Marcelino García Villar
Marcelino García Villar, nado en Soutolongo (Lalín) o 28 de setembro de 1904 e finado na mesma parroquia o 8 de novembro de 1970, foi un avogado e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de setembro de 1904 Soutolongo, España |
Morte | 8 de novembro de 1970 (66 anos) Soutolongo, España |
Actividade | |
Ocupación | político, avogado |
Traxectoria
editarEstudou no Seminario de Lugo, que abandonou en 1925 para facer o bacharelato examinándose por libre en Ourense e na Coruña. En 1930 foi elixido secretario do Centro Republicano de Lalín. Participou xunto con Manuel Ferreiro na reunión constitutiva da Federación Republicana Gallega en marzo de 1931. Logo da proclamación da República foi nomeado vocal da Xunta Xestora provisional do Concello de Lalín. Foi nomeado oficial do Concello en 1932 e ao ano seguinte recadador do Imposto de Utilidades. Neses anos comezou a carreira de Dereito, examinándose por libre en Madrid e Murcia. No bienio negro foi destituído como recadador. En novembro de 1935 foi elixido presidente da Casa da República de Lalín.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ante o temor a unha morte segura. Permaneceu agochado en Barcia e máis tarde en Millerada, onde chegou a poñer escola. En 1945 presentouse ás autoridades en Pontevedra, pero ante o temor a ser detido, volveu fuxir. Presentouse novamente en 1948, pero por medo a unha condena volveu agocharse. Durante os anos de fuxido continuou os estudos de Dereito, examinándose por libre na Universidade de Salamanca para conseguir a licenciatura en 1952. Foi detido en 1957 e ao ser posto en liberdade pasou outra vez á clandestinidade. A súa última detención foi en 1965. A partir dese ano viviu na casa familiar de Soutolongo onde morreu en 1970.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Igrexas, Manuel: Marcelino García, 30 anos fuxindo (28/7/2015) en Historias de Deza.