Ourizo cacho

mamífero insectívoro

O ourizo cacho ou ourizo cacheiro[1] (Erinaceus europaeus) é un mamífero insectívoro que abunda nas fragas galegas e nas pradarías que teñen arbustos, sebes e valados onde agocharse. O adxectivo cacho aplícase a calquera animal ou planta que se envolve sobre si mesmo[2]. Tamén recibe os nomes de porco espiño,[3] que non se debe confundir co roedor histrícido[4] que ten ese mesmo nome, cachourizo e, simplemente, ourizo[1] ou orizo[5]

Ourizo cacho
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Erinaceomorpha
Familia: Erinaceidae
Subfamilia: Erinaceinae
Xénero: Erinaceus
Especie: E. europaeus
Nome binomial
Erinaceus europaeus
Linnaeus, 1758
Distribución Erinaceus europaeus
Distribución Erinaceus europaeus

Distribución Erinaceus europaeus
Distribución en Europa
Distribución en Europa

Distribución en Europa

Descrición editar

Os adultos poden chegar a pesar máis dun quilo. A súa característica máis rechamante son as pugas ou espiñas de que está revestido. Os músculos cutáneos permítenlle envolverse e formar unha bóla de pugas contra a que os seus inimigos naturais son impotentes. Ás veces é presa de cans, raposos, porcos teixos, lamotes ou curuxas.

Non teñen pescozo e os seus ollos son pequeniños. As orellas son redondeadas e o fociño aguzado. A súa dentamia componse de 36 pezas. As súas catro patas son curtas, teñen 5 dedos e están providas de fortes unllas. Ten un rabiño pequeno. Os machos son máis grandes que as femias, e o abdome é dunha cor parda máis clara que as pugas. As femias poden ser tamén da cor da cinza.

Son animais lentos, aínda que poden apurar o paso. Camiña moito e sabe nadar. No caso de presentir perigo tenden a inhibirse e enrodelarse sobre si mesmos. Emite sopridos e asobíos. O seu olfacto está moi desenvolvido.

Hábitat editar

Vive en bosques con abundante vexetación, pero sobre todo gusta de terreos con matogueiras, silveiras e arbustos. É un animal frecuente nos montes e aldeas de Galiza e nos arredores das vilas. En Inglaterra e noutros países europeos vive nas zonas periféricas das poboacións e mesmo nos xardíns das casas e nos parques urbanos.

O seu maior inimigo hoxe é o ser humano. Os pesticidas foron noutrora causa da súa morte pero a mortalidade accidental nas estradas e autovías galegas é hoxe o seu maior problema. Moita menor incidencia no descenso de exemplares téñena os seus depredadores naturais.

Reacción dun ourizo ao detectar perigo editar

Alimentación editar

Procura xeralmente o alimento de noite, cando se mostra moito máis activo. Caza e come sobre todo insectos, pero pode alimentarse de caracois, limachas e mesmo ras. Esta dieta compleméntaa ás veces con ovos de aves que aniñan no chan, con landras, castañas e outros froitos e bagas. A súa actividade é sobre todo nocturna, polo que pode ser visto á tardiña. As luces dos coches céganos ou asústanos e ao se encoscaren son atropelados. Polo día está en niños inaccesibles, normalmente no medio de matogueiras densas ou silveiras nas que lle é doado introducirse. Ten sempre varios niños no seu territorio, mudando adoito de agocho.

Reprodución editar

Normalmente teñen dous períodos de celo, un cando comeza o bo tempo e outro entre agosto e setembro. A xestación dura uns dous meses. Poden chegar a ter cinco ou seis crías, que ao primeiro son de cor rosa e nacen cegas. Non abren os ollos ata a idade de dúas semanas. Aos tres días dispoñen de pinchos que se van endurecendo pouco a pouco. Maman uns vinte días e a partir do mes acompañan á nai nas súas saídas e exploracións. A partir das cinco ou seis semanas independízanse. A madurez sexual chégalles aproximadamente aos dez meses.

O ano dos ourizos cachos dívídese nun período de actividade entre abril e novembro e un período de hibernación que pasan nos seus niños cando comeza a facer frío. Espertan coa primavera cando soben as temperaturas.

Imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ourizo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cacho.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para porco.
  4. Definición de porco no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia. O dicionario de Ir Indo reserva o nome de porco espiño para o roedor.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para orizo.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar