro. Porén, son depredadas principalmente polas aves, que teñen un sentido do olfacto débil, especialmente polas curuxas e as rapaces diúrnas.[10]
Reprodución
editarEscavan tobos, que tapizan con vexetación, e teñen alí ás súas crías, unhas seis por parto, que nacen sen pelo. A xestación ten unha duración de entre 27 e 33 días, normalmente menos de 30. A súa vida é breve, de apenas un ano, sendo os mamíferos con menor lonxevidade, aínda que en catividade poden vivir até catro anos.
Taxonomía
editarDescrición da familia
editarA familia dos Sorcicidae foi descrita en 1814 polo zoólogo e paleontólogo saxón, nacionalizado ruso, Gotthelf Fischer von Waldheim, en Zoognosia tabulis synopticis illustrata, in usum prälectionum Academiae Imperialis Medico-Chirurgicae Mosquentis edita, 3: x.[1]
Sinónimos
editarAdemais de polo nome que lle impuxo G. Fischer , e actualmente válido, o grupo coñeceuse polos sinónimos (que non son de familia):[1]
- Sorexineae, Lesson, 1842
- Soricinorum, G. Fischer, 1814
Etimoloxía
editarO nome científico da familia, Soricidae, está formado normalmente engadíndolle á raíz soric-, xenitivo do nome do seu xénero tipo, Sorex, a desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais, tirada do grego antigo εἴδος eídos, "aspecto", "aparencia", "forma".
En canto a Sorex, está tomado do latín sōrex, -icis, "rato", e tamén "musaraña".
Clasificación
editarCon 368 especies, a dos Soricidae é a máis grande familia de soricomorfos (e de todos os chamados insectívoros). Este gran número de especies distribúense en 26 xéneros, agrupados nas tres subfamilias existentes actualmente: Crocidurinae, Myosoricinae e Soricinae.[14]
Desde o punto de vista da diversidade de especies, a familia das musarañas é a cuarta dos mamíferos, superada só polas familias dos Muridae e os Cricetidae, que forman parte dos roedores (da superfmailia dos Muroidea), e a familia dos Vespertilionidae, dos morcegos.
Familia Soricidae
- Subfamilia Crocidurinae
- Xénero Crocidura
- Xénero Diplomesodon
- Xénero Feroculus
- Xénero Paracrocidura
- Xénero Ruwenzorisorex
- Xénero Scutisorex
- Xénero Solisorex
- Xénero Suncus
- Xénero Sylvisorex
- Subfamilia Myosoricinae
- Xénero Congosorex
- Xénero Myosorex
- Xénero Surdisorex
- Subfamilia Soricinae
- Xénero Anourosorex
- Xénero Blarinella
- Xénero Blarina
- Xénero Cryptotis
- Xénero Chimarrogale
- Xénero Chodsigoa
- Xénero Episoriculus
- Xénero Nectogale
- Xénero Neomys
- Xénero Nesiotites
- Xénero Soriculus
- Xénero Megasorex
- Xénero Notiosorex
- Xénero Sorex
En Galicia
editarEn Galicia están rexistradas sete especies de sorícidos, pertencentes a tres xéneros, Crocidura (2 especies), Neomys (2 especies) e Sorex (3 especies).[15][16]
Nomes galegos
editarAínda que a Real Academia Galega denomina musaraña a todas as especies da familia dos sorícidos: «Mamífero insectívoro da familia dos sorícidos, de tamaño moi pequeno, semellante a un rato, co fociño longo e afiado, e pelame brillante e curto e do que existen diversas especies»,[2] admitindo como sinónimo muraño,[3] os especialistas da Sociedade Galega de Historia Natural acordaron, seguindo os criterios dos expertos en nomes vulgares, que recomendan, sempre que isto sexa posíbel —e, cando non hai nomes vernáculos suficientes, adaptar ao idioma o termo latino corresponente—, utilizar un nome común para cada xénero,[17] acordaron asingar un nome común diferente para as especies de cada un dos tres xéneros, aplicando un nome específico facendo alusión a algunha das características, morfolóxicas, de hábitat etc. de cada unha das especies. E así temos:
- Xénero Crocidura: furaño
- Crocidura russula - furaño común
- Crocidura suaveolens - furaño de xardín
- Xénero Neomys: muraño
- Neomys anomalus - muraño de Cabrera
- Neomys fodiens - muraño patibranco
- Xénero Sorex: furafollas
- Sorex coronatus - furafollas grande
- Sorex granarius - furafollas ibérico
- Sorex minutus - furafollas pequeno
Notas sobre os nomes galegos
editarNota 1. Aínda que o dicionario en liña da RAG non recolle (polo de agora) o nome furaño, esta voz si se recolle en varios dicionarios galegos modernos por diversas autoridades, con varios significados, e —no caso concreto que aquí nos ocupa— aparece nos de Leandro Carré Alvarellos (1951): Diccionario galego castelán. Terceira Edizón, A Coruña, Roel; Eladio Rodríguez González (1958): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo; Xosé Luís Franco Grande (1972): Diccionario gallego-castellano, 2ª ed. Galaxia, Vigo, e Leandro Carré Alvarellos (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego. A Coruña, Moret, nos catro coas mesmas equivalencias para o castelán: «Musaraña común», e «Ratoncillo del campo».[18]
Esta musaraña común castelá é sen dúbida a especie Crocidura russula,[19][20]. En canto ao ratoncillo del campo probabelmente se trate do rato de campo (Apodemus sylvaticus), roedor da familia dos múridos.
Nota 2. En cambio, a voz furafollas si esta recollida do dicionario da RAG, pero cos significados:
substantivo masculino
1 (Phylloscopus collybita) Paxaro da familia dos sílvidos, coa parte superior do corpo verdosa, a gorxa e os laterais do peito amarelos, o ventre abrancazado e as patas marróns escuras. Os rechouchíos dos furafollas distínguense ben. SINÓNIMO picafollas
substantivo
2 Persoa esperta e inquieta.
É un furafollas que se adapta a calquera situación.[21]
Pero na obra Apéndice ó Dicionaro de Eladio Rodríguez (VV. AA., 1961) e máis na segunda edición do Diccionario de Franco Grande defínese furafollas como «Musaraña. Persona viva y ligera que no para en un sitio ni está quieta un solo instante».[22]
Polo tanto, cómpre encontrar unha maneira de diferenciar, en obras de divulgación de zooloxía, estas "musarañas" dos "paxaros do xénero Phylloscopus" (e tamén das outras musarañas). E isto fíxose na SGHN, que denomina as aves co sinónimo picafollas da Academia, reservando furafollas para os sorícidos do xénero Sorex.
Galería dos sorícios galegos
editar-
Crocidura russula
Furaño común -
Crocidura suaveolens
Furaño de xardín -
Neomys anomalus
Muraño de Cabrera -
Neomys fodiens
Muraño patibranco
-
Sorex coronatus
Furafollas grande -
Sorex minutus
Furafollas pequeno
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Soricidae G. Fischer, 1814 en MSW.
- ↑ 2,0 2,1 musaraña no dicionario da RAG.
- ↑ 3,0 3,1 muraño no dicionario da RAG.
- ↑ Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 36-39.
- ↑ SGHN (1995), pp. 199-202.
- ↑ SGHN (1995), pp. 205-207.
- ↑ Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 38-41.
- ↑ SGHN (1995), pp. 194-197.
- ↑ Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 34-37.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 10,8 Schilling, D. et al. (1987), p. 19.
- ↑ Louch, C. D.; Ghosh, A. K.; Pal, B. C. (1966): "Seasonal Changes in Weight and Reproductive Activity of Suncus murinus in West Bengal, India". Journal of Mammalogy 47 (1): 73–78.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Kowalski, K. (1981), pp. 282-283.
- ↑ 13,0 13,1 Van den Brink, F. H. et al. (1971), p.30.
- ↑ Wilson, D. E.; Reeder, D. M. (2011). "Class Mammalia Linnaeus, 1758. In: Zhang, Z.-Q. (ed.) Animal biodiversity: An outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness" (PDF). Zootaxa 3148: 56–60.
- ↑ SGHN (1995), pp. 194-208.
- ↑ Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 34-40.
- ↑ Federico Puente Amstoy (1956): "Nombres vulgares de animales y plantas" en Munibe. Suplemento de Ciencias Naturales de la Real Sociedad Vascongada de Amigos del País.
- ↑ furaño en USC. Instituto da Lingua Galega: Dicionario de Dicionarios.
- ↑ Van den Brink et al. (1971), p. 41.
- ↑ Schilling, D. et al. (1987), p. 21.
- ↑ furafollas no dicionario da RAG.
- ↑ furafollas no Dicionario de Dicionarios.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sorícidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sorícidos |
Bibliografía
editar- Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
- Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Kriegs, J. O. et al. (2007): "Evolutionary history of 7SL RNA-derived SINEs in Supraprimates". Trends Genet. 23 (4): 158–161.
- McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals: Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
- Madsen, O.; Scally, M.; Douady C. J. et al. (2001): "Parallel adaptive radiations in two major clades of placental mammals". Nature 409 (6820): 610–614.
- Martin, Robert D. (1984) en: Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. Nova York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 126–127.
- Murphy, W. J. et al. (2001): "Molecular phylogenetics and the origins of placental mammals". Nature 409 (6820): 614–618.
- Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
- SGHN (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo I. Peixes, Anfibios, Réptiles e Mamíferos. Santiago de Compostela: Sociedade Galega de Historia Natural / Consello da Cultura Galega. ISBN 84-87172-89-X.
- Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
- Yates, T. L. (1984): "Insectivores, elephant shrews, tree shrews, and dermopterans" en Anderson, S. & J. K. Jones, Jr., eds. Orders and Families of Recent Mammals of the World. Nova York: John Wiley and Sons, pp. 117–144.