Vesícula seminal
As vesículas seminais[1] son un par de glándulas tubulares simples do aparato reprodutor masculino situadas na pelve a cada lado da parte superior da próstata, debaixo da parte posterior da vexiga urinaria e diante do recto, que segregan un líquido que forma parte do seme.
Anatomía
editarCada unha das glándulas ten uns 5 cm de lonxitude, pero as cavidades internas son máis longas. A parte superior é arredondada e grosa e está parcialmente cuberta polo peritoneo. As glándulas seminais fórmanse como unha evaxinación da parede da ampola do conduto deferente.
O conduto excretor polo que verte a vesícula seminal desemboca no conduto deferente, formando xuntos o conduto exaculador.
Funcións
editarAs vesículas seminais segregan unha significativa proporción do líquido que forma o seme. Os gránulos de lipofuscina procedentes das células mortas do seu epitelio danlle á secreción das vesículas a súa cor amarelada. Aproximadamente un 50-70% [2] do fluído seminal procede das vesículas seminais, pero non se expulsa nas primeiras fraccións do exaculado nas que predominan os espermatozoides e o fluído prostático rico en cinc. O fluído das vesículas seminais é alcalino, polo que aumenta o pH do seme.[3] Un exaculado máis ácido (pH <7,2) pode estar asociado cunha obstrución do conduto exaculador. A vesícula produce unha substancia que causa que o seme se faga pegañento e xelatinoso despois da exaculación, o que se pensa que é útil para manter o seme preto do útero.
As secrecións das vesículas seminais conteñen proteínas, encimas, frutosa, mucus, vitamina C, flavina, fosforilcolina e prostaglandinas. As altas concentracións de frutosa proporcionan un nutriente enerxético aos espermatozoides cando se almacena seme nos laboratorios. Os espermatozoides exaculados na vaxina non teñen moita probabilidade de ter contacto co fluído das vesículas seminais porque son transferidos directamente polo fluído prostático ao muco cervical feminino. A expulsión da secreción das vesículas seminais está baixo o control do sistema nervioso simpático, que provoca a contracción da cuberta muscular da capa muscularis.
Os estudos in vitro mostraron que os espermatozoides expulsados xunto co fluído das vesículas seminais tiñan pouca mobilidade e supervivencia, e a cromatina dos espermatozoides estaba menos protexida. Por tanto, a importancia fisiolóxica do fluído seminal non está clara. Nalgúns animais, como os roedores, a secreción forma unha especie de tapa espermicida, que reduce as posibilidades de fertilización do esperma doutros machos que se apareen despois.
Histoloxía
editarHistoloxicamente, a vesícula seminal caracterízase polos seus tortuosos condutos e diverticulos, o seu epitelio pseudoestratificado columnar e as súas células cuboidais. As células superficiais do epitelio pseudoestratificado son columnares ou cuboideas grandes, e as células basais arredondadas. As células, a partir da puberdade, teñen gránulos de lipofuscina e gránulos de secreción. As céluls basais teñen un par de centriolos, e nas células superficiais os centríolos situados debaixo da membrana dan lugar a un flaxelo. A altura das células columnares e a súa actividade parece que depende dos niveis de testosterona no sangue, xa que despois da castración o epitelio se atrofia, pero volve a recuperarse con inxeccións de testosterona.[4]
O lume da glándula é grande, polo que pode almacenar as súas secrecións entre as exaculacións (pero os espermatozoides non se almacenan aquí). A secreción é un líquido viscoso e algo amarelo.
Do interior ao exterior, as capas de que consta a glándula son:
- Mucosa. Disposta en pregamentos serpenteantes, o que incrementa significativamente a súa área superficial. Forma un complexo conxunto de pregamentos primarios, que se ramifican en secundarios e terciarios, que penetran moito na luz da glándula e se anastomosan. Forman moitas cavidades que se abren á cavidade central da glándula.
- Muscular. Capa ben desenvolvida composta dunha capa interna circular e outra externa lonxitudinal de músculo liso.
- Tecido conectivo, con moitas fibras elásticas.[4]
Notas
editar- ↑ Wilke; W. Lee Wilke, Rowen D. Frandson, Anna Dee Fails (2009). John Wiley and Sons, ed. Anatomy and Physiology of Farm Animals. ISBN 0-8138-1394-8.
- ↑ Kierszenbaum, Abraham L. (2002). Histology and cell biology : an introduction to pathology. St. Louis [u.a.]: Mosby. pp. 558. ISBN 0-323-01639-1.
- ↑ "CHEMICAL COMPOSITION OF HUMAN SEMEN AND OF THE SECRETIONS OF THE PROSTATE AND SEMINAL VESICLES". Ajplegacy. Consultado o 18 de agosto de 2012.
- ↑ 4,0 4,1 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 845-847. ISBN 84-7605-361-4.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- BUHistology - 17501loa [1] - "Aparato reprodutor masculino: próstata, vesícula seminal"
- SUNYAnatomyLabs|44|04|02|02 [2]Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine. - "Pelve masculina: Vexiga urinaria"
- SUNYAnatomyLabs|44|08|01|03 [3]Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine. - "Pelve masculina"