José Luis Meilán Gil
José Luis Meilán Gil, nado na Coruña o 6 de xullo de 1933[1] e finado na mesma cidade o 26 de xuño de 2018,[2] foi un xurista e político galego. Catedrático de Dereito Administrativo dende 1968, foi fundador do Partido Gallego Independiente, presidente do Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario, deputado de Unión de Centro Democrático pola provincia da Coruña na lexislatura constituínte de 1977 e na primeira lexislatura de 1979.[3] Tamén foi reitor da Universidade da Coruña.
Traxectoria
editarEstudou Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela, Zaragoza e Oviedo (1951-1956). Acadou a licenciatura en Dereito na Universidade de Oviedo e fixo o doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela. Completou os estudos na London School of Economics e na Universidade de Bonn.[3] Foi profesor de Administración Económica na Escuela Nacional de Administración Pública de Alcalá de Henares en 1956 e despois na Universidade de Madrid. Foi catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela dende 1968. Foi director adxunto do Instituto de Estudos Administrativos de Alcalá de Henares, conselleiro nacional de Educación e membro da xunta asesora da Secretaría Xeral Técnica da Presidencia do Goberno. Foi secretario xeral técnico da Presidencia do Goberno con Luis Carrero Blanco en 1969[4] e foi elixido procurador en Cortes en 1971 como representante da familia.[1] En 1990, foi nomeado reitor da Universidade da Coruña no primeiro mandato de Manuel Fraga na Xunta de Galicia,[5] e consideróuselle próximo ao Opus Dei.[6] Nos últimos anos foi columnista do xornal La Voz de Galicia.
O Partido Galego Independente
editarDespois de ocupar relevantes cargos na administración durante o réxime de Franco en agosto de 1976 funda o Partido Gallego Independiente onde participan profesores da Universidade de Santiago de Compostela como Pablo González Mariñas ou Perfecto Yebra ou empresarios como Claudio Sanmartín.[7] Propugna unha transición democrática fronte ao rupturismo impulsado polo nacionalismo de esquerdas e acadar unha plena autonomía política para Galicia. Competía polo espazo que na provincia da Coruña quería ocupar o partido Reforma Democrática de Fraga, tamén partidario dunha reforma política cara a consecución dunha democracia de corte occidental e de limitadas autonomías rexionais, e que estaba captando personaxes influentes como María Victoria Fernández-España, da familia propietaria de La Voz de Galicia.
Nas primeiras eleccións, tras a aprobación da Lei para a Reforma Política, integrou o seu partido na coalición UCD, auspiciada dende o poder por Adolfo Suárez, ao igual que o fixeron outras forzas de centro galeguistas como os centristas de Eulogio Gómez Franqueira. Isto contribuíu ao rotundo éxito desa forza nas eleccións do 15 de xuño de 1977: UCD acadaba 20 dos 27 deputados que Galicia tiña no Congreso.
A consecución da autonomía
editarA partir de aí a acción política traduciuse no estímulo social, xunto con outros notables e forzas non rupturistas, de espallar o sentimento autonomista, do que foron expresión as grandes manifestacións a prol da autonomía política do 4 de decembro de 1977. Paralelamente, arrincouse do Goberno Suárez o Real Decreto-lei 7/1988 de 16 de marzo polo que se establecía un réxime de preautonomía un día antes de que se ditase o correspondente a Aragón, Canarias e Valencia. Deste xeito, buscábase suliñar o carácter de nacionalidade histórica de Galicia, por ter xa plebiscitado un Estatuto de Autonomía en 1936. O 18 de abril constituíuse a Xunta de Galicia preautonómica onde Meilán Gil colocaba a un dos seus homes Alejandrino Fernández Barreiro na carteira de Educación e Cultura. Meilán asumiu a consellería de Agricultura.
Como deputado nas Cortes Xerais, Meilán defendeu a disposición constitucional que permitía ás comunidades autónomas que no pasado plebiscitaran un Estatuto de autonomía acadar o autogoberno pola vía rápida constitucionalmente prevista. Era a única fórmula que permitía a Galicia acceder en igualdade de condicións que Cataluña e o País Vasco, pois Galicia non chegara a ter un goberno autónomo propio debido ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Tamén se amosou partidario da expresión nacionalidades incluída no artigo 2 da Constitución. Nesa época, estivo embarcado no DC-8 que sufriu o accidente da Lavacolla en 1978.
Volveu ser número un na lista de UCD ás eleccións de 1 de marzo de 1979, onde esta forza política acadou en Galicia 17 escanos dos 27 posibles. Como membro da asemblea de parlamentarios participou activamente na redacción do Estatuto de Autonomía. Aínda que non se recolleu o texto do Estatuto dos dezaseis, opúxose aos intentos do Ministro da Presidencia José Pedro Pérez-Llorca de recortar as competencias de Galicia e denominou á disposición adicional terceira proposta por aquel para condicionar os poderes lexislativos como "trasto inútil".
A Comisión Constitucional finalmente aproba un proxecto que só a UCD estatal apoiaba. Ante esta deriva, o nacionalismo de esquerdas confirmaba a necesidade dunha vía de ruptura mediante as Bases constitucionais. Fraga o 20 de novembro de 1979 anunciaba, pola súa parte, que Alianza Popular non consentiría ningunha discriminación para Galicia e o 24 de xaneiro de 1980 formulaba a "Declaración de Cambados" onde facía un chamamento a todos os partidos políticos para acadar un Estatuto aceptado pola maioría.[8] Personaxes influentes como Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro, Eduardo Blanco Amor ou Xerardo Fernández Albor, Isaac Díaz Pardo, Álvaro Cunqueiro, Xaquín Lorenzo ou Antón Fraguas cualificaban nun manifesto conxunto ao Estatuto de UCD, como unha "agresión política a Galicia". Ante isto, Meilán Gil convoca a UCD da Coruña e na denominada "Declaración de Bergondo" de 30 de marzo propugna a recuperación dun texto axeitado ás arelas de autonomía do país. Isto desembocou no "Pacto do Hostal" do 29 de setembro de 1980 entre UCD, PSOE, AP, PG, e PCE que desbloqueou o proceso e permitiu recuperar boa parte do articulado inicial.
Fin da carreira política
editarTras a derrota de UCD, nas primeiras eleccións autonómicas ante unha AP que presentaba ao galeguista Xerardo Fernández Albor, Meilán Gil empezou a preparar a recuperación do Partido Galego Independente. Preséntao o 10 de setembro de 1982 e fai unha proposta de coalición ao Partido Galeguista, que non é atendida por este. O seu fracaso nas eleccións xerais de 28 de outubro, supuxo a entrada do Partido Galego Independente na operación para constituír a Coalición Galega como partido mediante o entendemento con Eulogio Gómez Franqueira e o Partido Galeguista de Xosé Henrique Rodríguez Peña. Tras o éxito nas eleccións municipais de maio de 1983, Coalición Galega era presentada como partido o 27 de maio. Meilán Gil retirábase da política activa para se centrar na avogacía e na docencia.[6]
Obras
editar- Escritos sobre la transición política española (1979). Madrid: Mayler. ISBN 84-7449-046-4
- El Estatuto Gallego. Por fin unha terra nosa (1980). Madrid: Ed.Latina. ISBN 84-85287-14-2
- O Dereito estatutario galego (1988), con Jaime Rodríguez Arana. Santiago: Parlamento de Galicia.
- La Ordenación jurídica de las autonomías (1988). Madrid: Tecnos ISBN 84-309-1627-X
- Galicia siempre (1990). A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-467-7
- Estudios jurídicos sobre el Camino de Santiago (1994). Santiago de Compostela: Fundación Instituto Gallego de Estudios Autonómicos y Comunitarios. ISBN 84-604-9029-7
- La construcción del Estado de las autonomías. Un testimonio personal (2002). Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-52-4
- La génesis de la autonomía de Galicia (2005). Arteixo: La Voz de Galicia. ISBN 84-9757-223-8
- Problemas jurídico-administrativos planteados por el "Prestige" (2005). Cizur Menor (Navarra) : Thomson-Aranzadi. ISBN 84-9767-924-5
- Lecturas de clásicos del derecho administrativo (2012). Santiago de Compostela: ed. Andavira. ISBN 978-84-8408-673-4
Distincións
editar- Fillo predilecto da Provincia da Coruña[5]
- Premio Fernández-Latorre de Xornalismo
- Medalla de Ouro de Galicia[5]
- Gran Cruz do Mérito Civil
- Gran Cruz de Alonso X o Sabio
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Ficha no Congreso dos Deputados
- ↑ "Fallece José Luis Meilán Gil, hombre clave de la política y la cultura en Galicia"". La Voz de Galicia (en castelán). 27/6/2018.
- ↑ 3,0 3,1 "Ficha persoal do Congreso". congreso.es. Consultado o 27/6/2018.
- ↑ La Voz de Galicia, 8/11/1969, p. 10.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "El ex rector José Luis Meilán Gil fallece a los 84 años". La Opinión Coruña. 27/6/2018. Consultado o 27/6/2018.
- ↑ 6,0 6,1 Gutiérrez, José Manuel (10/8/2015). "El rector que llegó por decreto". La Opinión Coruña. Consultado o 27/6/2018.
- ↑ Beramendi 2007, p. 92.
- ↑ Beramendi 2007, p. 176 e 179.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Meilán Gil, Xosé Luís". Diccionario enciclopédico galego universal 41. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 54. ISBN 84-7680-429-6.
- "Meilán Gil, Xosé Luís". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 299–300.
- "Meilán Gil, José Luis". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1 340. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Meilán Gil, Xosé Luís". Enciclopedia Galega Universal 11. Ir Indo. 1999-2002. p. 513. ISBN 84-7680-288-9.
- "Meilán Gil, José Luis". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. El Correo Gallego. p. 370. ISBN 84-8064-113-4.
- Beramendi (2007). A gran historia de Galicia XIV, vol. 1 A Galicia autónoma (dende a transición): a transición en Galicia 31. La Voz de Galicia. ISBN 978-84-96931-00-8.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 654. ISBN 84-7492-465-0.