Meriadoc Brandigamo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
Meriadoc Brandigamo, normalmente coñecido como Merri, é un personaxe de ficción do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra máis famosa, O Señor dos Aneis.
Meriadoc Brandigamo | |
---|---|
Personaxe de O Señor dos Aneis | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Alcume | Merri |
Raza | Hobbits |
Sexo | Masculino |
Nacemento | 2982 T. I. |
Falecemento | +64 C. I. |
Título | Señor de Gamoedo |
Familia | Saradoc Brandigamo (pai) Esmeralda Tuc (mai) |
Cónxuxe | Estella Bocho |
Residencia | Brandilar, Gamoedo |
Perfil en IMDb |
Merri, un Hobbit, naceu no ano 2982 da Terceira Idade, e era o único fillo (e xa que logo o herdeiro aparente) de Saradoc Brandigamo (2940–11 C.I.), Señor de Gamoedo, e Esmeralda Tuc (2936–?), irmá máis nova de Paladin Tuc, o que o convertía en curmán do fillo de Paladin, Pipin[T 1], quen tamén era o seu amigo.
Amante dos barcos e mapas da Terra Media[T 2], descríbese a Merri como un dos máis íntimos amigos de Frodo, o protagonista principal do libro. Prímula, a irmá do avó de Merri, Rorimac Brandigamo, era a nai de Frodo, de xeito que este último era tío segundo de Merri[T 3].
Aparicións
editarLiteratura
editarN' O Señor dos Aneis, Merri é considerado, e descrito por Tolkien, como o máis perceptivo e intelixente dos Hobbits: por exemplo, mesmo antes de que Bilbo Bulseiro abandonase a Comarca, el xa sabía da existencia do Anel Único e dos seus poderes de invisibilidade. Custodiou Vila Bulsa despois da festa de aniversario de Bilbo, protexendo a Frodo dos diversos e a miúdo indesexados convidados[T 4]. Tiña un ar astuto e un sentido do humor burlón tan inocente e ben intencionado que resultaba ímposíbel tomalo a mal (nunha ocasión, cando Lobelia Sacovila-Bulseiro acusa a Frodo de ser un Brandigamo e non un verdadeiro Bulseiro, Merri asegúralle de que "Foi un cumprido e por iso mesmo, xaora, falso")[T 5].
Merri tamén foi un dos artífices detrás da "Conspiración" xunto con Sam, Pipin, Fredegar Bocho (máis coñecido como "Gordiño") para axudar a Frodo[T 6]. Así, no comezo d' A Irmandade do Anel, Merri estaba ben preparado e organizado —fixo os fardos do grupo e trouxo ponis[T 7]. O seu atallo a través do Bosque Vello afastounos dos Xinetes Negros durante un tempo[T 8], mais tiveron que ser rescatados das poutas de Vello Home Salgueiro polo enigmático Tom Bombadil. Nas Lombas das Antas conseguiu a súa espada, que en realidade se trataba dunha daga longa forxada no reino de Arthedain[T 9].
Ao chegaren a Prebe, Merri non estaba na troula d'O Poni Rampante cando Frodo puxo o Anel; estaba fóra dando unha volta el só, e case cae baixo o influxo dun Nazgûl.[1][T 10] En Valfendido, descríbese como estuda mapas e traza o seu rumbo. Elrond admite con reticencia a Merri e a Pipin na Irmandade do Anel.[T 11]
Na entrada de Moria preguntoulle a Gandalf o significado da inscrición da porta, que rezaba "Di, amigo e entra". Cando Gandalf descubriu o seu verdadeiro sentido, díxolle a Merri "Merri, de todos nós, era o único que ía polo bo camiño"[T 12].
En Amon Hen foi capturado xunto con Pipin por unha banda dos Uruk-hai de Saruman, malia facerlles fronte, e foi defendido con valentía por Boromir[T 13]. Após escapar xunto a Pipin cara ao interior da fraga de Fangorn, Merri foi atopado por Bárbore. El e mais Pipin beberon unha considerábel cantidade da brebaxe dos Ents, e medraron malia teren xa a altura dun hobbit adulto[T 14]. Ambos acompañaron a Bárbore á Asemblent e máis tarde a Isengarda, onde se asentaron nunha garita da muralla. Foi aquí onde coñeceu ao Rei Théoden de Rohan, e onde se reuniu con catro dos membros restantes da Irmandade[T 15][2].
Separouse de Pipin cando este ollou no palantír e foi levado a Gondor por Gandalf. Merri xurou lealdade a Théoden e converteuse no seu escudeiro[T 16]. Sen o permiso do seu señor, cabalgou cara a Gondor xunto cunha disfrazada Éowyn[T 17]. Na Batalla dos Campos de Pelennor, mentres o Rei Bruxo pelexaba con Éowyn, Merri apuñalou o Nazgûl nunha sofraxe. A súa espada fora forxada polos Dúnedain de Arnor especialmente para combater os Nazgûl, polo que fixo que o espectro fose vulnerábel ás armas normais, permitindo a Éowyn rematalo. Isto fixo que se cumprise a antiga profecía (proferida por Glorfindel) de que o Rei Bruxo non morrería a mans dun Home (destruírono unha muller e mais un hobbit)[T 18]. Merri ouviu as derradeiras palabras de Théoden, mais, como adoitaba acontecer cos hobbits, a súa presenza non foi advertida pola escolta de honra dos Rohirrim, e foi atopado por Pipin vagando na cidade. Grazas ás habilidades curativas de Aragorn, salvouse e recuperouse por completo, antes que Éowyn[T 19].
Pola súa valentía na batalla, Merri foi nomeado polo Rei Éomer Cabaleiro da Marca[1]. Ao seu regreso á Comarca, liderou os hobbits na Batalla de Ribadauga, e matou persoalmente o xefe das forzas inimigas.
Trala Guerra do Anel, Merri e Pipin volveron para casa como os hobbits máis altos, e descubriron que Saruman se apoderara da Comarca. Merri e Pipin encabezaron a revolta que acontence durante a Limpeza da Comarca. Merry comandou as forzas dos hobbits e matou o líder dos "rufiáns" de Saruman na Batalla de Ribadauga.[1][T 20]. Máis tarde Merri casou con Estella Bocho, nalgún momento posterior á fin da Terceira Idade[T 21]. Herdou o título de Señor de Gamoedo no ano 11 da Cuarta Idade e converteuse en historiador da Comarca[T 22][T 23]. Á idade de 102 anos, volveu para Rohan e Gondor con Pipin, e morreu neste último reino ao redor do ano 64 C.I.. El e mais Pipin foron soterrados xunto cos Reis de Gondor en Rath Dínen, e máis tarde movéronse as súas tumbas para xaceren ao carón de Aragorn. O fillo de Merri sucedeuno como Señor de Gamoedo[T 24].
Armas e vestimenta
editarMerri non levaba armas (agás por un pequeno coitelo de peto) até o seu encontro cos espectros das Lombas das Antas. Alí os Hobbits atoparon varias dagas longas Dúnedain entre o tesouro da aparición, que lles servían de espadas curtas[T 25]. Merri usou a súa para apuñalar o Rei Bruxo na sofraxe na Batalla dos Campos de Pelennor. Ao facelo a daga ficou destruída, como lle ocorría a todo gume que tocaba a carne do líder dos Nazgûl. A folla fora enfeitizada polo un armeiro anónimo de Arnor que a forxou de maneira que resultase mortal para o Rei Bruxo. Disque foi este poder o que destruíu ao Nazgûl[T 18].
Ao comezo d'A Irmandade do Anel, Merri vestía como o típico Hobbit: pantalón curto até o xeonllo, chaqueta, chaleco e capa. Após o asalto sufrido nas Lombas das Antas, perdeu as súas lixeiras roupas de verán e viuse obrigado a levar pesadas roupas de la até chegar a Valfendido[T 26]. En Lórien, recibiu unha capa élfica que outorgaba ao seu portador a capacidade de se camuflar coa súa contorna[T 27]. Merri ofreceu os seus servizos a Théoden, Rei de Rohan, e foi equipado cunha cota de malla, un helmo de coiro lixeiro e un pequeno escudo verde co emblema do cabalo branco[T 16]. Ao volver para a Comarca, dise que Merri levaba capa, cota de malla e un escudo cun fermoso emblema[T 28]. Máis tarde el e o seu amigo Peregrin Tuc adoitaban levar esta vestimenta máis formal, á diferenza de Frodo e Sam, que "volveron vestir de xeito normal"[T 29].
Adaptacións
editarNo filme animado de Ralph Bakshi de 1978 d' O Señor dos Aneis, a voz de Merri pertencía a Simon Chandler[3].
Na versión animada d' O Regreso do Rei de 1980 producida para televisión, a voz foi prestada pola personalidade radiofónica Casey Kasem, tamén coñecido por achegar a voz do personaxe Shaggy en Scooby-Doo[4].
No serial radiofónico d' O Señor dos Aneis gravado en 1981 pola BBC, Merri foi interpretado por Richard O'Callaghan[5].
Sergey Shelgunov actuou no papel de Merri para a obra teatral rusa televisada de 1991 titulada Khraniteli,[6] e Jarmo Hyttinen foi o intérprete elixido para a miniserie finesa de 1993 Hobitit.[7]
Na triloxía cinematográfica de Peter Jackson o papel de Merri recaeu en Dominic Monaghan[8].
No musical teatral de tres horas de duración d' O Señor dos Aneis estreado en Toronto en 2006, Dylan Roberts foi o encargado de lle dar vida. Na produción teatral londiniense de 2007/2008 Merri foi interpretado por Richard Henders, substituído por Ben Evans o 23 de xuño de 2008.
David Hyden interpretou a Merri na produción de Cincinnati d' O Regreso do Rei (2003) como parte de Clear Stage Cincinnati. No Lifeline Theatre de Chicago, Merri foi interpretado por Heath Corson n' As Dúas Torres (1998).
Notas
editar- ↑ Tolkien 1955, Apéndice C, "Family Trees"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 2, cap. 3 "O Anel vai cara ó sur"
- ↑ Tolkien 1955, Apéndice C, "Family Trees"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 1 "Unha reunión moi esperada"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 1 "Unha reunión moi esperada"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 5 "Conspiración desenmascarada"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 4 "Un atallo para ir ós cogomelos"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 6 "O bosque vello"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 10 "Alancadas"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 2, cap. 3 "O Anel vai cara ó sur"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 2, cap. 4 "Unha viaxe na escuridade"
- ↑ Tolkien 1954, libro 3, cap. 3 "O Uruk-Hai"
- ↑ Tolkien 1954, libro 3, cap. 4 "Bárbore"
- ↑ Tolkien 1954, libro 3, cap. 8 "O camiño de Isengarda"
- ↑ 16,0 16,1 Tolkien 1954, libro 5, cap. 2 "O paso da compañía gris"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 5, cap. 3 "A concentración de Rohan"
- ↑ 18,0 18,1 Tolkien 1954a, libro 5, cap. 6 "A batalla dos campos de Pelennor"
- ↑ Tolkien 1954a, book 5, cap. 8 "As casas da saúde"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 6 cap. 8 "Limpando a Comarca"
- ↑ Tolkien 1955, Apéndice C, "Bolger of Budgeford"
- ↑ Tolkien 1954a, Prólogo, "Nota sobre os arquivos da Comarca"
- ↑ Tolkien 1954, libro 3, cap. 9 "Refugallos e Reboutallos"
- ↑ Tolkien 1955, Apéndice B, "Later Events Concerning the Members of the Fellowship of the Ring," entrada de 1484
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 1, cap. 8 "Néboa nas lombas das Antas"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 2, cap. 8 "Adeus a Lórien"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 6 cap. 7 "De camiño a casa"
- ↑ Tolkien 1954a, libro 6 cap. 9 "Os portos grises"
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Croft 2006, pp. 419–420.
- ↑ Croft 2006, pp. 511-512.
- ↑ Canby, Vincent (1978). "The Lord of the Rings". The New York Times.
- ↑ Day, Patrick Kevin (16 June 2014). "Shaggy, Merry and more: Casey Kasem's greatest cartoon voices". Los Angeles Times. Consultado o 25 May 2020.
- ↑ "Riel Radio Theatre — The Lord of the Rings, Episode 2". Radioriel. 15 January 2009. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2020. Consultado o 25 May 2020.
- ↑ Vasilieva, Anna (31 March 2021). "«Хранители» и «Властелин Колец»: кто исполнил роли в культовых экранизациях РФ и США" ["Keepers" and "The Lord of the Rings": who played the roles in the cult film adaptations of the Russian Federation and the USA] (en Russian). 5 TV. Consultado o 6 April 2021.
- ↑ Robb, Brian J.; Simpson, Paul (2013). Middle-earth Envisioned: The Hobbit and The Lord of the Rings: On Screen, On Stage, and Beyond. Race Point Publishing. p. 66. ISBN 978-1-937994-27-3.
- ↑ Ebert, Roger (2004). Roger Ebert's Movie Yearbook 2005. Andrews McMeel Publishing. p. 395. ISBN 978-0-7407-4742-7.
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |