Bilbo Bulseiro[1] é o protagonista d'O Hobbit, novela de J. R. R. Tolkien. Aparece tamén n' O Señor dos Aneis, famosa novela do mesmo autor. É o primeiro na historia da Terra Media en dar voluntariamente o Anel Único.

Bilbo Bulseiro.
O Outeiro de Hobbiton, onde está a casa de Bilbo

Bilbo n'O hobbit editar

É fillo de Bungo Bulseiro e de Beladona Tuk.

Se ben ó principio na Comarca tívoselle por un hobbit normal e con bo sentido común, a súa vida mudou por completo no ano 2941 da Terceira Idade tras recibir unha visita inesperada de Gandalf e dunha compañía de ananos. Sen previo aviso, foron chegando á súa casa a tomar té Dwalin, Balin, Kili e Fíli, Dori, Nori, Ori, Óin e Glóin, e por último, Gandalf (ó que si invitara), acompañado de Bifur, Bofur, Bombur e Thorin Escudo de Carballo.

Os Ananos, liderados por Thorin, necesitaban un membro máis, un saqueador experto, para poder levar a cabo o seu plan: alcanzar a Montaña Solitaria, derrotar ó gran dragón Smaug e recuperar o Reino Baixo a Montaña.

 
Ian Holm, intérprete de Bilbo Bulseiro vello na triloxía cinematográfica d`O Señor dos Aneis e na triloxía d'O Hobbit.
 
Martin Freeman interpreta a Bilbo Bulseiro (novo) na triloxía d'O Hobbit.

Gandalf recomendáralles para esta misión a Bilbo, e deste modo o Hobbit viuse envolto nunha aventura que xamais imaxinara. Polo camiño lograron a duras penas (e grazas á axuda de Gandalf) escapar dos troles, e foi na súa gorida onde atopou un coitelo dos Elfos de Gondolin (como máis tarde lles contaría Elrond), que se converteu na súa espada, á que chamou Aguillón.

No seu paso polas Montañas Bretemosas, Bilbo atopou un anel máxico, que ata ese momento estaba en poder dunha criatura misteriosa chamada Gollum. Bilbo ten que xogar a vida con Gollum nun torneo de adiviñas, do que sae vitorioso, pero non do modo máis "ortodoxo". Bilbo descobre casualmente que o Anel confire a invisibilidade e grazas a isto, logra escapar e reunirse cos seus compañeiros.

Polo camiño, Bilbo e os seus compañeiros son perseguidos polos Orcos, rescatados polas grandes aguias, axexados e capturados polas Grandes Arañas e tras ser liberados grazas a Bilbo, os Ananos son pechados nos alxubes do Rei dos Elfos do Bosque (que non era outro que Thranduil, o pai de Legolas, como se saberá por O Señor dos Aneis). Grazas ó enxeño de Bilbo, logran fuxir e chegar finalmente á Cidade do Lago.

Desde aí encamíñanse á Montaña Solitaria, onde Bilbo invisible grazas ó Anel, entra na sala onde Smaug durmía sobre un enorme tesouro. A través das conversas que mantivo co dragón, Bilbo comprobou que tiña un punto débil no peito e namentres llo contaba ós compañeiros ananos, isto escoitouno un vello zorzal, que llo comunicou a Bardo o arqueiro e o vello Smaug é finalmente abatido pola frecha negra.

Unha vez derrotado o dragón, Thorin proclámase Rei Baixo a Montaña, pero os Homes e os Elfos queren obter parte do tesouro que gardaba Smaug, atopándose coa rotunda negativa de Thorin. Bilbo intenta mediar, e entrega a Pedra da Arca a Bardo. Porén, un grande exército de orcos atácaos, dando lugar á que foi coñecida como a Batalla dos Cinco Exércitos, na que tamén participou Beorn, que os axudara no camiño. Thorin morre despois da Batalla, e Dáin faise cargo do reino dos Ananos de Erebor.

Bilbo volve á Comarca rico, e pasa alí moitos anos felices. Adopta a Frodo, primo-sobriño afastado seu, como o seu herdeiro e mantén o Anel Único oculto.

Tras deixar Vila Bulsa, por consello e coa axuda de Gandalf, dirixiuse a Valfendido, onde permaneceu ata que embarcou con Gandalf, Elrond, Galadriel e Frodo nun barco de Elfos que os levou a Tol Eressëa, nas Terras Imperecedoiras.

Bilbo Bulseiro nos diferentes idiomas editar

Na versión orixinal inglesa, o apelido de Bilbo é Baggins, pero acostuma ser traducido ós distintos idiomas:

  • Na tradución alemá chámase Bilbo Beutlin.
  • Na tradución francesa, Bilbo (ou Bilbon) Sacquet.
  • Na tradución catalá, Bilbo Saquet.
  • Na tradución castelá Bilbo Bolsón.
  • Na tradución norueguesa, Bilbo Lommelun.
  • Na tradución finlandesa, Bilbo Reppuli.
     
    O Anel que encontrou Bilbo
  • Na tradución neerlandesa, Bilbo Balings.
  • Na tradución portuguesa do Brasil, Bilbo Bolseiro, se ben na primeira edición do Hobbit foi Bilbo Bolsin.
  • Na tradución húngara, Zsákos Bilbó.
  • Nunha das tres traducións polacas d'O Señor dos Aneis chámase Bilbo Bagosz, pero nas outras dúas e no Hobbit mantén o seu nome orixinal en inglés.

Na triloxía cinematográfica O Señor dos Aneis de Peter Jackson (2001, 2002, 2003), Bilbo está interpretado por Ian Holm. Na triloxía do mesmo director baseada na novela O Hobbit (2012, 2013, 2014), Bilbo vello é interpretado novamente por Iam Holm, e Bilbo novo por Martin Freeman.

Xenealoxía de Bilbo (e relación con Frodo) por parte de nai editar

                    Gerontius Tuc = Adamanta Cacho    
                                  |                 
                         _______|___________ 
                            |                  |
   Bungo Bulseiro =Beladona Tuc      Mirabella Tuc= Gorbadoc Brandigamo
              |                                  |
              |                                  |
         Bilbo Bulseiro                 Prímula Brandigamo = Drogo Bulseiro
                                                               |
                                                                |
                                                       Frodo Bulseiro

Xenealoxía de Bilbo (e relación con Frodo) por parte de pai editar

                      Balbo Bulseiro = Berilia Argalleiro
                                     |                 
                            _______|___________ 
                               |                  |
        Laura Cavada =Mungo Bulseiro    Largo Bulseiro= Tanta Birimbao
                     |                                 |
                     |                                 |
Beladona Tuc =Bungo Bulseiro                 Fosco Bulseiro= Ruby Bocho
              |                                                |
              |                                                |
           Bilbo Bulseiro                             Drogo Bulseiro = Prímula Brandigamo
                                                                         |
                                                                          |
                                                                    Frodo Bulseiro

Notas editar

  1. TOLKIEN, J. R. R. (1955). O Señor dos Aneis. Edicións Xerais. 978-84-8302-683-0.