Moeda longobarda
A moeda longobarda é a producida de xeito autónomo polos longobardos, un dos pobos xermánicos que se estableceron no territorio do Imperio Romano na Península Itálica para crear un reino romano-bárbaro. As cuñaxes longobardas tiveron lugar en dúas áreas e en dous momentos diferentes: na chamada Longobardia Maior, nas derradeiras décadas do século VI d. de C. e ata 774, e na Longobardia Minor, no Ducado de Benevento, entre 680 e finais do século IX.
As primeiras cuñaxes imitaban as moedas bizantinas e só máis tarde comezaron a figurar nelas os nomes dos reis longobardos. No norte cuñáronse case exclusivamente tremissis, entanto que os longobardos de Benevento emitiron tamén sólidos, ambas as moedas de ouro. As moedas da Italia meridional teñen características propias que as singularizan con respecto ás do norte: cando no norte, cara á fin do século VII, con Cuniperto, as moedas pasaron a amosar os títulos reais e unha nova tipoloxía, as emisións de Benevento, do mesmo xeito que as de Salerno, continuaban a inspirarse nos modelos bizantinos.
Logo da caída do reino longobardo pola súa derrota ante os francos, na Longobardia Maior os novos dominadores mantiveron durante un tempo nas súas cuñaxes os motivos das emisións monetarias dos soberanos longobardos. Esta situación mantívose aínda máis na Longobardia Minor, onde as características da moeda anterior se mantiveron durante aproximadamente un século.
As cuñaxes en prata apareceron baixo a influencia dos francos, cara á fin do século VIII, circulando xunto cos tremissis e os sólidos de ouro. No século IX, o metal maioritario en circulación foi a prata.
Contexto histórico
editar- Artigo principal: Reino longobardo.
Os longobardos invadiron Italia en 568-569. De xeito diferente aos ostrogodos, que gobernaran a Península antes ca eles, non mantiveron o seu dominio en nome do Imperio Bizantino, senón que conquistaron eses territorios no seu propio nome, loitando contra o Imperio.
A súa conquista, no entanto, nunca chegou a ser completa, e a autonomía de diversos ducados, xunto coa soberanía bizantina exercida en parte do territorio peninsular, en Sicilia e en Sardeña, fragmentou Italia durante máis dun milenio, xa que a unión non se volveu restablecer ata entrado o século XIX.
A Italia longobarda dividíase en Longobardia Maior —que abranguía a Italia setentrional e o Ducado de Tuscia— e Longobardia Minor —que abarcaba o Ducado de Spoleto e o Ducado de Benevento. Dentro da Longobardia Maior, o Ducado del Friuli, que defendía as fronteiras orientais dos territorios longobardos, gozaba dunha autonomía particular.
A consolidación da conquista tivo lugar arredor de 584, co rei Autario. O reino longobardo era unha entidade electiva, aínda que durante un longo período reinaron os descendentes de Garibaldo I ou outros individuos que estableceran relación coa dinastía bávara mediante o matrimonio. Esta dinastía reinou ata Ariperto II en 712, e seguírona os duques de Asti, con Ansprando e Liutprando, un dos máis senlleiros reis longobardos.
A partir de mediados do século VIII, a presión dos francos sobre o reino longobardo foise facendo máis forte ata se tornar insostible: Carlomagno cunha abafante campaña militar que durou un ano, esnaquizou o exército longobardo e fixo prisioneiro o rei Desiderio en 774. O Ducado de Benevento non seguiu a mesma sorte que o Ducado de Spoleto e que a Italia centro-setentrional longobarda, e mantívose vixente, aínda que debilitado, ata a conquista normanda de mediados do século XI.
Na Península Italiana, ademais dos longobardos, os bizantinos aínda mantiñan a súa presenza no territorio do Exarcado de Rávena, en Venecia, no Ducado de Nápoles, en Salento e no extremo sur de Calabria. O Imperio Bizantino tamén exerceu un poder nominal (de iure) sobre a cidade de Roma e o territorio veciño do Ducado Romano, onde, no entanto, a autoridade do bispo local se afianzaba cada vez máis, co apoio dos soberanos francos. O poder pontificio consolidouse nas primeiras décadas do século VIII, grazas á chamada Doazón de Sutri e, posteriormente, en virtude da Promissio Carisiaca.
Mesmo os ducados longobardos, aínda formando parte do reino, gozaban dunha ampla autonomía.
Moedas
editarLATÍN: «Si quis sine iussionem regis aurum figuraverit aut moneta confinxerit, manus ei incidatur».
GALEGO: «Se alguén gaña cuña ouro ou moeda sen orde do rei, córtaselle a man».
— Rotario, Edicto 242.
As emisións de moeda longobardas desenvolvéronse inicialmente en tres liñas diferentes, nas áreas xeográficas onde este pobo se asentou: o norte de Italia, a Toscana e o sur da Península, no Ducado de Benevento.[1]
A moeda da Toscana foi absorbida pola da Italia setentrional durante o século VIII e, de feito, serviu de modelo para os dous derradeiros reis e para as moedas de tipo longobardo cuñadas por Carlomagno logo da súa conquista do Regnum Italiae. O Ducado de Spoleto, no entanto, non cuñou as súas propias moedas. Segundo Philip Grierson, non está claro se utilizaron as moedas bizantinas cuñadas en Roma ou as moedas longobardas cuñadas tanto no norte de Italia como en Benevento ou mesmo nos seus territorios. A moeda longobarda de Benevento foi diferente, tamén, por mor da separación xeográfica do Ducado con respecto ao norte de Italia e pola interposición do Ducado de Spoleto e do Ducado Romano, o núcleo do nacente Estado Pontificio. Estas emisións comezaron máis tarde, continuaron durante moito tempo logo da fin do reino longobardo e, normalmente, trátanse por separado na literatura numismática.[1]
As moedas que circulaban en Italia no século VI eran os sólidos e os tremissis cuñados a nome do Imperio Romano de Oriente. A cantidade de cuñaxes con lendas directamente atribuíbles aos gobernantes longobardos é relativamente baixa, mais cómpre agregar a esta unha gran cantidade de moedas que, aínda que imitaban as imperiais, non eran realmente imperiais, e teñen unha orixe italiana, avalada ademais polas súas características estilísticas.[2]
Do mesmo xeito que os restantes pobos xermanos, os longobardos tamén iniciaron as súas cuñaxes imitando as moedas do Imperio Romano. Estas emisións, denominadas pseudoimperiais polos numismáticos, imitaban as que estaban en circulación en cada área conquistada. Esta moeda pseudoimperial durou, igual que a doutros pobos xermánicos, arredor dun século.[1] Só a partir de aí, no caso dos longobardos, con Cuniperto, comezaron as cuñaxes a nome dos seus propios reis.[2]
As moedas cuñadas a nome de Cuniperto e polos seus sucesores foron case exclusivamente tremissis, en discos moi delgados e case bracteadas. Esta característica indica que tomaron como modelo as moedas que estaban en circulación procedentes da ceca de Rávena. As moedas cuñadas a nome dos reis longobardos levaban o nome do rei e, no derradeiro período, o da ceca, aínda que, de xeito diferente ás dos francos, non amosaban indicación do monetario, é dicir, do maxistrado responsable da cuñaxe.[1]
Trátase de emisións case exclusivamente áureas e, con excepción de Benevento, as moedas cuñadas eran unicamente tremissis (terzos de sólido). As emisións en prata foron tardías e case marxinais, e non substituíron as de ouro, como sucedeu cos francos. Por outra banda, as imitacións dos nummus, a moeda de bronce bizantina, foi moi rara. Os follis de bronce cuñados por Aistolfo foron consecuencia da conquista de Rávena en 751.[1][2]
O padrón monetario utilizado para as moedas de ouro foi o mesmo que se utilizou no Imperio Romano de Oriente, cun sólido de 4,55 gramos e, xa que logo, un tremissis de aproximadamente 1,45 gramos. A pureza do ouro era, como no caso da moeda bizantina, de boa lei.[1]
A ausencia de sólidos, común tamén á moeda visigoda, á franca e á de Benevento, explícase, segundo Grierson e Blackburn, polo feito de que os longobardos tiñan a posibilidade de usar os sólidos do exarcado de Rávena que recibiron (por varias razóns mais, de feito, como tributo), e deste xeito só cuñaron a moeda que realmente lles cumpría, que eran os tremissis.[3]
Emisións pseudoimperiais
editarOs tremissis longobardos pseudoimperiais divídense en dous tipos. Un deles imita os tremissis do emperador Mauricio, coa imaxe da Vitoria nos reversos, e o outro imita os dos emperadores Heraclio e Constante II, coa cruz potenzada.[1][4][5][6]
Nos tremissis coa Vitoria, no anverso represéntase o busto do soberano de lado, cun diadema na cabeza e cunha armadura con capa. No reverso amósase a Vitoria camiñando cara á dereita e ollando atrás, cunha coroa na súa man dereita e un orbe na esquerda, e no exergo a lenda CONOB.
O outro tremissis, coa cruz potenzada, tamén presenta no anverso o busto diademado e acoirazado do monarca, en tanto que no reverso figura unha cruz potenzada e a lenda CONOB no exergo. Existen sólidos bizantinos cunha tipoloxía similar; neles, a cruz está sobre tres ou catro chanzos, en tanto que nos tremissis só hai un chanzo.
Estas dúas moedas son moi diferentes entre si, tanto en tamaño como en aparencia. Os tremissis coa Vitoria foron cuñados sobre discos máis delgados e, en consecuencia, máis anchos que o resto, ata o punto de semellar moedas bracteadas.[7] Pola contra, os tremissis coa cruz potenzada eran máis grosos e, co tempo, fóronse cuñando aínda con máis grosor e con mellor lei. Ao final das emisións longobardas, este tipo monetario da cruz chegou a ter un diámetro de 12 milímetros, fronte aos 20 milímetros do tipo da Vitoria.[1]
En ambos os tipos, é característica a presenza dun relevo circular particularmente resaltado. Nas moedas da cruz atópase máis preto do bordo da moeda, en tanto que nas da Vitoria está máis cara a dentro e deixa un contorno meirande no exterior.[3]
Aínda a principios do século XX, autores como Warwick Wroth (1958-2011), editor a cargo do catálogo do British Museum, consideraban que estes dous tipos representaban dúas emisións que se sucedían no tempo: os da Vitoria terían sido cuñados baixo os reinados de Autario e Axilulfo (584-616), en tanto que a imitación de Heraclio correspondería aos períodos de Adaloaldo, Arioaldo e Rotario (616-652), e a de Constante II asociaríase a un período entre o reinado de Rodoaldo e o de Perctarito (652-688).[7] Esta hipótese foi refutada sobre a base de evidencias numismáticas: as primeiras moedas co nome do rei (os tremissis de Cuniperto), son similares en temas e en estilo ás imitacións de Mauricio, e non resulta crible a hipótese de que imiten modelos producidos preto de oitenta anos antes, en lugar de cuñaxes máis próximas.[3][8][9]
P. Grierson e M. Blackburn sosteñen que os dous tipos representan dúas emisións paralelas cronoloxicamente: o tipo da cruz sería cuñado en cecas toscanas, en particular en Lucca, en tanto que o da Vitoria se tería producido en obradoiros monetarios do norte de Italia.[3]
Emisións pseudoimperiais da Lombardía
editarAs moedas pseudoimperiais do norte de Italia cuñáronse nun período abranguido aproximadamente entre 568 e 680. Tratábase de tremissis que imitaban os cuñados na ceca de Rávena a nome do emperador Mauricio.[10][4] As moedas presentaban o mesmo estilo epigráfico nas lendas e o círculo característico das emisións de Rávena. Co tempo, aínda que mantendo o mesmo peso, o espesor foi diminuíndo progresivamente e o seu diámetro aumentou desde os 14 aos 21 milímetros. Algunhas destas moedas amosan a letra M ou unha estrela no seu campo.[11] As lendas son do tipo DNmΛRC TIbPPΛVC, e as súas letras preséntanse ás veces estilizadas e só vagamente recoñecibles con respecto ás dos orixinais.[12][13]
Antes de 574 tamén houbo imitacións das moedas de Xustiniano I e de Xustino II.[14][15] Estas moedas bizantinas circulaban en grandes cantidades no norte de Italia no momento da invasión dos longobardos.[11]
Existen tamén moedas a nome de Ariperto I (653-661) coa lenda DN ARIPERT REX, coñecidas pola súa aparición en varias poxas a principios do século XX. Segundo Bernareggi trátase de falsificacións modernas, en tanto que Grierson e Blackburn lles atribúen autenticidade.[11] Neste caso, trataríase de moedas cuñadas a nome do rei uns trinta anos antes da fixación desa característica, que tivo lugar arredor do ano 690.
Ademais dos tremissis, tamén existen moedas de prata pseudoimperiais, que imitan as siliquas de Rávena. A atribución non é segura e está determinada principalmente pola mala execución da lenda.[2][16] As siliquas e as medias siliquas presentan no anverso o busto do emperador e no reverso unha cruz cun cristograma na parte superior, con dúas estrelas aos lados, todo isto circundado por unha coroa. As lendas, con variacións, son relativas aos títulos do emperador Tiberio II.[17]
Moedas do Ducado de Tuscia
editarEmisións pseudoimperiais
editarNa Toscana longobarda había un ducado, o Ducado de Tuscia, con capital en Lucca e que abranguía gran parte da actual Toscana. Foi establecido en 574 e, despois de 774, coa conquista de Carlomagno, transformouse na Marca de Tuscia.
Tamén na Toscana se cuñaron exclusivamente tremissis, e o tipo propio foi o da cruz potenzada no reverso.[18] A tipoloxía e as lendas utilizadas indican que o modelo foron as moedas de Heraclio e de Constante II.[5][6][19] Os orixinais destas moedas levaban no anverso o busto imperial cara á dereita, co nome do emperador, e no reverso a cruz potenzada, rodeada pola lenda VICTORIA AVGЧS, e con CONOB no exergo. Estes tremissis aumentaron inicialmente o seu diámetro desde 14 ata 18 mm, e nun segundo momento diminuírono ata os 10 ou 11 mm, co que pasaron a ser máis grosos.[17]
Ao principio estas moedas levaban lendas imperiais, escritas con máis ou menos exactitude, mais na segunda metade do século VII convertéronse nunha secuencia desordenada de letras, con preferencia de V, I, O, N e H.[20] Con frecuencia é posible que se ache unha letra solta no campo, frecuentemente o B, cuxo significado non está claro.[17]
Grierson e Blackburn datan estas emisións no período abranguido entre ca. 620 e 700.[17]
Emisións autónomas
editarNos inicios do século VIII, en Lucca cuñáronse dúas series de tremissis con características propias. Nos dous modelos o reverso era o mesmo da moeda pseudoimperial, coa cruz potenzada circundada pola secuencia de letras do tipo VIVIVI.
O primeiro tipo presentaba no anverso, en lugar do busto imperial, o monograma LVCA ocupando todo o campo.[21][22][23]
O segundo tipo, pola contra, presentaba no anverso unha flor son seis pétalos rodeada pola lenda +FLAVIALVCA.[24][25][26] O termo Flavia está presente nas moedas emitidas tamén noutras cidades: Flavia Pita (Pisa), Flavia Ticino (Pavia), Flavia Sibrio (Castelseprio) ou Flavia Placentia Aug. (Piacenza). O seu significado non está claro e as hipóteses son diversas. Tanto Wroth como Grierson e Blackburn salientan que a referencia á gens Flavia é tomada adoito como praenomen na familia de Constantino I e máis tarde tamén por outros emperadores de Oriente como Anastasio I. Xa que logo, usouse a modo de título para indicar a dignidade imperial. Tamén hai moedas de Odoacro nas que o nome do rei está precedido polo título de Flavio.[17][27] Así mesmo, foi usado a partir de Autario como título dos soberanos longobardos.[28] Tamén hai moedas coa lenda FLAVIA MEDIOLANO (Milán) dentro das emisións de tipo longobardo de Carlomagno, cuñadas logo da conquista franca de 774.
Emisións reais
editarAs emisións reais comezaron arredor de 690 e concluíron en 774, ano en que Carlomagno derrotou a Desiderio e se converteu en Gratia Dei Rex Francorum et Langobardorum. Estas series consisten fundamentalmente en tremissis, en paralelo aos cales se cuñaron, nalgún período, moedas de prata de baixo peso, introducidas por Perctarito e cuñadas ata o reinado de Liutprando. Os tremissis reais foron cuñados por primeira vez a nome de Cuniperto.[29]
Ouro
editarOs grupos de tremissis, con base nos tipos usados, foron catro:[29]
Anverso | Reverso | Monarca |
---|---|---|
Busto de perfil co nome do rei. | Vitoria. | Cuniperto. |
Busto | San Miguel. | De Cuniperto a Liutprando. |
Busto de fronte ou monograma. | San Miguel. | Ratchis, Aistolfo e Desiderio. |
Estrela e nome. | Cruz e nome da ceca. | Aistolfo e Desiderio. |
O primeiro grupo, co busto de perfil no anverso e a Vitoria no reverso, imitaba as cuñaxes imperiais, aínda que amosaban o nome do monarca (Cuniperto): a lenda do anverso era DNCVNI NCPE, seguida do monograma RX (Dominus Cunincpertus Rex"), en tanto que no reverso a Vitoria estaba circundada por unha lenda do tipo VICTORIA AVGVSTI. As moedas deste tipo, cuñadas exclusivamente durante o reinado de Cuniperto, son particularmente raras e faltan tanto na colección do Gabinete de Moedas e Medallas do Museo Británico como na do Museo Fitzwilliam, de Cambridge.[29]
No segundo grupo, no reverso a Vitoria foi substituída polo arcanxo Miguel, protector do pobo longobardo e obxecto dun culto particular. Tamén tiña unha relevancia particular para Cuniperto, xa que este monarca lle atribuía ao arcanxo a súa vitoria na batalla de Coronate, na que derrotara o usurpador Alahis, duque de Trento.[30] Estas moedas cuñáronse aproximadamente entre os anos 690 e 740, durante os reinados de Cuniperto, de Ariperto II e de Liutprando. O deseño dos reversos destas moedas, que representa o arcanxo, distínguese non só pola lenda SCS MIHAHIL (e similares), senón tamén polos seus atributos (no caso da Vitoria: a coroa na man dereita; No caso do arcanxo: o escudo tna man esquerda e a cruz longa na dereita).[29][31]
O terceiro grupo está composto polos tremissis que amosan no anverso o busto de fronte e o monograma CRVX ("cruz"). Grierson e Blackburn especulan que este novo tipo se introduciu para diferenciar esta emisión das precedentes, xa que a lei da aliaxe deste último era máis baixa.[32] Este grupo de moedas foi cuñado a partir do reinado de Rachis tamén se emitiu baixo os reinados de Aistolfo e Desiderio.
No período en que se cuñou este tipo de tremissis, tamén houbo unha emisión de moedas cuñadas en Rávena. En 751 Aistolfo conquistou a cidade e mantívoa baixo o seu control ata 756, cando o rei dos francos Pipino o Breve o obrigou a venderlla ao Papa. Nese período tiña ao seu dispor as instalacións da ceca de Rávena e emitiu moedas coas denominacións bizantinas (sólidos, tremissis e follis). Estas moedas, ademais de seren cuñadas consonte o sistema monetario bizantino, tamén imitaban a súa tipoloxía, e amosaban a Aistolfo cunha longa barba e un cabelo característico. Ademais, as moedas estaban datadas, o que era unha característica das emisións bizantinas, aínda que unha práctica ata entón descoñecida na moeda longobarda. Nas poucas moedas coñecidas, aprécianse dúas datas, que se marcan, respectivamente, coas letras gregas Z (que corresponde ao número 7) e Η (correspondente ao número 8). No primeiro caso indícanse os anos 753 ou 754, e no segundo 754 ou 755. Existen tamén follis que indican no reverso o ano de emisión acompañado da palabra ANNO.[32][33]
Ao cuarto grupo corresponde a derradeira innovación, introducida durante o reinado de Aistolfo. Cuñáronse moedas similares ás que xa eran características da ceca de Lucca, mais coa inclusión do nome do monarca. No anverso representábase unha flor con seis pétalos rodeada pola lenda +FLAVIA LVCA, en tanto que no reverso, arredor da cruz, aparecía a lenda + D•NAISTVL•F•REX (ou similar).[32][34][35][36]
Prata
editarSemella que as moedas de prata se introduciron durante o reinado de Perctarito, xa que as moedas amosan o monograma PE RX.
Unha gran cantidade destas moedas, preto de 1.600 exemplares, apareceu en 1833 nas proximidades de Biella e a maioría dos exemplares hoxe coñecidos provén dese achado, que acabou sendo esparexido antes de que se realizase un estudo en profundidade do seu contido.[32] Outro grupo de seis exemplares foi atopado en 1966 na Córsega oriental, en Linguizzetta. Este tesouro foi descrito por Jean Laufarie.[37][38]
No tesouro de Biella, a prata apareceu asociada a tremissis cuñados a nome de Liutprando, o que leva á hipótese de que a emisión de moedas de prata continuou ata o reinado deste rei.[37] Estas moedas eran particularmente delgadas e na súa fase final acabaron sendo bracteadas; é dicir, cuñadas por unha soa face, de xeito que na outra face aparece o mesmo motivo cuñado en negativo.[32]
Segundo a clasificación de Medieval European Coinage (MEC), considéranse tres clases:[37]
Clase | Anverso | Reverso |
---|---|---|
a | Busto | Monograma con coroa. |
b | Busto | Monograma sen coroa. |
c | Monograma | Monograma incuso (bracteado). |
As primeiras moedas da primeira clase presentaban no anverso o busto cara á dereita e no reverso o monograma PE RX> entre unha coroa.[39][40] O anverso desta primeira clase semella o dos tremissis de Mauricio ou dos de Cuniperto. As da segunda clase amosaban as mesmas características das da primeira, mais o monograma estaba circunscrito por un bordo ancho.[41][42] A terceira clase corresponde ás moedas bracteadas, que presentan un monograma totalmente diferente no anverso e o mesmo incuso no reverso.[43][44]
Non se conserva documentación que aclaren o momento utilizado naquel momento para designar estas moedas de prata, nin cal era a súa relación de valor con respecto ás moedas de ouro.[37]
Tamén existe un grupo moi reducido de moedas de prata con outros monogramas e outra tipoloxía, aínda que a escaseza dos exemplares coñecidos non permitiu unha análise detallada.[37]
Ducado e Principado de Benevento
editarOs longobardos do Ducado de Benevento –que se converteu en principado no século VIII– emitiron moeda propia desde ca. 680 ata a fin do século IX. Ao principio cuñaron sólidos e tremissis, ambas as moedas de ouro, de imitación ou de inspiración dos modelos do Imperio Romano de Oriente.
As moedas dos longobardos da Italia meridional tiñan as súas propias características, que as distinguían das cuñadas no norte de Italia: cando no norte, cara á fin do século VII con Cuniperto, as moedas pasaron a amosar os títulos reais e os novos tipos, en Benevento, no entanto, mantívose a produción consonte os modelos bizantinos.
Logo da caída do reino longobardo, durante aproximadamente un século, as moedas mantiveron esas características. As cuñaxes en prata apareceron coa influencia do Sacro Imperio Romano, cara á fin do século VIII: inicialmente coexistindo cos tremissis e cos sólidos que se cuñaran anteriormente, e cara á metade do século IX pasou a ser o metal predominante na circulación monetaria.
Principado de Salerno
editarA ceca longobarda de Salerno iniciou a súa produción de moeda cara a 851, ano da fundación do principado logo das loitas de sucesión polo trono de Beneventano entre Siconulfo e Radelchi. O choque entrambos os pretendentes durou máis de dez anos e, durante ese período, Siconulfo trasladou a Salerno a capital do principado de Benevento.
Logo do establecemento do principado autónomo longobardo de Salerno, Siconulfo comezou a cuñar sólidos de electro e diñeiros de prata nos que amosaba a inscrición Princeps Benebenti como mostra de reclamación do trono. Inicialmente, por tanto, cuñáronse os dous tipos monetarios antes mencionados, ata o período abranguido entre o ascenso ao trono de Xisulfo I e a caída do principado con Xisulfo II, cen anos despois. Nese período comezaron a cuñarse taris de ouro a imitación das moedas islámicas dese metal en circulación no sur de Italia e na veciña Amalfi. Inicialmente estes taris eran reproducións en maior ou menor medida fieis ás orixinais, con lendas pseudocúficas que sucesivamente se foron substituíndo por lendas en loanza dos soberanos católicos do principado.
Esta elección tivo o seu fundamento en motivos económicos. De feito, durante varios anos no sur de Italia circulaban moedas bizantinas e islámicas como as dos emires sicilianos ou as do norte de África. Con Xisulfo II comeza a cuñaxe de follis (follari) de boa factura, seguindo a tipoloxía bizantina, algúns deles coa lenda OPULENTA SALERNU. Desde os primeiros anos do novo milenio, Salerno xogou un papel cada vez máis importante, tanto con respecto a Benevento como en relación a todo o sur de Italia. En 1077 a cidade foi conquistada polo normando Robert Guiscard. As cuñaxes na cidade mantivéronse ininterrompidamente ata que se suprimiu a súa casa de moeda en 1198.
Tremissis carolinxios
editarEntre 773 e 774 Carlomagno chegou a Italia, conquistou Pavia, capital do reino longobardo, e asumiu o título de rei dos francos e dos longobardos: Gratia Dei Rex Francorum et Langobardorum.
As emisións monetarias francas naquel momento baseábanse na prata, cuxa principal manifestación era o diñeiro (denier). A única excepción era a moeda de ouro cuñada en Italia, onde durante o breve período de 774-781 se emitiron moedas áureas de tipo longobardo a nome de Carlomagno.[45][46]
Esas moedas eran, como anteriormente, tremissis cuñados cunha moi baixa lei (aproximadamente 10 quilates), e nas súas lendas incluíase o nome CAROLVS.[47]
O tesouro de Ilanz
editarEstes tremissis son particularmente coñecidos polos corenta exemplares deste tipo achados nun tesouro en Ilanz, Suíza, en 1904, e que se conservan no Rhätisches Museum de Coira. En 1983, Bernareggi fixo unha descrición detallada destas moedas de Carlomagno.[48]
A ocultación deste tesouro data de ca. 795, xa que a maior parte das moedas que o compoñen datan dos anos precedentes a 794. As moedas de ouro (40 tremissis a nome de Carlomagno) dátanse antes de 781. O tesouro contén ademais dous diñeiros carolinxios e outras moedas de prata árabes (dirham) datadas no ano 173 da héxira (ou sexa, os anos 789-790). Os diñeiros carolinxios deste achado pertencen á considerada como terceira clase, cuñados entre 793 e 812, caracterizados por amosaren un monograma KAROLVS de menores dimensións e circundado dunha lenda circular.[47][49]
Os tremissis de Carlomagno presentan os mesmos tipos que os anteriormente cuñados en tempos de Desiderio, coa cruz potenzada e a lenda +D'N CAR'OL'O R (ou similar) no reverso, en tanto que nos reversos reproducen unha estrela, rodeada por unha lenda con indicación da ceca (por exemplo: +FLA MEDIOLANO), ou outra. As cecas do tesouro de Ilanz son as de Milán (FLA MEDIOLANO), Pavia (FLAVIA TICINO), Bérgamo (FLA BERGAMO), Coira (FLAVIA CVRIA), Lucca (FLAVIA LUCA) e Castelseprio (FLAVIA SEPRO).[47]
Outras emisións de tremissis
editarAdemais destes corenta tremissis de Ilanz, hai outros dez publicados, entre eles un da ceca de Pisa (FLAVIA PITA), outro de Lucca coa mesma tipoloxía e outro tamén de Lucca, mais que amosa o busto no anverso e unha estrela con indicación da ceca no reverso.[47][50][51]
Catalogación e fontes
editarMoedas longobardas
editarPara as moedas cuñadas polos longobardos, a referencia máis recente é o estudo publicado por Philip Grierson e Mark Blackburn, como primeiro volume da serie Medieval European Coinage (MEC). Deste xeito, á hora de catalogar estas pezas son frecuentes as referencias de tipo "MEC 1, 274", onde "MEC" remite ao título da obra, "1" ao primeiro volume e "274" á moeda catalogada nel con ese número. As moedas pertencentes ás cecas longobardas, todas elas nese primeiro volume, están catalogadas entre os números 274 e 331. As moedas individuais analizadas nese estudo e utilizadas para as súas ilustracións pertencen á colección numismática do Museo Fitzwilliam, de Cambridge.[52]
Outro estudo, algo menos recente, aínda que máis específico, é o de Ernesto Bernareggi, publicado en Milán en 1983 co título de Moneta Langobardorum. En particular, recolle os resultados de varios estudos publicados polo mesmo autor desde 1960. Neste caso, as referencias indícanse como "Bernareggi" seguido do número de clasificación.
Unha terceira fonte de catalogación utilizada é o "BMC Vand", é dicir, o catálogo das moedas dos vándalos e doutros pobos pertencentes ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, a cargo de Warwick William Wroth e publicado en Londres en 1911.[53]
Outra colección salientable é a de Civiche raccolte Archeologiche e Numismatiche de Milán, con sede no castelo Sforzesco e cuxa descrición se publicou en 1978 a cargo de Ermanno Arslan. Neste caso, a referencia máis habitual é a do apelido do editor seguido do número de clasificación.
Finalmente, menos usado a nivel internacional aínda que igualmente salientable, é o Corpus Nummorum Italicorum (CNI), que ilustra a colección que pertenceu a Vítor Manuel III. As moedas longobardas están presentes nos volumes IV (Pavia e le altre zecche minori della Lombardia), V (Milano) e XI (zecche della Toscana).[54][55]
Moedas imperiais
editarNa catalogación das primeiras moedas cuñadas polos longobardos, imitación das realizadas polos emperadores do Imperio Bizantino, utilízanse como referencias dous traballos de publicación relativamente recente: dunha banda o catálogo da colección Dumbarton Oaks (abreviado DOC) e doutra banda o estudo do numismático austríaco Wolfgang Hahn titulado Moneta Imperii Byzantini (abreviado MIB). As moedas a imitación dos orixinais de Mauricio catalóganse no primeiro volume do DOC e no segundo do MIB, entanto que as cuñadas a imitación das de Heraclio e de Constante están no segundo volume do DOC e no terzo do MIB.[56]
Achados e tesouros
editarCoñécense só cinco tesouros que inclúan entre as súas moedas pezas"nacionais" longobardas, é dicir, tremissis non pseudoimperiais. Destas cinco, só dúas tiveron unha descrición precisa do seu contido:
- Tesouro achado en Ossi, en Sardeña, descrito por Vincenzo Dessì en 1908.[57]
- Tesouro de Ilanz, no cantón suízo de Grisóns, descrito pro Fritz Jecklin en 1906 e revisado por Bernareggi en 1977.[58][59]
Dos outros tres tesouros apenas se coñecen datos:
- Tesouro de Landriano, en Pavia, composto por tremissis de Rachis e de Aistolfo.
- Tesouro de Mezzomerico, en Novara, con entre 50 e 150 tremissis de Desiderio.
- Tesouro de Biella, composto por moedas de prata e 28 tremissis de Liutprando). Descoñécese a localización exacta e tamén a metodoloxía da descuberta.
A maiores está o coñecido como "tesouro dr Lucca", no que, ademais de moitas moedas locais, tamén había algunha de Aistolfo e de Desiderio. Semella que se descubriu arredor de 1840, aínda que se esparexeu inmediatamente, polo que se descoñecen máis detalles.[60]
Cecas longobardas
editarAs moedas dos longobardos baixo os dous derradeiros reis e baixo Carlomagno foro cuñadas en diversas cecas. Para algunhas, que supoñen un número pequeno de exemplares, a identificación da ceca é incerta.
O feito de que as moedas fosen cuñadas en diversas cecas testemúñase en documentos que indican os nomes de diferentes maxistrados monetarios.[61]
Por outra banda, semella que a produción dos cuños foi centralizada. Jecklin, citado no MEC, ao describir o tesouro de Ilanz indicou que había analoxías moi próximas entre cuños provenientes de cecas diferentes e, nalgúns casos, foi quen de identificar secuencias de cuños.[58] Bernareggi afondou nestas secuencias na súa análise das mesmas moedas publicada en 1977, traballo tamén citado no MEC.[59][61] Estes estudos tenderon a demostrar que só estaba activo un número limitado de gravadores de cuños e que nas outras cecas se limitaba ao labor de cuñaxe mediante a técnica do martelo.
A descentralización foi causada, para Grierson e Blackburn, pola vantaxe de producir moeda alí onde fose máis doada a extracción do metal de cuñaxe. Segundo o Honorantie civitatis Papie, nos ríos dos Alpes Peninos aínda se atopaba ouro durante a dinastía saxoa ou otoniana (séculos IX a XI), o que explicaría a presenza de cecas en asentamentos menores de poboación, como Castelnovate, Pombia e Castelseprio.[61]
Descoñécense as cecas que estaban activas antes de Desiderio. Desde Cuniperto en adiante hai letras ou ligaduras nos campos das moedas que indican a súa ceca, entre as que son frecuentes M, S ou SE, e V, que se pensa que poderían corresponder, respectivamente, a Milán, Castelseprio e Vercelli. Existen tamén outras letras (LD, H ou G) ás que non é hoxe posible a asignación dunha ceca, entre as cales o B é o que aparece con máis frecuencia na zona toscana. Así as cousas, calquera tentativa de identificación destas cecas é sumamente incerta.[62]
As cecas longobardas identificadas con certeza son:[63]
Ceca | Municipios toscanos | Aistolfo | Desiderio | Carloagno |
---|---|---|---|---|
Italia do Norte | ||||
Pavia | × | × | × | |
Milán | × | × | ||
Piacenza | × | × | ||
Bérgamo | × | |||
Castelnovate | × | |||
Castelseprio | × | × | ||
Ivrea | × | |||
Pombia | × | |||
Treviso | × | |||
Vercelli | × | |||
Vicenza | × | |||
Rávena | × | |||
Toscana | ||||
Lucca | × | × | × | |
Pisa | × | × | × | |
Chiusi (?) | × | |||
Pistoia | × |
Pesos e lei
editarOs longobardos utilizaron inicialmente para as súas emisións de moeda o padrón monetario bizantino da súa época, baseado nun sólido dividido en tres tremissis, cada un deles composto por oito siliquas.[64] O peso teórico dos tremissis era de 1,52 gramos, aínda que o peso medio dos exemplares coñecidos das emisións pseudoimperiais non pasa de 1,45 gramos (un peso máis en liña coas cuñaxes bizantinas do século VIII).[62]
Xa no caso das moedas reais cuñadas a nome de Cuniperto e de Ariperto II, o peso tendeu a ascender ata os 1,35 gramos con respecto aos 1,45 gramos das emisións inmediatamente precedentes. Coas moedas de Liutprando deuse unha nova caída do peso, ata arredor de 1,25 gramos. Isto suxeriría que un tremissis cun peso teórico de 1,24 gramos correspondería aun sólido de 20 siliquas, en lugar das 24 dos sólidos anteriores. A hipótese poderíase confirmar cunha glosa ao artigo 346 do Edicto de Rothari presente no manuscrito da Biblioteca Cavense (da Abadía de Cava) citado por Grierson. Por outra banda, este peso suporía un aliñamento co peso da moeda bizantina desa época cuñada en Italia.[62]
As moedas longobardas do tesouro de Ossi teñen un peso medio de 1,23 graos, e varían entre un mínimo de 1,17 e un máximo de 1,27 gramos, en tanto que as moedas bizantinas presentes no mesmo tesouro teñen un peso medio de 1,20 gramos, con valores que oscilan entre 1,10 e 1,24 gramos.[62][65]
Baixo o mandato de Rachis houbo unha nova diminución do peso e o tremissis baixou a 1,05 gramos, un peso que foi asumido polas posteriores emisións dos seus sucesores.[62]
O único estudo acerca da lei do ouro utilizado nas cuñaxes longobardas foi o publicado por Andrew Oddy, citado por Grierson e Blackburn e baseado na análise dun número limitado de moedas: as do Museo Británico e as da que aquela era a colección do propio Grierson, agora no Fitzwilliam Museum.[66] O método utilizado foi o da densidade relativa, baseado no principio de Arquímedes. Da análise de Oddy que as moedas pseudoimperiais do norte de Italia e da Toscana se distribuíron en dous grupos: o primeiro cun ouro dunha pureza do 90 % e o segundo cunha lei do 80 %. Coas primeiras emisións reais, a lei alcanzou o 95 %, mais despois de Ariperto II parece que houbo dúas reducións sucesivas: a primeira ata unha lei do 70 % e a segunda mesmo ata o 50 %. Xa que logo, as derradeiras emisións monetarias de ouro do reino longobardo posuían un contido neto de ouro de só un terzo, con respecto ás primeiras cuñaxes.[11]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 58.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Wroth, W. W. (1911). Páxina LV e pl. XVIII,3-13.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 59.
- ↑ 4,0 4,1
Tremissis orixinal de Mauricio. - ↑ 5,0 5,1
Tremissis orixinal de Heraclio. - ↑ 6,0 6,1
Tremissis orixinal de Constante II. - ↑ 7,0 7,1 Wroth, W. W. (1911). Páxina LVI.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). 320.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). 138, 1 e 2.
- ↑ Bellinger, A. (1965). (DOC I, 287)
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 62.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 62. MEC I 301-306.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand 128, 22-23.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 294, 289-299.
- ↑
Tremissis orixinal de Xustiniano. - ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 295-7.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 63.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 307-12.
- ↑ Grierson, P. (1968). DOC II 368.276 para Heraclio. DOC II 507.202 para Constante II.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). DOC I, 313-17.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 318.
- ↑ Cordèro di San Quintino, G. (1860). Tav. I.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, p. 151 e pl. XX.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 319.
- ↑ Cordèro di San Quintino, G. (1860). Páxina 69 e tav. II.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, p. 150 e pl. XX.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). Páxina LIX.
- ↑ Diacono, P. (1878). III, 16: «Quem etiam ob dignitatem Flavium appellarunt. Quo praenomine omnes qui postea fuerunt Langobardorum reges feliciter usi sunt».
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 64 e MEC I, 320-322.
- ↑ Diacono, P. (1878). V, 41.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, pl. XX.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 65.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 324.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 323.
- ↑ Cordèro di San Quintino, G. (1860). Páxina 171.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). Páxina 148 e BMC Vand, pl. XX 9.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 37,3 37,4 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 66.
- ↑ Laufarie, J. (1967). "Trésor de monnaies lombardes trouvé à Linguizzetta (Corse)". En BSFN XXI. Páxinas 123 e seguintes.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 328.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, pl. XIX, 26.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 329-330.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, 136, 17.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). MEC I, 331.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). BMC Vand, p. XIX, 27-31.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 206 e 210.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). Páxina 152.
- ↑ 47,0 47,1 47,2 47,3 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 210.
- ↑ Bernareggi, E. (1983). "Carolingian gold coins from Ilanz hoard". En Studies in Numismatic Method Presented to Philip Grierson. Páxinas 127-136.
- ↑
Diñeiro de Carlomagno cuñado en Milán. - ↑ Wroth, W. W. (1911). Páxina 152 e MBC Vand pl. XX, 17.
- ↑ Massagli, D. (1870). III, 11.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Nota: As moedas longobardas trátanse nas páxinas 55-66 e ilústranse nas táboas 15 e 16.
- ↑ Wroth, W. W. (1911). Nota: as moedas dos reis longobardos analízanse nas páxinas lv-lx e 123-154; as imaxes amósanse nas táboas XVIII-XX).
- ↑ Savio, A.; Cavagna, A. (2010). "100 anni del corpus nummorum italicorum. Giornata di studio, Milano 15 maggio 2009". En Collana di numismatica e scienze affini. Vol. 6.
- ↑ "Corpus Nummorum Italicorum". Bolletino di Numismatica. Portale Numismatico dello Stato.
- ↑ Bellinger, A. (1965).
- ↑ Dessì, V. (1908). Páxinas 295-329.
- ↑ 58,0 58,1 Jecklin, F. (1906-1907). "Der langobardisch-karolingische Münzfund bei Ilanz". En Mitteilungen der Bayerischen Numismatischen Gesellschaft (MBNG). 25. Páxinas 28-79.
- ↑ 59,0 59,1 Bernareggi, E. (1977). "I tremissi longobardi e carolingi del ripostiglio di Ilanz nei Grigioni". En Quaderni ticinesi di numismatica. 6. Páxinas 341-364.
- ↑ Cordero di San Quintino, G. (1844). Della zecca e delle monete di Lucca nei secoli di mezzo. Lucca.
- ↑ 61,0 61,1 61,2 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxinas 60-61.
- ↑ 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 61.
- ↑ Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Páxina 60.
- ↑ Grierson, P. (1999). Byzantine Coinage. Dumbarton Oaks Byzantine Collection Publications. Páxina 43. ISBN 978-0-88402-274-9
- ↑ Dessì, V. (1908). Páxina 303.
- ↑ Oddy, W. A. (1972). "Analyses of Lombardic tremisses by the specific-gravity method". En Numismatic Chronical. 12. Páxinas 193-215.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda longobarda |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Arslan, E. (1978). Le monete di Ostrogoti, Longobardi e Vandali. Catalogo delle Civiche Raccolte Numismatiche di Milano. Comune di Milano. Milán.
- Arslan, E. A. (2007). "Breve storia della monetazione longobarda". En Vitri, S. Aurei Longobardi. La collezione di monete d'oro della Fondazione CRUP. Trieste. Páxinas 7-24. ISBN 9788888018690
- Bellinger, A. (1965). Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection: Vol. 1, Anastasius I to Maurice, 491-602. Dumbarton Oaks Reserch Library and Collections. Washington. ISBN 978-0-88402-012-7
- Bernareggi, E. (1983). Moneta Langobardorum. Milán. Cisalpino. ISBN 978-8820504564
- (CNI) Corpus Nummorum Italicorum. Volume IV (Lombardía: zecche minori). 1913.
- (CNI) Corpus Nummorum Italicorum. Volume V (Lombardia: Milano). 1914.
- (CNI) Corpus Nummorum Italicorum. Volume XI (Toscana: zecche minori). 1929.
- Catemario di Quadri, E. (1953). "Considerazioni sulle monete di Benevento". En Bollettino del Circolo numismatico Napoletano. 38. Páxinas 3-7.
- Cordèro di San Quintino, G. (1860). "Discorsi sopra la zecca e le monete di Lucca". En Memorie e documenti per servire alla storia di Lucca. Lucca. Accademia lucchese di scienze, lettere ed arti.
- Dessì, V. (1908). "I tremissi longobardi a proposito di un piccolo ripostiglio di monete d'oro di Liutprando, rinvenuto presso il villaggio di Ossi (Sassari)". En Rivista italiana di numismatica. Società numismatica italiana. Ano XXI. Vol. XXI.
- Diacono, P. (1878). "Historia Langobardorum". En Waitz, G. Monumenta Germaniae Historica. Hannover. Scriptores rerum Langobardicarum et Italicarum saec. VI–IX. 12-219.
- Gavazzi, G. (1890). "Congetture sull’attribuzione di alcuni tremissi longobardi". En Rivista italiana di numismatica. Società numismatica italiana. Milán.
- Grierson, P. (1968). Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection: Vol. 2, Phocas to Theodosius III, 602-717. Dumbarton Oaks Reserch Library and Collections. Washington. ISBN 978-0-88402-024-0
- Grierson, P.; Blackburn, M. (1986). Medieval European Coinage (MEC). Volume 1: The Early Middle Ages (5th–10th Centuries). Cambridge University Press. [Reeiditado en 2007: ISBN 978-0-521-03177-6
- Hahn, W. (1973-1981). Moneta Imperii Byzantini (MIB). Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften. Viena. ISBN 978-3-7001-0005-8
- "Leges Langobardorum". En Friedrich Bluhme (1868). Monumenta Germaniae Historica. Hannover. IV.
- Massagli, D. (1870). Introduzione alla storia della zecca e delle monete lucchesi. Lucca. [Hai unha reimpresión de 1976]
- Sabatier, P. J. (1862). Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. Volume 1. Volume 2. París.
- Sambon, G. (1912). Repertorio generale delle monete coniate in Italia e da Italiani all'estero dal secolo V al XX. Vol. I Periodo dal 476 al 1566. París.
- Wroth, W. W. (1911). Catalogue of the coins of the Vandals, Ostrogoths and Lombards, and of the empires of Thessalonica, Nicaea and Trebizond in the British museum. Londres.