No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Nazgûl (da lingua negra nazg, "anel", e gûl, "espectro, espírito"; tamén chamados Espectros do Anel, Xinetes Negros, Xinetes Escuros, os Nove Xinetes, ou sinxelamente Xinetes ou os Nove) son nove reis humanos non-mortos que sucumbiron ao poder de Sauron por mor da súa cobiza, e acadaron a inmortalidade na forma de espectros atados ao poder do Anel Único, como servos do Inimigo. Aparecen por primeira vez no seu libro O Señor dos Aneis, publicado entre 1954 e 1955. O libro refírese aos Nazgûl como "os servos máis terríbeis" de Sauron.

Nazgûl
Espectros do Anel, Xinetes Escuros
Un dos Nazgûl de a cabalo, mirando o solpor desde un outeiro
LíderRei Bruxo de Angmar
Mundo de orixeTerra Media
Base de operaciónsAngmar, e despois Minas Morgul

Aparicións

editar

Literatura

editar

Os nove Nazgûl xurdiron como os servos máis poderosos de Sauron na Segunda Idade da Terra Media. Disque tres dos Nove foran orixinalmente "grandes señores" de Númenor. Todos foran homes mortais, a cada un dos cales Sauron dera un dos Aneis de Poder forxados para os homes. O propósito de Sauron era controlar os Nove Aneis mediante o poder do seu Anel Único, forxado en segredo a tal fin. Isto acabaría sendo a súa perdición:

"Aqueles que usaron os Nove Aneis tornáronse poderosos no seu tempo, reis, feiticeiros e guerreiros de antano. Obtiveron gloria e grandes riquezas, mais resultou na súa ruína. Gozaban, segundo semellaba, da vida eterna, e porén a vida facíaselles insoportábel. Podían, de o desexaren, camiñar sen ser vistos por ningún ollo baixo o sol, e podían ver cousas en mundos invisíbeis para os homes mortais; mais demasiado a miúdo contemplaban só as pantasmas e ilusións de Sauron. E un a un, antes ou despois, dependendo da súa forza innata e da bondade ou maldade das súas vontades no inicio, caeron baixo a escravitude do anel que portaban e da dominación do Único que era o de Sauron. E tornáronse para sempre invisíbeis agás para el, que levaba o Anel Dominante, e adentráronse na esfera das sombras. Eran os Nazgûl, os Espectros do Anel, os servos máis terríbeis do Inimigo; a escuridade acompañábaos, e os seus berros eran as voces da morte" [1].


 

Reconstrución da inscrición orixinal do Anel Único, en lingua negra escrita con caracteres tengwar

O efecto corruptor dos Aneis prolongou a súa vida moi alén dos seus anos mortais, mentres as súas formas corpóreas se esvaecían co tempo até se volver completamente invisíbeis aos ollos dos mortais. Presentaban unha forma visíbel só por medio do seu atavío negro exterior. O reflexo vermello dos seus ollos podía apreciarse mesmo á luz do día, e ao se enfureceren aparecían envoltos nun lume infernal. Contaban con multitude de armas; n'A Irmandade do Anel portaban espadas de aceiro, e o seu líder, o Rei Bruxo de Angmar, esgrimía un coitelo con propiedades máxicas malignas. Máis adiante, durante a Batalla dos Campos de Pelennor, levaba unha "espada longa e pálida"[2] que inspiraba terror nos corazóns dos defensores de Minas Tirith, e logo de chegaren os Rohirrim brandiu unha maza nun duelo contra Éowyn.

Con todo, o seu letal arsenal non se limitaba só ás armas físicas: rodeábaos constantemente unha aura de terror que afectaba todas as criaturas viventes agás as máis poderosas. O seu alento (chamado o Alento Negro) era velenoso, e os seus efectos, tamén coñecidos como a Sombra Negra, contraíanse por exposición a el. As vítimas podían sufrir unha profunda desesperación, inconsciencia, pesadelos e mesmo a morte. Porén, a herba athelas podía ser usada para contrarrestar os efectos. As vítimas máis célebres do Alento Negro foron Faramir, Éowyn, e Merri, que foron sandados por Aragorn durante a Guerra do Anel.

Amais, os seus horríbeis berros causaban terror e desesperación, e o Señor dos Nazgûl era ben coñecido por practicar a maxia negra. Porén, segundo Tolkien, o principal perigo era o medo que inspiraban:

"Non teñen un gran poder físico contra os valorosos," escribiu, "mais o que teñen, e o medo que inspiran, acrecéntanse enormemente na escuridade".[3]

Os Nazgûl fixeron a súa primeira aparición arredor do 2251 S.I. e axiña se erixiron como os servos principais de Sauron, menos de tres séculos despois de seren forxados os aneis. Dispersáronse logo do primeiro derrocamento de Sauron en 3434 a mans da Última Alianza de Elfos e Homes, mais a súa supervivencia quedou garantida de todos os xeitos ao ter sobrevivido o Anel Único.

Rexurdiron en torno ao 1300 T.I., cando o Señor dos Nazgûl, o Rei Bruxo de Angmar, tamén coñecido como o Capitán Negro e o Señor de Morgul, liderou as hostes de Sauron contra os reinos sucesores de Arnor: Rhudaur, Cardolan e Arthedain. Foi finalmente derrotado na loita en 1975 e volveu para Mordor, reunindo aos demais Nazgûl en previsión do regreso de Sauron ao seu reino, e tendo acadado o seu obxectivo de destruír todos os reinos sucesores de Arnor.

En 2000, os Nazgûl asediaron Minas Ithil e capturárona dous anos máis tarde. A partir daquela a cidade pasou a chamarse Minas Morgul, o bastión dos Nazgûl, desde onde dirixiron a reconstrución dos exércitos de Sauron; tamén se fixeron cun palantír para o Señor Escuro. En 2942, Sauron regresou a Mordor e manifestouse abertamente en 2951. Enviou a dous ou tres dos Nazgûl (o Segundo dos Nove foi posto ao mando) á súa fortaleza do Bosque Escuro, chamada Dol Guldur, para gornecela de tropas.

En 3017, preto do comezo da historia que se conta n'O Señor dos Aneis, após ter ouvido novas acerca do Anel Único, Sauron ordenou aos Espectros do Anel que llo arrebatasen a "Bilbo da Comarca". Disfrazados como xinetes ataviados de negro, procuraron a Bilbo Bulseiro, que, tal e como revelara Gollum, tiña o Anel Único no seu poder. Foi ao redor de 3018 cando os "Nove Camiñantes" da Irmandade do Anel foron elixidos como homólogos dos "Nove Xinetes".

Os Nazgûl cabalgaban sobre cabalos negros especialmente criados en Mordor para resistir ao terror. Para entón, descubriran que o Anel estaba en poder do herdeiro de Bilbo, Frodo. Atopárono xunto coa súa compañía no Cumio do Vento, onde o Rei Bruxo cravoulle unha folla de Morgul no brazo e crebouna, deixando un anaco da arma dentro da carne do hobbit. Cando foron arrastrados polas augas do río Bruinen, os seus cabalos afogaron, e os Espectros do Anel víronse obrigados a regresar a Mordor para se reagrupar. Volveron aparecer máis adiante montados en bestas crueis, e desde ese momento aludiuse a eles como Nazgûl Alados.

O propio Rei Bruxo achou a morte a mans de Éowyn e Merri (alcumado o Magnífico de alí en diante), durante a Batalla dos Campos de Pelennor: a puñalada que lle asestou Merri, cunha folla das Lombas das Antas dotada dun poderoso meigallo, fixo caer de xeonllos ao Capitán Negro, permitindo que Éowyn, sobriña de Théoden, lle propinase unha estocada entre a coroa e o manto.

Os outros oito Espectros do Anel atacaron ao Exército do Oeste montados sobre as súas bestas crueis durante a derradeira batalla librada fronte á Porta Negra. Porén, cando Frodo puxo o Anel, nos lumes do Monte do Destino, Sauron ordenoulles ir alí e detelo. Chegaron tarde de máis, cando o Anel xa caía cara ao lume. No preciso momento da destrución do Anel os restantes Nazgûl foron destruídos.

Adaptacións

editar

Os Nazgûl aparecen en todas as adaptacións d'O Señor dos Aneis feitas para a radio, o cinema e o teatro.

No filme animado de Ralph Bakshi de 1978 d'O Señor dos Aneis, os Nazgûl acoitelan e esgazan eles mesmos as camas dos hobbits n'O Poni Rampante. No libro son os seus cómplices os encargados de facelo. No serial radiofónico de 1981 da BBC Radio, pode ouvirse aos Nazgûl cantar a Inscrición do Anel. [1]

Na Triloxía cinematográfica d'O Señor dos Aneis de 2001-2003 de Peter Jackson, os Nazgûl tamén asaltan a pousada eles mesmos. Faise fincapé nos seus fortes chíos, intensificados até resultar enxordecedores, e amplíase o uso que fan das bestas crueis na batalla, especialmente no asedio a Minas Tirith, onde destrúen varias catapultas e matan moitos soldados. Os alaridos dos Nazgûl que se ouven nos filmes de Peter Jackson son unha mestura dos da súa esposa e co-guionista, Fran Walsh.

Nomes, títulos e termos

editar

O nome en Quenya para os Nazgûl, raramente usado, é Úlairi; a partir del, pode conxecturarse que o termo Sindarin é Ulaer.

Tamén reciben os nomes de Xinetes Crueis e as Ás Negras (cando montan as bestas crueis), así como as Sombras, os Servos de Sauron, e os Nove Servos do Señor dos Aneis. Os orcos da Torre de Cirith Ungol refírense a eles como os Ouveadores.

Na obra de Tolkien, só uns poucos dos Nazgûl son chamados polo seu nome ou identificados individualmente. O seu líder era o Rei Bruxo de Angmar, e o segundo ao mando chamábase Khamûl, o "Home negro do Leste" ou a "sombra do Leste". Tolkien afirmou que tres deles foran grandes señores dos Númenorianos. Khamûl fora señor dos Homes do Leste, e é o único Nazgûl cuxo nome se revela ao lector.

A miúdo o termo "Nazgûl" úsase erroneamente para describir as monturas aladas que reciben os Espectros do Anel logo dos seus cabalos afogaren no río Bruinen. Tolkien non lles dá a estas criaturas un nome real nos libros, aínda que usa o termo descritivo "besta cruel". Á falla dunha denominación mellor, os fans adoptaron este termo.

O propio Tolkien utilizaba o termo Nazgûl de xeito figurado. Nunha carta de 1945 dirixida a seu fillo, comparou a súa reacción ante os avións da segunda guerra mundial con como se podería sentir Frodo de ver a outros hobbits "aprendendo a montar sobre as aves dos Nazgûl." [4]

  1. Tolkien, J.R.R. (1978),The Silmarillion: George Allen & Unwin, Suffolk, "Of the Rings of Power and the Third Age", páx 346, ISBN 0-618-12698-8
  2. Tolkien, J.R.R. (2002), O Regreso do Rei. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, "O asedio de Gondor", páx. 118, ISBN 84-8302-916-2
  3. Carpenter, Humphrey, ed. (1981), The Letters of J. R. R. Tolkien, Boston: Houghton Mifflin, #210, ISBN 0-395-31555-7
  4. Carpenter, Humphrey, ed. (1981), The Letters of J. R. R. Tolkien, Boston: Houghton Mifflin, #100, ISBN 0-395-31555-7