Moco

(Redirección desde «Mucus»)

O moco, mucosidade ou mucus é unha substancia viscosa biolóxica que protexe as superficies de moitos seres vivos contra a deshidratación (nos pulmóns), ataque químico (mucosidade do estómago), bacteriolóxico (mucosidade respiratoria) ou simplemente actúa como lubricante (esófago, colon). Os seus compoñente prodúcenos unhas células especializadas chamadas células caliciformes, no seu retículo endoplasmático e aparato de Golgi, que están situadas nas membranas mucosas. O moco, producido por unha célula caliciforme, é segregado por exocitose e diluído con auga.

Células mucosas do revestimento do estómago.

Nos vertebrados é unha secreción producida polas membranas mucosas, que as recobre. O fluído mucoso pode tamén orixinarse en glándulas mixtas, as cales conteñen tanto células serosas coma mucosas. É un coloide viscoso composto por unha mestura acuosa de glicoproteínas e proteoglicanos, que contén encimas antisépticos (que matan microorganismos), como a lisozima, inmunoglobulinas, sales inorgánicos, proteínas como a lactoferrina,[1] As glicoproteínas son mucinas, que se producen nas células caliciformes. Este mucus serve para protexer as células epiteliais (que forman o revestimento dos condutos) nos aparatos respiratorio, gastrointestinal, uroxenital, visual, e auditivo dos mamíferos; a epiderme de anfibios; e as branquias dos peixes. Unha función importante deste moco é dar protección contra axentes infecciosos como fungos, bacterias e virus. O corpo humano produce tipicamente arredor dun litro de moco por día.[2]

Os peixes óseos, mixinos, caracois, lesmas, e outros invertebrados tamén producen mucosidades externas. Ademais de servir como protección contra axentes infecciosos, este moco proporciona protección contra as toxinas producidas por predadores, pode facilitar o movemento e pode xogar un papel na comunicación.

Diversos vexetais e algas producen substancias de tipo mucoso externas ou internas chamadas mucilaxes. Este tipo de mucosidades consisten principalmente en polisacáridos e conteñen pouca proteína.

Aparato respiratorio

editar

No aparato respiratorio, o mucus axuda a protexer os pulmóns ao atrapar as partículas estrañas que entran nel, en particular, a través das fosas nasais, durante a respiración normal. "Flegma" é un termo que se refire só ao moco do tracto respiratorio, e para as secrecións das fosas nasais úsase "moco nasal".

O moco nasal prodúcese na mucosa nasal; e tamén segregan mucosidade o revestimento mucoso das vías respiratorias (traquea, bronquios, bronquíolos), que se produce nas células caliciformes e glándulas submucosas. Pequenas partículas como o po, contaminantes particulados, e alérxenos, xunto con axentes infecciosos como bacterias quedan atrapadas no moco nasal ou no das vías respiratorias e iso impide que entren no sistema. Isto, xunto co continuo movemento da capa de mucus respiratorio cara á orofarinxe, axudan a impedir que entren obxectos alleos nos pulmóns durante a respiración. Isto explica por que os fumadores a miúdo teñen tose para expulsar as partículas que inhalan ao fumaren. A reacción natural do corpo neses casos é incrementar a produción de mucus. Ademais, o mucus axuda a humedecer o aire inhalado e impide a morte dos tecidos dos fosas nasais e do epitelio das vías respiratorias.[3] O moco nasal e das vías respiratorias prodúcese de forma continua, e a maioría del trágase inconscientemente, mesmo o moco seco.[4]

O incremento da produción de moco no tracto respiratorio é un síntoma de moitas enfermidades comúns, como a arrefriado común e a gripe. A hipersecreción de moco pode ocorrer en enfermidades respiratorias inflamatorias como as alerxias respiratorias, asma, e bronquite crónica.[3] A presenza de moco nas fosas nasais e gorxa é normal, pero o incremento da súa cantidade pode impedir unha respiración cómoda e debe ser retirado soándose o nariz ou expectorando as flegmas da gorxa.

Doenzas nas que están implicadas as mucosidades

editar

En xeral, o moco nasal é claro e pouco espeso, e serve para filtrar o aire durantre a inhalación. Durante unha infección o moco pode cambiar de cor a amarelo ou verde como resultado das bacterias que quedan atrapadas nel[5] ou debido á reacción do corpo ás infeccións víricas.[6] A cor verde do moco débese ao grupo hemo do encima mieloperoxidase segregado polos glóbulos brancos como unha defensa citotóxica durante a explosión respiratoria.

En caso de infección bacteriana, a bacteria queda atrapada nos xa conxestionados seos nasais, multiplicándose nese ambiente rico en nutrientes e húmido. A sinusite é unha condición que pode incluír a conxestión por moco. Unha infección bacteriana na sinusite causa un moco descolorido e responde ao tratamento con antibióticos; as infeccións víricas xeralmente se resolve sen tratamento.[7] Case todas as infeccións na sinusite son virais e os antibióticos non son efectivos e non están recomendados para o tratamento dos casos típicos.[8]

En caso dunha infección viral como o arrefriado común ou a gripe, no primeiro e no último dos estadios da infección orixinan a produción dun moco claro e pouco espeso no nariz ou na gorxa. A medida que o corpo empeza a reaccionar contra o virus (xeralmente en dun a tres días), o moco faise máis mesto e pode poñerse amarelo ou verde. O tratamento é xeralmente sintomático, e a miúdo é de abondo deixar que o sistema inmunitario combata o virus.[9]

Fibrose quística

editar
Artigo principal: Fibrose quística.

A fibrose quística é unha enfermidade herdada que afecta a todo o corpo, pero os síntomas empezan principalmente nos pulmóns nos que hai unha produción extremadamente viscosa de mucus que é difícil de expulsar.

O moco como síntoma médico

editar

O incremento da produción de moco no tracto respiratorio superior é un síntoma de moitas doenzas comúns, como o arrefriado común. O moco nasal pode eliminarse soándose o nariz ou por irrigación nasal. O exceso de moco nasal, como ocorre no arrefriado ou nas alerxias, pode ser tratado con medicacións desconxestionantes. O exceso de produción de moco nos bronquios e bronquíolos, como pode ocorrer na asma, bronquite ou gripe, pode ser tratado con medicacións antiinflamatorias como medio para reducir a inflamación das vías aéreas, o cal activa a sobreprodución de moco. O espesamento do moco como un efecto "rebote" despois dun exceso de uso de desconxestionantes pode producir problemas de drenaxe nasal ou dos seos nasais e circunstancias que promoven a infección.

Tempo frío e moco

editar

Durante os días fríos, os cilios, que normalmente varren o mucus cara ás aberturas nasais e cara á parte de artás da gorxa (ver epitelio respiratorio), fanse moi lentos ou deixan de funcionar de vez. Isto fai que o moco baixe e gotee polo nariz (rinorrea). O moco tamén se espesa durante os días de tempo frío.

Aparato dixestivo

editar

No aparato dixestivo, o mucus utilízase como lubricante para os materiais que deben pasar sobre as membranas mucosas, por exemplo, a comida que baixa polo esófago. Unha capa de mucus ao longo das paredes internas do estómago é vital para protexer os revestimentos celulares dese órgano do ambiente moi ácido do seu interior.[10] O mucus non se dixire no tracto intestinal porque as súas proteínas son resistentes aos encimas dixestivos (ver mucina). O mucus segrégase tamén no intestino groso.

Aparato reprodutor

editar

No aparato reprodutor feminino o moco cervical impide a infección. A consistencia do moco cervical varía dependendo da fase do ciclo menstrual da muller. Na ovulación o moco cervical é claro, fluído, o que facilita o paso dos espermatozoides; na postovulación, o moco faise máis espeso e é máis probable que bloquee os espermatozoides.[11]

No aparato reprodutor masculino, as vesículas seminais contribúen coa maior parte do volume do seme, o cal contén mucus, aminoácidos, prostaglandinas, vitamina C, e frutosa.[12]

  1. Singh, PK; Parsek, MR; Greenberg, EP; Welsh, MJ (2002). "A component of innate immunity prevents bacterial biofilm development".  Nature 417 (6888): 552–5. PMID 12037568. doi:10.1038/417552a. 
  2. "What's a Booger?". KidsHealth. 
  3. 3,0 3,1 Thorton, DJ; Rousseau, K; MucGuckin, MA (2008). "Structure and function of the polymeric mucins in airways mucus". Annual Review of Physiology 70 (44): 459–486. PMID 17850213. doi:10.1146/annurev.physiol.70.113006.100702. 
  4. Gates, Stefan (2006). "Boogers". Gastronaut: Adventures in Food for the Romantic, the Foolhardy, and the Brave. pp. 68, 69. ISBN 0-15-603097-7. 
  5. "Runny Nose (with green or yellow mucus)". Get Smart: Know When Antibiotics Work. Centers for Disease Control and Prevention. March 9, 2006. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2008. Consultado o 12 de abril de 2013. 
  6. "Yellow-green Phlegm and Other Myths". University of Arizona campus health services. Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2006. Consultado o 2013. 
  7. Consumer Reports; American Academy of Family Physicians (April 2012). "Treating sinusitis: Don't rush to antibiotics" (PDF). Choosing Wisely: an initiative of the ABIM Foundation (Consumer Reports). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xuño de 2012. Consultado o 2013. 
  8. American Academy of Family Physicians. presented by ABIM Foundation. "Five Things Physicians and Patients Should Question" (PDF). Choosing Wisely: an initiative of the ABIM Foundation (American Academy of Family Physicians). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xuño de 2012. Consultado o 2013. 
  9. "Definition of Viral Infection". MedicineNet.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 2013. 
  10. Purves, William. "Why don't our digestive acids corrode our stomach linings?". Scientific American. Consultado o 6 December 2012. Segundo, o HCl no lume non dixire a mucosa porque as células caliciformes na mucosa segregan grandes cantidades de mucus protector que reviste a superficie mucosa. 
  11. Ann Westinore; Evelyn, Dr Billings (1998). The Billings Method: Controlling Fertility Without Drugs or Devices. Toronto: Life Cycle Books. pp. 37. ISBN 0-919225-17-9.
  12. "CHEMICAL COMPOSITION OF HUMAN SEMEN AND OF THE SECRETIONS OF THE PROSTATE AND SEMINAL VESICLES". Consultado o 2013. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar