Bronquio
Os bronquios son as vías respiratorias que conducen o aire desde a traquea ao interior dos pulmóns. Ramifícanse formando bronquios cada vez de menor diámetro ata que orixinan os bronquíolos, que dan paso aos condutos alveolares e alvéolos.[1] Nos bonquios non ten lugar ningún intercambio de gases, o cal se produce nos alvéolos.
Anatomía
editarA traquea humana divídese formando dous grandes bronquios, os bonquios primarios ou principais esquerdo e dereito, a nivel do ángulo esternal e da 5ª vértebra dorsal ou torácica (ou dúas vértebras máis arriba ou abaixo, dependendo do estado de inspiración ou expiración). O bronquio principal dereito é de maior diámetro, máis curto e algo máis vertical ca o esquerdo.[2]
As sucesivas divisións da árbore bronquial son as seguintes:
- Os bronquios principais entran no pulmón polo hilo pulmonar, e subdivídense en bronquios lobulares, (ou lobares, lobaris) ou secundarios, os cales entran nos seus respectivos lóbulos pulmonares (que son tres no pulmón dereito e dous no esquerdo).
- Os bronquios lobulares divídense en bronquios terciarios, tamén chamados segmentarios (segmentalis), cada un dos cales envía aire a un segmento broncopulmonar. Un segmento broncopulmonar é unha división dos pulmóns, que está separada do resto do pulmón por un septo de tecido conectivo. De todos modos, hai tamén algunhas conexións de bronquios e vasos sanguíneos que pasan dun segmento a outro atravesando o septo. A división do pulmón en segmentos fai que un segmento broncopulmonar poida ser retirado cirurxicamente sen afectar a outros segmentos. Hai dez segmentos en cada pulmón, pero debido ao desenvolvemento anatómico, varios bronquios segmentarios se fusionan no pulmón esquerdo, dando lugar a oito.
- Os bronquios segmentarios divídense en moitos bronquíolos primarios, que se subdividen varias veces dando bronquíolos terminais (aproximadamente a 7ª xeración de ramificacións da árbore bronquial), que dan lugar a varios bronquíolos respiratorios, que se dividen finalmente cada un en de 2 a 11 condutos alveolares. Hai 5 ou 6 sacos alveolares asociados con cada conduto alveolar. Os alvéolos pulmonares son as unidades básicas onde ten lugar o intercambio respiratorio de gases entre o aire e o sangue.
Pódense resumir as ramificacións principais da árbore bronquial así [3]:
- Bronquio principal dereito
- Bronquio lobular superior
- Bronquio segmentario apical
- Bronquio segmentario posterior
- Bronquio segmentario anterior
- Bronquio lobular medio
- Bronquio segmentario lateral
- Bronquio segmentario medial
- Bronquio lobular inferior
- Bronquio segmentario superior
- Bronquio segmentario basal medial
- Bronquio segmentario basal anterior
- Bronquio segmentario basal lateral
- Bronquio segmentario basal posterior
- Bronquio lobular superior
- Bronquio principal esquerdo
- Bronquio lobular superior
- Bronquio segmentario apicoposterior
- Bronquio segmentario anterior
- Bronquio lingular superior
- Bronquio lingular inferior
- Bronquio lobular inferior
- Bronquio segmentario superior
- Bronquio segmentario basal anterior
- Bronquio segmentario basal lateral
- Bronquio segmentario basal medial
- Bronquio segmentario basal posterior
- Bronquio lobular superior
Histoloxía
editarOs bronquios están reforzados por aneis incompletos de cartilaxe hialina, que conforme os bronquios se fan menores, adquiren forma de pequenas placas illadas nos bronquios pequenos e finalmente chegan a desaparecer. Hai fibras de músculo liso arredor de todo o bronquio, organizado en forma de feixes entrelazadas. Nas porcións máis distais da árbore bronquial o músculo liso está adelgazado, pero sempre está presente. A medida que aumenta o número de ramificacións na árbore bronquial, a cantidade de cartilaxe hialina das paredes decrece ata chegar a estar ausente nos bronquíolos máis pequenos, e á vez acrecéntase a cantidade de músculo liso.
A membrana mucosa tamén experimenta unha transición desde un epitelio columnar pseudoestratificado ciliado inicial a un epitelio cuboideo simple e despois a un epitelio escamoso simple. O epitelio bronquial ten células caliciformes e glándulas submucosas asociadas, as cales diminúen conforme os bronquio son máis pequenos. Diminúe progresivamente a ciliatura e a altura do epitelio na árbore bronquial.
Os condutos alveolares e alvéolos constan fundamentalmente dun epitelio escamoso simple, que facilita a difusión do oxíxeno e o dióxido de carbono a través del.
Enfermidades relacionadas
editarDefínese bronquite como a inflamación dos bronquios. Hai dous tipos principais: aguda e crónica. A bronquite aguda está causada xeralmente por infeccións bacterianas ou víricas. A crónica é unha forma de enfermidade obstrutiva pulmonar crónica, xeralmente asociada co hábito de fumar ou con exposicións a longo prazo a substancias irritantes.
A asma é unha hiper-reactividade dos bronquios cun compoñente inflamatorio, a miúdo en resposta a alérxenos.
Aínda que o bronquio principal esquerdo sae da traquea formando un ángulo, o dereito é case unha continuación vertical da traquea, e isto predispón ao pulmón dereito a ter unha serie de problemas, como son:
- Se entran no bronquio comida, líquidos ou corpos estraños, xeralmente van acabar aloxados no bronquio principal dereito, o que pode orixinar unha pneumonía por aspiración.
- Se un tubo endotraqueal (que se usa nas intubacións) se insire demasiado profundo, xeralmente acaba no bronquio principal dereito, o que ventilará moi ben o pulmón dereito, pero deixará o esquerdo sen ventilación.
Notas
editar- ↑ Maton, Anthea; Jean Hopkins, Charles William McLaughlin, Susan Johnson, Maryanna Quon Warner, David LaHart, Jill D. Wright (1993). Human Biology and Health. Englewood Cliffs, New Jersey, USA: Prentice Hall. ISBN 0-13-981176-1.
- ↑ Brodsky, JB; Lemmens, JM (2003). "Left Double-Lumen Tubes: Clinical Experience With 1,170 Patients" (PDF). Journal of Cardiothoracic and Vascular Anesthesia 17 (3): 289–98. PMID 12827573. doi:10.1016/S1053-0770(03)00046-6.
- ↑ G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 549-550. ISBN 84-7605-359-2.
- Moore, Keith L. e Arthur F. Dalley. Clinically Oriented Anatomy, 4th ed. (1999). ISBN 0-7817-5936-6