Comuna francesa

subdivisión dun cantón, en Francia

A comuna é a división administrativa de menor nivel en Francia. A palabra francesa commune apareceu no século XII, da verba pertencente ao latín medieval communia, cuxo significado se refire ao pequeno conxunto de xente que comparte unha vida común, do latín communis, cousas en común.

Mapa das 36.569 comunas da Francia metropolitana

As comunas francesas son aproximadamente equivalentes ao concello galego.

Unha comuna francesa pode ser unha cidade de 2 millóns de habitantes como París, unha cidade de 10.000, ou unha pequena aldea de só 10 persoas.

Características xerais editar

Número total de comunas editar

A 1 de marzo de 2007, existían 36.780 comunas en Francia, 36.568 delas na Francia metropolitana e 212 na ultramar. Isto é considerablemente máis ca en calquera outro país europeo. Esta peculiaridade explícase máis en detalle na sección de historia máis adiante. En resumo, as comunas francesas aínda reflicten a división de Francia en aldeas no tempo da Revolución Francesa, máis de dous séculos atrás.

Evolución do número de comunas
Francia metropolitana Francia de ultramar
1 de xaneiro de 1999 36.565 214
1 de xaneiro de 2000 36.566 214
1 de xaneiro de 2001 36.563 214
1 de xaneiro de 2002 36.565 214
1 de xaneiro de 2003 36.564 214
1 de xaneiro de 2004 36.568 214
1 de xaneiro de 2005 36.570 214
1 de xaneiro de 2006 36.571 214
1 de xaneiro de 2007 36.569 214
1 de marzo de 2007 36.568 212

Debería ser destacado que, a diferenza doutros países como os Estados Unidos, a totalidade do territorio da República de Francia, fóra dunhas pequenas posesións de ultramar, atópase dividido en comunas. No territorio da República Francesa non hai ningún lugar que sexa directamente gobernado por un condado ou algunha autoridade maior. (Isto é semellante á situación en Nova Inglaterra, rexión dos Estados Unidos.) Calquera lugar da República Francesa é parte dunha comuna, tanto no territorio metropolitano como no de ultramar (incluídas montañas deshabitadas ou as selvas), con estas únicas excepcións:

  • COM (collectivité d'outre-mer, en galego colectividade de ultramar) de San Martiño (33.102 habitantes). Foi anteriormente unha comuna dentro da rexión de Guadalupe. A estrutura de comuna foi abolida cando San Martiño se converteu nunha Colectividade de Ultramar o 22 de febreiro de 2007. Agora é un dos tres territorios permanentemente habitados da República de Francia sen estrutura de comuna.
  • COM de Wallis e Futuna (14.944 habitantes), este é outro dos tres territorios permanentemente habitados da República de Francia sen estrutura de comuna.
  • COM de Saint-Barthélemy (6.852 habitantes). Fora previamente unha comuna dentro da rexión de Guadeloupe. A estrutura de comuna foi abolida cando Saint-Barthélemy se converteu nunha Colectividade de Ultramar o 22 de febreiro de 2007. Agora é un dos tres territorios permanentemente habitados da República de Francia sen estrutura de comuna.
  • TOM (territoire d'outre-mer, en galego territorio de ultramar) das Terras Austrais e Antárticas Francesas (sen poboación permanente, ao redor de 200 residentes científicos, mariñeiros e meteorólogos).
  • Illa Clipperton no océano Pacífico (deshabitada).

Superficie cuberta dunha comuna típica editar

Na Francia metropolitana, a área promedia dunha comuna en 2004 era 14,88 km². A área mediana das comunas da Francia metropolitana (segundo o censo de 1999) é aínda máis pequena, 10,73 km². A área mediana é a medida máis aproximada á área dunha comuna francesa.

Esta área mediana é máis pequena que na maioría dos países europeos, como Italia onde a área mediana das comunas (comuni) é 22 km², Bélxica onde esta é 40 km², España onde é 35 km², ou Alemaña onde a maioría dos Länder teñen comunas (Gemeinden) cunha área mediana superior aos 15 km²).

Este pequeno tamaño das comunas francesas é debido á cantidade extremadamente enorme de comunas, mencionada anteriormente, nun territorio mediano como é o de Francia. En 2000, Suíza e os Länder de Rheinland-Pfalz, Schleswig-Holstein, e Turinxia en Alemaña eran os únicos sitios de Europa onde as comunas tiñan unha área mediana máis pequena que en Francia.

As comunas dos departamentos de ultramar de Francia, como Reunión e Güiana francesa son grandes para os estándares franceses, máis grandes que as comunas metropolitanas. As comunas de ultramar adoitan agrupar nunha mesma comuna importantes aldeas ou cidades, a miúdo a considerables distancias entre elas. En Reunión, coa expansión demográfica e a extensa urbanización, houbo unha división administrativa dalgunhas comunas.

Poboación dunha comuna típica editar

A poboación mediana das comunas da Francia metropolitana segundo o censo de 1999 era de 380 habitantes. Novamente é un número moi pequeno, e nisto Francia diferénciase do resto de Europa, co número máis baixo de poboación media de comunas de tódolos países europeos (as comunas en Suíza ou Rheinland-Pfalz, teñen unha superficie máis pequena, como se menciona arriba, pero están máis poboadas). Esta baixa poboación media nas comunas francesas pode ser comparada coas de Italia onde a poboación media das comunas en 2001 era 2.343 habitantes, Bélxica onde era de 11.265 habitantes, ou España onde era de 564 habitantes.

A poboación mediana recentemente mencionada non debería opacar o feito de que as diferenzas en tamaño son extremas entre as comunas francesas. Como se mencionaba na introdución, unha comuna pode ser unha cidade de 2 000 000 de habitantes como París, unha cidade de 10.000 habitantes, ou só unha aldea de 10 habitantes. O que nos di a poboación mediana é que a enorme maioría das comunas francesas só teñen un par de centos de habitantes; aínda que tamén existan un pequeno número de comunas altamente poboadas.

En Francia metropolitana, hai 20.982 comunas con menos de 500 habitantes, o cal é o 57,4% do número total de comunas. Nesas 20.982 comunas viven só 4 638 000 habitantes, ou o 7,7% da poboación total de Francia metropolitana. Noutras palabras, só o 7,7% da poboación francesa vive nun 57,4% das comunas, mentres que o 92,3% de poboación restante concéntrase en só un 42,6% das comunas.

Estados das comunas editar

Malia as enormes diferenzas en poboación, cada unha das comunas da República Francesa posúe un alcalde (maire) e un consello municipal (conseil municipal) que manexan a comuna dende o mairie ou casa do concello, con exactamente o mesmo poder, sen importar o tamaño da comuna (coa cidade de París como única excepción, onde a policía da cidade está en mans do estado central, non en mans do alcalde de París). Esta uniformidade de poder é un claro legado da Revolución Francesa, a cal quixo acabar coa idiosincrasia local e as xigantes diferenzas de clase que existían no Reino de Francia.

Con todo, o tamaño dunha comuna importa en dous aspectos: a Lei Francesa determina o tamaño do consello municipal acorde á poboación da comuna; e o tamaño da poboación determina que proceso de votación é usado para a elección do consello municipal.

Dende a lei PML de 1982, tres comunas francesas tamén teñen a particularidade de estaren divididas en arrondissements ou distritos municipais: estas son París, Marsella e Lión. O Distrito Municipal é a única unidade de administración por baixo da comuna na República de Francia, pero existe só nesas tres comunas. Estes distritos municipais non deben ser confundidos cos distritos franceses que son as subdivisións dos departamentos franceses.

As comunas francesas tiveron personalidade legal dende 1837: son consideradas entidades xurídicas, e teñen capacidades lexislativas. Os distritos municipais non teñen personalidade xurídica, e non teñen orzamento de seu.

Os dereitos e obrigacións das comunas son rexidos polo Code général des collectivités territoriales (CGCT) que substitúe o Code des communes coa pasaxe da lei do 21 de febreiro de 1996 para a lexislación e decreto número 2000-318 do 7 de abril de 2000 para regulacións.

Historia das comunas francesas editar

As comunas francesas foron creadas a comezos da Revolución Francesa entre 1789 e 1790. Antes da Revolución Francesa, non existía nada semellante ás comunas da Francia actual. O nivel máis baixo de división administrativa era a paroisse (parroquia), e había máis de 60.000 no Reino de Francia. Unha parroquia era esencialmente unha igrexa, as casas ao redor dela (e chamábase a isto a aldea), e as terras de cultivos rodeando a aldea. Naquel tempo Francia era o país máis poboado de Europa, posto que ostentou ata o século XIX; tiña máis poboación que Rusia, aproximadamente 25 millóns de habitantes antes da Revolución Industrial (Inglaterra tiña só 6 millóns de habitantes antes dela). Isto influíu no sorprendentemente alto número de parroquias no Reino de Francia. Os reis franceses a miúdo se enorgullecían de dominar eles mesmos sobre "un reino de 100.000 almas".

Con todo, estas parroquias carecían das estruturas municipais das comunas post-revolución. Usualmente había só un edificio de concello (conseil de fabrique), conformado por aldeáns, os cales se encargaban de administrar os edificios de numerosas propiedades da igrexa, ás veces tamén axudaban aos pobres, e ata administraban hospitais e escolas da parroquia. O sacerdote encargado da parroquia tamén foi requirido para rexistrar bautismos, casamentos e enterros, dende a Ordonnance de Villers-Cotterêts de agosto de 1539 ordenada por Francisco I. Exceptuando estas tarefas, deixouse que a aldea manexase outros asuntos como quixese. Usualmente, os aldeáns xuntaríanse a decidir sobre algún asunto especial concernente á comunidade, así como os usos de terras de cultivos, pero non existiu un corpo municipal permanente. En moitos lugares, o señor feudal local (seigneur) no seu castelo seguía intervindo nos asuntos da aldea, continuaba cobrando impostos aos aldeáns arrendatarios, determinando que terra de cultivo sería usada e cando, e que parte da colleita debían entregarlle.

O 14 de decembro de 1789, poucos meses logo da Revolución Francesa, a Assemblée Nationale (Asemblea Nacional) ditou unha lei creando a comuna, definíndoa como o máis baixo nivel de división administrativa en Francia, dando a súa aprobación deste xeito ás comunas independentemente creadas, pero tamén creando comunas na Asemblea mesma. Neste aspecto, así como en moitos outros, a obra da Asemblea Nacional foi completamente revolucionaria: non só transformaron todas as cidades e aldeas en comunas, a Asemblea Nacional tamén decidiu transformar todas as parroquias en comunas independentes. Os revolucionarios foron inspirados polas ideas cartesianas así como pola filosofía dos ilustrados (les Lumières). Eles querían rematar con todas as particularidades e establecer unha sociedade perfecta, na que todos e todo debería ser igualitario.

 
Casa do concello ou Mairie de Savins, Seine-et-Marne
 
Casa do concello de Grisy-Suisnes, Seine-et-Marne

Por isto intentan establecer unha división administrativa uniforme e igualitaria en todo o país: a totalidade de Francia estaría dividida en départements, á súa vez divididos en arrondissements, á súa vez divididos en cantons, á súa vez divididos en comunas, sen excepción. Todas estas comunas terían o mesmo poder, todas terían un alcalde (maire) encabezándoas, e un concello municipal (conseil municipal) elixido polos habitantes da comuna. Iso foi unha verdadeira revolución para miles de aldeas que nunca experimentaran unha organización municipal anteriormente. Unha casa do concello (mairie) tivo que ser construída en cada unha desas aldeas, nas cales se levarían a cabo as reunións do consello municipal así como a administración da comuna. Algúns na Asemblea Nacional opuxéronse a esta fragmentación de Francia en varios miles de comunas, pero eventualmente Mirabeau e as súas ideas dunha comuna para cada parroquia prevaleceron.

O 20 de setembro de 1792, a responsabilidade de levar o rexistro de nacementos, casamentos e mortes foi retirado dos curas das parroquias para converterse en responsabilidade dos alcaldes das comunas. Os casamentos civís foron establecidos e comezaron a realizarse no mairie cunha cerimonia non moi distinta á cerimonia relixiosa tradicional, co alcalde substituíndo o cura, e o nome da lei substituíndo o nome de Deus ("Au nom da loi, je vous déclare unis par les liens du mariage" - "No nome da lei, eu declaro a súa unión polas obrigacións do matrimonio"). Os curas foron forzados a entregaren os seus rexistros de séculos de idade de bautismos, matrimonios e enterros, os cales foron depositados nos mairies. Estes cambios de súpeto allearon profundamente aos devotos católicos, e Francia axiña se viu mergullada nas convulsións dunha guerra civil, coas rexións ferventemente relixiosas do oeste de Francia como os seus protagonistas. Isto levaría a Napoleón Bonaparte a restablecer a paz en Francia, establecendo un novo sistema administrativo, aceptado pola poboación en xeral. Napoleón tamén aboliu a elección dos consellos municipais, o cal agora sería elixido polo prefeito, o representante local do goberno central.

Logo da Revolución Francesa editar

Hoxe, en xeral, as comunas francesas seguen parecéndose moito a aquelas que foron establecidas a comezos da Revolución Francesa. As mudanzas máis importantes aconteceron en 1831, cando o Parlamento de Francia restableceu o principio da elección dos consellos municipais, e en 1837 cando as comunas francesas adquiriron personalidade xurídica. Os revolucionarios Xacobinos temían os poderes locais independentes, os cales eran vistos por eles como conservadores e opositores á revolución, así que favovereceron o poder do Estado Central. Polo tanto, cando se crearon as comunas, foron privadas de personalidade xurídica (de igual xeito os départements), e só o Estado Central continuou tendo personalidade xurídica. Para 1837 esta situación foi xulgada como pouco práctica, xa que como os alcaldes e consellos municipais non podían formar parte das cortes, calquera acción levaba máis tempo. Logo deste cambio, miles de aldeas que xamais tiveran personalidade xurídica de súpeto convertéronse en entidades legais por primeira vez na súa historia. Este segue sendo o caso de hoxe en día.

Durante a Revolución Francesa aproximadamente 41.000 comunas foron creadas ([1]), nun territorio correspondente aos límites da Francia de hoxe. Isto foi menos que as 60.000 parroquias que existían antes da revolución (en cidades e urbes, as parroquias foron combinadas nunha soa comuna), pero 41.000 continuaba sendo un número moi grande, nese momento sen comparación ningunha no mundo, exceptuando o Imperio da China (pero alí, só o nivel de Condado e superiores tiñan unha administración permanente).

Dende aquel entón, cambios tremendos foron afectando a Francia, así como ao resto de Europa: a Revolución Industrial, dúas guerras mundiais, e os éxodos rurais fixeron minguar a poboación rural e incrementar a das cidades. As divisións administrativas francesas, con todo, permaneceron extremadamente ríxidas e inalterables. Hoxe en día ao redor dun 90% das comunas e departamentos son exactamente aquelas mesmas que foron designadas nos tempos da Revolución Francesa máis de 200 anos atrás, cos mesmos límites. Como consecuencia, as incontables comunas rurais que antes tiñan moitos centos de habitantes durante a Revolución Francesa, hoxe non teñen sequera cen habitantes. Doutra banda, as cidades medraron tanto que as áreas urbanizadas agora espállanse alén dos límites das comunas nas que foron "postas" nos tempos da Revolución. O exemplo máis extremo disto é París, onde a área urbanizada esténdese sobre 396 comunas.

París, de feito, foi unha das escasas comunas de Francia cuxos límites foron espallados ao ter en conta a expansión da súa área urbanizada. A nova, e máis grande, comuna de París foi instalada baixo o permiso do Emperador Napoleón III en 1859, pero logo disto os límites de París volvéronse ríxidos. A diferenza da maioría dos outros países europeos, os cales mudaron as súas comunas de acordo coas densidades de poboación actuais (como o fixeron Alemaña e Italia ao redor de 1970), diminuíndo drasticamente o número de comunas, Francia só realizou fusións de comunas nos límites, e estas foron maiormente realizadas no século XIX. De 41.000 comunas dos tempos da Revolución Francesa, o número diminuíu a 37.963 en 1921, e 36.568 en 2004 (en Francia metropolitana).

Francia é, con moita vantaxe, o país co número máis grande de concellos en Europa. Por exemplo: reunindo toda Alemaña (un terzo máis de habitantes que Francia) temos só 12.321 comunas (Gemeinden), ou reunindo toda Italia (case tantos habitantes como Francia) temos só 8.101 concellos (comuni). En Europa, só Suíza ten tan alta densidade de concellos como Francia, pero nos últimos dez anos comezouse un extenso movemento de "fusión" de comunas. Para entender mellor o que significan estes números hai dúas boas comparacións:

  • A Unión Europea (de 15 membros ata maio de 2004) está composta por aproximadamente 75.000 concellos, e a Francia metropolitana soa conta con 35.568, o que significa que un 47,5% das comunas da Unión Europea se atopa en Francia (Francia representa un 16% da poboación total da Unión Europea).
  • Os Estados Unidos, cun territorio 14 veces maior có da República de Francia, e preto de 5 veces a súa poboación, ten incorporadas 35.937 municipalidades segundo o censo do ano 2002, menos que as 36.782 comunas da República de Francia.

Debate actual editar

Durante máis de 30 anos, houbo chamadas en Francia para unha fusión masiva de comunas, incluíndo voces distinguidas como as do presidente de Cour des Comptes. Con todo, os conservadores foron moi duros, e ningún proxecto de combinación de concellos chegou alén do comité do Parlamento de Francia. En 1971 a lei Marcellin ofreceu apoio e diñeiro do goberno para tentar ás comunas a unirse unhas a outras, pero a lei foi un completo fracaso (só unhas 1.300 comunas aceptaron desaparecer e combinarse con outra).

 
Vista xeral do centro de Lión

Así, aqueles defensores das fusións entre comunas quéixanse de que as cidades francesas teñen un ridículo peso comparadas coas súas correspondentes europeas, porque as súas fronteiras seguen sendo aquelas impostas hai máis de 200 anos. Por exemplo, a cidade de Lión é, xeograficamente, unha comuna con só 465.300 habitantes vivindo dentro da súa xurisdición, o cal é máis baixo que moitas outras cidades europeas, mentres que, nos feitos, a área metropolitana de Lión ten 1,7 millóns de habitantes e é unha das maiores metrópoles de Europa, cun tamaño semellante ao de Múnic. De feito, a poboación e economía da área metropolitana de Múnic é moi comparable á de Lión, pero a poboación da cidade (Gemeinde) de Múnic é ao redor de 1 320 000 habitantes, preto de tres veces a da comuna de Lión, reflectindo o moito máis grande que é o territorio de Múnic (310 km²), 6,5 veces máis grande có territorio da comuna de Lión (48 km²).

Os alcaldes das cidades francesas a miúdo se queixan de que a súa significancia é minusvalorada cando eles viaxan ao exterior de Francia, debido ao feito de que eles presiden só un pequeno territorio no medio de enormes áreas metropolitanas. Un bo exemplo deste fenómeno é París: malia que a área metropolitana de París é unha das escasas no mundo que teñen máis de 10 millóns de habitantes, a poboación da cidade de París en si é só de 2 145 000 habitantes, menos que a poboación da cidade de Roma (2 550 000 habitantes), cuxa área metropolitana de 3,5 millóns de habitantes é pequena en relación á área metropolitana de París.

Na outra punta da escala, en Francia existen algunhas comunas rurais as cales logo dos éxodos rurais quedaron con moi poucos habitantes, e que loitan para manter e distribuír os servizos básicos tales como a auga corrente, recolección do lixo, ou rúas comunais correctamente pavimentadas.

As fusións, con todo, non son doadas de levar a cabo. Un primeiro e obvio asunto é que reduce o número de cargos dispoñibles, e por iso non sempre é ben recibida a idea polos políticos locais. Un problema máis serio é que os cidadáns dunha aldea poden estar pouco dispostos a ter os seus servizos locais en mans dun executivo situado noutra aldea, que pode non ser consciente ou atento ás necesidades locais.

A expresión "intercomunalidade" (intercommunalité) denota importantes formas de cooperación entre concellos. Tal cooperación fixo a súa primeira aparición cara finais do século XIX na lei do 22 de marzo de 1890 a cal previu para o establecemento de asociacións intercomunais. Os lexisladores franceses eran moi conscientes do carácter inaxeitado da estrutura comunal herdada da Revolución Francesa, e a chamada Lei de Chevènement do 12 de xullo de 1999 é a máis recente e minuciosa medida dirixida ao reforzo e simplificación deste principio.

Nos últimos anos, fíxose cada vez máis común para as comunas unirse en consorcios intercomunais para a provisión de servizos tales como a recolección do lixo e o abasto de auga. As comunas suburbanas a miúdo se unen coas cidades centrais da súa área urbana para formaren unha comunidade encargada de manexar o transporte público ou ata de administrar os impostos locais.

A lei Chevènement organizou todas estas prácticas, abolindo algunhas estruturas e creando outras novas. Ademais, esta ofrece financiamento do goberno central dirixido a alentar máis comunas a unírense en estruturas intercomunais. A diferenza da fracasada lei Marcellin de 1971, a Lei Chevènement atopou en grande medida o éxito, e agora a maioría das comunas francesas están envolvidas en estruturas intercomunais.

Hai dous tipos de estruturas intercomunais:

  • Estruturas sen poder fiscal. Esta é a forma máis feble de intercomunalidade. Nesta categoría atópanse principalmente os tradicionais sindicatos de comunas. As comunas reúnense e contribúen financeiramente co sindicato, pero o sindicato non pode impoñer os seus propios impostos. As comunas poden deixar o sindicato en calquera momento. Os sindicatos poden ser creados por un propósito en particular ou tratar con varios asuntos importantes. Estas estruturas sen poder fiscal foron deixadas intactas pola Lei Chevènement, e a súa tendencia é a diminuír ou desaparecer.
  • Estruturas con poder fiscal. Isto é ao que concirne a Lei Chevènement. A lei distingue entre tres estruturas con poder fiscal: A communauté de communes (en galego: Comunidade de Comunas), dirixida principalmente ás comunas rurales; a communauté d'agglomération (en galego: Comunidade de Aglomeración), dirixida ás pequenas e medianas cidades e os seus arrabaldes; e a communauté urbaine (en galego: Comunidade Urbana), dirixida ás grandes cidades e os seus suburbios.

Estas tres estruturas teñen distintos poderes fiscais: coa Comunidade de Aglomeración e a Comunidade Urbana, que teñen maior poder fiscal, impóñense os impostos locais sobre as corporacións (taxe professionnelle) no seu nome, no canto de en nome da comuna, e co mesmo nivel de impostos en todas as comunas da Comunidade. As Comunidades deben manexar algúns servizos antes levados a cabo polas comunas, como o transporte e a recolección do lixo, como nos sindicatos, pero neste caso a lei volve obrigatorio para as comunidades manexaren outras áreas como o planeamento e o desenvolvemento econónimo, proxectos de vivendas ou protección do medio ambiente. As Comunidades de Comunas son encargadas de manexar poucas áreas, deixando as comunas máis autónomas, mentres que as Comunidades Urbanas son encargadas de manexar a maioría dos asuntos, deixando as comunas pertencentes a ela con menos poder autónomo.

A cambio da creación da Comunidade, o goberno asígnalles un diñeiro en base á súa poboación, proporcionando deste xeito un incentivo para as comunas a agruparse e formar comunidades. As Comunidades de Comunas son as que reciben a menor cantidade de diñeiro por habitante, mentres que as Comunidades Urbanas son as que reciben máis diñeiro, e isto empurra ás comunas a formaren máis comunidades integradas onde elas teñen menos poder, o que se resistiron a facer se o goberno non lles entregase diñeiro a cambio.

A Lei Chevènement foi extremadamente exitosa nese senso, xa que a maioría das comunas francesas agora pertencen a estruturas intercomunais: unha verdadeira fazaña nun país tan conservador como Francia. Á data de 1 de xaneiro de 2007, había 2.573 comunidades en Francia metropolitana (incluíndo 5 Syndicat d'agglomération nouvelle, en galego: Sindicatos de Novas Aglomeracións, unha categoría en vías de extinción), compostas por 33.327 comunas (91,1% de todas as comunas de Francia metropolitana), e 52.86 millóns de habitantes, un 86,7 % da poboación total da zona.[1]

Con todo, os impresionantes resultados poden agochar unha realidade distinta. En áreas rurais, moitas comunas entraron nunha Comunidade de Comunas só para se beneficiaren dos fondos gobernamentais. A miúdo os sindicatos locais se tornaron oficialmente en Comunidade de Comunas, e a nova Comunidade manexa só os servizos que antes manexaba o Sindicato, contrariamente ao espírito da lei, que estableceu as novas estruturas intercomunais para realizar unha gama de actividades moito máis ampla cás realizadas polos Sindicatos. Algúns din que, se as transferencias do goberno desaparecesen, moitas desas Comunidades de Comunas volverían ao seu estado de sindicato, ou simplemente desaparecerían por completo en lugares onde non había sindicatos previos á lei.

Nas áreas urbanas, as novas estruturas intercomunais son máis "realidade", sendo creadas por xenuína confianza no valor do funcionamento conxunto na área urbana. Con todo en moitos lugares xurdiron contendas, e non foi posible establecer unha estrutura intercomunal para toda a área urbana: algunhas comunas negáronse a participar neste tipo de estruturas, ou crearon as súas propias estruturas, así que nalgunhas áreas urbanas como Marsella existen catro estruturas intercomunais distintas. En moitas áreas, as comunas con máis recursos reuníronse con outras comunas ricas negándose a deixar entrar comunas máis pobres, porque terían que subir os impostos aos seus habitantes para soster os suburbios máis pobres da área urbana. Ademais, as estruturas intercomunais en moitas áreas urbanas son aínda moi novas e fráxiles: existen tensións entre as comunas; a cidade central da área urbana a miúdo é acusada de desexar dominar as comunas dos arrabaldes; as comunas con posicións políticas opostas tamén poden sospeitar as unhas das outras.

Dous exemplos famosos disto son Tolosa e París. En Tolosa, unha das máis grandes estruturas intercomunais, a comunidade principal de Tolosa e os seus arrabaldes son só unha Comunidade de Aglomeración, malia que Tolosa sexa o suficientemente grande como para crear unha Comunidade Urbana de acordo á lei. Isto é porque as comunas suburbanas néganse a unha Comunidade Urbana por medo a perderen demasiados poderes, e optaron por unha Comunidade de Aglomeración, malia que unha Comunidade de Aglomeración recibe menos fondos do goberno que unha Comunidade Urbana. En París non agromou ningún tipo de intercomunalidade, os suburbios de París temen o concepto dun "París maior", e así a desunión aínda é a regra na área metropolitana de París, cos arrabaldes creando moitas distintas estruturas intercomunais pero todas elas sen a cidade de París.

Un problema importante coa intercomunalidade é o feito de que as estruturas intercomunais non teñen representantes elixidos directamente polo pobo, son os representantes de cada comuna individual que pertence á nova estrutura. Como consecuencia, os funcionarios públicos e burócratas son os que establecen a axenda e impleméntana, cos representantes elixidos das comunas só aprobando as decisións claves. A nivel local, esta situación aseméllase á de Bruxelas, onde do poder compartido por moitos estados europeos independentes resultou que o poder é exercido por unha burocracia non elixida polos cidadáns.

Futuro editar

Nos primeiros cinco anos do século XXI producíronse diversas mudanzas a nivel comunal en Francia, mais a situación segue sendo inestable. As novas estruturas intercomunais, designadas para resolver o problema dun país con demasiadas comunas pequenas, atopou un éxito claro, pero os seus poderes -así como as súas relacións coas comunas dentro e os departamentos aos que pertencen- seguen necesitando ser definidos na práctica.

Terán as estruturas intercomunais representantes directamente elixidos polos cidadáns no futuro, como propuxo Mauroy no 2000? Pero entón, non deixaría isto ás comunas como unidades administrativas inútiles? Algúns poucos alcaldes de grandes cidades (comunas) francesas abandonaron os seus cargos na alcaldía para convertérense en Presidentes de Comunidades Urbanas, como no caso da Lille Métropole Communauté urbaine. Ou estas estruturas intercomunais crebarán cando o goberno deixe de pasarlles fondos? Ou quizais, como cren algúns, a Lei Chevènement foi o primeiro paso cara a unha fusión masiva de comunas, unha tentativa de que as comunas traballen xuntas e vexan as vantaxes disto, antes de que sexan eventualmente fusionadas?. En calquera caso só resta deixar pasar uns anos.

As comunas máis e menos poboadas editar

 
Vila francesa esnaquizada durante a segunda guerra mundial
  • A comuna máis poboada da República de Francia é a de París: 2 125 246 habitantes en marzo de 1999.
  • Seis das cidades de Francia esnaquizadas durante a primeira guerra mundial nunca foron reconstruídas. Todas elas atópanse no departamento de Meuse, e foron destruídas durante a batalla de Verdún en 1916. Logo da guerra, decidiuse que o territorio previamente ocupado polas cidades destruídas non debería ser incorporado noutras comunas, en honor a esas cidades que morreran por Francia, como declararan, e preservalas na súa memoria. As seguintes comunas están enteiramente despoboadas e son manexadas por un consello de tres membros, designados polo prefeito de Meuse:
  • Fóra deses casos especiais, as comunas con menos habitantes na República de Francia son:
    • Comuna de Rochefourchat, no departamento da Drôme, aos pés dos Alpes franceses, un habitante segundo o censo de 1999 (un home divorciado de 38 anos).
    • Comuna de Leménil-Mitry, nos bosques de Lorena no leste de Francia, dous habitantes segundo o censo de 1999 (un home de 42 anos e a súa muller de 38 anos, sendo el o dono de todos os estados da comuna, por ser descendente da familia feudal local).
    • Comuna de Rouvroy-Ripont, na Champaña-Ardenas, dous habitantes segundo o censo de 1999 (un home solteiro de 60 anos e outro de 73).

As comunas cos territorios maiores e menores editar

A comuna máis elevada editar

A comuna máis elevada da República Francesa (e de Europa) é Saint-Véran (267 habitantes), nos Alpes franceses: a altitude da aldea central da comuna oscila entre os 1.990 metros e os 2.040 metros sobre o nivel do mar.

Comunas máis afastadas da cidade capital de Francia editar

 
Cartel marcando o final de Y no departamento de Somme en Francia, Picardía.

Comunas cos máis longos e máis curtos nomes editar

Nomes de comunas en idiomas distintos do francés editar

Os nomes das comunas francesas están normalmente en francés. En áreas onde foron falados outros idiomas distintos do francés, os nomes foron adaptados á ortografía e pronunciación do francés, así como Toulouse (anteriormente Tolosa en occitano), Strasbourg (anteriormente Straßburg en alemánico), ou Perpignan (anteriormente Perpinyà en catalán). Con todo, algunhas das comunas pequenas retiveron o seu nome orixinal. Aquí algúns exemplos de nomes conservados nos idiomas que se falaron, ou se continúan falando, no territorio da República de Francia:

 
Cartel marcando a entrada a Mittelhausbergen no departamento do Baixo Rin, Alsacia.

Clasificación editar

Códigos INSEE: INSEE dá un código numérico a varias entidades en Francia, entre as cales están as comunas (estes códigos non coinciden cos códigos postais). O código "completo" ten 8 díxitos e 3 espazos nel, pero é unha "simplificación" popular expresar o código con 5 díxitos e sen espazos:

Notas editar

  1. Ministerio do Interior de Francia. "Répartition des EPCI à fiscalité propre par département au 01/01/2007" (PDF) (en francés). Direction générale des collectivités locales (DGCL). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01/07/2007. Consultado o 03/02/2009. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar