Gandalf
No legendarium de J. R. R. Tolkien, Gandalf ou Olórin é un importante personaxe d´O Hobbit e d´O Señor dos Aneis, onde aparece como un mago arquetípico, desenvolvendo un papel clave na Guerra do Anel. É o segundo dos Istari — despois o primeiro trala caída de Saruman, e o líder da Irmandade do Anel e do Exército do Oeste.
Gandalf | |
---|---|
Personaxe de O Silmarillion, O hobbit e O Señor dos Aneis | |
Fan art de Gandalf. | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Nome orixinal | Olórin |
Alcume | Mithrandir Incánus Tharkûn |
Raza | Maia Istar |
Sexo | Masculino |
Idade | Inmortal |
Gandalf está considerado xunto a Merlín como o prototipo do mago da cultura occidental. O seu aspecto externo é o dun ancián de barba longa e branca, vestido cunha gran capa gris, un chapeu puntiagudo e un gran bastón.
"¡Gandalf! Se oirades só un cuarteirón do que eu oín del, e eu só oín unha pequena parte do que se pode oír, estariades preparados para calquera caste de conto meritorio".[Cómpre referencia] - O Hobbit I Unha reunión inesperada
Personaxe
editarGandalf era o máis sabio dos Maiar. En Aman o seu nome era Olórin, e estaba ó servizo de Manwë e Varda. Tamén frecuentaba as estancias de Nienna e dela aprendeu a piedade e a paciencia. Foi escollido para formar parte do grupo de Maiar enviados de incógnito á Terra Media (coñecidos como Istari, "os Magos") para axudar na causa contra Sauron a mediados da Terceira Idade, cando o seu poder maligno estaba acrecentándose novamente. Era o máis sabio da orde dos Istari, rivalizando con Saruman, orixinalmente o líder da Orde. Así, Gandalf chegou ata a Terra Media na Terceira Idade do mundo para axudar ós pobos que se opuñan ó poder de Sauron. Círdan viuno chegar ós Portos Grises e soubo que, a pesar de parecer o menos importante, era o que posuía maior altura espiritual, e confioulle Narya, o Anel do Lume, para que o axudara na causa contra Sauron, reanimando os corazóns dos pobos da Terra Media, e infundíndolles valor.
Cando a sombra crece no Bosque Escuro, participa no Consello Branco, encabezado por Saruman, para loitar contra o Nigromante, que resultou ser o propio Sauron. Isto descóbreo o propio Gandalf ó entrar en segredo en Dol Guldur con gran perigo. Galadriel desexaba que fora Gandalf a cabeza do Consello, pero Saruman opúxose. Tras varias reunións, os Sabios finalmente uniron as súas forzas e expulsaron a Sauron do Bosque Escuro, quen, finxindo fuxir, estableceuse en Mordor.
Na historia contada n'"O Hobbit", Gandalf organiza e acompaña á expedición aventureira de Bilbo Bulseiro e os trece ananos en Erebor, a Montaña Solitaria, para recuperar os tesouros arrebatados polo dragón Smaug. Nesta aventura Gandalf atopa a espada élfica Glamdring, sendo esta a folla que brandiu o Rei de Gondolin, Turgon, e Bilbo atopa o Anel Único
N'"O Señor dos Aneis", Gandalf desempeña un papel fundamental na novela, dirixindo gran parte das accións dos protagonistas. Tras descubrir que o anel de Bilbo é o Anel Único, úrxelle que llo entregue ó seu sobriño, Frodo Bulseiro e urxe a este a emprender camiño cara a Valfendido para pór o Anel a salvo. É alí onde ten lugar o Consello de Elrond, no que se determina, en gran medida grazas a Gandalf, que o Anel debe ser destruído no Monte do Destino. Así, fórmase a Irmandade do Anel. Gandalf convértese no guía da Irmandade. Ó rematar o primeiro dos tres libros Gandalf o Gris enfróntase a un Balrog nas minas de Moria, permitindo á compañía escapar e proseguir o seu camiño. Gandalf mata ó Balrog nesa batalla, pero o seu corpo queda sen vida no cumio do Zirak-Zigil, e o seu espírito viaxa máis alá do mundo. Talvez compareceu ante os Valar ou ante o propio Eru [Cómpre referencia]. O feito é que é enviado de volta á Terra Media como Gandalf o Branco para continuar a súa loita contra Sauron, agora con poderes e coñecementos máis elevados. O cambio de cor é significativo, pois o seu destino é enfrontarse e substituír a Saruman o Branco trala alianza deste con Sauron. En certo sentido Gandalf o Branco é Saruman, ou ó menos, Saruman como este debía ser.[Cómpre referencia]
Tras encontrarse de novo cos seus compañeiros no Bosque de Fangorn, viaxa a Rohan, onde anima ó rei Théoden, sacándoo da súa prostración e precoz senectude, e instándoo a tomar as armas e o liderado do seu pobo. Logo vai en busca de Éomer (sobriño do rei Théoden e Terceiro mariscal de Rohan) para así formar parte xunto co seu exército da batalla do Abismo de Helmo contra as forzas de Saruman, e posteriormente, en Isengarda, amoesta a Saruman e infórmao que xa non é líder da Orde nin do Consello, rompendo o seu bastón. En Isengarda recolle o palantír arrebolado por Gríma Lingua de Verme, e posteriormente sorprende a Pipin na súa perigosa e imprudente visión a través da Pedra.
Despois marcha a Gondor con Pipin, para informar ó Mordomo Denethor da morte de Boromir e advertilo do perigo que supón Sauron e da guerra que se aveciña. Participa tamén na defensa da cidade de Minas Tirith, onde se enfronta ó Rei Bruxo dos Nazgûl. Salva a Faramir da pira de lapas na que Denethor, na súa loucura, ía inmolar ó seu fillo. Loita na batalla final ante a Porta Negra de Mordor, e anúncialles ós Homes do Oeste a vitoria e a caída de Barad-dûr. Dispón que 3 Aguias (Gwaihir, Landroval e Meneldor) vaian ó rescate de Frodo e Sam, perdidos na tempestade de Mordor. Finalmente, coroa solemnemente a Aragorn como Rei do Oeste ás portas de Minas Tirith.
Trala Guerra do Anel, cabalgou cos demais Portadores dos Aneis a Mithlond e alí, a bordo dun barco élfico, regresou con eles ó Reino Abeizoado.
Nomes
editarGandalf posúe moitos nomes ó longo da lectura da Terra Media e diferentes para cada raza.
- Olórin, o seu nome en Valinor como Maia, nos tempos máis antigos. É unha palabra da linguaxe élfica quenya, e significa "soñador" ou "dos soños" a partir da raíz lor- (como en Lórien, "terra dos soños").
- Mithrandir, o seu nome sindarin, utilizado polos elfos da Terceira Idade e polos homes de Gondor. Significa "Peregrino Gris".
- Gandalf Mantogrís, Gandalf é o seu nome no Norte, que significa Elfo co Bastón.
- Gandalf o Gris, e despois Gandalf o Branco tralo seu renacemento como sucesor de Saruman.
- O xinete branco, nome dado polos Rohirrim cando montaba o grande cabalo Sombra Alada)
- Corvo da Treboada (unha referencia ás súas chegadas asociada con tempos de problemas), a miúdo empregada polos seus detractores.
- Incánus, entre os Haradrim, os homes do Sur. Tolkien variouno varias veces, variando entre a palabra latina incanus que significa gris, unha posible invención en Oestron que significa Manto Gris, unha palabra élfica Ind-cano que significa Dirixidor de Mentes, ou incluso unha forma de sureño que significa "Espía do Norte".
- Tharkûn para o pobo anano.
O alcume Gandalf é moi usado durante toda a obra do Señor dos Aneis.
Alegorías
editarTolkien deu o nome de Gandalf ó seu personaxe a partir do "Catálogo de Ananos" do poema Völuspá, o principal poema da mitoloxía nórdica. O nome podería significar "elfo do bastón" ou "elfo errante". Moitos dos atributos de Gandalf parecen derivarse do deus nórdico Odín na súa encarnación como "Viaxeiro", un home vello, cun só ollo, unha longa barba, un sombreiro ancho e un prominente bastón de camiñante.
No principio das súas viaxes moitos pensaron que se trataba dun Elfo dada a maxia que utilizaba e chamárono Elfo do Bastón (Gandalf). Se ben axiña quedou claro que non se trataba dun elfo, pois envellecía cando os elfos non, o nome perdurou e se estendeu entre aqueles que non coñecían o seu significado orixinal. Tamén quedou claro que non se trataba dun home, pois non morría.
Orixe do personaxe
editarO profesor Tolkien bebeu de diversas fontes para compor o seu famoso personaxe. A máis obvia é o Merlín das lendas artúricas, que non só inspirou a Gandalf, senón a case tódolos magos da literatura épica e fantástica de ambiente nórdico ou europeo que se escribiu desde entón. Non obstante, o seu primeiro 'contacto' co personaxe tívoo en 1911 cando nunha viaxe ós Alpes viu unha postal do Xudeu Errante, figura moi popular na mitoloxía alpina, que representaba a un ancián con longa barba, bastón e vagando eternamente pola terra. Como xa se comentou, moitas das características de Gandalf parecen inspirarse no deus nórdico Odín, porén a máis clara é a influencia do personaxe do bardo Vainamoinen, unha das figuras centrais do Kalevala, a epopea nacional finlandesa. Para 1914 Tolkien xa o convertera nun dos seus libros favoritos, e durante os seus anos en Oxford aprendera o suficiente finés como para lelo na versión orixinal e quedar marabillado pola exuberancia dos poemas e a riquísima variedade argumental. A súa influencia foi tal que o profesor inspirouse en parte no aspecto estético da lingua finesa para inventar o seu Quenya ou Alto Élfico. Vainamoinen Runoya, o 'cantador de runas' é un ancián feiticeiro, sabio e poderoso, con tódalas características físicas de Gandalf. Como el, enfróntase ó seu rival, o mago mozo Joukahainen, e aínda que o vence na maxia dos cantos, finalmente é derrotado. Guindado ó mar, vaga durante días ata que é rescatado por unha grande aguia. Ambos os magos enfróntanse a través de cantos xa que gran parte do seu poder reside nas súas voces, idea desenvolvida por Tolkien, que atribúe á palabra e á voz o poder máis eficaz dos seus Istari, cualidade da que está especialmente dotado Saruman. Finalmente, o que Vainamoinen teña suxeitos os seus poderes a limitacións case humanas achégao moito máis a Mithrandir que calquera outra influencia.
Caracterización no cine
editarA primeira aparición de Gandalf na pantalla grande produciuse en 1977 na versión animada d'O Hobbit, dirixida por Arthur Rankin Jr e Jules Bass. Dando voz ó personaxe de Gandalf estaba o norteamericano John Huston, un dos máis grandes nomes da historia da sétima arte, autor de obras mestras como The Maltese Falcon, Cayo Largo, A xungla de asfalto, A raíña de África, Adeus ás armas ou A noite da iguana entre outras moitas.
Na primeira adaptación d'O Señor dos Aneis realizada por Ralph Baskhi en 1978, a voz do personaxe púñaa o actor galés William Squire (1916-1989), actor moi coñecido en Gran Bretaña polas súas incontables aparicións en televisión desde os anos 50.
Posteriormente, en 1980, na primeira versión d'O Regreso do Rei, de novo unha animación do dúo Rankin/Bass, John Huston repetiu dobrando ó mago Gandalf.
Na película baseada no libro O Señor dos Aneis de Peter Jackson, o personaxe de Gandalf é interpretado polo actor inglés Sir Ian McKellen. Ian McKellen é tamén coñecido mundialmente polo seu papel de Magneto na triloxía X-Men, baseada nos cómics de Marvel do mesmo nome. Ademais, ten unha longa e afamada carreira como actor teatral tanto en Londres como en Nova York.
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |