Unha cruz monumental é unha cruz cristiá, normalmente de pedra, illada ou que forma parte dun calvario ou dun viacrucis. Desenvolvidas dende o século XI co abrollar da arte románica, as cruces monumentais acadan ou seu apoxeo no século XVI agás no caso dos cruceiros (chamados noutras linguas "cruces de encrucilladas": croix de chemins en francés ou wayside crosses en inglés) que acadan o seu apoxeo nos século XVIII e especialmente os calvarios e cruceiros máis elaborados (calvaires en francés) no XIX[1]. Particularmente neste período, estas estruturas convértense en lugares de reunión para pregar nas festas relixiosas (coma o Corpus Christi, o mes de María ou o Venres Santo) ou para pedir a graza de Deus contra males de todo tipo (guerras, epidemias, incendios, secas…)[2] En Galicia e Norte de Portugal son moi abondosas (entre 10.000 e 12.000 só en Galicia e uns 9.000 na Bretaña[3]) e normalmente se erguían en encrucilladas e lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza, de aí a existencia de cruces semellantes noutras zonas da Europa atlántica con semellantes ritos ancestrais[4].

Cruceiro en Inglaterra, semellante aos galegos.
Cruceiro en Belles de Abaixo, Macenda, Boiro, Galicia.

Historia

editar
 
Estela gravada en Galicia.

Segundo os relatos en parte lendarios[5] que aparecen a partir dos anos 350[6], uns dez anos despois da more de Constantino I o Grande converso ao cristianismo en 337, é santa Helena, a nai do emprerador, quen descubriu a verdadeira Cruz de Xesús no Monte Calvario (Golgotha) logo dunha peregrinación a Palestina en 326. Constantino fixo logo construír a primeira cruz monumental no bico do monte. San Xoán Crisóstomo, declarou que a cruz, logo dos suplicios que nela se sufriron, converteríase no máis santo dos emblemas de Cristo. Deste xeito a cruz converteuse no sinal do mundo cristián primeiramente coma cruz triunfal: sen o Cristo esculpido, xa que podía ofender a sensibilidade dos cristiáns[7].

Son os monxes irlandeses quen, no século VII son os primeiros en facer da cruz un verdadeiro monumento en forma de estelas gravadas, con forma de cruz celta (cruz grega cun círculo) a partir do século VIII e da crucifixión no século IX[8]. Asistimos a unha multiplicación das cruces a partir de 1095, data na que o Concilio de Clermont establece que o dereito de asilo simbolízase nos cruceiros dos camiños, que Terán un rol duplo: de guía e de protección. No caso de Galicia, dende os principio do cristianismo procurouse unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto tan abundantes en terras atlánticas. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires, petróglifos ou pedras significativas, como sobre miliarios romanos,[9]. En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros galego-portuguese son unha creación gótica.[10] A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV.[11] O vandalismo (especialmente as guerras relixiosas iconoclastas ou a Revolución no caso de Francia), o paso do tempo, a intemperie e máis recentemente o tránsito rodado e a mecanización da agricultura, son responsábeis da forte diminución no número destes monumentos. Por outra banda estas cruces de pedra contan con figuras de protección, tanto en Francia (Tesouros Nacionais) como en Galicia (Patrimonio Cultural)[12].

As diferentes cruces monumentais

editar
 
Cruceiro en Causse du Larzac, Francia.

Podemos distinguir :

  • Cruces de cristianización: cruceiros (cruces de camiños e de encrucilladas), cruces de mercados, de prazas, de pontes, de portos, de megalitos, de árbores, de igrexas (de adro), de fontes, de pozos etc. (as comúns en Galicia, Norte de Portugal, Francia e Illas Británicas).
  • Cruces de culto aos mortos : cruces de cemiterios, de epidemias (« cruz de peste »), de naufraxios, de claustros, ou cruces de conmemoración: por unha morte brutal (que aínda se erguen nas estradas galegas), ou pola contra dunha vitoria militar…;
  • Cruces de procesión : cruces de Ramos, do Santo Sacramento, os viacrucis, as cruces dedicadas ao culto dalgún santo;
  • Cruces de peregrinación, que na maioría dos casos non marcan unha etapa, senón que chaman á esmola;
  • Cruces de termo, que serven de límite ás entradas e saídas da vilas. Son as comúns en Cataluña, Aragón e Valencia;
  • Cruces da xustiza ;
  • Cruces de misión, común en lugares cristianizados.

Cruceiro

editar
Artigo principal: Cruceiro.

Os cruceiros (cruzeiros en portugués) son cruces grandes de pedra, lisas ou con figuras esculpidas, sobre longas columnas asentadas nunha plataforma, que se sitúan principalmente nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias e nos adros das igrexas, moi comúns en Galicia, Norte de Portugal e Francia (principalmente na Bretaña)[14]. Nesta definición entrarían varias das cruces monumentais de Europa de fasquía semellante: as cruces galegas, portuguesas, bretoas (calvaires), así como moitas cruces de Francia, Alemaña e as Illas Británicas. Tamén atopamos exemplos moi illados de cruceiros en todo o norte de España.

Calvario

editar

Aínda que en francés calvaire é sinónimo de cruceiro, en galego adoita denominar a tríade de cruces: normalmente a central representa onde foi crucificado Xesús, e aos lados as dúas cruces dos pecadores. Na Bretaña adoitan compartir pedestal, ademais coma no caso do Cruceiro do Hío, o granito está moi traballado.

Cruz de mercado

editar

Existen exemplos semellantes de cruceiros en Gran Bretaña en camiños ou tamén as típicas cruces que marcan nas prazas centrais das vilas onde se fai a feira chamadas market crosses (en inglés) ou mercat crosses (en escocés). En Escocia existen unhas 126, a maioría do século XVIII. En Inglaterra moitas veces son monumentos máis complexos semellantes aos cruceiros cubertos galegos e portugueses.

Perron

editar
Artigo principal: Perron.

Chamadas perroen en neerlandés, son columnas de pedra, normalmente rematadas cun orbe (un globo cunha cruz), que se ergueron en cidades que pertencían ao antigo principado de Liexa, en Bélxica e Países Baixos (980-1795). As cruces-columnas simbolizan a liberdade e autonomía local.

Cruz de termo

editar
Artigo principal: Cruz de termo.

Unha cruz de termo (en lingua catalá: Creu de terme) é un tipo de fito ou marco chantado noutrora á entrada das vilas e cidades coma mostra de piedade do pobo e para o seu fomento entre os viaxantes (finalidade diferente á dos cruceiros). Atópase nalgunhas vilas de Cataluña, Aragón e Comunidade Valenciana. Consiste nunha cruz monumental, habitualmente de pedra, moi semellante aos cruceiros galegos sobre uns chanzos de planta circular ou poligonal sobre as que se ergue o fuste rematado en nó, broche ou chapitel, que sustenta a cruz de pedra labrada en cantaría[15].

Cruces cubertas

editar

Son cruceiros e cruces de termo cunha especie de alpendre, normalmente a catro augas, sostido por catro piares. Constrúense a partir do século XV, maiormente de estilo gótico e renacentista, aínda que tamén atopamos exemplos barrocos. Atopamos exemplos no levante español (creus cobertes), Galicia e Norte de Portugal.

Viacrucis

editar
Artigo principal: Viacrucis.

Viacrucis[16] neste caso refírese ao conxunto de catorce cruces monumentais que representan os diversos momentos da Paixón de Cristo que sinalan o percorrido dun camiño e onde se adoita rezar ante cada unha delas en memoria do camiño que fixo Xesús Cristo polo Monte Calvario.[17]. Adoitan colocarse nas subidas a montes onde existen santuarios.

Wayside crosses

editar

Wayside cross é o termo empregado en inglés para se referir ás cruces de pedra á beira dos camiños (Croix de chemin en francés) e ás das encrucilladas (croix de carrefour), no que eles inclúen os cruceiros galegos, portugueses e bretóns, as cruces de termo aragonesas e os cruceiros alemáns e dos Alpes. Defínenos coma cruces nas interseccións de camiños, carreiros ou estradas (pero que tamén aparecen en campos e bosques) quepoden estar feitos en madeira, pedra ou metal e que adoitan ter a finalidade de protexer aos camiñantes e peregrinos de lugares perigosos (coma os cruceiros galegos)[18]. Tamén inclúe as cruces de conciliación ou (stone crosses), chantadas onde ocorreu unha desgraza, comúns de Centroeuropa, en Alemaña, Polonia e a República Checa.

Cruces maiores

editar
Artigo principal: Cruz maior.

As cruces maiores (High Crosses en inglés) son cruces de pedra das Illas Británicas normalmente moi decoradas que se chantaban en encrucilladas ou leiras. Moitas delas teñen forma de cruz celta cos típicos nós. Datan da época medieval temperá[19].

Steinkreuze

editar

As Steinkreuze (literalmente en alemán "cruz de pedra"; stone cross en inglés) son pequenas cruces monumentais de pedra que se achan en Europa Central e miden entre 80 a 120 centímetros de alto e 40 a 60 centímetros de ancho, normalmente labradas nun só bloque de pedra, normalmente de granito, arenita, calcaria ou basalto. Trátase das cruces ao ar libre máis antigas. Noutras zonas, coma na República Checa ou Polonia chámanlle a unhas cruces semellantes cruces da conciliación, xa que se erguen onde ocorreu algo malo[20].

Unha variante maior destas cruces, porén con elementos dos petos de ánimas son os Schaftkreuz (Shaft cross en inglés), co esteo máis longo e semellantes aos cruceiros galegos[21].

Outras

editar

Existen as cruces memoriais, para recordar algún evento, por exemplo unha peste, como as chamadas cruces de pestes (plague crosses) no Reino Unido, que non deixan de ser cruceiros. Tamén existen as cruces de cume, cruces nos cumes dunha montaña ou outeiro que marcan o bico do mesmo, normalmente marcan un fito ou logro[22]. Tamén existen cruces de pedra en lugares como o Tirol ou o leste de Europa (Polonia, Ucraína, Romanía, Rusia...).

Cruces monumentais contemporáneas

editar
  1. Hervé et Louis Martin, Croix rurales et sacralisation de l’espace. Le cas de la Bretagne au Moyen Âge, Archives de science sociale des religions, 43/1, 1977
  2. Jacques Baudoin, Croix du Massif Central, éditeur Créer, 2000, p. 432; e Christophe Lefébure, Croix et calvaires, chefs-d'oeuvre de l'art populaire, Flammarion, marzo de 2004.
  3. Gran Enciclopedia Galega, tomo 12, px. 236; e La Voz de Galicia, 17.02.2007.
  4. teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores
  5. Jacques Briens, La Jérusalem byzantine reconstituée, en Le Monde de la Bible, hors-série trois religions à Jérusalem, 2008, pp. 32-34
  6. Cirilo de Xerusalén, Les Catéchèses baptismales et mystagogiques, col. « Les Pères dans la foi », Migne, París, 1993 : Catequeses 4, 10 ; 9, 19 ; 13, 4)
  7. Jacques Baudoin, op.cit., p.4
  8. Paul Thoby, Le Crucifix des origines au Concile de Trente, ed. Bellanger, 1959
  9. Así temos, en Pedrouzos (Castro Caldelas) un penedo natural, chamado Pena do Pendón, sobre o que se colocou unha cruz; ou o Penedo de Queiroás, en Allariz, sobre o que se levantou un cruceiro. Sobre miliarios romanos temos o exemplo do cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense).
  10. Teoría compartida por investigadores como Xosé Filgueira Valverde ou Xosé Carlos Valle Pérez.
  11. Filgueira Valverde menciona un cruceiro citado nun documento do arquivo da Catedral de Lugo, datado en 1215, pero é máis probable que se trate da referencia a un "castiñeiro" ou "carballo das cruces", que marcaban os lindes entre lugares ou parroquias, frecuentes na montaña luguesa ata hai pouco.
  12. Jean Simard Historien et ethnologue.
  13. Este cruceiro medieval sinalaba a antiga vía de peregrinación. Ten cruz gótica e ambos os dous laterais da cruz hai unha imaxe dun peregrino. Os gravados indican, presuntamente, o soterramento no lugar de persoas non bautizadas
  14. Definición proposta polo Servizo de Normalización Lingüística da USC
  15. «creu de terme». L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
  16. ’’Vocabulario ortográfico da lingua galega’’, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  17. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Viacrucis.
  18. Sakrale Kleinbauten: Flurkreuze / Wegkreuze Arquivado 30 de outubro de 2014 en Wayback Machine.(PDF; 256KB) Redaktion: ibid Altbau AG, CH-Merkblätter des Bundesamtes für Bevölkerungsschutz, Kulturgüterschutz
  19. David M. Wilson; Anglo-Saxon Art: From The Seventh Century To The Norman Conquest, Thames and Hudson (US edn. Overlook Press), 1984.
  20. Kurt Müller-Veltin: Mittelrheinische Steinkreuze aus Basaltlava. 2nd, reworked and expanded edn., Colonia: Rheinischer Verein für Denkmalpflege und Landschaftsschutz, 2001 ISBN 3-88094-570-5
  21. Störzner, Bernhard Friedrich: Was die Heimat erzählt, Verlag Arwed Strauch, Leipzig, 1904 (digitalisation by SLUB Dresden)
  22. Michel Printz, Les Bildstock du Pays des Trois Frontières, 1996.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar