Denethor II é un personaxe ficticio que aparece na novela O Señor dos Aneis de J. R. R. Tolkien. Foi o vixésimo sexto e derradeiro Mordomo Rexente de Gondor. Denethor era un home de aire máis señorial que ningún dos seus antergos mordomos. Escoitaba os consellos e logo facía o que lle parecía. Por unha rara casualidade, o sangue de Númenor corría case puro polas súas veas e tiña a antiga habilidade de ler nas mentes e os corazóns dos seus interlocutores.

Historia editar

Sucedeu ó seu pai Ecthelion II trala súa morte no ano 2984 da T. E.. No ano 2976 T. E. Denethor casou con Finduilas de Dol Amroth (2950 - 2988 T. E.), filla do Príncipe Adrahil. Tiveron dous fillos: Boromir (2978 - 26 de febreiro de 3019 T. E.) e Faramir (n. 2983 T. E.). Finduilas languideceu lentamente en Minas Tirith, lonxe do mar e aterrada pola permanente Sombra do leste, e morreu nova. A súa morte volveu aínda máis sombrío e taciturno a Denethor.

Denethor (2930 - 3019 T. E.) empregou a Palantír de Minas Tirith para vixiar as forzas de Sauron. Os esforzos por controlar a Palantir e loitar contra a mente de Sauron avellentárono antes de tempo e o coñecemento do poder abafador de Sauron deprimiuno grandemente. Sauron utilizou a Palantir para infiltrarse en Minas Tirith, arrastrando a Denethor cara á desesperación.

A morte de Boromir, o seu primoxénito e fillo favorito, e o sitio de Minas Tirith, a capital do reino, acabaron por volvelo tolo. Ordenou ós seus homes que o queimaran vivo nunha pira funeraria xunto ó seu fillo agonizante Faramir (que el cría xa morto), pois segundo el xa non había salvación posible para os Homes do Oeste. Porén, Faramir puido ser rescatado grazas á rápida acción de Peregrin Tuc e Beregond. Denethor en troques non puido ser disuadido e morreu entre as chamas, apertando a Palantír contra si.

Trala súa morte, foi sucedido como Mordomo de Gondor por Faramir.

Adaptacións editar

 
Noble no 2010.

No filme de Peter Jackson The Lord of the Rings: The Return of the King, Denethor foi interpretado polo actor John Noble. Nel, Denethor aparece como un home completamente irracional, e ata cruel, enviando ó seu único fillo con vida, Faramir, a unha misión suicida para capturar a cidade de Osgiliath, e rexeita acender as almenaras de axuda para chamar ós seus aliados de Rohan. No libro, o perigo das súas accións contén certa lóxica.

Predecesor:
Ecthelion II
 
Mordomo de Gondor

2984 - 3019 T. E.
Sucesor:
Faramir
(como mordomo non rexente)