Gondor

reino ficticio creado por J. R. R. Tolkien

Gondor é un reino ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, descrito como o máis grande reino dos homes no oeste da Terra Media a finais da Terceira Idade. O terceiro volume do Señor dos Aneis, O Regreso do Rei, relata en gran parte os acontecementos en Gondor durante a guerra do Anel e a posterior restauración do reino. A historia do reino está descrita nos apéndices do libro.

Gondor
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Escudo de armas coa Árbore Branca, Nimloth.[T 1]
Gondor (vermello) na Terra Media, Terceira Idade 3019.
Primeira apariciónO Señor dos Aneis
Información
TipoReino sureño dos númenóreanos no exilio
GobernanteReis de Gondor; mordomos de Gondor
LocalizaciónNoroeste da Terra Media
LugaresCapital: Osgiliath, despois, Minas Tirith
Outros nomesO reino do sur

Segundo a narrativa, Gondor foi fundado polos irmáns Isildur e Anárion, os fillos de Elendil, exiliados do reino insular de Númenor despois da súa caída. Xunto con Arnor no norte, Gondor, o reino do sur, serviu como último bastión dos homes do oeste. Despois dun período de crecemento, Gondor comezou a esmorecer segundo avanzaba a Terceira Idade, sendo debilitado continuamente polas loitas internas e os conflitos cos aliados do Señor Escuro Sauron. Na época da guerra do Anel, o trono de Gondor estaba baleiro, aínda que os seus principados e feudos aínda tiñan deferencia polo rei ausente, amosando a súa lealdade aos administradores de Gondor. O reino só foi restaurado coa derrota final de Sauron e a coroación de Aragorn como rei.

Baseándose nas primeiras concepcións, a historia e a xeografía de Gondor foron desenvolvéndose por etapas a medida que Tolkien creaba o seu legendarium e escribía O Señor dos Aneis. Os críticos observaron o contraste entre os administradores cultos pero sen vigor de Gondor e os líderes sinxelos pero vigorosos do reino de Rohan, baseados nos anglosaxóns, que eran favorecidos por Tolkien. Os eruditos na obra de Tolkien observaron paralelismos entre Gondor e os normandos, a antiga Roma, os viquingos, os godos, os longobardos e o Imperio Bizantino.

Na literatura

editar

Etimoloxía ficticia

editar

Tolkien fixo que o nome Gondor procedese do sindarin, co significado "terra de pedra".[T 2][T 3] Isto ten o seu eco no propio texto do "Señor dos Aneis" co nome de Gondor entre os rohirrim, Stoningland.[T 4] Os primeiros escritos de Tolkien suxiren que esta era unha referencia á cantería ben desenvolvida dos gondorianos en contraste cos seus rústicos veciños.[T 5] Esta visión está apoiada polos termos drúedain para referirse aos gondorians e a propia Minas Tirith - cidade de pedra.[T 6] Tolkien negou que o nome Gondor estivese inspirado na antiga cidadela etíope de Gondar, sinalando que a raíz Ond proviña dun relato que leu cando era neno no que se mencionaba ond ("pedra") como unha das dúas palabras coñecidas das linguas preceltas de Gran Bretaña.[T 7] Gondor tamén é chamado o reino do sur ou reino sureño, e xunto con Arnor, formaban os Reinos Númenóreanos no exilio. Os investigadores Wayne G. Hammond e Christina Scull propuxeron unha tradución en quenya para Gondor: Ondonórë.[1] Os homes de Gondor son alcumados "tarks" (do quenya tarkil "home alto", numenoreano)[T 8] polos orcos de Mordor.[T 9]

Xeografía ficticia

editar
Artigo principal: Xeografía da Terra Media.

O reino

editar
 
Mapa de Gondor na Terceira Idade, delimitado por Rohan e Mordor.

A xeografía de Gondor está ilustrada nos mapas do Señor dos Aneis feitos por Christopher Tolkien en base aos bosquexos do seu pai e apuntamentos xeográficos The Rivers and Beacon-Hills of Gondor, Cirion and Eorl e O Señor dos Aneis. Gondor atópase no oeste da Terra Media, na costa norte de Anfalas[T 10][T 11] e a Baía de Belfalas[T 12] co gran porto de Pelargir preto do fértil delta do río Anduin[T 13] e a populosa[T 11] rexión de Lebennin,[T 14] que se estende até as Montañas Brancas (sindarin: Ered Nimrais, "montañas de cornos brancos"). Preto da desembocadura do Anduin estaba a illa de Tolfalas.[T 15]

Ao noroeste de Gondor atópase Arnor; ao norte, Gondor limita co Bosque Escuro e Rohan; ao nordeste, con Rhûn; ao leste, cruzando o río Anduin e a provincia de Ithilien, con Mordor; ao sur, co deserto e o norte de Harad. Polo oeste limita co Gran Mar.[T 16]

A ampla terra ao oeste de Rohan é coñecida como Enedwaith; nalgúns dos escritos de Tolkien forma parte de Gondor, mais noutros non.[T 17][T 18][T 19][T 20]

A rexión cálida e seca do sur de Gondor era, na época da guerra do Anel, "unha terra en litixio e desértica" disputada polos homes de Harad.[T 14]

A rexión de Lamedon e as terras altas do próspero Morthond, co desolado outeiro de Erech,[T 21] xace ao sur das Montañas Brancas, mentres que os populosos[T 4] vales de Lossarnach están xusto ao sur de Minas Tirith. O porto da cidade estaba a uns quilómetros ao sur, en Harlond, onde o gran río Anduin se achegaba máis a Minas Tirith. Ringló Vale estaba entre Lamedon e Lebennin.[T 22]

A rexión de Calenardhon atópase ao norte das Montañas Grises; concedéuselle a independencia como reino de Rohan.[T 20] Ao nordeste, o río Anduin entra nos outeiros de Emyn Muil e pasa Sarn Gebir e os estreitos perigosos, sobre un gran río-lago, Nen Hithoel. A súa entrada foi outrora a fronteira norte de Gondor, e está marcada polas Portas dos Argonath, un par de estatuas enormes como advertencia aos intrusos. No extremo sur do lago están os outeiros de Amon Hen (o outeiro da vista) e Amon Lhaw (o outeiro da audición) nas costas oeste e leste; debaixo de Amon Hen está a pradeira de Parth Galen, onde a Irmandade desembarcou e logo se disolveu, coa captura de Merri e Pipin, e a morte de Boromir. Entre os dous outeiros hai un illote rochoso, Tol Brandir, que en parte fai de encoro do río; xusto debaixo del hai unha enorme fervenza, as Cataratas de Rauros, nas cales cae o bote fúnebre de Boromir. Máis abaixo do río están os outeiros de Emyn Arnen.[T 23]

A capital, Minas Tirith

editar
 
Mapa aéreo de Minas Tirith.

A capital de Gondor a finais da Terceira Idade, Minas Tirith (do sindarin: "torre de garda"),[2] atópase no extremo oriental das Montañas Brancas, construída arredor do pico do monte Mindolluin. A cidade tamén é chamada ás veces como "a Torre Branca", unha sinécdoque para a cidade por ser a Cidadela o seu edificio máis destacado e a sede da administración da cidade. O xefe de goberno é o Señor da Cidade, función que cumpren os mordomos de Gondor. Outros funcionarios inclúen o Gardián das Casas da Saúde e o Gardián das Chaves. O Gardián das Chaves estaba a cargo da seguridade da cidade, especialmente das súas portas, e da custodia do seu tesoro, en particular a Coroa de Gondor; tiña o mando completo da cidade cando foi sitiada polas forzas de Mordor.[T 24]

Minas Tirith tiña sete murallas: cada muralla tiña unha porta, e cada porta miraba nunha dirección diferente á seguinte, mirando alternativamente ao norte ou ao sur. Cada nivel estaba uns 30 metros máis elevado que o anterior, e cada un rodeado por un alto muro de pedra de cor branca, agás o muro do Primeiro Círculo (o nivel máis baixo), que era negro, construído co mesmo material utilizado para Orthanc. Este muro exterior tamén era o máis alto, longo e forte dos sete muros da cidade; só era vulnerable a terremotos capaces de fender o chan onde se asentaba.[T 25] A Gran Porta de Minas Tirith, construída de ferro e aceiro e custodiado por torres de pedra e bastións, era a porta principal no primeiro nivel da muralla da cidade. Fronte á Gran Porta había unha grande área pavimentada chamada a Entrada. Os principais camiños cara a Minas Tirith encóntranse aquí: o camiño norte que se converteu no Gran Camiño do Oeste cara a Rohan; o camiño sur ás provincias do sur de Gondor; e o camiño a Osgiliath, situado ao nordeste de Minas Tirith. Agás pola alta portela de rocha que unía o oeste do outeiro con Mindolluin, a cidade estaba rodeada polos campos de Pelennor, unha zona de terras de cultivo.

A rúa principal da cidade zigzagueaba outeiro arriba e atravesaba cada unha das portas e o esporón central de rocha. Conducía á Cidadela a través da Sétima Porta da súa parte leste. A Torre Branca, no nivel máis alto da cidade e cunha visión dominante dos vales do río Anduin, estaba na Cidadela a 700 pés por enriba da chaira, protexida pola sétima e máis interna muralla por enriba do esporón. Orixinalmente construída por un rei da antigüidade, tamén é coñecida como a Torre de Ecthelion, o administrador de Gondor que a fixo reconstruír. Sede dos gobernantes de Gondor, os reis e os mordomos, a torre tiña 300 pés (91 m) de altura, polo que o seu pináculo estaba a uns 300 metros sobre a chaira. As portas principais da torre miraban cara ao leste, cara ao Patio Alto e a Praza da Fonte. No seu interior estaba o Salón da Torre, o gran salón do trono ondes os reis (ou mordomos) tiñan a súa corte. A pedra vidente de Minas Tirith, usada por Denethor no Regreso do Rei, mantíñase nunha cámara secreta na parte superior da torre. Había tamén unha despensa dos Gardas da Cidadela no soto da torre. Detrás da torre, accedendo dende o sexto nivel, había un paso de montaña que conduce á necrópole dos reis e dos mordomos.[a]

 
A Árbore Branca sen vida de Gondor foi comparada coa Árbore Seca da lenda medieval.[3] Ilustración dun manuscrito medieval da Árbore Seca (no centro) coa ave Fénix, flanqueda polas Árbores do Sol e da Lúa. Tanto a Árbore Seca coma o Fénix son símbolos de resurección e vida nova. Ruán, 1444-1445.[4]

No Patio da Fonte estaba a Árbore Branca, o símbolo de Gondor. Estivo seca durante os séculos que Gondor foi gobernado polos mordomos; Aragorn provocou un abrocho da Árbore Branca no seu regreso á cidade como rei. John Garth escribiu que a Árbore Branca está conectada coa Árbore Seca do século XIV descrita nas viaxes de Xoán de Mandeville.[5][3] A lenda conta que a Árbore Seca estivo sen vida dende a crucifixión de Xesús, mais que florecerá de novo cando "un príncipe do lado oeste do mundo recite unha misa debaixo del".[3] As mazás destas árbores permiten que as persoas vivan durante 500 anos.[4]

O nivel máis alto tamén contiña aloxamentos para o mordomo de Gondor, a Casa do Rei, Merethrond o Salón das Festas, os cuarteis para as compañías da Garda da Cidadela e outros edificios para os soldados. No Regreso do Rei, o hobbit Peregrin Tuc foi designado para servir coa garda.

As indicacións nos mapas de Tolkien para a ilustradora Pauline Baynes sinalan que a cidade tiña a latitude de Rávena, unha cidade italiana no mar Mediterráneo, aínda que estaba "900 millas ao leste de Hobbiton, máis preto de Belgrado".[6][7][b] As almenaras de advertencia de Gondor estaban no máis alto dunha liña de picos que conectaban cara ao oeste Minas Tirith con Rohan.

Dol Amroth

editar
 
Bandeira de Dol Amroth.

Dol Amroth (do sindarin: "o Outeiro de Amroth"[9]) é unha cidade fortaleza que se atopa nunha península que sobresae cara ao oeste na baía de Belfalas, na costa sur de Gondor. Tamén é o nome da cidade portuaria, unha das cinco grandes cidades de Gondor, e a sede do principado do mesmo nome, fundado polo príncipe Galador.[T 26] O poema "The Man in the Moon Came Down Too Soon" que aparece en The Adventures of Tom Bombadil conta como o Home da Lúa caeu unha noite na "ventosa baía de Bel"; a súa caída está marcada pola badalada dunha campá na Torre do Mar (Tirith Aear) de Dol Amroth, e como se recupera nunha pousada da cidade.[T 27]

O seu gobernante, o príncipe de Dol Amroth, está suxeito á soberanía de Gondor.[T 28] Os límites do principado non están definidos de maneira explícita, aínda que o príncipe gobernou Belfalas como un feudo, así como unha área ao leste no mapa sinalada como Dor-en-Ernil ("A terra do príncipe").[T 12] Imrahil, príncipe de Dol Amroth no Regreso do Rei, estaba vinculado por matrimonio tanto aos mordomos de Gondor como aos reis de Rohan.[10] Era irmán de Lady Finduilas e tío dos seus fillos Boromir e Faramir;[T 29] parente de Théoden;[T 30] e pai de Lothíriel, esposa de Éomer.[10][T 31] Imrahil xogou un papel importante na defensa de Minas Tirith; os soldados que Imrahil levou a Minas Tirith formaron o maior continxente interno para a defensa da cidade.[11][T 32] Os soldados de Dol Amrothm marcharon baixo unha bandeira "prateada sobre azul",[T 1] cun "barco branco coma un cisne sobre auga azul".[T 33]

Algúns habitantes de Dol Amroth, como Finduilas, teñen ascendencia númenóreana,[12] e aínda falan a lingua dos elfos.[T 2] Tolkien escribiu sobre as murallas protectoras da cidade e describiu Belfalas como un "gran feudo".[T 21] O castelo do príncipe Imrahil está á beira do mar; Tolkien describiu a Imrahil como unha persoa "de sangue nobre, e tamén o seu pobo, homes altos e orgullosos de ollos grises coma o mar".[T 34] A tradición local afirma que un dos seus devanceiros, Imrazôr o númenóreano casara cunha elfa, aínda que a súa liñaxe continuou sendo mortal.[T 25][13][14]

Historia ficticia

editar

O primeiro pobo que habitou a rexión foi o dos drúedain, un pobo cazador-colleiteiro da raza dos homes que chegou na Primeira Idade. Foron desprazados polos colonos posteriores e quedaron a vivir nos piñeirais do bosque de Druadan[T 6] ao nordeste das Montañas Brancas.[T 35] O seguinte pobo asentouse nas Montañas Brancas, e foron coñecidos como os homes das montañas. Construíron un complexo subterráneo en Dunharrow, máis tarde coñecido como os Camiños dos Mortos, que se estendía pola cordilleira de norte a sur.[T 13] Quedaron suxeitos a Sauron nos Anos Escuros. Fragmentos das linguas pre-númenóreanas sobreviven en épocas posteriores en topónimos como Erech, Arnach e Umbar.[T 36]

Reino de Númenór

editar
Véxase tamén: Númenor.

As costas de Gondor foron amplamente colonizadas polos númenóreanos dende mediados da Segunda Idade, especialmente polos amigos dos elfos fieis a Elendil.[T 37] Os seus fillos, Isildur e Anárion, chegaron a Gondor despois do afundimento de Númenor, e fundaron conxuntamente o Reino de Gondor. Isildur trouxo canda si unha plántula de Nimloth (do sindarin: nim, "branco" e loth, "florecer"),[15] a árbore branca de Númenór. Esta árbore e os seus descendentes foron chamados como a Árbore Branca de Gondor, e aparecen no escudo de armas do reino. Elendil, quen fundou o Reino de Arnor no norte, foi considerado o Gran Rei de todas as terras dos dúnedain.[T 18] Isildur estabeleceu a cidade de Minas Ithil (do sindarin: "torre da Lúa") mentres que Anárion estabeleceu a cidade de Minas Anor (do sindarin: "torre do Sol").[T 18]

Sauron sobreviviu a destrución de Númenor e regresou en segredo ao seu reino de Mordor, declarando axiña unha guerra contra os reinos númenóreanos. Capturou Minas Ithil, mais Isildur escapou en barco até Arnor; namentres, Anárion foi quen de defender Osgiliath.[T 37] Elendil e o rei elfo Gil-galad formaron a Última Alianza de Elfos e Homes, e xunto con Isildur e Anárion, asediaron e derrotaron a Mordor.[T 37] Sauron foi derrocado; mais o Anel Único que Isildur tomou del non foi destruído, e polo tanto Sauron continuou existindo.[T 38]

Tanto Elendil como Anárion morreron na guerra, polo que Isildur conferiu o goberno de Gondor ao fillo de Anárion, Meneldil, mantendo suzeranía sobre Gondor como Gran Rei dos dúnedain. Isildur e os seus tres fillos maiores foron emboscados e asasinados por orcos nos campos de Gladden. O fillo restante de Isildur, Valandil, non intentou reclamar o lugar do seu pai como monarca de Gondor; o reino foi gobernado soamente por Meneldil e os seus descendentes até que a súa liñaxe se extinguiu.[T 38]

Terceira Idade e goberno dos mordomos

editar
 
Selo dos mordomos de Gondor.[c]
 
Ilustración dunha emboscada en Harondor: tres haradrim atacando un cabaleiro de Gondor.

Durante os primeiros anos da Terceira Idade, Gondor era vitoriosa e rica, e mantivo unha coidadosa vixilancia sobre Mordor, pero a paz rematou coas invasións orientais.[T 40] Gondor creou unha poderosa armada e capturou o porto sur de Umbar aos númenóreanos negros,[T 40] o que o converteu nun reino moi rico.[T 18]

A medida que pasaba o tempo, Gondor descoidou a vixilancia sobre Mordor. Houbo unha guerra civil, o que lle deu a Umbar a oportunidade de declarar a independencia.[T 40] Os reis de Harad fixéronse máis fortes, o que levou a loita á rexión sur.[T 41] Coa Gran Praga do ano 1636, a poboación comezou a declinar.[T 40] A capital foi trasladada dende Osgiliath á menos afectada polos conflitos Minas Anor, polo que as criaturas malvadas regresaron ás montañas que bordean Mordor. Houbo unha guerra cos Wainriders, unha confederación de tribos orientais, e Gondor perdeu a súa liñaxe de reis.[T 42] Os espectros do anel capturaron e ocuparon Minas Ithil[T 37] que se convertería en Minas Morgul, "a Torre da Feiticería Negra".[T 43][T 37][T 18] Naquela época, Minas Arnor cambiou o seu nome por Minas Tirith, en vixilancia constante da súa agora manchada cidade xemelga.

Sen reis, Gondor foi gobernado por mordomos durante moitas xeracións, cuxo poder se transmitiu de pais a fillos; malia o seu exercicio de poder e status hereditario, nunca foron aceptados como reis, nin sentaron no alto trono.[T 44][d] Despois de varios ataques das forzas do mal, a provincia de Ithilien[T 11] e a cidade de Osgiliath foron abandonadas.[T 18][T 40] Posteriormente, as forzas de Gondor, lideradas por Aragorn baixo o alcume Thorongil, atacaron Umbar e destruíron a frota corsaria, permitindo a Denethor II dedicar a súa atención a Mordor.[T 39][17]

Guerra do Anel e restauración

editar
 
Batalla dos Campos de Pelennor.

Denethor enviou ao seu fillo Boromir a Valfendido por consello mentres a guerra se achegaba. Alí, Boromir asistiu ao consello de Elrond, viu o Anel Único, e suxeriu usalo como arma para salvar Gondor. Elrond reprendeuno explicándolle o perigo de tal uso e, no seu lugar, o hobbit Frodo Bulseiro converteuse no portador do anel e unha Irmandade, á cal se uniu Boromir, foi enviada nunha misión para destruír o anel.[T 45] Segundo medraba en forza, Sauron atacou Osgiliath, obrigando aos defensores a marchar e destruír a última ponte que atravesaba o río Anduin. Entón, Minas Tirith enfrontouse a un ataque terrestre directo dende Mordor, combinado co ataque naval dos corsarios de Umbar. Os hobbits Frodo e Sam viaxaron a través de Ithilien e foron capturados por Faramir, o irmán de Boromir, quen os retivo na cova oculta de Henneth Annûn, mais despois axudounos a continuar a súa misión.[T 46] Aragorn invocou os mortos de Dunharrow para destruír as forzas de Umbar, liberando homes das provincias do sur de Gondor, como Dol Amroth,[T 11][T 12] para acudir na axuda de Minas Tirith.

Antes da batalla dos Campos de Pelennor, a Gran Porta foi atravesada polas forzas de Sauron lideradas polo Rei Bruxo de Angmar. El pronunciou "palabras de poder" ao tempo que o ariete chamado Grond atacaba a Gran Porta; estalou coma se fose "golpeada por algún feitizo", cun "resplandor de lóstrego ardente, e as portas caeron en anacos esgazados no chan.[T 25] O Rei Bruxo cabalgou a través da Porta, onde Gandalf agardaba por el, mais marchou pouco despois para enfrontarse aos xinetes de Rohan na batalla. Gondor, co apoio da cabalaría rohirrim, repeleu a invasión de Mordor. Despois da morte de Denethor e por mor da incapacidade de Faramir, o príncipe Imrahil converteuse no señor de Gondor.[18]

Cando Imrahil se negou a enviar a totalidade do exército de Gondor contra Mordor, Aragorn liderou un pequeno exército até a Porta Negra de Mordor para distraer a Sauron da misión de Frodo.[18] Os hobbits tiveron éxito, e con Sauron derrotado, a guerra e a Terceira Idade remataron. A Gran Porta foi reconstruída con mithril e aceiro por Gimli e os ananos da Montaña Solitaria. A coroación de Aragorn celebrouse na Entrada, onde foi nomeado Rei Elessar de Gondor e Arnor, o reino irmán do norte.[T 47][T 41][T 48][T 49]

Concepto e creación

editar

As ideas orixinais de Tolkien sobre as últimas idades da Terra Media descríbense nos seus primeiros bosquexos da lenda de Númenor, a mediados da década de 1930; estes xa conteñen unha aparencia de Gondor.[T 50] Os apéndices do Señor dos Aneis foron rematados en 1953–54, mais unha década despois, durante os preparativos para o lanzamento da segunda edición, Tolkien detallou os eventos que levaron á guerra civil de Gondor, presentando a rexencia de Rómendacil II.[T 51] O desenvolvemento final da historia e xeografía de Gondor tivo lugar arredor de 1970, nos últimos anos da vida de Tolkien, cando inventou xustificacións para os topónimos e escribiu narrativas completas para as historias da morte de Isildur e as batallas cos Wainriders e Balchoth (publicado en Unfinished Tales).[T 52]

Tolkien describe unha poboación antiga de elfos na rexión de Dol Amroth, escribindo moitos relatos da súa historia temperá. Nunha das versións, cóntase a fundación dun refuxio ou pequeno asentamento na Primeira Idade por navegantes sindar provenientes dos paraísos occidentais de Beleriand, os cales fuxiron en tres pequenas embarcacións cando o poder de Morgoth superou aos Eldar e os Atani; os sindar uníronse máis tarde aos elfos silvanos que baixaron polo Anduin na procura do mar.[T 53] Outro relato afirma que o refuxio foi estabelecido na Segunda Idade por elfos sindarin de Lindon, que aprenderon o oficio da construción naval nos Portos Grises e que logo se instalaron na desembocadura do Morthond.[T 53] Outros relatos din que os elfos silvanos acompañaron a Galadriel dende Lothlórien a esta rexión despois da derrota de Sauron en Eriador, a mediados da Segunda Idade,[T 53] ou que Amroth gobernou entre os elfos nandorin nesa zona na Segunda Idade.[T 54] Os elfos continuaron vivindo alí até ben entrada a Terceira Idade, cando o derradeiro barco partiu de Edhellond cara ás Terras Imperecedoiras. Amroth, rei de Lothlórien dende o comezo da Terceira Idade,[T 53] deixou atrás o seu reino na procura da súa amada Nimrodel, unha nandorin que fuxira do Balrog desatado polos ananos en Moria. Agardou por ela Edhellond, para a súa última viaxe xuntos a Occidente. Mais Nimrodel, que amaba a Terra Media tanto como amaba a Amroth, non se puido unir a el. Cando o barco partiu prematuramente ao mar, saltou pola borda nun inútil intento de chegar á costa para buscala e afogou na baía.[T 53] Mithrellas, unha elfa silvana e unha das compañeiras de Nimrodel, converteuse na devanceira da liñaxe dos príncipes de Dol Amroth.[T 53][19]

Segundo un relato alternativo sobre a liñaxe dos príncipes de Dol Amroth citado en Unfinished Tales, eran descendentes dunha familia dos Fieis de Númenor que gobernara a terra de Belfalas dende a Segunda Idade, antes de que Númenor fose destruído. Esta familia de númenóreanos era semellante aos Señores de Andúnië, a polo tanto relacionado con Elendil e descendente da Casa de Elros. Despois da caída de Númenor, Elendil creou o título de "príncipe de Belfalas"[T 20] Unfinished Tales achega un relato de "Adrahil de Dol Amroth", quen loitou baixo o rei Ondoher de Gondor contra os Wainriders, que é anterior ao afogamento de Amroth no ano 1981 da Terceira Idade.[T 42]

Comparación de Tom Shippey entre Gondor e o seu veciño, Rohan[20]
Situación Gondor Rohan
Comportamento do líder
ao encontrarse con intrusos
Faramir, fillo do mordomo Denethor
cortés, urbano, civilizado
Éomer, sobriño do rei Théoden
"compulsivamente truculento"
Palacio do gobernante Gran Salón de Minas Tirith
grande, solemne, sen cor
Sala do hidromel de Meduseld,
sinxelo, animado, colorido
Estado "Unha especie de Roma",
sutil, egoísta, calculador
Anglosaxóns, vigorosos
 
O reino de Rohan, audaz, colorido e inspirado nos anglosaxóns (aquí nunha ilustración do século XI), "aqueles que mellor coñecía Tolkien",[20] é contrastado polos críticos co solemne pero incoloro Gondor.

O crítico Tom Shippey compara a caracterización de Tolkien de Gondor coa de Rohan. Sinala que os homes dos dous reinos encóntranse ou compórtanse de maneiras contrastantes varias veces no Señor dos Aneis: cando Éomer e os xinetes de Rohan se encontran dúas veces co grupo de Aragorn na Marca, e cando Faramir e os seus homes reteñen a Frodo e a Sam en Henneth Annun en Ithilien. Shippey observa que, aínda que Éomer é "compulsivamente truculento", Faramir é cortés, urbano e civilizado: a xente de Gondor está segura de si mesma e a súa cultura é superior á de Rohan. A mesma comparación propón Shippey entre a sala do hidromel de Meduseld en Rohan, e o gran salón de Minas Tirith en Gondor. Meduseld é sinxelo, mais está cheo de vida cos seus tapices, un colorido chan de pedra e a vívida imaxe do xinete, o seu pelo brillante que flúe no vento e que fai soar o corno. O salón do mordomo Denethor é grande e solemne, mais morto, sen cores, feito en fría pedra. Rohan é, segundo suxire Shippey, a "parte que Tolkien coñecía mellor",[20] os anglosaxóns cheos de vigor; Gondor é "unha clase de Roma", sutil, egoísta, calculador.[20]

A crítico Jane Chance Nitzsche contrasta os "bos e malos señores xermánicos, Théoden e Denethor", observando que os seus nomes son case anagramas. Ela escribe que ámbolos dous homes reciben a lealdade dun hobbit, mais de maneira moi diferente: Denethor, mordomo de Gondor, menospreza a Peregrin porque é pequeno, e obrígao cun xuramento formal, mentres que Théoden, rei de Rohan, trata a Merri con amor, ao cal responde o hobbit.[21]

Na súa análise da tradición histórica de Númenor, Michael N. Stanton dixo que se demostran estreitas afinidades entre os elfos e os descendentes dos homes do oeste, non só en termos de herdanza de sangue senón tamén na súa "moral e nobreza de comportamento", que se debilitou gradualmente co paso dos anos debido ao "tempo, ao esquecemento e, en gran parte, ás maquinacións de Sauron".[22] As ligazóns culturais entre os homes de Gondor e os elfos reflíctese nos nomes de certos personaxes: por exemplo, Finduilas de Dol Amroth, a esposa de Denethor e a irmá do príncipe Imrahil, ten o mesmo nome que unha princesa elfa da Primeira Idade.[23]

Leslie A. Donovan, en A Companion to J. R. R. Tolkien, compara o asedio de Gondor coa alianza de elfos e homes na súa loita contra Morgoth e outras empresas cooperativas no Silmarillion, sinalando que ningunha delas tería sido exitosa sen a colaboración; ademais, cada un deses éxito provén doutro esforzo compartido, como cando os rohirrim acudiron en axuda de Gondor grazas aos esforzos conxuntos de Legolas, Gimli e Aragorn, os cales á súa vez colaboraron cos quebrantadores de xuramentos dos Sendeiros dos Mortos.[24]

Influencias

editar

A experta en estudos xermánicos Sandra Ballif Straubhaar apunta en The J. R. R. Tolkien Encyclopedia que os lectores debateron sobre os prototipos do mundo real de Gondor. Ela escribe que, igual que os normandos, os seus fundadores os numenoreanos chegaron "do outro lado do mar", e que a armadura do príncipe Imrahil cun "avambrazo bruñido" lembra á armadura de placas de aceiro de finais da Idade Media. En contra desta teoría, sinala a dirección de Tolkien para os lectores cara a Exipto e Bizancio, mais lembra que Tolkien situou Minas Tirith na latitude de Florencia, afirmando que "as semellanzas máis sorprendentes" son coa antiga Roma. Ela identifica varios paralelismo: Eneas, de Troia, e Elendil, de Númenor, sobreviven á destrución dos seus lugares de orixe; os irmáns Rómulo e Remo fundan Roma, mentres que os irmáns Isildur e Anárion fundan os reinos numenoreanos da Terra Media; e tanto Gondor como Roma experimentan séculos de "decadencia e declive".[17]

A experta en literatura infantil e de fantasía Dimitra Fimi traza un paralelismo entre os mariñeiros numenoreanos e os viquingos do mundo nórdico, sinalando que en The Lost Road and Other Writings, Tolkien describe os seus barcos funerarios,[T 55] coincidindo cos de Beowulf e a Edda prosaica.[25] Tamén sinala que Boromir recibiu un funeral con bote nas Dúas Torres.[T 56][25] Fimi compara ademais o helmo e a coroa de Gondor co romantizado "tocado das valquirias", malia a negativa de Tolkien dunha conexión co ciclo do Anel de Wagner, sinalando a súa "semellanza coas ás dun paxaro mariño"[T 57] na súa descrición da coroación de Aragorn, e o seu debuxo da coroa nun deseño de sobrecuberta sen usar.[T 58][25]

Comparación de Miryam Librán-Moreno entre Gondor e o Imperio Bizantino[26]
Situación Gondor Imperio Bizantino
Estado anterior ao actual Reino unificado de Elendil Imperio Romano
Reino irmán máis débil Arnor, o reino do norte Imperio Romano de Occidente
Inimigos poderosos
ao leste e sur
Orientais
haradrim,
Mordor
Persas,
árabes,
turcos
Asedio final dende o leste Sobrevive Caída

O historiadora clásica Miryam Librán-Moreno escribe que Tolkien se baseou moito na historia xeral dos godos, longobardos e do Imperio Bizantino, e as respectivas loitas. Os nomes históricos destes pobos empregáronse nos borradores ou no concepto final da historia interna de Gondor, como Vidumavi, esposa do rei Valacar (en gótico).[26] O Imperio Bizantino e Gondor eran, segundo Librán-Moreno, os ecos de estados máis antigos (o Imperio Romano e o reino unificado de Elendil), e cada un deles demostrou ser máis forte que o seu reino irmán (o Imperio Romano de Occidente e Arnor, respectivamente). Os dous reinos estaban ameazados por poderosos inimigos do leste e do sur: os bizantinos polos persas e os exércitos musulmáns dos árabes e dos turcos, igual que os longobardos e os góticos; Gondor estaba ameazado polos orientais, os haradrim e as hordas de Sauron. Ambos os reinos estaban en declive no momento dun último asedio total dende Oriente; porén, Minas Tirith sobreviviu ao asedio mentres que Constantinopla non o logrou.[26] Nunha carta de 1951, o mesmo Tolkien escribiu sobre "a cidade bizantina de Minas Tirith."[27]

Tolkien visitou os outeiros de Malvern con C. S. Lewis,[28][29] e rexistrou anacos do Hobbit e O Señor dos Aneis en Malvern en 1952, na casa de George Sayer.[30] Sayer escribiu que Tolkien revivía o libro mentres camiñaban, comparando os outeiros de Malvern coas Montañas Brancas de Gondor.[29]

Adaptacións

editar

Cinema

editar
 
No filme The Lord of the Rings: The Return of the King de Peter Jackson, a capital de Gondor, Minas Tirith, tivo como modelo Le Mont-Saint-Michel.[32]

Gondor, tal como foi representado na triloxía cinematográfica de Peter Jackson do Señor dos Aneis, foi comparado co Imperio Bizantino.[33] O equipo de produción explicouno nos comentarios do DVD, relatando a súa decisión de engadir cúpulas bizantinas na arquitectura de Minas Tirith e facer que os civís usasen roupa de estilo bizantino.[34] Porén, a aparencia e estrutura da cidade baseouse na illa de marea e abadía de Le Mont-Saint-Michel, en Francia.[32] Nos filmes, as torres da cidade deseñadas polo artista Alan Lee están equipadas con trabucos.[35] En contraste coa descrición da novela das murallas exteriores de Minas Tirith, na adaptación cinematográfica as paredes son bracas, e moitas delas foron destruídas con pouca dificultade polas forzas de Sauron. O crítico de cinema Roger Ebert calificou a recreación de Minas Tirith nos filmes como un "logro espectacular", e comparouno coa Cidade Esmeralda de The Wizard of Oz. Tamén eloxiou a capacidade dos realizadores para combinar escenarios reais e dixitais.[36]

O escenario de Minas Tirith apareceu en adaptacións de videoxogos de The Lord of the Rings, como o videoxogo de 2003 The Lord of the Rings: The Return of the King, que se basea directamente na adaptación cinematográfica de Jackson.[37]

Varias localizacións de Gondor están presentes no xogo de rol de 1982 Middle-earth Role Playing e as súas expansións.[38]

Christopher Tuthill, na obra A Companion to J.R.R. Tolkien, avalía as ilustracións de Minas Tirith realizadas polos principais ilustradores de Tolkien, Alan Lee, John Howe (ambos traballaron como deseñadores conceptuais para a triloxía cinematográfica de Peter Jackson), Jef Murray e Ted Nasmith. Tuthill escribe que se volveu "difícil imaxinar" a Terra Media "sen os moitos subcreadores que traballaron nela", sinalando que os "temidos efectos" do que Tolkien chamou "parvada e morbosidade" de gran parte da arte de fantasía do seu tempo "non están en ningunha parte" no traballo destes artistas.[39] Segundo a visión de Tuthill, a ilustración "completamente renderizada e de aspecto máis realista" é "Gandalf cabalga a Minas Tirith" de Nasmith, cunha "cidade totalmente convincente" ao fondo, maxestosa mentres o mago galopa cara a ela coa luz do amencer. De acordo con Tuthill, Nasmith usa a súa habilidade de renderizado arquitectónico para achegar unha visión detallada de toda a cidade.[39] Citando a Nasmith, Tuthill escribiu que el estudou o que dixo Tolkien, como comparar Gondor coa cultura do antigo Exipto. Tuthill compara as versións de Howe e Murray da mesma escena; Howe mostra só un recuncho da cidade, pero captura de xeito vivo o movemento do cabalo e as roupas voadoras do xinete, cunha forte interacción de luz e escuridade, o cabalo branco contra as rochas escuras. Howe emprega de forma similar un forte contraste, coa cidade branca contra as nubes escuras, pero usando "liñas planas negras e un ton azul profundo", mentres que a cidade de Howe aseméllase máis a un castelo tradicional de conto de fadas, con banderíns en cada pináculo, ao estilo fauvista. En troques, Lee elixe mirar "Dentro de Minas Tirith", que mostra "os mesmos chapiteis brillantes e a pedra branca", un garda en pé en primeiro plano no canto de Gandalf e o seu cabalo; a súa pintura dá unha sensación do "grande que é a cidade", con especial atención aos detalles da arquitectura románica tardía ou da gótica temperá, e a perspectiva.[39]

Referencias culturais

editar

Dol Amroth é o nome dun pico rochoso da cordilleira das Cascadas, bautizado polos visitantes que atravesaron a área ao oeste do Monte Buckindy en 1972, e que aplicaron varios nomes do "Señor dos Aneis" aos picos locais.[40]

  1. O mapa #40 de Journeys of Frodo de Barbara Strachey é un plano de Minas Tirith. Fonstad 1991, pp. 138–139 mostra un plano diferente da cidade. Os únicos mapas de Tolkien son bosquexos.
  2. A erudita de Tolkien, Judy Ann Ford, escribe que tamén hai unha conexión arquitectónica con Rávena na descrición de Peregrin do gran salón de Denethor, que na súa opinión suxire un mito xermánico dun Imperio Romano restaurado.[8]
  3. O selo dos mordomos constaba de tres letras: R.ND.R (que representa a Arandur, o servo do rei), coroadas por tres estrelas.[T 39]
  4. Boromir pregúntalle a seu pai Denethor cantos séculos tardaría un mordomo en converterse en rei. Denethor respóndelle "Quizais noutros lugares de menos realeza uns poucos anos. Pero en Gondor non abondarían dez mil anos."[T 44] Shippey interpreta isto como un reproche a "Macbeth" de Shakespeare, sinalando que en Escocia e en Gran Bretaña, un Stewart/Steward como Xacobe I de Inglaterra (Xacobe VI de Escocia) podía transformarse nun rei.[16]

Fontes primarias

editar
Esta lista identifica a localización de cada elemento nos escritos de Tolkien.
  1. 1,0 1,1 O Regreso do Rei, Libro 6, cáp. 4 "O campo de Cormallen": "axitábase ao vento un grande estandarte no que florecía unha árbore branca cun campo negro, baixo unha coroa brillante e sete estrelas escintilantes."
  2. 2,0 2,1 O Regreso do Rei, Apéndice F, "Of Men"
  3. Etymologies, entries GOND-, NDOR-
  4. 4,0 4,1 O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 6 "A batalla dos Campos de Pelennor"
  5. Return of the Shadow, cáp. 22 "New Uncertainties and New Projections"
  6. 6,0 6,1 O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 5 "A cabalgada dos Rohirrim"
  7. Carpenter 1981, #324
  8. Tolkien, J. R. R.; Gilson, Christopher (editing, annotations). "Words, Phrases and Passages in Various Tongues in The Lord of the Rings". Parma Eldalamberon (17): 101. 
  9. O Regreso do Rei, Libro 6, cáp. 1 "A torre de Cirith Ungol"
  10. Etymologies, entries ÁNAD-, PHÁLAS-, TOL2-
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 1 "Minas Tirith"
  12. 12,0 12,1 12,2 Unfinished Tales, parte 2 cáp. 4 "History of Galadriel and Celeborn": "Amroth and Nimrodel"
  13. 13,0 13,1 O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 9 "A derradeira deliberación"
  14. 14,0 14,1 Unfinished Tales, map of the West of Middle-earth
  15. Peoples, cáp. 6 "The Tale of Years of the Second Age"
  16. Fonstad 1991, p. 191
  17. Peoples, cáp. 10 "Of Dwarves and Men", e notas 66, 76
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 O Regreso do Rei, Apéndice A, I (iv)
  19. Unfinished Tales, parte 2 cáp. 4 "History of Galadriel and Celeborn"; Apéndices C e D
  20. 20,0 20,1 20,2 Unfinished Tales, "The Battles of the Fords of Isen", Apéndice (ii)
  21. 21,0 21,1 O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 2 "O paso da Compañía Gris"
  22. O Regreso do Rei, mapa de Gondor
  23. Fonstad 1991, pp. 83–89
  24. O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 8 "As casas da saúde"
  25. 25,0 25,1 25,2 O Regreso do Rei, Libro 5, cáp. 4 "O asedio de Gondor"
  26. Unfinished Tales, "Cirion and Eorl and the Friendship of Gondor and Rohan".
  27. The Adventures of Tom Bombadil, Introdución e poema 6
  28. Letters, #244 to a reader, draft, c. 1963
  29. O Señor dos Aneis, Apéndice A, "The Stewards"
  30. Unfinished Tales, "Disaster of the Gladden Fields".
  31. O Señor dos Aneis, Apéndice A, "The House of Eorl"
  32. O Regreso do Rei, "Minas Tirith"
  33. O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 8 "As casas da saúde".
  34. O Regreso do Rei, "Minas Tirith"
  35. O Regreso do Rei, Libro 6 cáp. 6 "Moitas despedidas"
  36. O Regreso do Rei, Apéndice F parte 1
  37. 37,0 37,1 37,2 37,3 37,4 Silmarillion, "Of the Rings of Power and the Third Age"
  38. 38,0 38,1 Unfinished Tales, parte 3 cáp. 1 "Disaster of the Gladden Fields"
  39. 39,0 39,1 Unfinished Tales & see note 25, parte 3 cáp. 2 "Cirion and Eorl"
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 O Regreso do Rei, Apéndice B "A Terceira Idade"
  41. 41,0 41,1 Peoples, cáp. 7 "The Heirs of Elendil"
  42. 42,0 42,1 Unfinished Tales, parte 3 cáp. 2 "Cirion and Eorl", (i)
  43. O Regreso do Rei, Libro 5 cáp. 8 "As casas da saúde"; Libro 6 cáp. 5 "O mordomo e o rei"
  44. 44,0 44,1 As Dúas Torres, Libro 4, cáp. 5 "Unha fiestra ao Oeste"
  45. A Irmandade do Anel, Libro 2 cáp. 2 "O consello de Elrond"
  46. As Dúas Torres, Libro 4 cáp. 5 "Unha fiestra ao Oeste"
  47. O Regreso do Rei, Apéndice A, II
  48. Peoples, cáp. 8 "The Tale of Years of the Third Age"
  49. Carpenter 1981, #256, #338
  50. Lost Road, cáp. 2 "The Fall of Númenor"
  51. Peoples, cáp. 9 "The Making of Appendix A". Letter c in names is used for original k.
  52. Peoples, cáp. 13 "Last Writings"
  53. 53,0 53,1 53,2 53,3 53,4 53,5 Unfinished Tales, parte 2 cáp. 4 "History of Galadriel and Celeborn"
  54. Unfinished Tales, "Aldarion and Erendis".
  55. The Lost Road and Other Writings, cáp. 2 "The Fall of Numenor"
  56. As Dúas Torres, Libro 3, cáp. 1 "A partida de Boromir"
  57. O Regreso do Rei, Libro 6, cáp. 5 "O mordomo e o rei"
  58. The Winged Crown of Gondor. Bodleian Library, Oxford, MS. Tolkien Drawings 90, fol. 30.

Fontes secundarias

editar
  1. Hammond & Scull 2005, "The Great River", p. 347
  2. Noel, Ruth S. (1974). The Languages of Tolkien's Middle-earth. Houghton Mifflin Company. p. 170. ISBN 0-395-29129-1. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Garth, John (2020). The Worlds of J.R.R. Tolkien: The Places that Inspired Middle-earth. Frances Lincoln Publishers & Princeton University Press. p. 41. ISBN 978-0-7112-4127-5. 
  4. 4,0 4,1 Drieshen, Clark (31 de xaneiro de 2020). "The Trees of the Sun and the Moon". British Library. Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2020. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  5. Gasse, Rosanne (2013). "The Dry Tree Legend in Medieval Literature". En Gusick, Barbara I. Fifteenth-Century Studies 38. Camden House. pp. 65–96. ISBN 978-1-57113-558-2. Mandeville tamén inclúe unha profecía de que cando o Príncipe de Occidente conquiste Terra Santa para o cristianismo, esta árbore volverá poñerse verde, máis ben parecido á Árbore Branca de Arnor [sic] na versión cinematográfica de Peter Jackson do "Señor dos Aneis", se non na novela orixinal de Tolkien, que agroma novas follas verdes cando Aragorn chega por primeira vez a Gondor en [sic, é dicir, despois da] batalla dos campos de Pelennor. 
  6. Flood, Alison (23 de outubro de 2015). "Tolkien's annotated map of Middle-earth discovered inside copy of Lord of the Rings". The Guardian. 
  7. "Tolkien annotated map of Middle-earth acquired by Bodleian library". Exeter College, Oxford. 9 de maio de 2016. Consultado o 9 de abril de 2020. 
  8. Ford, Judy Ann (2005). "The White City: The Lord of the Rings as an Early Medieval Myth of the Restoration of the Roman Empire". Tolkien Studies 2 (1): 53–73. ISSN 1547-3163. doi:10.1353/tks.2005.0016. 
  9. Foster, Robert (1978). A Guide to Middle-earth. Ballantine Books. p. 60. ISBN 978-0345275479. 
  10. 10,0 10,1 Viars, Karen (2015). "Constructing Lothiriel: Rewriting and Rescuing the Women of Middle-Earth From the Margin". Mythlore 33. article 6. 
  11. Honegger, Thomas (2017). "Riders, Chivalry, and Knighthood in Tolkien". Journal of Tolkien Research 4. article 3. 
  12. Davis, Alex (2013) [2006]. "Boromir". En Michael D.C. Drout. The J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. p. 412-413. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  13. Hammond & Scull 2005, "The Great River", pp. 683–684
  14. Armstrong, Helen (2013) [2006]. "Arwen". En Michael D.C. Drout. The J. R. R. Tolkien Encyclopedia. Routledge. p. 38-39. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  15. Foster, Robert (1978). The Complete Guide to Middle-earth. Ballantine Books. p. 186. ISBN 978-0-345-44976-4. 
  16. Shippey 2005, p. 206.
  17. 17,0 17,1 17,2 Straubhaar 2007, pp. 248–249.
  18. 18,0 18,1 O'Connor, David (2017). "For What May We Hope? An Appreciation of Peter Simpson's Political Illiberalism". The American Journal of Jurisprudence 62 (1): 111–117. doi:10.1093/ajj/aux014. 
  19. De Rosario Martínez, Helios (22 de novembro de 2005). "Light and Tree A Survey Through the External History of Sindarin". Elvish Linguistic Fellowship. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Shippey 2005, pp. 146–149.
  21. Nitzsche 1980, pp. 119–122.
  22. Stanton, Michael (2015). Hobbits, Elves and Wizards: The Wonders and Worlds of J.R.R. Tolkien's "Lord of the Rings". St. Martin's Publishing Group. p. Pt 143. ISBN 978-1-2500-8664-8. 
  23. Day, David (1993). Tolkien: The Illustrated Encyclopaedia. Simon and Schuster. p. 248. ISBN 978-0-6848-3979-0. 
  24. Donovan, Leslie A. (2020) [2014]. "Middle-earth Mythology: An Overview". En Lee, Stuart D. A Companion to J. R. R. Tolkien. Wiley. p. 100. ISBN 978-1119656029. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Fimi 2007, pp. 84–99.
  26. 26,0 26,1 26,2 Librán-Moreno, Miryam (2011). "'Byzantium, New Rome!' Goths, Langobards and Byzantium in The Lord of the Rings". En Fisher, Jason. Tolkien and the Study of his Sources. MacFarland & Co. pp. 84–116. ISBN 978-0-7864-6482-1. 
  27. 27,0 27,1 Hammond & Scull 2005, p. 570
  28. 28,0 28,1 Duriez 1992, p. 253
  29. 29,0 29,1 Sayer 1979
  30. Carpenter 1977
  31. "Lord Of The Rings: The Return Of The King: 2003". Movie Locations. Consultado o 22 de febreiro de 2021. Ben Ohau Station, in the Mackenzie Basin, in the Southern Alps, ... provided the ‘Pelennor Fields’, and the foothills of the ‘White Mountains’, for the climactic battle scenes 
  32. 32,0 32,1 Morrison, Geoffrey (27 de xuño de 2014). "The real-life Minas Tirith from 'Lord of the Rings': A tour of Mont Saint-Michel". CNET. 
  33. Puig, Claudia (24 de febreiro de 2004). "With third film, 'Rings' saga becomes a classic". USA Today. In the third installment, for example, Minas Tirith, a seven-tiered city of kings, looks European, Byzantine and fantastical at the same time. 
  34. The Lord of the Rings: The Return of the King (special extended DVD ed.). decembro de 2004. 
  35. Russell, Gary (2004). The Art of The Lord of the Rings. Houghton Mifflin Harcourt. pp. 103–105. ISBN 0-618-51083-4. 
  36. Ebert, Roger (17 de decembro de 2003). "Lord of the Rings: The Return of the King". Chicago Sun-Times. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2011. Consultado o 04 de xaneiro de 2022. 
  37. Dobson, Nina (28 de outubro de 2003). "The Lord of the Rings: The Return of the King Designer Diary #6". GameSpot. Consultado o 15 de novembro de 2014. 
  38. "Assassins of Dol Amroth". RPGnet. Skotos. Consultado o 11 de agosto de 2012. 
  39. 39,0 39,1 39,2 Tuthill, Christopher (2020) [2014]. "Art: Minas Tirith". En Lee, Stuart D. A Companion to J.R.R. Tolkien. Wiley. pp. 495–500. ISBN 978-1119656029. 
  40. Beckey, Fred W. (2003). Cascade Alpine Guide: Climbing and High Routes, Stevens Pass to Rainy Pass. The Mountaineers Books. p. 287. ISBN 9780898868388. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
Bibliografía adicional