UNESCO
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas. Fundouse o 16 de novembro de 1945 co obxectivo de contribuír á paz e á seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura e as comunicacións. A constitución firmada ese día entróu en vigor o 4 de novembro de 1946, ratificada por vinte países[1]. En 1958 inaugurouse a súa sede principal, no distrito VII de París[2]. A súa directora xeral é a francés Audrey Azoulay. A 21 de setembro de 2015 conta con 195 estados membros e oito membros asociados[3].
UNESCO | |
---|---|
![]() | |
![]() | |
![]() | |
Tipo | specialized agency of the United Nations, organización internacional e organización intergobernamental |
Data de fundación | 16 de novembro de 1945 |
Presidente/a | Audrey Azoulay (2017-) |
Nº de membros | 193 (2019) |
Organización matriz | ONU |
Organización subsidiaria | UNESCO Chair on Cyberspace and Culture, Comitê Científico para Problemas do Ambiente, UNESCO Institute for Statistics, Iranian National Commission for UNESCO e Hylean Amazon Institute |
Premios | Premios Peabody |
Sede | París |
País | Francia |
48°51′00″N 2°18′22″L / 48.85, 2.30611111Coordenadas: 48°51′00″N 2°18′22″L / 48.85, 2.30611111 | |
Na rede | |
https://en.unesco.org, https://fr.unesco.org, https://es.unesco.org, https://ru.unesco.org, https://ar.unesco.org e https://zh.unesco.org | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
CaracterísticasEditar
Dedícase a orientar ós pobos nunha xestión máis eficaz do seu propio desenvolvemento, a través dos recursos naturais e os valores culturais, e coa finalidade de modernizar e facer progresar ás nacions do mundo, sen que por iso se perdan a identidade e a diversidade cultural. A UNESCO ten vocación pacifista, e entre varias cousas oriéntase moi particularmente a apoiar a alfabetización. Na educación, este organismo asigna prioridade ao logro da educación elemental adaptada ás necesidades actuais. Colabora coa formación de docentes, planificadores familiares e vivenda, administradores educativos e alenta a construción de escolas e a dotación de equipo necesario para o seu funcionamento.
As actividades culturais buscan a salvagarda do patrimonio cultural mediante o estímulo da creación e a creatividade e a preservación das entidades culturais e tradicións orais, así coma a promoción dos libros e da lectura[4]. En materia de información, a UNESCO promociona a libre circulación de ideas por medios audiovisuais, fomenta a liberdade de prensa e a independencia, o pluralismo e a diversidade dos medios de información, mediante o "Programa Internacional para a Promoción da Comunicación".
HistoriaEditar
A UNESCO ten as súas raíces en 1942, durante a segunda guerra mundial, cando os países aliados comezan a prepararse para restablecer os seus sistemas educativos en canto remate a guerra. Na Conferencia de Ministros Aliados de Educación (Conference of Allied Ministers of Education, CAME), no Reino Unido, inícianse as conversacións entre países europeos[5].
Como resultado, prepárase unha conferencia das Nacións Unidas para temas de educación e cultura, do 1 ao 16 de novembro de 1945. Reúnense corenta e catro países, dos cales trinta e sete deciden fundar a UNESCO. A constitución da UNESCO asínase o 16 de novembro, e vinte estados ratifícana un ano despois, o 4 de novembro de 1946 (Arabia Saudita, Australia, Brasil, Canadá, Checoslovaquia, China, Dinamarca, Exipto, Estados Unidos de América, Francia, Grecia, India, Líbano, México, Noruega, Nova Zelandia, República Dominicana, Reino Unido, Suráfrica e Turquía). Poucos días despois iníciase a primeira Conferencia Xeral da UNESCO, en París.
Segundo se van normalizando as relacións internacionais rotas pola Segunda Guerra Mundial, vanse incorporando máis países. Así, Xapón e a República Federal Alemá entran en 1951, España en 1953, a URSS en 1956 e os países africanos xurdidos na descolonización de África durante a década dos sesenta do século XX.
En 1957, por primeira vez un país membro abandona a UNESCO: o goberno de Suráfrica alega "interferencias" da UNESCO nos seus "problemas raciais". En 1996, con Nelson Mandela como presidente, Suráfrica volverá a incorporarse á UNESCO[6].
Durante a X Conferencia Xeral da UNESCO celebrada en París en 1958, acórdase crear un "Centro Latinoamericano de Estudos Superiores de Xornalismo"[7]. A iniciativa contou co apoio do Goberno e a Universidade Central de Ecuador, os cales o 9 de outubro de 1959 asinaron, xunto coa UNESCO, un acordo tripartito para a fundación e radicación en Ecuador de dito Centro, que hoxe leva o nome de Centro Internacional de Estudios Superiores de Comunicación para América Latina ou CIESPAL[8].
O 3 de novembro de 1958 inaugúrase a sede principal no número 7 da praza de Fontenoy, en París. A súa planta ten forma de Y. Os planos foron deseñados polos arquitectos Marcel Breuer, Pier Luigi Nervi e Bernard Zehrfuss e aprobados por un comité internacional de cinco membros: Lucio Costa, Walter Gropius, Le Corbusier, Sven Markelius e Ernesto Rogers. Tamén foi consultado Eero Saarinen[2].
En 1960 lánzase o primeiro proxecto de grandes dimensións: a protección do templo de Abu Simbel e outros 21 monumentos e complexos arquitectónicos en Exipto, ameazados pola construción do encoro de Asuán.
En 1985, Estados Unidos abandona a UNESCO alegando diferenzas en temas de xestión; o Reino Unido e Singapur tamén a abandonaron en 1986. Isto fixo que o orzamento diminuíra considerabelmente durante os anos seguintes. Os tres países reincorporáronse posteriormente (en 2003, 1997 e 2007 respectivamente).
Órganos reitoresEditar
Os órganos reitores da UNESCO son a Conferencia Xeral e o Consello Executivo[9].
A Conferencia XeralEditar
A Conferencia Xeral está formada por representantes de todos os Estados membros da organización. Reúnese cada dous anos, coa participación dos estados membros e dos membros asociados.Cada estado membro ten un voto, independentemente de cal sexa a súa achega ao orzamento da organización.
Tamén se invita a participar, en calidade de observadores, a Estados non membros, organizacións intergobernamentais, organizacións non gobernamentais e fundacións.
A Conferencia Xeral determina a orientación e a liña de actuación xeral da UNESCO. Decide o Programa e o orzamento da UNESCO para os dous anos seguintes. Elixe aos membros do Consello Executivo e designa, cada catro anos, ao Director Xeral.
Os idiomas de traballo da Conferencia Xeral son inglés, árabe, chinés, español, francés e ruso.
O Consello ExecutivoEditar
O Consello Executivo, á unha sorte de consello de administración da UNESCO. Prepara o traballo da Conferencia Xeral e vela porque as decisións se executen axeitadamente.
As funcións e responsabilidades do Consello Executivo emanan da Constitución e dos regulamentos ou directivas establecidos pola Conferencia Xeral. Este regulamento complementase coas resolucións da Conferencia Xeral. Cada dous anos, a Conferencia Xeral encarga tarefas específicas ao Consello. Outras atribucións emanan de acordos asinados entre a UNESCO e a ONU, as institucións especializadas e outras organizacións intergobernamentais.
Os seus 58 membros son escollidos pola Conferencia Xeral. A selección respecta a diversidade de culturas e a orixe xeográfica que representa cada país; trátase de acordos complexos para lograr que haxa equilibrio entre as diversas rexións do mundo, e reflectir a universalidade da organización. O Consello Executivo reúnese dúas veces no ano.
Directores Xerais da UNESCOEditar
Nome | Nacionalidade | Período | |
---|---|---|---|
1. | Julian Huxley | Reino Unido | 1946–1948 |
2. | Jaime Torres Bodet | México | 1948–1952 |
3. | John Wilkinson Taylor | Estados Unidos | 1952–1953 |
4. | Luther Evans | Estados Unidos | 1953–1958 |
5. | Vittorino Veronese | Italia | 1958–1961 |
6. | René Maheu | Francia | 1961–1974 |
7. | Amadou-Mahtar M'Bow | Senegal | 1974–1987 |
8. | Federico Mayor Zaragoza | España | 1987–1999 |
9. | Koichiro Matsuura | Xapón | 1999–2009 |
10. | Irina Bokova | Bulgaria | 2009-2017 |
11. | Audrey Azoulay | Francia | 2017-actualidade |
Críticas á UNESCOEditar
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura foi fortemente criticada ó longo da súa historia. Os críticos a acusan de tomar posicións contrarias á liberdade de prensa e de mercados, en particular pola iniciativa New World Information and Communication Order que recoñecía o dereito dos estados a censurar á prensa. En 1984 os Estados Unidos abandonaron a organización en protesta.
Así, mesmo no período dos anos 1970 e 1980, a organización recibiu repetidas acusacións de malgasto e corrupción.
Posteriormente, baixo a dirección de Federico Mayor Zaragoza e Koichiro Matsuura a UNESCO foi recuperando progresivamente a súa credibilidade, culminando coa reincorporación dos Estados Unidos no 2002.
NotasEditar
- ↑ UNESCO (ed.). "UNESCO Constitution" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2019. Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ 2,0 2,1 UNESCO (ed.). "Tres arquitectos, tres nacionalidades" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ UNESCO (ed.). "About us" (en inglés). Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ Revista Tips de Educación, ed. (24/4/2014). "Leyendo en la Era móvil por UNESCO" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ UNESCO (ed.). "The Organization's history". Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ UNESCO (ed.). "Fechas clave en la historia de la UNESCO". Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ "Conferencia General. Décima Reunión, París 1958. Resoluciones" (PDF) (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ "Mundo CIESPAL". ciespal.org (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015.
- ↑ UNESCO (ed.). "Órganos rectores de la UNESCO" (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2015.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: UNESCO |
Outros artigosEditar
- Nacións Unidas
- Patrimonio da Humanidade
- Reserva da Biosfera
- Patrimonio Mundial (lista de lugares)
- Patrimonio da Humanidade na UE
- Escolas asociadas á UNESCO