O Anel Único, tamén coñecido como o Anel Dominante, o Grande Anel de Poder, O Anel, meu precioso, ou A Ruína de Isildur, é un artefacto do legendarium de J. R. R. Tolkien. O relato da misión emprendida para destruír o Anel está recollido na novela de Tolkien O Señor dos Aneis, ao igual que a maior parte da historia do Anel.

O Anel Único

Descrición editar

O Anel Único foi creado polo Señor Escuro Sauron durante a Segunda Idade para facerse co dominio dos pobos libres da Terra Media. Baixo o disfrace de Annatar, ou "Señor dos Dons", axudou os ferreiros élficos de Eregion e o seu líder Celebrimbor a crear os Aneis de Poder. Despois el mesmo forxou o Anel Único nos lumes do Monte do Destino. A súa intención era que fose o máis poderoso de todos os Aneis, capaz de gobernar e controlar os outros (sempre que os seus donos os levasen postos). Dado que os outros Aneis eran inmensamente poderosos, Sauron viuse na obriga de insuflar nel a maior parte do seu poder, forza vital e vontade innatos para atinxir o seu propósito. Como efecto secundario disto, mentres o Anel existise sería imposíbel expulsar ao seu creador do plano dos mortais. O risco para Sauron era que se perdese o Anel, tamén el perdería unha considerábel cantidade do seu poder, e se for destruído, quizais mesmo a súa vida.

O Anel semellaba estar feito de simple ouro, mais debido ao inmenso poder contido nel, era inmune a calquera dano. O único xeito de destruílo era arrebolándoo ao foxo do volcán Orodruin, onde fora forxado en orixe. Ao igual que os aneis menores forxados polos Elfos a xeito de "ensaios para o perfeccionamento da arte" (e á diferenza dos demais Aneis de Poder), non levaba ningunha xema incrustada, mais podía ser identificado cunha simple (aínda que pouco coñecida) proba: ao se quentar, amosaba unha ardente inscrición Tengwar na Lingua Negra de Mordor. As liñas acabaron incluídas nunha rima popular que describía os Aneis, mais resultaba evidente que eran parte do feitizo usado para infundir o poder no Anel Único, posto que os elfos ouviron a Sauron pronunciar esas mesmas palabras durante a creación do Anel; este foi o motivo polo cal quitaron os seus propios aneis e frustraron o seu plan.

Cando unha persoa puña o Anel, era parcialmente transportada desde a esfera física á esfera espiritual. Alí, se era quen de someter de maneira consciente a vontade do Anel coa súa propia, podería controlar os poderes que tiña Sauron antes de perder o artefacto, especialmente o de gobernar e escravizar as vontades alleas. Un dos efectos secundarios do Anel (e normalmente o primeiro en ser percibido) era o feito de facer que aquel que o levaba posto resultase invisíbel para os seres físicos, como os Homes viventes, mais moi visíbel para os seres espirituais, como os Nazgûl; alén diso, anubraba a súa vista e agudizaba o seu ouvido. Este "mundo espiritual" era onde os Nazgûl estaban condenados a vivir permanentemente, mais tamén era o mundo no que os Calaquendi (Elfos da Luz) posuían un grande poder: é por isto que Glorfindel foi capaz de escorrentar o Rei Bruxo na Batalla de Fornost e de novo máis adiante no vao de Bruinen en Valfendido.

Outro aspecto da natureza do Anel era que corrompía ao seu portador de maneira lenta mais inexorábel, independentemente das súas intencións ao respecto. Descoñécese se este efecto foi introducido especificamente como parte da maxia do Anel ou se se debe sinxelamente á súa maligna orixe (cabería esperar que Sauron dotase o seu Anel Único dunha propiedade así, aínda que por outra banda probabelmente pensaba ser o único en usalo). Por este motivo os Sabios, incluídos Gandalf, Elrond e máis Galadriel, rexeitaron usalo na súa propia defensa, e resolveron que cumpría destruílo.

O enigmático Tom Bombadil non se vía afectado polo Anel. Isto podería explicarse de diversas maneiras. (Véxase o artigo acerca de Tom Bombadil, que inclúe varias teorías.)

Na triloxía d'O Señor dos Aneis de Peter Jackson, represéntase á persoa que leva posto o Anel como movéndose nun mundo de sombras onde todo está distorsionado. Nin Bilbo Bulseiro nin Frodo Bulseiro mencionaron nunca este fenómeno, mais cando Sam pon o Anel ao final d'As Dúas Torres, si experimenta algo similar. Esta é a única vez que se menciona nos libros, e podería atribuírse ao crecente poder de Sauron. Sam nunca puxo o Anel no filme de Peter Jackson. O Anel real usado nos filmes foi deseñado e creado polo ourive Jens Hansen en Nelson, Nova Zelandia.

Inscrición editar

A inscrición do Anel está na Linga Negra, a linguaxe ficticia de Mordor, na escritura artificial do Tengwar. Simboliza o poder do Anel Único para controlar os demais Aneis de Poder.

Normalmente o Anel Único ten un aspecto sinxelo e sen trazos distintivos, mais ao ser quentado no lume aparece a inscrición en caracteres ardentes tanto por dentro como por fóra del. No Libro I, Capítulo 2 d' A Irmandade do Anel, "A Sombra do Pasado", aparece unha ilustración da inscrición, cando é lida por Gandalf:

Ash nazg durbatulûk, ash nazg gimbatul, ash nazg thrakatulûk, agh burzum-ishi krimpatul.

O ouviren estas palabras fai que todos os presentes no Consello treman. Os Elfos cobren tamén as orellas coas mans, xa sexa polo seu odio cara a Sauron ou pola dor real que causan estas verbas.

A súa tradución aproximada é a seguinte:

Un anel para gobernalos a todos, un anel para atopalos, un anel para atraelos a todos e atalos nas tebras

Ao forxar o Anel, Sauron pronunciou estas verbas en voz alta, e Celebrimbor, creador dos Tres Aneis dos Elfos, ouviuno desde lonxe e soubo así dos seus propósitos.

A inscrición usa caracteres élficos porque todas as formas de escritura que Tolkien describe para esa época foran inventadas polos Elfos.

As primeiras catro liñas da estrofa presentan tres das razas que habitan a Terra Media, así como o personaxe que dá nome á obra, O Señor dos Aneis:

Tres aneis para os Reis dos Elfos baixo o ceo
Sete para os Señores Ananos nas súas salas de pedra
Nove para os Homes Mortais condenados a morrer
Un para o Señor Escuro no seu trono Escuro
na Terra de Mordor, onde se estenden as Sombras
Un anel para gobernalos a todos, un anel para atopalos,
un anel para atraelos a todos e atalos nas tebras,
na Terra de Mordor, onde se estenden as Sombras.

Gandalf descubriu a inscrición do Anel ao ler o relato que escribira Isildur antes de marchar ao norte cara á súa morte e á perda do Anel. Cando Isildur cortara o Anel da man de Sauron, ardía de calor, polo que puido transcribir a inscrición antes de que esta se esvaecese.

Cando posteriormente Gandalf quentou o anel que Bilbo Bulseiro atopara e legara a Frodo, a inscrición volveu aparecer, e ao mago non lle coubo xa ningunha dúbida de que se trataba do Anel Único.

Historia do Anel editar

Tras forxalo (ao redor de 1600 S.I.), Sauron esgrimiu o Anel e fixo a guerra contra todo aquel que se lle opuña, en concreto os Elfos (isto coñécese como a Guerra dos Elfos e Sauron). Ao primeiro a guerra foi favorábel para Sauron, e Eregion foi destruído xunto con Celebrimbor, o creador dos demais Aneis de Poder. No entanto, máis adiante (ao redor de 1700 S.I.) Tar-Minastir e Gil-galad conduciron un grande exército á Terra Media e acabaron coas hostes de Sauron, obrigándoo a volver para Mordor.

No ano 3261 S.I., Ar-Pharazôn, o derradeiro e o máis poderoso dos reis de Númenor, desembarcou en Umbar encabezando un xigantesco exército, para presentarlle batalla a Sauron. O descomunal tamaño e poder do exército numenoriano abondou para pór en fuga as forzas de Sauron. Sauron rendeuse ante Ar-Pharazôn e foi levado de volta para Númenor como prisioneiro. Nunha carta escrita en 1958 (#211) Tolkien escribiu que a rendición foi "voluntaria e astuta", para poder entrar en Númenor. Após 1.500 anos de loita contra Sauron, os Elfos non revelaran nunca aos numenoreanos a existencia do Anel Único nin dos Aneis de Poder, polo que Ar-Pharazôn non estaba ao tanto del. Grazas a el, Sauron foi quen de usar o medo á morte dos numenoreanos para volvelos na contra dos Valar, e convertelos ao culto de Melkor e ao sacrificio humano.

Aínda que o corpo de Sauron quedou destruído na Caída de Númenor, o seu espírito puido transportar o Anel até a Terra Media, onde o esgrimiu na súa renovada guerra contra a Última Alianza de Elfos e Homes entre os anos 3429 e 3441. Tolkien escribiu: "Creo que non é de estrañar que este espírito levase o Anel Único, do cal dependía agora en grande medida o seu poder para dominar as mentes". (carta #211).

O Anel foi cortado da man de Sauron por Isildur nas ladeiras do Monte do Destino, quen á súa vez o perdeu no Río Anduin (na altura dos Campos Ledos) xusto antes de morrer nunha emboscada de orcos (ano 2 da Terceira Idade). O Anel permaneceu oculto no leito do río durante case dous milenios e medio, até que foi descuberto por un Hobbit Rexo chamado Déagol nunha excursión de pesca. Este foi asasinado polo seu amigo e parente Sméagol, que roubou o Anel e que ao longo do tempo se foi transformando na criatura chamada Gollum por mor da influencia do artefacto. O Anel, ao que Sauron dotara de vontade propia, manipulou a Gollum para que se asentase nas Montañas Bretemosas, preto do Bosque Escuro, onde Sauron comezaba a rexurdir. Alí ficou durante case que cincocentos anos, até que o Anel cansou del e caeu do seu dedo mentres volvía de matar un trasno.

Segundo se conta n'O Hobbit, Bilbo atopou o Anel estando perdido nas cavernas das Montañas Bretemosas, preto do tobo de Gollum. Cando escribiu O Hobbit, Tolkien aínda non ideara o sinistro contexto do Anel. Por iso, na primeira edición, Gollum entrega o Anel a Bilbo como premio por gañar o Xogo de Adiviñas. Porén, cando Tolkien concibiu a natureza do Anel, decatouse de que o dominio que o Anel exercía sobre Gollum nunca lle permitiría cedelo voluntariamente. Xa que logo, Tolkien revisou este capítulo na segunda edición d' O Hobbit: tras perder o Xogo de Adiviñas ante Bilbo, Gollum foi coller o seu "Precioso" (como o chamaba sempre) para poder matalo e comelo, mais alporizouse ao descubrir que faltaba. Deducindo que o tiña Bilbo, a xulgar pola súa última adiviña— "Que teño no peto?"— Gollum perseguiuno polas covas, sen saber que o Hobbit descubrira os poderes de invisibilidade do Anel e que o estaba a seguir até a saída da cova. Bilbo escapou de Gollum e dos orcos que habitaban nas Montañas Bretemosas permanecendo invisíbel, mais non o mencionou na historia que contou aos ananos cos que estaba a viaxar. De feito, a versión dos acontecementos que contou é a contida na primeira edición d' O Hobbit. Gandalf, quen tamén viaxaba cos ananos, obrigou máis tarde a Bilbo a contarlle a historia real, e sospeitou inmediatamente dos poderes do Anel.

Gollum, pola súa banda, abandonaría despois as Montañas Bretemosas para rastrexar e recuperar o Anel. Vagou durante décadas até que foi capturado e interrogado polo propio Sauron, a quen revelou a existencia de Bilbo e da Comarca.

En 3001 da Terceira Idade, seguindo o consello de Gandalf, Bilbo entregou o Anel ao seu sobriño e herdeiro adoptivo Frodo. Este primeiro sacrificio voluntario do Anel desencadea os acontecementos que en última instancia levarán á súa destrución, e constitúe un exemplo da frecuente interrelación entre casualidade e destino, tema omnipresente n' O Señor dos Aneis.

Para entón, Sauron xa comezara a recuperar o seu poder, e a Torre Escura de Mordor estaba reconstruída. Para evitar que Sauron recobrase o seu Anel, Frodo e outros oito compañeiros partiron de Valfendido cara a Mordor, nunha tentativa de destruír o Anel nos lumes do Monte do Destino. Durante a misión, Frodo foi sucumbindo ao poder do Anel, e temeu que o acabase corrompendo. Cando el e máis Sam descubriron que Gollum estaba a seguilos e o "domaron" para que os guiase a Mordor, comezou a experimentar un estraño vencello coa malpocada e traizoeira criatura, pois vía nela unha imaxe futura de si mesmo á que tiña de salvar para se salvar a si mesmo. Con todo, Gollum cedeu á tentación do Anel, e traizoounos ante a araña Elaraña. Crendo a Frodo morto, Sam levou o Anel durante un curto período, e experimentou a tentación que este provocaba, mais nunca cedeu a ela.

Sam rescatou a Frodo dun grupo de orcos na Torre de Cirith Ungol e devolveulle o Anel, mais temendo que o dano que lle estaba a inflixir era grave de máis; e ao cabo, foino: aínda que Frodo e Sam, seguidos por Gollum, acabaron chegando ao Monte do Destino, Frodo sucumbira á súa corruptora natureza e reclamou o Anel para si no canto de destruílo. Porén, Gollum atacouno e arrincoulle dunha dentada o dedo que levaba o Anel, antes de caer aos lumes do Monte do Destino, onde o Anel foi finalmente destruído.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar