Xilin británico

antiga moeda británica de 1⁄20 libra
(Redirección desde «Xilin inglés»)

O xilin británico[1] foi unha unidade monetaria divisionaria da libra esterlina antes da súa decimalización, baseada no sistema carolinxio e equivalente á vixésima parte dunha libra ou, o que é o mesmo, a 12 peniques ou á quinta parte dunha coroa.[2][3]

Reverso dun xilin de 1834 a nome de Guillerme IV.

O xilin británico ten a súa orixe no xilin inglés, cuñado por vez primeira por Henrique VII (1485-1509), co nome de testoon, e pasou a denominarse xilin (en inglés: shilling, do inglés antigo scilling)[4][5] a partir de mediados do século XVI.[6]

Logo da decimalización do sistema o 15 de febreiro de 1971, a moeda dun xilin deixou de cuñarse e foi substituída por outra do mesmo valor e de características métricas similares, mais coa denominación de cinco peniques novos, aínda que continuou en circulación, con ese valor, ata 1990, data en que deixou de ter curso legal.

Desde a súa creación, cara a 1503, ata 1946, os xilins foron cuñados en prata con diferentes graos de pureza, e a partir de entón en cuproníquel.

Historia editar

Xilling inglés editar

 
Xilin inglés de Eduardo VI, cuñado ca. 1551-1553.[7]

Aínda que a moeda non comezou a cuñarse ata principios do século XVI, o valor dun xilin como unidade de conta utilizábase xa desde principios da Idade Media, co valor da vixésima parte do marco.[8] O valor dun xilin como equivalente a 12 peniques fora fixado polos normandos logo da conquista de Inglaterra, e anteriormente varias moedas con valores de 4, de 5 e de 12 peniques foran coñecidas tamén como xilins.[6]

As primeiras moedas do sistema da libra esterlina con valor de 12 peniques foron cuñadas en prata cara a 1503[9] ou 1504,[5][6] e daquela eran coñecidas co nome de testoon. Estas eran as primeiras moedas inglesas que levaron no seu anverso un retrato que reproducía os trazos reais do monarca, non só con carácter representativo, e por este motivo pasaron a adoptar o nome dunha popular moeda italiana coñecida como testone (do latín: testa, pola cabeza do rei), introducida en Milán en 1474.[6]

 
Xilin de Isabel I cuñado ca. 1560-1561.

Entre 1544 e 1551, durante os reinados de Henrique VIII (1509-1547) e de Eduardo VI (1547-1553), a moeda sufriu progresivas fortes minguas no contido de prata e en ocasións tamén no peso, nun intento de xerar máis diñeiro para financiar as guerras no estranxeiro. Esta degradación levou a que as moedas cuñadas en 1549 chegaron a ter só unha quinta parte do contido en prata con respecto ás cuñadas só uns anos antes e, en consecuencia, o valor real deses novos testoons caeu neses momentos desde os 12 ata os 6 peniques.[10][11] Posteriormente, esta desvalorización foi recoñecida como un erro e durante o reinado de Isabel I (1558-1603) o testoon, xa coñecido daquela como xilin adquiriu un peso e un contido en prata moi superiores, e recuperou o seu valor orixinal de 12 peniques.[12][13]

Os xilins continuáronse cuñando a nome de todos os reis de Inglaterra posteriores e tamén durante a Commonwealth, cun gran número de alteracións e variacións ao longo deses anos.

Xilin británico editar

A partir de 1707, como resultado da unión entre Inglaterra e Escocia para formar o Reino de Gran Bretaña, o xilin inglés pasou a denominarse xilin británico. Cara a finais do século XVIII as emisións de moedas de prata foron moi irregulares, ata o punto de que a derradeira emisión dese século, en 1787, non estivo destinada á súa posta en circulación senón como agasallo de Nadal para a clientela do Banco de Inglaterra.[14]

En 1816, a Royal Mint emprendeu un programa de refundición masiva das moedas anteriores de prata e de ouro, coa conseguinte cuñaxe de novas moedas nestes metais con grandes tiraxes. As novas moedas de prata debían ter unha pureza de 925 milésimas e aos xilins outorgóuselles un peso oficial de 2⁄11 dunha onza troy, equivalente a 5,655 gramos.[15]

En 1920, a Royal Mint rebaixou a lei da prata desde as 925 ás 500 milésimas,[16] por mor do aumento do prezo dese metral en todo o mundo, seguindo unha tendencia xeneralizada de eliminación ou de redución do contido de prata na moedas en circulación.[17] Froito desta situación, agravada polos elevados custos da segunda guerra mundial, a finais de 1946 cesou por completo a emisión de moedas de prata do sistema da libra esterlina —exceptuando as conmemorativas—. As novas moedas, entre as que se inclúen os xilins, pasaron a estar cuñadas en cuproníquel, unha aliaxe do 75 % de cobre e o 25 % de níquel.[18]

 
Xilins de 1956 a nome de Isabel II: anverso común e reversos co escudo de Inglaterra e co escudo de Escocia.

A partir das propostas de John Wrottesley na década de 1820, houbo varios intentos de decimalizar a libra esterlina ao longo do século e medio seguinte,[19][20] mais estes intentos non chegaron a nada significativo ata a década de 1960, cando comezou a considerarse urxente a necesidade dunha nova moeda máis acaída para os cálculos monetarios sinxelos. A decisión de decimalizar o sistema monetario anunciouse en 1966, e a libra dividiuse en 100 peniques novos, no canto dos 240 vellos.[21] O coñecido como Decimal Day (o "Día Decimal") fixouse para o día 15 de febreiro de 1971, cando se puxeron en circulación grandes cantidades de todas as moedas do novo sistema. Os xilins foron substituídas polas moedas de 5 peniques novos, cunhas características métricas moi similares, e, aínda que xa non se cuñaban, mantivéronse en circulación co novo valor ata o 31 de decembro de 1990, cando se lles retirou a consideración de curso legal.[6][22]

Os "xilins de Vigo" editar

 
"Xilin de Vigo" cuñado en 1703 a nome da raíña Ana.

Unha parte do metal requisado polos británicos logo da Batalla de Rande, ocorrida en 1702 na ría de Vigo, foi trasladada ás Illas Británicas e destinouse á emisión de moedas pola casa da moeda de Londres (daquela dirixida por Isaac Newton), de prata con valores de 1 penique, 6 peniques, 1 xilin, media coroa e unha coroa; e de ouro con valores de media guinea, unha guinea e cinco guineas.[23]

Co gallo de conmemorar esa importante vitoria, nos anversos de todas estas moedas amósase, baixo o busto da raíña Ana, a inscrición "VIGO". Os xilins cuñados coa prata de Vigo foron emitidos con datas de 1702 e 1703.[23][24][25]

Notas editar

  1. "Xilin" no DRAG, no Portal das palabras e en Digalego.
  2. "Pounds, Shillings and Pence". The Royal Mint Museum.
  3. "Chelín (2)". En Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  4. "Reconstruction:Proto-Germanic/skillingaz". en.wiktionary.com
  5. 5,0 5,1 Chisholm, H. ed. (1911). "Shilling". En Encyclopædia Britannica. Vol. 24 (11ª ed.). Cambridge University Press. Páxina 859.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Shilling". The Royal Mint Museum.
  7. "1 Shilling - Edward VI". Numista.com
  8. "Chelín (1)". En Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  9. "Teston / Testoon". En Rees, A. (1819). The Cyclopaedia; Or, Universal Dictionary of Arts, Sciences and Literature. Longman, Londres Vol XXV. Páxina 181.
  10. "Coinage, Debasement of". En Wagner, J. A.; Walters Schmid, S. (2011). Encyclopedia of Tudor England. ABC-CLIO. Páxina 281. ISBN 978-1-59884-298-2
  11. "1 Shilling - Edward VI. 1549". Numista.com
  12. "The Great Debasement, the Great Confinement". En Pascucci, M. (2013). Philosophical Readings of Shakespeare. Palgrave Macmillan. Páxina 103. ISBN 978-1-349-46308-4
  13. "1 Shilling - Elizabeth I". Numista.com
  14. Manville, H. E.; Gaspar, P. P. (2004). "The 1787 Shilling. A Transition in Minting Technique". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. Vol. 74. Páxinas 84-103.
  15. Clancy, K. (1990). The recoinage and exchange of 1816-1817 [Tese de doutoramento]. University of Leeds.
  16. Groom, D. (2010). The Identification of British 20th Century Silver Coin Varieties. Lulu.com. Páxina 44. ISBN 978-1-4457-5301-0
  17. The Numismatist. American Numismatic Association. 1972.
  18. Challis, C. E. (1992). A New History of the Royal Mint. Cambridge University Press. Páxina 583. ISBN 978-0-521-24026-0
  19. The Bankers' Magazine. Waterlow. 1855. Páxina 139.
  20. Zupko, R. E. (1990). Revolution in Measurement. Western European Weights and Measures Since the Age of Science. Memoirs of the American Philosophical Society. Vol. 186. Páxinas 242-245. ISBN 0-87169-186-8
  21. "The Royal Mint and decimalisation". The Royal Mint.
  22. Eckett, S.; Pearce, C. (2008). Harriman's Money Miscellany: A Collection of Financial Facts and Corporate Curiosities. Harriman House Limited. Páxina 19. ISBN 978-1-905641-95-6
  23. 23,0 23,1 "Emisións da Raíña Ana de Inglaterra". Pita Fernández, R. L. (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2 Páxinas 173-176.
  24. "1 Shilling - Anne 1st bust" e "1 Shilling - Anne 2nd bust". Numista.com
  25. "Anne 1702 VIGO Shilling, earliest date for Vigo coins". Vcoins.com

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar