Domingo García-Sabell

médico, escritor, político e académico galego
(Redirixido desde «Domingo García Sabell»)

Domingo García-Sabell Rivas, nado en Santiago de Compostela o 8 de outubro de 1909 e finado na Coruña o 5 de agosto de 2003, foi un médico, escritor, político e académico galego, presidente da Real Academia Galega.

Domingo García-Sabell
Nome completoDomingo García-Sabell Rivas
Nacemento9 de outubro de 1909
 Santiago de Compostela
Falecemento5 de agosto de 2003
 A Coruña
Soterradocemiterio de Boisaca
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpolítico, tradutor e médico
FillosTeresa García-Sabell Tormo
Premiosdoutor honoris causa pola Universidade da Coruña e Gran Cruz da Orde do Mérito Civil
Na rede
Bitraga: 1600 Dialnet: 264451
Domingo García-Sabell firma.jpg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Era fillo dun procurador de tribunais.[1] Entre 1925 e 1931 estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa etapa de estudante destacou non só no académico, tamén pola activa militancia na Federación Universitaria Escolar (FUE), da que foi presidente,[2] organización que tivo un importante papel democrático durante a ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República Española[3]. Nesta etapa coincidiu con Rafael Dieste, Carlos Maside, Ánxel Fole, Jesús Bal y Gay, e Luís Seoane entre outros.[1]

As súas aptitudes levárono a integrar o cadro de profesores e investigadores da Facultade de Medicina. Ao rematar a súa formación, obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura e ampliou estudos en Suíza e Alemaña.[1][3] No país xermano familiarizouse co pensamento de Max Scheler e Martin Heidegger, entre outros. Tamén tomou contacto coa escola médica de Heidelberg, que introduce como principal achega o valor do doente na Patoloxía. Esta iniciación filosófica derivará nun pulo humanizador da medicina que o acompañará ao longo da súa vida intelectual e profesional.[3][2][1]

No Hospital da Charité de Berlín traballou xunto a Gustav von Bergmann, interesado pola patoloxía funcional. Posteriormente ingresou no Instituto Pasteur de París, para investigar no campo da bacterioloxía con Amadée Guy. En Madrid traballou co catedrático Gustavo Pittaluga Fattorini no Servizo de Hematoloxía.[4]

En 1932 defendeu a súa tese de doutoramento El metabolismo intermediario en la obesidad[5] na Universidad Central (actual Complutense de Madrid). Foi dirixido por Carlos Jiménez Díaz e foi recoñecido co Premio Extraordinario de Doutoramento.[1][3]

 
Fernando Barros Pumariño, Valle-Inclán e García-Sabell en Compostela en 1935.

De regreso a Compostela, fixo amizade con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Roberto Nóvoa Santos, Miguel de Unamuno, Ramón María del Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester e Ramón Otero Pedrayo, de quen foi médico.[2] Neste contexto vital e intelectual xermolaron os seus grandes compromisos co humanismo e a visión antropolóxica da medicina, de Galicia e do mundo da cultura.[3][2][1]

En 1936 afiliouse ó Partido Galeguista, polo que ó comezar a Guerra civil española foi internado un tempo no campo de concentración da Lavacolla.[2] Trala guerra foi depurado e tivo que dedicarse á medicina privada.[1] Contactou co galeguismo cultural e en 1950 converteuse en director da Editorial Galaxia xunto a Ramón Piñeiro. Foi elixido membro da Real Academia Galega a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco e Leandro Carré Alvarellos. Leu o discurso de entrada o 20 de xuño de 1959, co título Análisis eisistencial do home galego enfermo, respondido polo propio Otero. Presidiu a Real Academia Galega entre 1979 e 1997[6]. Amais, traduciu ó galego a Martin Heidegger e mais a James Joyce.[3][2][1]

Nas eleccións xerais de España de 1977 resultou elixido senador por designación real. Foi Delegado do Goberno en Galicia de 1981 a 1996, xa que presentou a súa dimisión dous días antes de converterse José María Aznar en presidente do goberno.[3][1][2]

Vida persoalEditar

Casou con Teresa Tormo López e foron pais de Teresa e Elena García-Sabell Tormo[2]. Está enterrado no cemiterio de Boisaca, en Compostela.[7].

ObrasEditar

 
Nº 1 de Grial.
  • Luis Seoane (Vigo, 1954).
  • Ensaios I (1963), Editorial Galaxia.[8]
  • Luis Seoane. Grabados (1965), Editorial Galaxia.[9]
  • Notas para una antropología del hombre gallego (1966).
  • Tres síntomas de Europa: Joyce, Van Gogh y Sartre (Revista de Occidente, 1968).
  • A pintura como comunicación (1971).
  • Ensaios II (1976), Editorial Galaxia.[10]
  • Testimonio personal (Madrid, 1971).
  • Roberto Nóvoa Santos (1981).
  • Carta ao pintor Luis Seoane (Sada, 1983).
  • A Coruña: onde nace a luz (Vigo, 1989).
  • Análise existencial do home galego enfermo e outros ensaios (Vigo, 1991).
  • Cen relembros (A Coruña, 1993).
  • Libro dos comentos (1996).
  • Os gromos do pensamento (1996).
  • Tempo de lecer (Vigo, 1998).
  • Paseata arredor da morte (1999). Galaxia. 160 páxs. Reeditado en 2022, 174 páxs. ISBN 978-84-9151-781-8.

ColectivasEditar

TraduciónsEditar

RecoñecementosEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Torres Queiruga, Andrés; Rivas García, Manuel (2008). Dicionario enciclopedia do pensamento galego. Vigo, España: Xerais. pp. 126–132. ISBN 978-84-9782-883-3. OCLC 595706980. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Pereiro, Xosé Manuel (06/08/2003). "Domingo García-Sabell, médico, escritor, político y humanista". El País (en castelán). Consultado o 15/02/2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Agís Villaverde, Marcelino. "Domingo García-Sabell Rivas". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 15/02/2021. 
  4. "Médicos Históricos". Biblioteca Complutense. Consultado o 15/02/2021. 
  5. "El metabolismo intermediario en la obesidad". Dialnet. Consultado o 15/02/2021. 
  6. Domingo García-Sabell Rivas na páxina da RAG
  7. Pereiro, Xosé Manuel (6/8/2003). "Domingo García-Sabell, médico, escritor, político y humanista". El País (en castelán). 
  8. Inclúe os ensaios "Análise existencial do home galego enfermo", "James Joyce e a loita pola comunicación total", "Notas sobre a fame galega" e "Van Gogh e a dimensión antropolóxica da Pintura Contemporánea".
  9. Luis Seoane. Grabados en Google Books.
  10. "As facianas do erotismo contemporáneo", "Pintura e conocimiento", "A realidade humana de Rosalía" e "Castelao, ou Galiza ao axexo".
  11. "Universidade da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2014. Consultado o 25 de outubro de 2014. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar


Predecesor:
cargo de nova creación
 Delegación do Goberno en Galicia 
1981-1996
Sucesor:
Juan Miguel Diz Guedes


Predecesor:
Sebastián Martínez-Risco
  
Presidente da RAG
 
1979-1997
Sucesor:
Francisco Fernández del Riego