Estatuto Real de 1834

O Estatuto Real foi promulgado en España o 10 de abril de 1834[1] pola rexente María Cristina de Borbón a xeito de carta outorgada[2], como a que rexeu en Francia durante o reinado de Lois XVIII, pola que se creaban unhas novas Cortes a medio camiño entre as Cortes estamentais e as modernas, xa que estaban integradas por un Estamento de Próceres (ou Cámara Alta, a imitación da Cámara dos Lores británica), cuxos membros non eran elixidos senón que eran designados pola Coroa entre a nobreza e os posuidores dunha gran fortuna; e un Estamento de Procuradores (ou Cámara Baixa, a imitación tamén da Cámara dos Comúns británica), cuxos membros eran elixidos mediante un sufraxio moi restrinxido que incluía a pouco máis de 16.000 persoas, sobre unha poboación de 12 millóns de habitantes[3].

Portada do nº 55 da Gaceta de Madrid (16-abril-1834), onde se publicou o Estatuto Real.
Portada do nº 55 da Gaceta de Madrid (16-abril-1834), onde se publicou o Estatuto Real.

Contexto histórico editar

 
Óleo de Francisco Martínez de la Rosa (1787-1862). Se conserva no Ateneo de Madrid.

Á morte de Fernando VII en setembro de 1833, a súa esposa, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias accedeu ao trono en calidade de Rexente ante a minoría de idade da futura raíña Isabel II. Atopouse enfrontada ao irmán do rei falecido, Carlos María Isidro de Borbón, que non recoñeceu a derrogación da Lei sálica, que impedía ás mulleres acceder ao trono de España pola Pragmática Sanción de 1789 de Carlos IV e ratificada e promulgada polo propio Fernando VII en marzo de 1830 e que levaría ao enfrontamento bélico entre os pretendentes á Coroa, coñecido como a Primeira guerra carlista.

María Cristina de Borbón confirmou no seu posto á fronte do gabinete ao absolutista "reformista" Cea Bermúdez para que continuase coa política de despotismo ilustrado e así evitar os cambios políticos en profundidade que acabasen cos poderes absolutos do rei e coa "orde tradicional".[4]

Con todo, pronto se fixo evidente que con meras reformas administrativas non se podería facer fronte á ameaza do carlismo (e a dos liberais retornados de exilio), a causa, entre outras razóns, do déficit crecente da Facenda e o consecuente aumento da débeda pública. Así, María Cristina, o 15 de xaneiro de 1834, substituíu a Cea Bermúdez polo liberal "moderado" Francisco Martínez de la Rosa[1][5], quen mantivo ao absolutista "reformista" Javier de Burgos á fronte do Ministerio de Fomento[6].

O proxecto do goberno de Martínez de la Rosa, apoiado por Javier de Burgos, foi iniciar unha controlada transición política que, en palabras do tamén moderado Marqués de Miraflores, consistía en «seguir o camiño das reformas empezadas, pero sen tratar o máis mínimo de variación das formas de goberno». Desa forma pretendíase resolver a contradición existente no bando "cristino", que unha monarquía absoluta buscase o apoio dos liberais que pretendían transformala nunha monarquía constitucional. A peza mestra desa estratexia reformista foi a promulgación do "Estatuto Real" en abril de 1834, que pretendía contentar tanto a moderados como a progresistas..

Orixe da norma editar

O artigo primeiro, que trae razón da norma coa que pretende sustanciarse o Estatuto, non fai mención á Constitución de 1812 senón á Nova Recompilación, evitando así pronunciarse sobre a validez daquela, e efectúa unha convocatoria das Cortes que se constituirán por Próceres da Nación e Procuradores do Reino. Este é o primeiro dos equilibrios cos que se pretende contentar tanto aos partidarios do absolutismo como aos liberais.

Características editar

Consiste en 50 artigos agrupados en 5 títulos, nos que non hai referencia a unha declaración de dereitos, nin á soberanía nacional nin á división de poderes[2].

Principios inspiradores editar

  1. Non foi propiamente unha Constitución[1], senón unha carta outorgada, entre outras razóns, porque non emanaba da soberanía nacional senón da soberanía do rei absoluto que autolimitaba os seus poderes por propia vontade, seguindo o modelo da monarquía restaurada en Francia despois de Napoleón con Lois XVIII. "Non había nada semellante a unha declaración de dereitos e liberdades nin apenas outra cousa que non fose a mera convocatoria de Cortes. A propia terminoloxía empregada (estamentos no canto de cámaras, procuradores no canto de deputados) denotaba unha vontade explícita de situar o réxime do Estatuto lonxe da tradición constitucional do liberalismo español"[7]. Aprobado por Real Decreto, no Estatuto Real, o rei facendo uso dun poder absoluto delega funcións noutros órganos do Estado. Por iso o conxunto de poderes (poder lexislativo e poder executivo) están en mans do soberano que tamén ten dereito de veto. Desde algunhas posicións quíxose sustentar a característica de que o Estatuto de 1834 avanzaba un paso ao compartir a soberanía nacional entre o Rei e as Cortes, aínda que o artigo 24 e o 30 deixan claro que a convocatoria e disolución corresponde ao Monarca, non poden deliberar sobre asunto algún que o Rei non lles someteu a xuízo (artigo 31) e a aprobación das leis sempre requirirá a sanción real sen que deba xustificar as razóns para non facelo (artigo 33).
  2. Tratábase dunha "constitución flexible", na medida en que non se regulamenta a súa reforma por unha cláusula específica, polo que se pode levar a cabo mediante un procedemento lexislativo ordinario.
  3. Non establece a separación de poderes e non menciona o poder xudicial. O poder lexislativo está nunha posición de dependencia do poder executivo, encarnado polo Rei, que está nunha posición de supremacía e pouco interfere na actividade das Cortes. En calquera caso, prevese a colaboración entre os poderes executivo e lexislativo, como o demostran os poderes do Rei sobre as Cortes (convocatoria, suspensión, disolución) que quedan cunha mera función consultiva[8], e o feito de que o cargo de ministro non era incompatible co de parlamentario

Órganos institucionais editar

As Cortes editar

As Cortes establécense por un sistema bicameral formadas polos Estamentos de Próceres, como cámara alta, formado por Grandes de España e electos do Rei, de carácter vitalicio, e o de Procuradores (cámara baixa), elixidos por un número reducido de posuidores de rendas altas.

O Estatuto non contemplaba o sistema electoral e remitíase a leis posteriores de diverso signo: a primeira (de 1834) estableceu o sufraxio indirecto e censitario e a segunda (de 1836) regula un sistema de elección directa e sufraxio censitario e capacitario.

As Cortes estaban a medio camiño entres unha asemblea consultiva e unha lexislativa. Non tiñan capacidade normativa, pois o Regulamento de ámbalas dúas Cámaras debía ser aprobado pola Raíña Gobernadora previo ditame do Consello do Reino e do Consello de Ministros. Ademais, prevíanse constantes interferencias do Rei no funcionamento das Cortes, o que impedía o principio de autonomía parlamentaria.

O Rei editar

Ao Rei concedíaselle un conxunto desorbitado de facultades:

1) Monopolio da iniciativa lexislativa.

2) Convocaba, suspendía ou disolvía as Cortes.

3) Sancionaba leis con posibilidade última de exercer o dereito de veto.

4) Nomeaba Próceres de modo ilimitado.

5) Elixía Presidente e Vicepresidente do Estamento.

6) Nomeaba e cesaba ao Presidente do Consello de Ministros e aos membros do gabinete.

O goberno editar

Configúrase o poder executivo delegado polo monarca no Presidente do Consello de Ministros, o Goberno e os Ministros. Aparece un incipiente proto-sistema de parlamentarismo ao necesitar a dobre confianza, do Rei e as Cortes, para gobernar e a aparición da chamada cuestión de confianza.

A conveniencia da norma editar

O Estatuto Real é considerado por algúns como unha norma necesaria nun período de convulsión e transición onde se precisaba un acordo entre as distintas faccións políticas presentes en España, sobre todo apostólicos e liberais. Pero esas mesmas tensións convertérono nun texto de breve aplicación por mor da chegada da Constitución de 1837 cando, no Palacio da Granxa de San Ildefonso, se produciu a sublevación dos Sarxentos o 13 de agosto de 1836 e a norma foi derrogada[9] e se restaurou a Constitución de 1812.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Estrada Sánchez, Manuel (1999). El significado político de la legislación electoral en la España de Isabel II. Santander: Universidad de Cantabria. p. 12. ISBN 84-8102-226-8. 
  2. 2,0 2,1 Casals Bergés, Quintí (2014). La representación parlamentaria en España durante el Primer Liberalismo (1810-1836). Lleida/Cádiz: Edicións de la Universitat de Lleida/Servicio de Publicaciones Universidad de Cádiz. p. 166. ISBN 978-84-8409-665-8. 
  3. Fuentes, J.P. (2007), p. 94-95.
  4. Fuentes. J.P. (2007), p. 92.
  5. "Destitución e Cea Bermúdez e nomeamento de Martínez de la Rosa" (PDF). Gazeta de Madrid. Consultado o 08-08-2017. 
  6. Fuentes, J.P. (2007), p. 92.
  7. Fuentes, J.F. (2007), p. 94.
  8. "10. La construcción del Estado liberal.". iris.cnice.mec.es/kairos. Arquivado dende o orixinal o 28-09-2017. Consultado o 24-09-2017. 
  9. Palomero Caro, Rafael; Pérez Rodríguez, Josep María (2006). Histocard 2. Història contemporània de Catalunya i d'Espanya. Col·lecció Minimanual, núm. 14. (en catalán). Barcelona: Castellnou Edicions. ISBN 84-9804-211-9. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fuentes, Juan Francisco (2007). El fin del Antiguo Régimen (1808-1868). Política y sociedad. Madrid: Síntesis. ISBN 978-84-975651-5-8.
  • Villaroya, J. Tomás (1968). O sistema político do Estatuto Real (1834-1836). Madrid: Instituto de Estudios Políticos. ISBN: 9788425903090

Ligazóns externas editar