Mosteiro de Santa María de Aciveiro

edificio relixioso en Aciveiro, Forcarei

Santa María de Aciveiro é un mosteiro medieval beneditino que vertebrou a vida económica e social da Terra de Montes desde a súa fundación no século XII ata a exclaustración producida pola desamortización no século XIX, concretamente no ano 1842, data da súa poxa.

Mosteiro de Santa María de Aciveiro
Mosteiro de Santa María de Aciveiro
PaísEspaña
LocalizaciónAciveiro (Forcarei)
Coordenadas42°37′03″N 8°18′06″O / 42.6175, -8.30166667
EstiloArte románica
editar datos en Wikidata ]
Mosteiro de Santa María de Aciveiro

Situación

editar

O mosteiro sitúase na parroquia de Santa María de Aciveiro, concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes, no montañoso interior da provincia de Pontevedra. Está situado a carón do antigo camiño de Vendas de Narón a Folgoso a unha altitude de case mil metros, preto do antigo camiño que uniría Lucus Augusti coa costa pontevedresa atravesando a soidade da Serra do Candán na época romana.

É considerado Monumento Histórico Artístico desde o ano 1931 e, na actualidade, considerado Ben de Interese Cultural. A superficie total do recinto é de 46.658 m², dos cales 5.896 m² corresponden propiamente ao edificio cenobial e á igrexa anexa, 2.125 m² ao adro do conxunto e 37.629 m² ás tres leiras de labor agrícola anexas.

Historia

editar

Fundación

editar
 
Claustro das procesións acaroado á igrexa

A data da súa fundación posiblemente sexa a documentada no chamado Tombo Grande (1617) do mosteiro, que toma como referencia unha inscrición situada na parede sur da igrexa monacal que establece o 4 de febreiro do ano 1135 como o momento no que doce relixiosos beneditinos de Claraval, chamados polo rei Afonso VII, proceden á súa constitución.

A mesma obra pon en relación a fundación do mosteiro co afán fundacional do emperador Afonso VII e resalta a importancia da fundación facendo fincapé no número de monxes fundadores, doce, a diferenza doutras fundacións similares da época que se realizaban cun número moi inferior de monxes e que logo chegarían á cifra de 106.

Na confirmación de mosteiros que formaban parte da diocese de Santiago feita no ano 1154 polo papa Anastasio IV figura entre eles este de Aciveiro.

Doutra inscrición[1] da igrexa que sinala o ano 1170 parece deducirse a data de incorporación da comunidade relixiosa á orde do Císter, pese a que a interpretación desta inscrición é obxecto de distintas interpretacións por parte dos historiadores, polo que na actualidade a data que se valora como máis segura para sinalar a incorporación ao Císter é a do ano 1225.[2]

Abadengo

editar
 
Porta de acceso á sancristía

O seu primeiro abade e fundador foi Pedro, que falecería cara ao ano 1160 sucedéndoo no cargo Pedro Martínez, nobre galego, posiblemente natural da propia Terra de Montes, e que fixo importantes doazóns ao mosteiro. Ambos foron persoas de gran prestixio no seu tempo.

Trala morte de Pedro Martínez sucedeuno no cargo o abade Xoán (cara ao ano 1200 ou 1201). Entre o ano 1250 e 1255 morreu Xoán e sucedeuno no cargo o abade Diego.

A figura máis destacada que deu este mosteiro foi a do abade coñecido como san Gonzalo das Penas, que gobernou a comunidade desde o ano 1429 ata o seu falecemento cara ao ano 1475. Trala súa morte o pobo deulle tratamento de santidade e teceu ao seu redor lendas como a recollida por Ramón Cabanillas na obra O oso de Oseira.

Encomendas

editar

Desde principios do século XV a poderosa casa de Ulloa (daquela, o cabeza de familia era Lope Sánchez de Ulloa) converteuse en encomendeira deste e doutros mosteiros. Estas posesións pasaron á casa de Altamira como consecuencia do matrimonio entre Vasco Lope de Ulloa e Inés de Moscoso. Este feito contrariou a Sancho Sánchez de Ulloa, irmán de Vasco, polo que, xunto co arcebispo Alonso II de Fonseca, apoderouse de todas as terras herdadas polo 1º conde de Altamira Lope Sánchez de Moscoso. Este pediulle auxilio a Diego de Andrade e obtiveron a restitución de todo do que fora despoxado cando xa se dirixían a Santiago de Compostela co seu exército para presentar batalla.

Unha figura semellante á encomenda e que proliferou nesas datas foron os abades comendatarios, abades que a maior parte das veces non residían no mosteiro e limitábanse a recibir as rendas sen prestar a cambio ningún beneficio ao mosteiro. Exemplo desta figura en Aciveiro foi o bispo de Catania no ano 1493.

Incorporación á Congregación de Castela

editar
 
Vista xeral das estancias monásticas.

Coa incorporación da comunidade no ano 1518 á Congregación de Castela esta figura desapareceu.

Entre os anos 1571 e 1577, rexendo a casa frei Ambrosio de Acuña, o mosteiro acadou o seu máximo esplendor económico e o maior número de relixiosos chegando ao cento deles.

Outro presidente-abade foi frei Martín del Pueyo que rexeu a comunidade durante dous trienios (1581 a 1587) e actuou como subprior case vinte anos máis. Durante o seu mandato, ante a falta de espazo, estableceuse a obra de construción do edificio monacal que chegou ata nós. Iniciáronse as obras pola fachada da igrexa, que tamén foi reformada, no ano 1586 e foi mestre de obras Xoán da Fonte, veciño de Aciveiro.

No ano 1589 os inquisidores de Compostela, ante o temor de que Drake (que cercaba A Coruña) atacase Santiago, trasladaron "os papeis e facenda" do Santo Oficio a este mosteiro.

Durante toda a súa historia o mosteiro mantivo unha gran cantidade de preitos relacionados coas súas propiedades e privilexios. Esta cantidade era tal que a comunidade mantiña frades residindo case ininterrompidamente en Santiago, A Coruña e Valladolid para ocuparse da súa tramitación e defensa dos intereses do mosteiro. Algún dos preitos de maior sona foron un no século XIII contra o mosteiro de Melón ou outro no século XVII contra o arcebispo de Santiago Xoán de San Clemente, entre os moitos tidos coa sé compostelá e o Xuíz da Terra de Montes. Sostivo un colexio de teoloxía moral xunto co mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.

 
Nave central e capela maior do templo

Na noite do 7 de novembro do ano 1649 prendeuse un lume que queimou gran parte do mosteiro incluíndo a totalidade da biblioteca. Só o Tombo Grande dos documentos relativos ao mosteiro se conservou. Entre o ano 1797 e o 1800 pechou o colexio sendo trasladado a Salamanca e ao mosteiro de la Santa Espina de Valladolid.

O 30 de abril de 1809, na escena da guerra da Independencia española, o exército francés na procura do xefe de alarmas de Montes queima "todo e canto había de útil na casa e igrexa". Despois deste ataque volvéronse emprender obras de reconstrución que foron levadas a cabo polo mestre arquitecto José de Castro Vallejo, que entre 1801 e 1830 traballou neste e outros mosteiros galegos.

Un dos relixiosos máis prestixiosos do mosteiro foi frei Bernardo Carrasco, que rexeu a comunidade entre os anos 1823 e 1826 sendo ao tempo catedrático numerario de lingua grega da Universidade de Alcalá de Henares xunto co doutor don frei Clemente Barbanejo, catedrático de vésperas na mesma universidade e tamén membro de Aciveiro.

Durante o Trienio liberal (1821 a 1823) disolveuse a comunidade, que en parte se reunificou coa volta do absolutismo. O fin da comunidade chegou a mediados do ano 1835 coa desamortización de Mendizabal. No lugar quedaron 3 relixiosos co obxecto de conservaren os seus bens e mantelo en pé. Finalmente no ano 1842 realizouse a liquidación e poxa do patrimonio do mosteiro.

Doazóns

editar
 
Cruceiro de Aciveiro

Desde as súas orixes foi obxecto de importantes doazóns reais e da nobreza galega. O escrito máis antigo conservado no ano 1617 era un privilexio datado no ano 1193 outorgado polo rei Afonso IX, polo que se lle concedía ao mosteiro a actual vila de San Tomé de Piñeiro no concello de Marín.

Novos privilexios reais recibiu o mosteiro nos primeiros anos do século XIII. Deste xeito, nestes primeiros tempos do mosteiro os seus bens estendíanse polas actuais provincias de Pontevedra, Ourense, Lugo e León.

O rei san Fernando tamén fixo novas doazóns ao mosteiro. De novo cara ao ano 1275 houbo unha doazón real de mans de Afonso X o Sabio, última doazón real coñecida. A partir desta data descoñécense novas doazóns rexias, feito motivado pola falta de documentos, perdidos no incendio sofrido polo mosteiro no século XVII e o saqueo do mosteiro por parte do exército napoleónico no ano 1809.

Ao mesmo tempo tamén foi obxecto de importantes doazóns particulares de nobres. Algunhas das máis importantes son a feita por Urraca Fernández, filla do conde Fernán Pérez de Traba, o 3 de agosto do 1237[3]; a feita por Teresa Yáñez de Deza, muller de Alonso Suárez de Deza, o 10 de marzo de 1262, que ademais encomenda ser sepultada no mosteiro; a de Bernardo, bispo de Badaxoz e que fora cóengo de Santiago, o 29 de abril de 1306, que doa bens que tiña en Arzúa; ou as feitas pola familia dos Churruchaos, como a de Aldonza Fernández Churruchao, nai de Afonso Pérez Gallinato (o asasino de Sueiro Gomes de Soutomaior), que manda ser sepultada no mosteiro ao tempo que lle doa bens, doazón á que a seguiron varias dos seus fillos.

Poder económico e xurisdicional

editar

O mosteiro era considerado entre o grupo de mosteiros economicamente modestos, xunto co de san Clodio, Xunqueira de Espadanedo ou Penamor. As extensas posesións do mosteiro incluían cotos, terras aforadas, encomendas, beneficios parroquiais, granxas, neveiras (establecéndose obrigas para xuntar a neve e carrexala ata as neveiras), gando etc.

 
Fachada de entrada ao mosteiro.

Sobre as encomendas o mosteiro tiña poderes plenos no ámbito civil, criminal, eclesiástico e económico. O feito de que a maioría das posesións se atopaban na Terra de Montes, e de que estas se atopaban na xurisdición da Mitra Compostelá, propiciou que estes dereitos foran obxecto de moitos preitos cos arcebispos de Santiago. Esta loita rematou no século XVII cando os tribunais fallaron a favor da mitra compostelá, despoxando o mosteiro de todos os poderes agás do económico.

O gando era un dos piares económicos da comunidade. Por medio de concertos coas freguesías e comarcas limítrofes controlaban tanto o gando doméstico como o bravo que vivía en liberdade, así como o uso dos pastos, xa que do privilexio do seu uso só contaban os veciños de Aciveiro, Pereira e Dúas Igrexas.

Acurrando o gando no claustro de entrada do mosteiro, coa colaboración dos veciños das encomendas, realizaban un control efectivo sobre os animais que se atopaban nos seus montes e encomendas. A importancia destes actos fixo que o arquiveiro do Tombo Grande de 1617 deixara por escrito instrucións para facer destes curros un feito menos violento que o que acontecía habitualmente.

Complementaba a explotación das fragas e devesas, estando prohibida a corta de leña sen licenza do mosteiro.

Un dos servizos máis necesarios para o mosteiro, e polo tanto do que se conservan maiores referencias, era o transporte de viño desde as viñas que posuía no ribeiro do Avia. Para satisfacer esta necesidade tiñan establecidas unha serie de obrigas para transportarlle o prezado líquido aos moradores das encomendas, que se vían obrigados a elas por diversas causas: por razón de señorío, antiga vasalaxe, dereitos de foro ou en compensación polo desfrute dos bens do mosteiro, principalmente o dereito a que o gando puidese pacer nos montes propiedade do mosteiro.

As neveiras propiedade do mosteiro nos montes do Candán tamén foron unha fonte importante de ingresos, a diferenza dos outros mosteiros do cister galegos que non comerciaban co produto das súas neveiras. Comerciaban coa neve surtindo as cidades galegas e levándoa a outras cidades do interior da meseta. Durante o século XVII o mosteiro perdeu a exclusividade celosamente protexida e comezaron a proliferar neveiras pertencentes a particulares e a outras institucións, como o cabido de Santiago ou a Audiencia da Coruña, polo que as neveiras do mosteiro perderon moito do seu valor.

Descrición

editar

A igrexa

editar
 
Cabeceira románica da igrexa.

É unha igrexa de tres naves e tres ábsidas e configúrase como unha mostra exemplar da arquitectura do románico galego. Conserva a súa fábrica orixinal dun románico serodio e caracterizado pola escaseza ornamental. Ten como fonte de inspiración a catedral de Santiago. Descoñécese a data de inicio das obras (que comezarían como era costume pola cabeceira). Foi obxecto de importantes restauracións entre as que se atopan as dos anos 1606, 1759 e 1911.

Exterior

editar

No muro norte consérvase a única porta da antiga fábrica románica que chegou aos nosos días. Componse de dúas series de arcos e columnas, unha delas estriada, e capiteis historiados. As arquivoltas adórnanse con cadeas, estrelas caladas, flores e axadrezado.

Ábsidas
editar

As ábsidas laterais son semicirculares cara ao exterior e en pentágono irregular ao interior, a central é pentagonal. As laterais son de menor dimensión que a central tamén máis alta, e teñen menos decoración. A ábsida meridional describe tres cuartos de círculo, carecendo de tramo recto. A ábsida central componse dun tramo recto limitado ao oriente por un contraforte e a parte pentagonal.

A ábsida central posúe semellanzas coa igrexa bernalda de Penamor. Divídese en cinco tramos separados por columnas entregas[4]. de bases áticas con garras, fustes de quince semitambores e capiteis vexetais entre dúas pilastras cuadrangulares. En cada un deles ábrese unha ventá de arco semicircular con arquivolta sostido por un par de columnas, unhas de capiteis e bases entregas e outras só acaroadas. A cornixa sostense por canzorros de diversa tipoloxía xunto con estrelas e círculos calados e unha franxa axadrezada que arrodea pola metade todo o conxunto. Os capiteis son distintos vexetais, de arquivolta en aresta.

A fachada
editar
 
Virxe situada na portada do templo.

A fachada do templo foi totalmente modificada, non conservando nada da súa fábrica románica. Caracterízase pola súa sobriedade. A súa construción foi rematada no ano 1792 e sobre o tímpano destaca unha antiga imaxe da Virxe co neno no regazo. Sobre ela ábrese un van cuadrangular abucinado. A fachada remátase cunha cruz sobre un pedestal e a esquerda do conxunto sitúase o campanario cunha espadana composta de dous corpos, que foi restaurada no ano 1911 ao ter sufrido graves danos por un raio en xaneiro do ano 1900.

Fronte á fachada, na explanada atópase un cruceiro, obra do natural de Quireza Francisco Ferreiro no ano 1893, no que se representa a figura do Redentor, unha Verónica e no reverso a Inmaculada Concepción sostida por anxos.

O interior

editar
 
Detalle do falso triforio da nave central.

De planta basilical, divídese en tres longas naves, coa central máis ancha que as laterais, e que se alzan a grande altura soportadas por piares cadrados cunha columna acaroada e coroadas por capiteis de sinxela ornamentación vexetal, a imaxe dos piares da sé compostelá. Destaca a existencia dun triforio, elemento arquitectónico nada usual no románico galego da orde.

A nave central ten 36 metros de lonxitude e aproximadamente 12 de altura. As naves cóbrense cun tellado con armazón de madeira. As ventás configúranse con arcos de medio punto sostidos por dúas columnas con capiteis con diversas representacións: touros, patos, cabalos e monstros alados con cabeza de león etc.

As columnas decóranse con capiteis de moi variada temática. Neles represéntanse figuras antropomorfas, motivos vexetais e seres monstruosos e mitolóxicos como leóns alados.

O falso triforio que conforma o alto da nave central componse de columnas xemelgas conformando unha galería de dupla arcada.

O templo ábrese cara ao exterior por medio de oito vans non pertencentes á fábrica orixinal románica, senón a reformas posteriores.

A porta da sancristía é de arco apuntado e destaca pola súa ornamentación vexetal, xeométrica e con representacións de animais e figuras humanas, entre as que destaca un demo con orellas de asno.

O testeiro componse de tres ábsidas, sendo a central pentagonal e circulares as laterais.

Capela e retablo maior
editar
 
Representación da Última Cea nun posible altar románico.

A capela maior cóbrese cunha bóveda estrelada de estilo gótico datada no século XVI. Un arco formeiro moldurado dá acceso a esta capela. Danlle luz cinco ventás románicas. Componse por dúas arcadas de tres arcos. Os capiteis presentan sinxelos motivos vexetais e xeométricos. A bóveda presenta nas súas claves floróns e escudos de diversa tipoloxía. Na clave central destaca o escudo do mosteiro: brazo con manga de cogulla co báculo abacial na man e flanqueado por dúas flores de lis e baixo eles unha mitra e dados.

No seu interior está o altar maior. O retablo é de feitura barroca e é obra de Miguel de Romay. Componse de tres corpos. No primeiro atopamos a imaxe da Virxe e san Pedro e san Paulo. No segundo, no centro, un calvario e a ámbolos lados san Bernaldo e san Bieito vestidos con atributos abaciais, atribuídos a Ferreiro. No terceiro corpo, o superior, a imaxe de san Tomé, segundo patrón da casa, e no centro un grande escudo do mosteiro.

Tamén conserva o altar románico. Na mesa do altar consérvase un altorrelevo que se lle engadiu de frontal. Probablemente a súa orixe estea no século XVI. Representa á Última Cea e na actualidade atópase fragmentada. Semella ser os restos dun antigo retablo ou baldaquino e presenta varias similitudes cunha peza de Ribas de Sil.

As capelas laterais
editar

Son capelas circulares cubertas con bóveda de canón. A do evanxeo está dedicada a san Bieito e a da epístola a san Bernaldo, a primeira co arco adornado con estrelas caladas, flores cruciformes e diversa ornamentación xeométrica. Adórnanse con retablos de idéntica feitura. Tres grandes ventás dan luz ás capelas.

No século XVII a obra ameazaba ruína, motivo polo que se reforzou con contrafortes. Xa no ano 1911 fixéronse obras de consolidación do muro sur do templo. A principios da década de 1970 o templo foi restaurado por Patrimonio Artístico Nacional.

Enterramentos
editar
 
Lápida sepulcral situada na nave esquerda
 
Sepulcro con labras heráldicas dos Bermúdez de Castro
 

O templo, xunto co do mosteiro de Carboeiro, serviu de panteón da nobreza das Terras de Montes, Deza e Trasdeza.

Entre esas familias a casa dos Camba dos Turrichao ou Churruchaos tiñan nel capela propia, a chamada de Don Álvaro.

Dos moitos enterramentos que acollería este templo só dous se conservan:

  • Un primeiro situado na nave da esquerda, que é de tipo estola e que na súa tampa ten gravado un estilizado báculo. A tradición sinálao como o pertencente ao abade Gonzalo das Penas (séc. XV), dato non compartido por Antonio Rodríguez Fraiz que o vincula ao primeiro abade do mosteiro, o abade Pedro.
  • O segundo sepulcro tamén carece de inscricións e decórase con labras heráldicas con axadrezados propios da familia Bermúdez de Castro e pode datarse no comezo do século XVII.

O mosteiro

editar

Das primitivas edificacións apenas quedan mostras, xa que as reformas realizadas desde a metade do século XVI ata o ano 1813 fixéronas desaparecer.

A actual residencia parroquial consérvase en bo estado, facendo ángulo recto coa fachada da igrexa. Esta residencia posúe un pórtico de acceso de estilo clásico e unha balconada de ferro fundido apoiado sobre ménsulas. Dous claustros forman parte do conxunto: entrando polo pórtico, atopamos o claustro do curro.

Os claustros

editar

O claustro do curro é rectangular e de grandes dimensións. Servía como lugar de recepción dos froitos, eira de mallar e como lugar para acurrar os gandos que pastaban nos montes das encomendas do mosteiro. Nel atópase unha fonte datada no ano 1802. Á súa dereita obsérvase o acceso ás cortes, galiñeiros e vivendas dos pastores e persoas ao servizo do mosteiro. Á esquerda pódese ver un paso (tramo abovedado con bóveda de medio canón) que leva ás dependencias monacais e ao claustro baixo, e chega a unha dependencia que comunica coa escaleira de acceso a planta alta e outras dúas portas que levan ao claustro baixo e a outros departamentos.

O claustro procesional é unha obra realizada na segunda metade do século XVIII. É o mellor conservado. De traza clásica, péchase con muros de cantería de pedra labrada adornados con pilastras cuadrangulares e unha imposta que marca a planta, e remátase cunha cornixa con gárgolas nos esquinais. Nel os canteiros deixaron as datas de remate das obras (a sur no 1760 e a oeste no 1769).

Outros departamentos

editar
 
Restos do claustro das procesións.

A cociña é unha das pezas mellor conservadas. De planta rectangular, ábrese ao exterior por medio de dúas ventás e cóbrese cunha bóveda. Destaca nela a cheminea. Contaba con auga corrente, despensa e torno co que comunicaba co refectorio. Rematouse no ano 1801.

O refectorio data do ano 1802 e ao seu carón atópanse as cortes cubertas con bóveda de medio canón e que conserva o piso empedrado coas canalizacións de evacuación do zudre e oito comedeiros de pedra.

Outro dos departamentos a salientar é o gran salón, posible sala capitular. Trátase dunha obra do século XVI e que presenta tres portas de acceso e á que dá luz sete ventanais.

No corredor do claustro baixo atópase unha porta románica de finais do século XIII deteriorada por modificacións posteriores e que dá acceso ao capítulo, unha das estancias máis grandes do mosteiro e que nos seus muros conserva restos románicos das primeiras edificacións do mosteiro.

Estado de conservación

editar

O templo atópase en bo estado de conservación e permanece aberto ao culto, podendo ser visitado. As estancias monacais foron restauradas no ano 2005 e convertidas nun Hostal-Monumento a "Hospedería San Gonzalo das Penas" con tres estrelas de categoría sendo a súa visita moi dificultosa.

  1. Que di "«Deiparae Virginis Mariae» ou como di A. Manrique «propter amorem Dei matris» e «ordo cistercius», na súa obra Anales Cistercienses. Vol. II, páx. 506.
  2. Data aceptada por varios autores, entre outros Cocherill que na súa obra Les cisterciens dans la Péninsule iberique acepta a data como a de afiliación a Clairvaux.
  3. Cunha dobre interpretación xa que algúns autores consideran que é o de Aciveiro o receptor e outros que é o veciño Mosteiro de Carboeiro
  4. Aquelas que aparentan estar parcialmente incrustada no muro ou outro corpo da construción

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar