Abrir o menú principal

O reinado de Isabel II é o período da historia contemporánea de España comprendido entre a morte de Fernando VII en 1833 e o triunfo da Revolución de 1868, que obrigou á raíña a marchar ao exilio. O seu reinado está dividido en dúas grandes etapas: a minoría de idade (1833-1843) durante a que asumiron a rexencia, primeiro a súa nai María Cristina de Borbón e, despois, o xeneral Baldomero Espartero; e o reinado efectivo que comeza coa declaración polas Cortes en 1843 da maioría de idade da raíña adiantada aos trece anos. Ao longo do seu reinado produciuse a configuración do Estado liberal en España.

España
Reino de España

1833–1868
Bandeira Escudo
Lema: Plus Ultra
(en latín: ‘Más allá’)
Himno: Marcha Real ou Granadera
Capital Madrid
Linguas
Relixión Catolicismo
Goberno n/d
Raíla
 • 1833-1868 Isabel II1
Presidente do Consello de Ministros
 • 1834-1835 Francisco Martínez de la Rosa
 • 1868 José Gutiérrez de la Concha
Lexislatura Cortes Xerais
 - Cámara alta Senado
 - Cámara baixa Congreso
Período histórico Século XIX
 • Establecido 1833
 • Primeira Guerra Carlista 1833-1839
 • Constitución de 1837 1837
 • Rexencia de Espartero 1840-1843
 • Constitución de 1845 1845
 • Revolución de 1868 1868
Moeda Real, Escudo
1Entre 1833 e 1843, dada a minoría de idade de Isabel II, a Rexencia do Reino foi asumida por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias (1833-1840) e polo xeneral Baldomero Espartero (1840-1843).
Isabel II de España

Tras a morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833, a súa dona María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias asumiu a rexencia co apoio dos liberais, en nome da súa filla e futura raíña, Isabel II. O conflito co seu cuñado, Carlos María Isidro de Borbón, que aspiraba ao trono en virtude dunha pretendida vixencia da Lei Sálica —xa derogada por Carlos IV e o propio Fernando VII— levaron ao país á Primeira Guerra Carlista.

Tras a breve rexencia de Espartero que sucedeu á rexencia de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, Isabel II foi proclamada maior de idade con so trece anos por resolución das Cortes Xerais en 1843. Así comezou o reinado efectivo de Isabel II que soe dividirse en catro períodos: a década moderada (1844-1854); o Bienio Progresista (1854-1856); a etapa dos gobernos da Unión Liberal (1856-1863) e a crise final (1863-1868).

O reinado de Isabel II caracterizouse por un intento modernizador de España que se viu contido, porén, polas tensións internas dos liberais, a presión que seguiron exercendo os partidarios do absolutismo máis ou menos moderado, os gobernos totalmente influídos polo estamento militar e o fracaso final ante as dificultades económicas e a decadencia da Unión Liberal que levaron a España á experiencia do Sexenio Democrático. Tamén influíu moito no seu reinado a súa propia personalidade, sen dotes para o goberno e controlada en todo momento polas Cortes, especialmente pola súa propia nai, e tamén polos xenerais Narváez, Espartero e O'Donnell, o que impedíu que se consolidase o tránsito do Antigo Réxime ao Estado Liberal, polo que España chegou ao último terzo do século XIX en condicións desfavorables respecto a outras potencias europeas.

As rexencias de María Cristina e Espartero (1833-1843)Editar

Artigo principal: Minoría de idade de Isabel II.

A Rexencia de María Cristina de Borbón estivo marcada pola guerra civil derivada do preito sucesorio entre os partidarios da futura Isabel II ou "isabelinos" (ou "cristinos" polo nome da rexente) e os de Carlos María Isidro ou "carlistas". Francisco Cea Bermúdez, moi próximo ás teses absolutistas do defunto Fernando VII foi o primeiro Presidente do Consello de Ministros. A ausencia de conquistas liberais forzou á saída de Cea e a chegada de Martínez de la Rosa quen convenceu á Rexente para promulgar o Estatuto Real de 1834, unha carta outorgada que non recoñecía a soberanía nacional o que supoñía un retroceso fronte á Constitución de Cádiz de 1812, concedida por Fernando VII.

O fracaso dos liberais conservadores ou "moderados" levou ao poder aos liberais progresistas no verán de 1835. A figura máis destacada deste período doi Juan Álvarez Mendizábal, político e financeiro de gran prestixio que institucionalizou as "xuntas revolucionarias" que xurdiran durante as revoltas liberais do verán e iniciou varias reformas económicas e políticas, entre as que destaca a desamortización que leva o seu nome que puxo en venda os bens das ordes regulares da Igrexa católica. Durante o segundo goberno progresista presidido por José María Calatrava e con Mendizábal como home forte na carteira de Facenda, aprobouse a nova Constitución de 1837 nun intento por conxugar o espírito da Constitución de Cádiz e lograr o consenso entre os dous grandes partidos liberais, moderados e progresistas.

A Guerra Carlista xerou graves problemas económicos e políticos. A loita contra o exército do carlista Tomás de Zumalacárregui, alzado en armas desde 1833, obrigou á Rexente a depositar boa parte da súa confianza nos militares cristinos que alcanzaron gran renome entre a poboación. Deles destacou o xeneral Espartero quen foi o encargado de certificar a vitoria final no Convenio de Oñate, máis coñecido como o Abrazo de Vergara.

En 1840, María Cristina, consciente da súa debilidade, tratou de chegar a un acordo con Espartero, pero este se puxo do lado dos progresistas cando o 1 de setembro comezou a "revolución de 1840" en Madrid. Entón María Cristina viuse obrigada a abandonar España e deixar a Rexencia en mans de Espartero o 12 de outubro de 1840.

Durante a Rexencia de Espartero o xeneral non soubo rodearse do espírito liberal que lle levara ao poder, e preferiu confiar os asuntos máis importantes e transcendentais aos militares afíns, chamados "ayacuchos" pola falsa crenza en que Espartero estivera na Batalla de Ayacucho. De feito, o xeneral Espartero foi acusado de exercer a Rexencia en forma de ditadura.

Pola súa banda, os conservadores representados por Leopoldo O'Donnell e Narváez non cesaron nos seus pronunciamentos. En 1843 o desgaste político acentuouse e ata os liberais que o apoiaron tres anos antes, conspiraban contra el. O 11 de xuño de 1843 a sublevación dos moderados estivo tamén apoiada polos homes da confianza de Espartero como Joaquín María López e Salustiano Olózaga, o que obrigou ao xeneral a abandonar o poder e marchar ao exilio en Londres.

Reinado efectivo de Isabel II (1843-1868)Editar

Coa saída de España de Espartero, os políticos decidiron dar a maioría de idade á Raíña, a pesar de que Isabel tiña soamente 13 anos. Así, até 1868 creouse un reinado complexo que marcaron o rumbo político de España do século XIX e principios do século XX.

Durante esta etapa distínguense tres partes: A década moderada (até 1854), o Bienio Progresista (até 1856) e os gobernos da Unión Liberal e a fin do reinado de Isabel (até 1868).

Para comezar a súa rexencia, xa como Isabel II, xurou a Constitución de 1837 perante as Cortes Xerais. Para formar goberno, pediulle axuda ao progresista Salustiano Olózaga, que pactara con Cristina o seu regreso do exilio en Francia. Pero, coa perda da votación para a elección de Presidente do Congreso dos Deputados, obrigou a Olózaga a dimitir do goberno e a romper o acordo entre progresistas e moderados (que puxera fin á rexencia de Espartero).

González Bravo foi nomeado novo Presidente do Goberno de España o 11 de decembro dese mesmo ano.

A década moderada (1844-1854)Editar

 
Ramón María Narváez

Posteriormente o liderado do Partido Moderado recaeu en Ramón María Narváez (que influía fortemente na forma de gobernar de González Bravo), que asumiu a Presidencia do Goberno dando inicio á Década Moderada. Este período caracterízouse por unha relativa estabilidade. Nesta época xurdiu a Constitución de 1845, que daba regreso á soberanía compartida entre o Rei e as Cortes.

Pero, dentro do Partido Moderado había unha división moi evidente, que provocou o cesamento de Narváez o día 11 de febreiro de 1846. Este cesamento produciuse pola polémica decisión de decidir quen ía ser o home que casara coa raíña. Ese mesmo ano Isabel casou con Francisco de Asís de Borbón (eran curmáns), concretamente o día 10 de outubro. Antes deste casamento, a súa nai, María Cristina de Borbón construíra un plan para que a súa filla casara co herdeiro a Coroa de Francia.

O bienio progresista (1854-1856)Editar

Co nomeamento de Baldomero Espartero como presidente do goberno iníciase unha nova etapa no reinado de Isabel II o denominado Bienio Progresista.

Con nomeamento de Espartero como Presidente, este nomeou a O'Donnell como Ministro da Guerra. Esta unión entre os dous políticos (aparentemente fieis un ao outro) tivo os seus problemas. Mentres O'Donnell trataba de apagar prácticas liberais de Espartero no tema da Igrexa e a desamortización, Espartero buscaba o liberalismo.

O'Donnell formaba a Unión Liberal, mentres seguía no goberno con Espartero. As eleccións ás Cortes deron maior número de escanos a O'Donnell que a Espartero (1854). Así as cousas, a convivencia entre os dous naufragaron, e a cuestión relixiosa, ao presentarse ante as cortes cun proxecto que declaraba que ninguén podía ser molestado polas súas crenzas, foi o detonante. A proposta foi aprobada e por este motivo quedaron rotas as relacións coa Santa Sé.

Pero O'Donnell non permitiría que isto seguira adiante. Espartero, consciente desta situación mobilizou á Milicia Nacional e á prensa contra os ministros moderados, pero a raíña decidiu dar a xefatura do goberno a O'Donnell. A esta situación engadíanselle as sublevacións carlistas en Valencia e a grave situación económica do país. As dúas partes enfrontáronse nas rúas os días 14 de xullo e 15 de xullo de 1856, onde Espartero decidiu retirarse.

Os gobernos da Unión Liberal (1856-1863)Editar

 
O xeneral O'Donnell

O nomeamento de O'Donnell como Presidente do Consello de Ministros supuxo a restauración da Constitución de 1845, dando comezo o chamado Bienio Moderado. Tras os sucesos de xullo, a debilidade de O'Donnell fixo que a raíña dera a presidencia do Goberno a Narváez. A inestabilidade continuou até 1857. Co regreso de O'Donnell á presidencia comezaron os Gobernos da Unión Liberal.

O 30 de xuño creouse un novo Goberno, no que O'Donnell sería o ministro da Guerra. Este Goberno durou catro anos e medio, até que o 17 de xaneiro de 1863 se disolveu. Foi o máis estable da época.

Tras o restablecemento da Constitución de 1845, as eleccións ás Cortes do día 20 de setembro de 1858 déronlle a Unión Liberal o control do poder lexislativo. Continuouse coa política desamortizadora, se ben o Estado entregou a cambio débeda pública á igrexa e repuxo o Concordato de 1851. Apareceron novas leis que serían claves e que mantiveron a súa vixencia até o século XX: Lei Hipotecaria, Primeiro Plan de Estradas etc. Pero, o Goberno no deu desterrado a corrupción económica, que estaba en todos os estamentos de poder. A partir de 1861 este Goberno comezou a desprestixiarse cada vez máis. Así, finalmente, o 2 de marzo de 1863 a raíña aceptou a dimisión de O'Donnell.

Fin do reinado de Isabel II (1863-1868)Editar

A substitución de O'Donnell non era sinxela. Os partidos tradicionais tiñan problemas internos entre os seus membros. Por iso foron os moderados as que ofreceron a Fernando Fernández de Córdova para formar goberno. Finalmente a raíña preferiu no goberno a Manuel Pando Fernández de Pineda, conde de Miraflores, que carecía de apoio, e o seu goberno soamente durou até xaneiro de 1864. A partir de aquí houbo sete gobernos até a Revolución de 1868.

Pola súa parte os progresistas daban por superado a Espartero, e Olózaga xuntamente con Joan Prim foron formando unha alternativa que non confiaba en Isabel II de España para saír da crise permanente.

Narváez formou goberno o 16 de setembro de 1864, pero a negativa dos progresistas a participar nun sistema que consideraban corrupto levou a Narváez ao autoritarismo e á dimisión da maior parte do seu gabinete. Para todo isto, súmanse os sucesos da Noite de San Daniel o 10 de abril de 1865. Os universitarios de Madrid protestaban contra as medidas de Antonio Alcalá Galiano, que intentaba apartar das aulas o racionalismo e o krausismo, mantendo a vella doutrina da moral oficial da Igrexa católica, e contra a expulsión da súa cátedra de Historia a Emilio Castelar polos artigos escritos no rotativo La Democracia. A dura resposta dos medios de seguridade causou a morte de 13 universitarios.

Esta crise fixo formar novo goberno o 21 de xuño a O'Donnell, Cánovas e Manuel Alonso Martínez, ademais doutras figuras destacadas. Así as cousas, Prim sublevouse en Villarejo de Salvanes nun xiro político que apostaba por tomar o poder mediante as armas, pero o golpe fracasou. A actitude hostil dos progresistas fixo que O'Donnell reforzara o seu goberno e provocou a sublevación do cuartel de San Gil o 22 de xuño, outra vez organizada por Prim, que tamén foi un fracaso.

Coa retirada de O'Donnell do goberno, Narváez substituíuno, reforzando a censura e a orde pública. Coa morte de Narváez, sucedeuno o 23 de abril de 1868 o autoritario Luis González Bravo pero a revolución xa comezara e a fin da monarquía chegou o 19 de setembro con La Gloriosa ao grito: "¡Abajo los Borbones! ¡Viva España!", ao tempo que Isabel fuxía a Francia para dar paso ao Sexenio Democrático.

Véxase taménEditar