Abu Nuwas

poeta clásico árabe

Abū Nuwās al-Ḥasan ibn Hānī al-Ḥakamī (en árabe: ابونواس‎; en persa: ابونواس), nado en 756 e finado en 814,a e coñecido como Abū Nuwās[2], foi un dos maiores poetas clásicos en lingua árabe, que en ocasións tamén compuxo en persa. Nado na cidade de Ahvaz da moderna Irán, era fillo de pai árabe e nai persa.[2] Converteuse nun mestre de tódolos xéneros contemporáneos da poesía árabe, pero a súa reputación baseouse na poesía báquica (خمريات jamriyyat), e cara ao amor homosexual (مذكرات mudhakkarat). Abu Nuwas entrou na tradición folclórica, aparecendo en numerosas ocasións na compilación de historias As mil e unha noites.

Infotaula de personaAbu Nuwas

Abu Nuwas nun debuxo de Khalil Gibran[1]
Nome orixinal(ar) أبو نواس Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento756
Ahvaz
Morte814
Bagdad
Datos persoais
País de nacionalidadeAbbásida Editar o valor em Wikidata
RelixiónIslam Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta , escritor Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticopoesía
LinguaÁrabe Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

O pai de Abu Nuwas, Hānī, o cal o poeta nunca coñeceu, era descendente da tribo de Banu Hakam de Jizani, e era soldado do exército de Marwan II. A súa nai, persa, chamada Golban, traballaba de tecedeira. Cando Abu Nuwas era aínda un neno, a súa nai vendeuno a un tendeiro de Basora, Sa’ad al-Yashira. Estudou nesa cidade e tivo como mestre e amante ao poeta Waliba ibn al-Hubab, e tras un tempo vivindo en Kufa regresou a Basora para estudar con Jalaf al-Ahmar. Trasladouse a vivir a Bagdad na compaña de Walibah ibn al-Hubab, e axiña fíxose famoso pola súa poesía enxeñosa e humorística, que non atinxía os temas tradicionais do deserto, senón da vida urbana e das alegrías do viño e o beber (khamriyyat) e o humor irreverente (mujuniyyat). Viviu alí protexido por mecenas, que lle encomendaban poemas de caza, do desexo sexual polas mulleres, do amor polos nenos (pederastia) e panexíricos aos seus clientes. Os temas dos seus poemas teñen unha forte tendencia hedonista, temas báquicos e eróticos, amor ao viño, aos rapaces, á caza, á libertinaxe mais tamén a anguria da morte e do avellentamento. O seu espírito crítico atacou especialmente as institucións relixiosas. Abu Nuwas tivo que fuxir á Meca e logo a Exipto durante algún tempo, por escribir unha elexía en loanza dos barmakís, unha poderosa familia de visires, protectores de Abu e perseguida e asasinada polo entón califa Harun al-Rashid da dinastía abbasí. A pesar do aprecio que suscitaba na corte, non deixou de pasar algunha temporada no cárcere como consecuencia da súa vida hedonista e das súa afección ó viño.

Volveu a Baghdad en 809, acaecida a morte de Harún al-Rashid e ascendendo ó trono AlMuhammad al-Amin, o xove e libertino fillo de Al-Rashid, de apenas vinte e dous anos, e antigo pupilo de Abu Nuwas, un golpe de sorte, durante o cal crese que escribiu a maioría dos seus poemas, xa que Al-Amin non só era un amante das artes e das letras senón que, ademais, compartía o hedonismo de Abu Nuwas, sendo a súa comisión real máis famosa a casida que compuxo en loanza de Al-Amin. Para desgraza de Abu, o califa morreu ós catro anos de reinado e sucedeuno o seu irmán, tamén amante das letras e das artes, pero non así dos bebedores e rebeldes.

Dise que o secretario de Al-Ma'mun enganou a Abu Nuwas para que escribise unha sátira contra Ali, o xenro do Profeta, namentres estaba ebrio. Zonbor leu deliberadamente a poesía en público, e asegurouse de que Nuwas seguira en prisión. Dependendo da bibliografía que se consulte, Abu Nuwas morreu en prisión, ou foi envelenado por Ismail bin Abu Sehl, ou as dúas, cara ao ano 815.

Bagdad editar

Al-Khatib al-Baghdadi, o autor da Historia de Bagdad, escribiu que Abu Nuwas foi enterrado no cemiterio de Shunizi en Bagdad.[3]

A cidade ten diversos lugares nomeados na honra deste poeta. A rúa Abū Nuwās segue a beira leste do Tigris, e no pasado foi unha das xoias da cidade[4] O Parque Abu Nuwas tamén ten unha ponte no estreito de 2,5 km entre Jumhouriya ou o parque que se estende fóra do río, en Karada preto da ponte do 14 de xullo.[5]

Legado editar

 
Un cráter situado no hemisferio norte do planeta Mercurio leva o seu nome.[6]

Abu Nuwas é considerado como un dos grandes da literatura clásica arábiga. Influenciou a moitos escritores posteriores, entre eles ós persas Omar Khayyám e Hafiz. Na compilación de historias As mil e unha noites, aparece en diversos contos unha caricatura hedonista de Abu-Nuwas. Entre os seus mellores poemas están os que ridiculizan a nostalxia da "Antiga Arabia" e a vida do beduíno, e eloxian entusiastamente a vida en Bagdad como un contraste vívido.

A súa liberdade de expresión, especialmente en temas prohibidos polas normas islámicas, continúan a anoxar ós seus censuradores. Mentres as súas obras circulaban libremente ata os primeiros anos do século XX, non é ata 1932 cando aparece a primeira edición moderna censurada das súas obras no Cairo. En 1976, nomeouse un cráter do planeta Mercurio na súa honra.

En África oriental, especialmente na cultura suahili, o nome de Abu Nuwas é moi popular como "Abunuwasi". A conexión débese a unha serie de historias con outras denominacións como son as aventuras de Nasreddín. O tanzano Godfrey Mwampembwa -coñecido baixo o nome artístico de Gado- creou un libro de historietas de banda deseñada en suahili chamado Abunuwasi, no cal fixo adaptación de tres historias de Abu Nuwas.[7] O libro foi editado no ano 1996 por Sasa Sema Publications.[8]

Ámasme?
Cando vin a aquel fermoso mozo,
el ría con gañas.
Estabamos os dous sós, en fin,
sós con Deus. E porén,
el puxo a súa man na miña
e faloume longo rato;
despois díxome "ámasme?".
"Si, máis alá do amor".
"E por tanto -dixo-,deséxasme?".
"Todo en ti é desexable".
"Teme entón a Deus e esquéceme..."
"Se o meu corazón quixera obedecerme..."
Abu Nuwas

Notas editar

  1. Publicado en al-Funun 2, núm 1 (xuño de 1916). O diario al-Funun comezou a publicarse en abril de 1913. Representa o cumprimento do soño do seu director e editor Nasib Aridah de publicar unha revista literaria en árabe dedicada á promoción de novas formas de literatura para o mundo de fala árabe. Ver: al-funun.org Arquivado 27 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 Garzanti
  3. Ibn Khallikan's biographical dictionary - Google Books. Books.google.com. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  4. Related Articles. "Abu Nuwas Street (street, Baghdad, Iraq) - Britannica Online Encyclopedia". Britannica.com. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  5. "DVIDS - News - A Walk in the Park". Dvidshub.net. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  6. "USGS Astro: Planetary Nomenclature: Feature Data Search Results". USGS Gazetteer of Planetary Nomenclature Feature Information (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2006. Consultado o 21 de outubro do 2007. 
  7. Pilcher, Tim and Brad Brooks. (Foreword: Dave Gibbons). The Essential Guide to World Comics. Collins and Brown. 2005. 297
  8. "Abunuwasi (Swahili Edition)". Ibn Khallikan's biographical dictionary - Google Books. Amazon.com. 1996. ISBN 978-9966-960-900. Consultado o 15 de xuño de 2013. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Adonis. Poesía y poética árabes. Madrid: Ediciones del Oriente y del Mediterráneo, 1997. ISBN 978-84-87198-44-1. (en castelán)
  • Esat Ayyıldız. "Ebû Nuvâs’ın Şarap (Hamriyyât) Şiirleri". Bozok Üniversitesi İlahiyat Fakültesi Dergisi 18 / 18 (2020): 147-173.
  • Borg, Gert; Moor, Ed de. Representations of the Divine in Arabic poetry. Amsterdam: Rodopi, 2001. ISBN 978-90-420-1574-6. (en inglés)
  • Chebel, Malek. Diccionario del amante del Islam. Barcelona: Paidós, 2005. ISBN 978-84-493-1708-8. (en castelán)
  • DDAA. La Gran Enciclopèdia en català. 01. Barcelona: Edicions62, 2004. ISBN 84-297-5429-6. (en catalán)
  • Drory, Rina. Models and contacts : Arabic literature and its impact on medieval Jewish culture. Leiden: Brill, 2000. ISBN 90-04-11738-5. (en inglés)
  • Gil, Anna. Entre el delito y el deleite: la traducción del universo báquico de Abu Nuwás. Quaderns. Universitat Autònoma de Barcelona Facultat de Traducció i d’Interpretació [Barcelona], 2009. (en castelán)
  • Kennedy, Philip F. The wine song in classical Arabic poetry : Abū Nuwās and the literary tradition. Repr.(Open University Press). Oxford [u.a.]: Clarendon Press, 1997. ISBN 978-0-19-826392-0. (en inglés)
  • Kennedy, Philip F. Abu Nuwas a genius of poetry. Pbk. ed. Oxford: Oneworld, 2007. ISBN 1-85168-510-3. (en inglés)
  • Lazar, Moshé; Lacy, Norris J. The care and feeding of gazelles – Medieval Arabic and Hebrew love poetry. Poetics of love in the Middle Ages: texts and contexts. Fairfax, Virginia: George Mason University Press, 1989. ISBN 978-0-913969-25-0. (en inglés)
  • Frye, Richard Nelson. The golden age of Persia : the Arabs in the East. Nova York: Barnes & Noble Books, 1975. ISBN 0-06-492288-X. (en inglés)
  • Neill, James. The Origins and Role of Same-sex Relations in Human Societies. McFarland, 2009. ISBN 978-0-7864-5247-7. (en inglés)
  • Encyclopædia Britannica entrada de Abu Nuwas (en inglés)

Ligazóns externas editar