Orde do Mérito Civil (España)

condecoración civil de España
(Redirección desde «Gran Cruz da Orde do Mérito Civil»)

A Orde do Mérito Civil é, xunto coa Real Orde de Isabel a Católica, unha das dúas ordes actualmente dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores de España. Concédese a cidadáns españois ou estranxeiros que realizaron méritos civís: servizos relevantes para o Estado, traballos extraordinarios etc.

Orde do Mérito Civil

Venera e placa do grao de Gran Cruz da Orde do Mérito Civil
Outorgada polo Rei de España
Tipo Orde civil
Outorgada por Servizos relevantes ao Estado, traballos extraordinarios e outros méritos de carácter civil
Gran mestre Filipe VI de España
Estado Actualmente en vigor
Estadísticas
Establecida en 1926
Precedencia
Seguinte menor Orde Civil de Afonso X o Sabio

Historia

editar

A Orde do Mérito Civil foi instituída polo rei Afonso XIII por real decreto do 25 de xuño de 1926, a proposta do entón presidente do Consello de Ministros, Miguel Primo de Rivera, publicándose o seu primeiro regulamento o 25 de maio de 1927.

O goberno da Segunda República aboliu a devandita Orde mediante Decreto do 24 de xullo de 1931, restituíndose coas súas características anteriores, privilexios e antigüidade por Decreto do 7 de novembro de 1942.

Os numerosos cambios experimentados dende esa data, tanto pola realidade social e política de España, como polo sistema xurídico-administrativo, aconsellaron a súa actualización, de xeito que, mediante o Real decreto do 6 de novembro de 1998, aprobouse o actual regulamento.

No período comprendido entre 1979 e 2013 concedeuse en España a Orde do Mérito Civil a un total de 22 669 persoas.[1]

Regulamento actual

editar

O artigo 1 do Regulamento indica que a Orde do Mérito Civil está destinada a recompensar os méritos civís adquiridos por persoal dependente de calquera das Administracións Públicas incluídas no ámbito da Lei 30/92, ou por persoas alleas á Administración que presten ou teñan prestado servizos relevantes ao Estado, con traballo extraordinario, proveitosas iniciativas ou con constancia exemplar no cumprimento das súas funcións.

O artigo 2 de dito Regulamento menciona que esta condecoración tamén se poderá conceder a persoas de nacionalidade estranxeira, sempre que prestasen servizos distinguidos a España ou unha colaboración notable en todas aquelas cuestións que resulten beneficiosas para ela.

A Orde do Mérito Civil consta de sete graos:

  •   Colar. Leva adxunto o tratamento de Excelencia ou Excelentísimo ou Excelentísima ou Excelentísimo Señor ou Excelentísima Señora.
  •   Gran-Cruz. Leva adxunto o tratamento de Excelencia ou Excelentísimo ou Excelentísima ou Excelentísimo Señor ou Excelentísima Señora.
  •   Encomenda de Número. Leva adxunto o tratamento de Ilustrísimo ou Ilustrísima ou Ilustrísimo Señor ou Ilustrísima Señora.
  •   Encomenda. Leva adxunto o tratamento de Señoría ou Señor ou Señora.
  •   Cruz de Oficial.
  •   Cruz.
  •   Cruz de Prata

O Colar é o de rango máis alto e a Gran Cruz é o segundo, polo que normalmente se concede a altos funcionarios da Administración, xenerais dos Exércitos e Garda Civil, ou a persoas españolas e estranxeiras relevantes, sendo necesaria a súa aprobación polo Consello de Ministros.

Insignias

editar
Insignias e Pasadores
 
 
 
 
Colar Placa do Colar Gran-Cruz Encomenda de Número
 
 
 
 
Encomenda Cruz de Oficial Cruz Cruz de Prata

Retirada de distincións

editar

O agraciado con calquera das categorías que fose condenado pola comisión dun delito doloso ou pública e notoriamente realizase actos contrarios aos motivos determinantes para outorgar a distinción poderá, en virtude dun expediente iniciado de oficio ou por denuncia motivada, e coa intervención do fiscal da Real Orde, ser desposuído do título correspondente á distinción outorgada, decisión que corresponde a quen a concedeu.

  1. Escudero, Jesús (26 de marzo de 2014). "Rajoy cierra el grifo de las condecoraciones hasta el nivel más bajo de la democracia". El Confidencial (en castelán). Consultado o 2 de outubro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar