Seminario de Lugo

centro de estudos católico en Lugo

O Seminario de Lugo é unha institución católica destinada a formar os sacerdotes desde o século XVI. Acolle o Colexio Diocesano San Lourenzo, o Seminario Menor e o Instituto Teolóxico Lucense.

Seminario de Lugo
Tiposeminario
Data de fundación1598
EnLugo
PaísGalicia
43°00′28″N 7°33′19″O / 43.00777, -7.55541
Na rede
https://colegiodiocesanosanlorenzo.org/gl/
editar datos en Wikidata ]

Colexio Diocesano San Lorenzo editar

O Colegio Diocesano San Lorenzo[1] é un colexio católico mixto[2] privado[3] que en 2022 impartía ESO, Bacharelato e ciclos medios de Acondicionamento físico, Emerxencias sanitarias, Guía no medio natural e tempo libre e Hixiene bucodental. Recolle na súa proposta os principios e criterios que expresa o Plan Específico de Formación para os Seminarios Menores da Conferencia Episcopal Española.[4]

Seminario Menor de Lugo editar

O Menor do Sagrado Corazón e da Virxe Inmaculada de Lugo,[5] é unha comunidade educativa diocesana dirixida polo Bispo segundo as normas da Santa Sé para cultivar os alicerces da vocación sacerdotal. Os seminaristas comparten cos demais alumnos do Colexio Diocesano San Lourenzo as clases e as actividades extraescolares, pero viven en comunidade xunto cos seus formadores.[6] Conta cunha residencia para o internado dos seminaristas, compartindo os espazos de lecer, educativos e deportivos co Colexio Diocesano San Lourenzo.

Instituto Teolóxico Lucense editar

O Instituto Teolóxico Lucense[7] imparte as ensinanzas de Teoloxía con rango universitario e coa facultade de conceder aos alumnos que superen un exame final ante un tribunal mixto de dous profesores do centro e un da Facultade de Teoloxía de Salamanca, o grao de Bacharelato en Teoloxía, validado civilmente como Licenciado en Estudos Eclesiásticos.

Estes estudos realizábanse antes no Seminario Maior da Sagrada Familia e San Lourenzo Mártir.[8]

Biblioteca editar

Conta cuns 100.000 exemplares, moitos con gran valor bibliográfico. Inclúe a Biblioteca Episcopal da que foi autor o bispo Armañá (s. XVIII), a do bispo Balanzá (s. XIX), ademais de doazóns de persoeiros ilustres. A Biblioteca é de titularidade privada aínda que o seu uso é público e gratuíto, abonda con facerse socio da mesma. A sede da Biblioteca é o Seminario Diocesano.[9] 

A biblioteca publica a revista LVCENSIA, unha miscelánea de Cultura e Investigación, que agrupa traballos de diverso xénero relacionados coa provincia de Lugo e a Diocese lucense.[10]

Historia do Seminario de Lugo editar

O Seminario de Lugo é un dos primeiros seminarios de España e o segundo de Galicia, despois do de Mondoñedo, en ser creado de acordo co establecido polo Concilio de Trento. Fundouno no ano 1598 o bispo Lorenzo Asensio de Otaduy y Avendaño, co título oficial de Seminario Conciliar de S. Lorenzo, que fai referencia ao Concilio que dispón a súa existencia e ao nome do bispo fundador. O 9 de marzo de 1599 o Bispo promulga as primeiras Constitucións do Seminario nas que se determina que sexan 36 os seminaristas bolseiros, naturais da diocese e posteriormente organízanse os estudos de Teoloxía.[11]

En 1779 O bispo frei Francisco Armañá establece novas normas na organización académica e disciplinar do Seminario e crea unha biblioteca pública para a utilización dos seminaristas, dos sacerdotes e dos laicos. Coa desamortización esta biblioteca foi suprimida, pasando á Deputación Provincial os libros de materias profanas (Matemáticas, Física, Química, Bioloxía) e ao Seminario os libros de Teoloxía e Ciencias relixiosas o que constitúe a base orixinaria da actual Biblioteca do Seminario de Lugo. En 1792 establécese un plan de estudos anovado: os estudos serán cinco anos de Gramática, tres de Filosofía e tres de Teoloxía. En 1852 está autorizado a dar o grao de Bacharelato en Teoloxía e en Cánones.[11]

O bispo frei Gregorio Aguirre promoveu un novo edificio no ano 1888, baixo a dirección do arquitecto Cobreros, rematado en 1893 e que sería o Seminario Maior. En 1929 o bispo Rafael Balanzá y Navarro funda o Seminario Menor nun edificio adquirido aos Irmáns Maristas, hoxe desaparecido. Tamén amplía o edificio do Seminario Maior construíndo un novo pavillón na parte de atrás, con planta baixa e dous pisos, coñecido vulgarmente polos seminaristas como "a palleira". En 1946 inaugúrase un novo pavillón para Seminario Menor, a carón da muralla, finalmente cedido ao Concello de Lugo para establecer as oficinas municipais de servizos.[11]

Así queda a un lado da rúa (a carón dos Maristas) o Seminario Menor e ao outro o Seminario Maior (a carón do antigo cárcere) para o que se construíu un túnel que os comunicaba.

A partir da década dos 70 do século XX hai moi poucos seminaristas de teoloxía polo que en 1976 suprímese a ensinanza teolóxica no Seminario de Lugo. Os poucos alumnos da diocese de Lugo van cursar Estudos Eclesiásticos ao Instituto Teolóxico Compostelán, con sede no Seminario Maior de Santiago. No curso de 1986-1987 restáuranse os Estudos Eclesiásticos no Seminario Diocesano segundo o plan académico aprobado pola Conferencia Episcopal Española para os Seminarios Diocesanos. Despois pensouse afiliar os estudos á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca, polos vínculos históricos que a diocese de Lugo posúe con esta Universidade e por pertencer ao seu ámbito xeográfico. En 1997 o bispo frei Xosé Gómez González envía a solicitude ao Reitor da Universidade. En 1999 a Sagrada Congregación para a Educación Católica aprobou a solicitude de afiliación.[11]

Seminaristas editar

Un dos máis ilustres seminaristas e sacerdotes do Seminario de Lugo foi o científico Ramón Mª Aller, coñecido polo seu labor no terreo da astrofísica. Entre os profesores están Nicandro Ares, José Castiñeira Pardo, Antonio Cedrón Grandas, Jaime Delgado, Xosé López Díaz, Gonzalo Fraga etc.

 
Promoción do Seminario Menor 1966/1967

Nos anos 60/70 do século XX o Seminario foi a saída para moitos rapaces das aldeas que querían estudar o bacharelato, sirva de exemplo a promoción de 1966 na que empezaron máis de 100 rapaces de 11 anos e só un saíu cura, Julio Fernández Doval.[12] Desa mesma promoción son José Manuel Mato, Manuel Anxo Taboada Rodriguez, Narciso de Gabriel, Xesús Valcárcel, Afonso Eiré, Anxo González Guerra, Manuel Vázquez López (comisario xefe de Policía[13]) etc.

Doutras promocións foron seminaristas en Lugo José Vega Blanco, Ramón García Abad, Alfredo Lorenzo López, Balbino Fernández Fernández, Antonio García Conde, Isaac Rielo Carballo, Nicanor Rielo Carballo, Xosé María Alonso Cortón, Camilo Saco López, Ramón Salgado Toimil, Emilio López Pérez, Francisco Vázquez Saco, Luís Gerpe González, Emilio Álvarez González, Xulio López Valcárcel, Eusebio Vence Calviño, Xesús Mato Mato, José María Regadío Vázquez, Ramón Carballo Paz, José Rodríguez López, Xosé Moreiras Santigo, Cesáreo Saco, Luís Fernández Ríos, Xoán Montes, José Viador Traseira, Amador Iglesias Soto, Emilio Pereira Quiroga, Xosé María Díaz Sanxurxo, Jesús Teijeiro Pérez, Manuel García Gil, Pedro Blanco de Crespo, Ángel Rodríguez Castedo, Manuel Ferreiro Panadeiro, Xosé Crespo, Marcelino García Villar, Xesús Froid,

Notas editar

  1. "Home". Colegio Diocesano San Lorenzo - Seminario Menor de Lugo. Consultado o 2023-01-27. 
  2. "Otro paso adelante del colegio del Seminario de Lugo: tras admitir alumnas, llega el estudio por módulos". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-02-16. Consultado o 2023-01-27. 
  3. "El Seminario de Lugo aceptará alumnas a partir del próximo curso". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-03-03. Consultado o 2023-01-27. 
  4. "Quen somos". Colegio Diocesano San Lorenzo - Seminario Menor de Lugo. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2023. Consultado o 2023-01-27. 
  5. "Seminario Menor del Sagrado Corazón y de la Virgen Inmaculada » Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo". Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo (en castelán). 2022-01-20. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2023. Consultado o 2023-01-27. 
  6. "Acerca do Seminario Menor". Colegio Diocesano San Lorenzo - Seminario Menor de Lugo. Consultado o 2023-01-27. 
  7. "Instituto Teológico Lucense » Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo". Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo (en castelán). 2022-01-20. Consultado o 2023-01-27. 
  8. "Seminarios Diocesanos » Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo". Diócesis de Lugo - Obispado de Lugo (en castelán). 2021-05-28. Consultado o 2023-01-27. 
  9. "Biblioteca". Colegio Diocesano San Lorenzo - Seminario Menor de Lugo. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2023. Consultado o 2023-01-27. 
  10. "Lucensia: miscelánea de cultura e investigación". Dialnet (en castelán). Consultado o 2023-01-27. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 "Historia". Colegio Diocesano San Lorenzo - Seminario Menor de Lugo. Consultado o 2023-01-27. 
  12. "Julio Fernández: «Cando falla un cura, o seu traballo acumúlanllo a outro»". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-05-11. Consultado o 2023-01-27. 
  13. "El jefe superior de Policía de Galicia se jubila la próxima semana". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-09-20. Consultado o 2023-01-27. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fraga Vázquez, Gonzalo (1989). El Seminario diocesano de Lugo. Lugo: Caja de Ahorros de Lugo. 168 páxs. ISBN 978-84-505-8634-3.