Vésperas sicilianas

matanza de franceses en Sicilia no ano 1282

Coordenadas: 38°07′00″N 13°22′00″L / 38.11667, -13.36667

Por Vésperas sicilianas, termo acuñado xa no século XV,[1] coñécese o acontecemento histórico da matanza de franceses en Sicilia no ano 1282, que acabou causando a división do Reino de Sicilia (que comprendía a illa e todo o sur da Península Itálica, até os Estados Pontificios), e a fin da presenza anxevina na illa, substituída pola influencia da Coroa de Aragón, coa coroación de Constanza II de Sicilia e o seu esposo Pedro III de Aragón como reis de Sicilia, e relegando ao anterior rei Carlos I de Anjou ao Reino da Sicilia continental (Reino de Nápoles).

Vésperas sicilianas

As Vésperas sicilianas, de Francesco Hayez (1846)
Data 1282-1302
Lugar Sur de Italia, Sicilia e Malta
Resultado Vitoria siciliano-aragonesa
Paz de Caltabellota
Cambios territoriais Separación dos reinos de Sicilia e Nápoles
Belixerantes
Reino de Sicilia
Coroa de Aragón
Imperio Bizantino
Reino de Nápoles
Reino de Francia
Estados Pontificios
Líderes
Pedro III de Aragón
Afonso III de Aragón
Xaime I de Sicilia
Carlos I de Anjou
Carlos II de Anjou
Martiño IV

O 30 de marzo de 1282, cando as campás das igrexas de Palermo chamaban ao oficio de vésperas, produciuse un levantamento do pobo da cidade, que masacrou a gornición francesa (anxevina) presente nela. O levantamento estendeuse a outras localidades da illa, como Corleone e Mesina, até que foron completamente expulsados os franceses. Os sicilianos chamaron na súa axuda o rei Pedro III de Aragón, que podía alegar en favor da súa causa os dereitos da súa muller Constanza, filla do falecido rei Manfredo, da casa de Hohenstaufen, que gobernou o Reino de Sicilia até a súa derrota e morte a mans de Carlos de Anjou na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266.

Os acontecementos relativos ás Vésperas sicilianas encóntranse relatados en varias crónicas medievais, entre as que cabe citar a famosa Crónica de Ramón Muntaner, onde se afirma que a chispa que prendeu a rebelión en Palermo foi a aldraxe que uns anxevinos perpetraron a unhas damas sicilianas.

Antecedentes editar

Desde os primeiros anos do século XI, grupos de aventureiros normandos chegaran a Sicilia para servir como mercenarios. Estes aventureiros derrotaron aos árabes que ocupaban Sicilia desde 827. Entre estes normandos encontrábanse os membros da casa de Hauteville Robert Guiscard e o seu irmán Roxerio I de Sicilia, que pasou a Nápoles e expulsou de alí aos bizantinos co seu irmán Roxerio I de Sicilia, que foran pagados polos bizantinos, que desexaban expulsar aos árabes da Península Itálica.

No sínodo de Melfi de agosto de 1059, o papa Nicolao II investiu a Robert Guiscard (tamén coñecido como Roberto Guiscardo ou Roberto de Hauteville) como duque de Puglia, Calabria e Sicilia,[2] exhortándoo a que completara a conquista dos territorios bizantinos (que foran os que contrataran aos normandos en primeiro lugar).

Contra o ano 1071, Roxerio, o irmán de Robert Guiscard, conquistou a totalidade da illa. En 1072, tras a conquista de Palermo, Robert invistiu, como feudatario del, ao seu irmán Roxerio como conde de Sicilia, que foi coñecido como o Gran Conde. Con Roxerio I iniciouse a dinastía Hauteville en Sicilia.

En 1130 foi creado, polo antipapa Anacleto II, e para Roxerio II de Sicilia (fillo e sucesor de Roxerio I, o Gran Conde), o Reino de Sicilia, quen se fai seu feudatario (o que provocaría un problema político anos máis tarde, cando a dinastía Hohenstaufen toma o poder no reino de Sicilia). A investidura sería recoñecida en 1139 polo papa Inocencio II. O Reino de Sicilia comprendía, ademais da illa de Sicilia, os territorios da Península Itálica da Calabria, a Puglia e a Campania,[2] onde se encontraba a cidade de Nápoles. Roxerio II creou unha poderosa frota no Mediterráneo central. En 1135 conquistou as costas de Tunisia, creando o Reino de África (un protectorado do seu Reino de Sicilia).

Os descendentes de Roxerio II, Guillerme I, Guillerme II, Tancredo (fillo ilexítimo de Roxerio II) e Guillerme III (fillo de Tancredo), reinaron en Sicilia desde a morte de Roxerio II, en 1154, até 1189. Guillerme II non tivo descendencia, polo que nomea herdeira lexítima á súa tía, Constanza I de Sicilia (irmá de Roxerio II). Esta casa con Henrique VI, o que permite a chegada ao poder da dinastía Hohenstaufen.

O papa Clemente III, temendo polos bens da Igrexa en Sicilia ao subir ao poder a dinastía Hohenstaufen, rexeita o matrimonio entre Constanza e o emperador Henrique VI. Clemente insta ao emperador a renderlle xuramento de vasalaxe, pero o emperador négase. O papa decide entón dar o seu apoio a Tancredo de Sicilia, fillo bastardo de Roxerio II, que morre en 1194.

 
Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio e rei de Sicilia.

Tras cerca dun século de dominación normanda, os dereitos sobre o Reino de Sicilia recaeron entón en Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, que era fillo de Constanza I de Sicilia, a última raíña de Sicilia da dinastía Hauteville. O seu reinado estivo protagonizado polo conflito coa Santa Sé, que se enmarcaba no complicado enfrontamento entre xibelinos e güelfos, dúas faccións encabezadas, respectivamente, polo emperador o o papa. Frederico II foi un poderoso monarca, e os sucesivos pontífices pouco puideron facer contra el, salvo excomungalo.

Á morte de Frederico II en 1250, o papa Inocencio IV viu a oportunidade de librarse dos Hohenstaufen e colocar no trono siciliano a un príncipe favorábel a el. Xa que fora a Santa Sé a que outorgara Sicilia aos normandos no século XI, o pontífice consideraba que quen fora monarca de Sicilia era vasalo seu, e podía, polo tanto, dispoñer do reino ao seu antollo. Nun principio propuxo a coroa siciliana ao irmán do rei de Inglaterra, pero non houbo acordo e foi rexeitado. En cambio, en xuño de 1263 Carlos de Anjou, irmán do rei Lois IX de Francia, culminou unha alianza co papado e aceptou a coroa, sendo investido como rei de Sicilia polo papa Urbano IV, e coroado nunha cerimonia celebrada en Roma en 1266. O papa tamén nomeou a Carlos senador de Roma e protector de Florencia, polo que quedou como xefe do partido güelfo (partidario do papa) contra os xibelinos (partidarios do emperador). Carlos, na súa ambición, vía en Sicilia unha cabeza de ponte para conquistar o imperio Bizantino.

 
Carlos de Anjou, coroado como Carlos I de Sicilia
Palacio Real de Nápoles.

Pero, á hora da verdade, cinguir a coroa e contar co apoio do papa non equivalía realmente a posuír o Reino. En efecto, pese a que o Reino de Sicilia se encontraba nunha situación inestábel (debida en parte a que o propio pontífice se dedicara a fomentar as tensións entre a nobreza feudal do Reino), todo o territorio seguía en mans dos Hohenstaufen. Ocupaba o trono Manfredo, fillo ilexítimo de Frederico II. Carlos de Anjou armou un poderoso exército e dirixiuse ao sur de Italia, onde derrotou aos sicilianos na batalla de Benevento (26 de febreiro de 1266), na que morreu Manfredo.

Poucos anos despois, a resistencia siciliana, organizada por Conradino, o neto de Frederico II, aínda un neno, e con apoio dos xibelinos italianos, efectuou un intento de recuperar o poder. Non o lograron, pois Carlos derrotounos, capturou a Conradino e ordenou que fose decapitado. Con isto, Carlos de Anjou converteuse no dono do sur de Italia e Sicilia.

Aínda que os sicilianos estaban acostumados a seren gobernados por estranxeiros, a chegada dos franceses irritounos. O rei anxevino instaurou un goberno tiránico e estableceu unha elevadísima presión fiscal. Cando exixiu aos terratenentes que presentaran os seus títulos de propiedade, puxo a nobreza siciliana na súa contra: como numerosas familias carecían de escrituras, as súas terras, xunto coas dos rebeldes convictos, foron confiscadas e entregadas aos franceses. Un agravio adicional resultou o traslado do centro do poder de Palermo a Nápoles, o que relegou á antiga capital a un papel secundario. Pero o que máis resentimento causaba cara aos franceses era a súa actitude arrogante e despótica. A organización do Reino baseábase nunha clase dirixente case exclusivamente francesa, que encheu Sicilia de soldados e funcionarios que trataban tanto ao pobo como á nobreza autóctona con desprezo, ofendendo o seu honor continuamente.[1]

Mentres que os homes de Carlos se asentaban nos seus novos dominios, os principais notábeis sicilianos partidarios dos Hohenstaufen, entre elos Roxerio de Lauria e Xoán de Prócida, buscaron refuxio na corte do rei Xaime I de Aragón, convertendo Barcelona nun centro político xibelino. Non era nada estraño, pois aragoneses e anxevinos mantiñan unha longa rivalidade no dominio do Mediterráneo. Algúns anos atrás, o infante Pedro, herdeiro do rei aragonés, casara en Montpellier con Constanza de Hohenstaufen, filla de Manfredo e neta de Frederico II. Probabelmente os exiliados sicilianos comezaron pronto a conspirar cos aragoneses para recuperar o trono de Sicilia baseándose nos dereitos de Constanza.

A rebelión editar

O estalido editar

Na primavera de 1282 Carlos de Anjou preparábase, en Nápoles, para encabezar unha cruzada contra o imperio Bizantino e tomar Constantinopla. Considerábase herdeiro dos príncipes cruzados e, como tal, pretendía restaurar o desaparecido imperio Latino. Así, en augas do porto de Mesina esperaban as escuadras napolitana e provenzal listas para levantar áncora a comezos de abril. Pero un inesperado suceso obrigouno a cambiar de plans: o 30 de marzo estalou en Palermo unha grande insurrección contra os franceses. Existen distintas versións sobre como se desencadearon os feitos.

A versión tradicional sitúa a chispa que acendeu a revolta na igrexa do Espírito Santo de Palermo, na que se festexaba o luns de Pascua e numerosos habitantes da cidade se reuniran para asistir aos oficios vespertinos. Na praza, xunto ao templo, os fieis esperaban a hora de iniciar as vésperas cando chegou un grupo de franceses borrachos. Un deles, un sarxento, dirixiuse a unha moza casada e empezou a molestala. O seu esposo, furioso, sacou un coitelo e apuñalouno. Os demais franceses acudiron a socorrer ao sarxento, e a vingalo, pero os palermitanos, máis numerosos, rodeáronos e lles deron morte xusto no momento en que as campás da igrexa e as de toda a cidade comezaban a tocar.

Existe outra versión bastante máis probábel que sostén que o levantamento estaba planeado e que os que o organizaran dispuxeran que o sinal para a sublevación sería o espenicar das campás de vésperas.

Sexa como for, iniciada a rebelión, a ira popular percorreu as rúas de Palermo. Ao grito de "morte aos franceses!", os habitantes de Palermo asasinaron aos cerca de 2 000 franceses que se encontraban na cidade, incluíndo anciáns, mulleres e nenos. Chegaron a asaltar conventos en busca de clérigos. Nas xornadas seguintes o levantamento estendeuse, en primeiro lugar, polas vilas e cidades próximas e, despois, por toda a illa. Unicamente Mesina mantívose do lado dos anxevinos, aínda que finalmente se uniu en abril á rebelión.

A intervención aragonesa editar

 
Pedro III de Aragón chega a Sicilia chegando a Tapani, nas famosas Vésperas Sicilianas.

Unha vez que conseguiran a súa independencia, os sicilianos pretenderon establecer un goberno republicano, organizado en comunas, ou en cidades libres inspiradas no modelo da Italia central e setentrional. Porén, dada a situación de indefensión, estas comunas non poderían sobrevivir por si soas. Primeiro solicitouse a tutela do papa. Este, Martimo IV, de orixe francesa, rexeitou tomar baixo a súa protección á Sicilia que expulsara ao rei Carlos de Anjou.

Unha delegación do Parlamento siciliano foi ao encontro do rei Pedro III de Aragón, que se encontraba no norte de África (no mes de agosto) e ofrecéronlle a coroa. Pedro dirixiuse á illa e desembarcou en Trapani o 29 de agosto; o día 30 entrou en Palermo. O bispo de Cefalú coroouno como rei o 8 de setembro. Os sicilianos ao servizo do príncipe Pedro foron vencidos en Magliano di Marsi, aínda que os anxevinos sufriron unha derrota definitiva en Mesina; perderon nesta batalla uns 10 000 soldados. Todas as cidades da illa, así como as de Malta, sometéronse ao rei Pedro (que reinou como Pedro I de Sicilia), se ben Carlos seguía conservando o sur de Italia, no que continuaba chamándose rei de Sicilia, a pesar de non dominar ese territorio.

Evolución posterior editar

 
Carlos II.
 
Frederico II.[3]

A guerra enrte os sicilianos e aragoneses contra os anxevinos proseguiu tras as mortes de Carlos I de Anjou e de Pedro I de Sicilia. Tras o falecemento de Carlos I en xaneiro de 1285 e de Pedro III de Aragón en novembro dese mesmo ano, o reino de Sicilia dividiuse en dúas partes de forma permanente (Regnum Siciliae ultra farum, Sicilia, e Regnum Siciliae citra farum, Nápoles). Pero como ambos os reis e os seus sucesores intitulábanse como rei de Sicilia, para distinguilos emprégase rei de Nápoles para o da parte continental, e rei de Sicilia para o da parte insular, tamén coñecido como rei de Trinacria.[4][5][6]

A contenda foi sostida polos seus herdeiros Carlos II de Sicilia (1285-1309), pola parte anxevina, e Afonso III e Xaime II pola aragonesa. Finalmente, tras o esgotamento do exército anxevino, asinouse en 1302 a paz de Caltabellota, que supuxo a independencia de Sicilia baixo o goberno de Frederico II de Sicilia, irmán de Xaime II de Aragón. Nápoles permaneceu en mans da dinastía anxevina.

Os conflitos entre os Reinos de Sicilia e Nápoles foron constantes até que foi elixido papa Benedito XII en 1334, que tiña relacións de amizade con Frederico II de Sicilia, e que lle prometeu respecto na Santa Sé en Trinacria. En ningún momento os nobres sicilianos aceptaron a vinculación co resto dos dominios da coroa de Aragón, fóra da unión persoal co soberano, como demostra o Parlamento de 1413, que exixiu que o rei ou, no seu defecto, o príncipe herdeiro, puidese ser coroado en Palermo "como rei principal e afastado sen ter dependencia de ningunha outra parte" ("comu re princhipali et appartatu senza haviri dependencia de altra parte"). Para corresponder a estas exixencias, creouse a figura do vigairo (vicerrei), un alter-ego do propio rei que permitía desdobrar a súa personalidade, sendo o primeiro deles o infante Xoán, duque de Peñafiel, nomeado en 1415. Pero esta medida non acabou de convencer ao Parlamento, que resolveu en 1416 aclamar a Xoán como rei, pero este rexeitou o posto. Para evitar un conflito maior, Afonso V chantou a súa corte en Sicilia, convocou novamente o Parlamento e recibiu o xuramento dos sicilianos: quedaba así establecida a desexada unión persoal de Sicilia ao rei, non á coroa de Aragón. De feito, Sicilia nunca se sentiu integrada na coroa de Aragón, sendo bastantes as revoltas que se orixinaron pola nunca aceptada presenza de nobres da coroa aragonesa na illa.

Unión final dos dous Reinos editar

Os dous Reinos estiveron separados até 1442, cando o rei de Aragón Afonso V o Magnánimo conquistou o Reino de Nápoles e unificou ambos os Reinos. O Reino de Sicilia desvinculouse da casa de Anjou e constitiuse en dominio dos reis de Aragón, non da corte nin do Reino de Aragón, senón do propio rei e a título individual.

As vésperas sicilianas na cultura editar

Estes feitos servieron de base para unha ópera de Giuseppe Verdi titulada I vespri siciliani (1855), na que adaptou o libreto que os franceses Eugène Scribe e Charles Duveyrier escribiran para a ópera de Gaetano Donizetti Le Duc d'Albe (composta en 1839 pero non representada; e recreada nunha versión italiana póstuma co título Il duca d'Alba, posta en escena o 22 de marzo de 1882 no Teatro Apollo de Roma), na que Verdi cambia a ocupación española de Flandres de 1573 pola ocupación francesa de Sicilia en 1282.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Vísperas sicilianas na Enciclopedia Católica (en castelán). Consultado o 4 de novembro de 2016.
  2. 2,0 2,1 Rosamond McKitterick et al. (2004):The New Cambridge Medieval History IV. Cambridge (UK): Cambridge University Press. ISBN 0-52141411-3, páx. 107.
  3. Coñecido usualmente como Frederico III.
  4. José María de Francisco Olmos (2003): El «Coronato» napolitano. Una moneda documental y propagandística. Arquivado 24 de setembro de 2016 en Wayback Machine. Revista General de Información y Documentación, Vol. 13, núm. 1. Universidad Complutense de Madrid, páx. 58.
  5. John Platts (1825): A universal biography: chronologically arranged.... Sherwood, Jones & Co., Vol. 3, páx. 473.
  6. Gaetano Moroni (1854): Dizionario di erudizione storico-ecclesiastica. Vol. XLV, páx. 199.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Benigno, Francesco e Giuseppe Giarrizzo (1999): Storia della Sicilia, vol. 3. Roma-Bari: Ed. Laterza. ISBN 88-421-0535-X.
  • Runciman, Steven (2009): Las Vísperas Sicilianas. Ed. Reino de Redonda. ISBN 978-84-933656-7-7.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar