Sarvepalli Radhakrishnan
Sarvepalli Radhakrishnan, nado en Thiruttani o 5 de setembro de 1888 e finado en Madras o 17 de abril de 1975, foi un filósofo e político[1] indio, o primeiro vicepresidente da India (1952-1962) e o seu segundo presidente (1962-1967). Está considerado unha das máximas autoridades indias do século XX en relixión comparada e filosofía[2].
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarSarvepalli naceu no seo dunha familia brahmana telegúa nunha aldea preto de Thiruttani no distrito de Chittoor da presidencia de Madrás, preto do actual límite dos estados de Andhra Pradesh e Tamil Nadu. Pasou os seus primeiros anos e estudou en Thiruttani e Tirupatim, o ensino secundario realizouno en Walajapet.[3]
Educación
editarRadhakrishnan recibiu bolsas de estudo ao longo da súa vida académica, estudou no Voorhees College en Vellore e logo no Madras Christian College con 17 anos, graduándose en 1906 en filosofía.[4] A súa tese foi "The Ethics of the Vedanta and its Metaphysical Presuppositions"[5], e constituía unha réplica á acusación do sistema vedanta carecer de espazo para a ética[6] .
Actividade académica
editarEn abril de 1909 entrou no departamento de filosofía do Madras Presidency College, e dende 1918 foi profesor de filosofía da Universidade de Mysore, dando clases no Maharaja's College [7]. Nesa época seus artigos comezan a aparecer en reputados xornais internacionais como The Quest, Journal of Philosophy ou o International Journal of Ethics. Completou o seu primeiro libro, The Philosophy of Rabindranath Tagore, no que avogaba que a filosofía de Tagore era a verdadeira manifestación do espírito indio. O seu segundo libro, The Reign de Religion in Contemporary Philosophy publicouse en 1920.
Dende 1921 foi profesor de filosofía ocupando a cátedra rei Xurxo V de ciencias mentais e morais da Universidade de Calcuta, á que representou no Congreso das Universidades do Imperio Británico en xuño de 1926 e no Congreso Internacional de Filosofía na Universidade Harvard en setembro de 1926. Outro evento académico importante deste período foi a invitación para realizar a conferencia da Hibbert Lecture de 1929, sobre os ideais de vida, que deu no Harris Manchester College, en Oxford e que posteriormente publicou en forma de libro como An Idealist View of Live.
En 1929 asumiu o cargo que deixara vacante J. Estlin Carpenter no Harris Manchester College, logrando así a oportunidade de ensinar relixión comparada ao alumnado da Universidade de Oxford. Polos seus servizos na educación Xurxo V outorgoulle o título de cabaleiro en xuño de 1931. En abril de 1932 o gobernador xeral da India, o conde de Willingdon investiuno formalmente. Así e todo deixou de usar o título de sir despois de obter India a independencia,[8] preferindo o título académico de 'doutor'.
Foi vicechanceler da Universidade Andhra entre 1931 e 1936. En 1936 foi profesor de relixións orientais e ética na Universidade de Oxford. Ese mesmo ano, e de novo, en 1937, foi candidato ao premio Nobel de Literatura. Foi vicechanceler da universidade Banaras Hindú de 1939 ata 1948.[9]
Actividade política
editarRadhakrishnan comezou a súa carreira política xa na madurez da súa vida, despois do éxito da súa carreira académica [10]. En 1931 formou parte do Comité de Cooperación Intelectual da Liga das Nacións[11]. Cando a India se converteu en independente, en 1947, Radhakrishnan represententou ao seu país na UNESCO (1946-52) e máis tarde foi embaixador da India na Unión Soviética (1949-1952). Tamén foi membro da Asemblea Constituínte da India. Foi o primeiro vicepresidente da India, en 1952, e o segundo presidente da India (1962-1967).
Radhakrishnan non tivo unha militancia destacada no Partido do Congreso, nin foi activo na loita contra o poder británico, mais era un símbolo da cultura hinduísta, e a defensa do hinduísmo contra a "crítica desinformada occidental"[11].
Notas
editar- ↑ Lawhead, William F. (2009), The philosophical Journey. An Interactive Approach. Fifth Edition (PDF), McGraw-Hill, p. 382
- ↑ Sheldon Pollock (2011), Crisis in the Classics, Social Research Vol. 78 : No.1 : Spring 2011
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p. 11
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p.15
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p.17
- ↑ Murty, K. Satchidananda; Vohra, Ashok (1990), Radhakrishnan: His Life and Ideas, SUNY Press, p. 112
- ↑ Kotta Satchidananda Murty; Ashok Vohra (1990). "3. Professor at Mysore". Radhakrishnan: His Life and Ideas. SUNY Press. pp. 17–26. ISBN 978-1-4384-1401-0.
- ↑ Banerji, Anjan Kumar (1991). Sarvepalli Radhakrishnan, a centenary tribute. Varanasi, India: Banaras Hindu University. p. 9. OCLC 28967355..
- ↑ Murty & Vohra 1990, p. 90.
- ↑ Brown, Donald Mackenzie (1970), The Nationalist Movement: Indian Political Thought from Ranade to Bhave, University of California Press. p. 152
- ↑ 11,0 11,1 Brown 1970, p. 153.