Isengarda
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2020.) |
Este artigo ou sección describe un tema de ficción principalmente desde unha perspectiva ficticia. Por favor, revise o contido e reescriba o mesmo para explicar a ficción con claridade, desde a perspectiva do mundo real. |
No legendarium de J. R. R. Tolkien, Isengarda era unha grande fortaleza. O seu nome é unha tradución do Sindarin Angrenost, que significa "Fortaleza de Ferro". A forma Isengarda quere dicir tamén "Garda do Oeste".
Situación e características
editarIsengard estaba situada no ángulo noroeste de Rohan e lindaba ao noroeste co pico Methedras, o máis meridional das Montañas Bretemosas, onde tamén nacía o río Angren (ou Isen). O resto do seu perímetro estaba protexido por unha grande muralla, chamada o Círculo de Isengarda, aberto só en dous puntos: a entrada do río Angren a través dunha comporta na parte noroeste, e a porta de Isengarda no sueste.
No centro exacto do complexo erguíase Orthanc, a torre negra cuxo nome significa "Monte Caíño", en Sindarin, e "Mente Astuta" na lingua dos Rohirrim. Velaquí a descrición ofrecida por Tolkien[1]:
"Era negra, e a rocha brillaba como se estivese húmida. As múltiples faces da pedra tiñan arestas afiadas que parecían talladas recentemente (...). No lado oriental, nun recanto situado entre dúas columnas, abríase unha enorme porta, a moita altura do chan; e por riba dela había unha fiestra pechada que daba a un balcón cunha balaustrada de ferro. Subía ata a soleira da porta un tramo de escadas de vinte e sete amplos chanzos, tallados na mesma pedra negra mediante algunha arte descoñecida" (As Dúas Torres, 216)
Segundo se di na obra de Tolkien, este material do que estaba formada Orthanc era tan resistente que a facía inmune a calquera tipo de arma. A torre alzábase 150 metros sobre a chaira de Isengarda, e remataba en catro afiados picos.
Amais, Orthanc albergaba un dos palantir, as pedras videntes de Gondor, custodiado por un gardián especial dese reino.
Historia
editarIsengarda foi construída polos númenorianos exiliados na Segunda Idade en torno á torre de Orthanc. A súa función era protexer os Vaos do Isen contra incursións inimigas cara a Calenardhon, xunto coa fortaleza de Aglarond, situada máis ao sur. Isengarda era en principio un lugar verde e agradábel, con multitude de altas árbores e campos de herba, alimentado polo Angren.
A comezos da Terceira Idade, as terras de Calenardhon ficaron despoboadas, e o derradeiro gardián de Orthanc volveu a Minas Tirith. Isengarda quedou baixo a custodia dunha pequena compañía, comandada por un capitán de cargo hereditario. Aos poucos, as mensaxes procedentes de Minas Tirith foron diminuíndo, até cesaren por completo.
Cando as terras de Calenardhon foron cedidas aos Éothéod (os devanceiros dos Rohirrim) polo Mordomo de Gondor Cirion, e se converteron no reino de Rohan, Isengarda ficou como a derradeira fortaleza de Gondor ao norte das Montañas Brancas (xunto coa de Aglarond), case esquecida polo Reino do Sur. A pequena garda que a custodiaba mesturouse cos homes de Bruna, até o punto de ficar practicamente baixo o control destes. Porén Orthanc permaneceu pechada, xa que só o Mordomo de Gondor posuía as chaves.
En 2710 a liñaxe de Capitáns hereditarios esmorecera de todo, e durante o reinado de Déor en Rohan, Isengarda revelouse abertamente hostil contra os Rohirrim. Usando Isengarda como base, os isengardeses continuaron as súas incursións en Rohan durante o reinado do fillo de Deor, Gram, até que no reinado de Helmo Man de Martelo, fillo de Gram, un dos señores dos homes de Bruna, Freca, case logrou acabar cos Rohirrim. Finalmente, estes venceron os invasores e asediaron Isengarda até que a acabaron conquistando.
Agora facíase necesaria unha solución máis permanente para Isengarda, pois por unha banda Gondor non quería renunciar á súa soberanía sobre unha das Torres do Reino, mais pola outra, non tiña os medios nin a intención de reabastecela de tropas. A solución presentóuselle por si soa ao Mordomo de Gondor, Beren, cando Saruman o Branco reapareceu de socate desde o Leste e ofreceuse para custodiar Isengarda. Beren deulle de boa gana as chaves de Orthanc, e Saruman estabeleceuse nela. Ao primeiro residiu alí como Gardián da Torre no nome de Gondor, e o val pasou a chamarse Nan Curunír, o "Val do Mago". Porén, en 2953, aproveitando o regreso de Sauron e a consecuente distracción dos Mordomos, Saruman reclamou Isengarda para si e converteuse no seu Señor. O mago converteuna na súa base de operacións durante a súa procura do Anel Único e máis adiante cando atacou Rohan, durante a Guerra do Anel.
Neste período Saruman tallou as árbores de Isengarda e destruíu o val, escavando profundos foxos, que utilizaba para a cría dos Uruk-hai e a forxa de armas. Isengarda converteuse no lar de innumerábeis orcos, empregados na súa tentativa de conquistar Rohan. Finalmente, un exército de ents e Cuornos liderado por Bárbore de Fangorn atacou e conquistou Isengarda, aínda que non puido tomar Orthanc.
Os hobbits Meriadoc Brandigamo e Peregrin Tuc, en calidade de novos "gardiáns da porta" recibiron a Théoden Rei de Rohan, Aragorn e Gandalf ao chegaren estes desde a Marca. Os tres confrontaron a Saruman, que se negou a suplicar perdón e ficou encerrado na torre xunto co seu servo Gríma Lingua de Verme, baixo a vixilancia de Bárbore. Saruman escapou de Isengarda logo da derrota de Sauron, manipulando a Bárbore para que o deixase marchar. Porén, non levou consigo as Chaves de Orthanc.
Durante a Cuarta Idade, Isengarda foi rehabilitado, e entregouse todo o val aos Ents, que derrubaron a muralla e chamaron ao novo bosque o Xardín de Orthanc. Orthanc pasou a ser de novo unha torre do Reino Unificado de Aragorn o Rei Elessar. Este achou dentro da torre moitas reliquias familiares, entre as que estaban a Elendilmir (a Estrela de Arnor) orixinal, e máis un cofre obviamente destinado a conter o Anel Único.
Notas
editar- ↑ * Tolkien, J.R.R.: As Dúas Torres; Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2002; isbn: 9788483028261
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |