Carta outorgada

Denomínase carta outorgada (en francés, "charte octroyée"[1]) a unha declaración do rei ou outro gobernante, non votada por unha asemblea representativa da nación, pola que manifestaba a primacía do seu poder e gobernaba os seus súbditos dunha forma absolutista, sen ningunha limitación. Supuña, de feito, unha pseudo constitución para o estado, posto que en troques de ser ditada polo pobo, a carta outorgada xurdía dun poder absolutista anterior, o rei, que outorgaba certos dereitos aos súbditos sen a súa intervención. Polo xeral, as cartas outorgadas eran moi restritivas en canto a dereitos e representatividade, e non se recoñece o principio de soberanía nacional nin da soberanía popular.

Exemplo de carta outrogada: o Estatuto real de 1834.

Exemplos de carta outorgada son a Carta outorgada por Luís XVIII en xuño de 1814 en Francia, a Carta Constitucional de Pedro IV de Portugal (29 de abril de 1826), o Estatuto Real de 1834 en España, o Estatuto Albertino en Italia e as Leis Fundamentais de Rusia de 1905, outorgadas por Nicolao II. En América pertence a este grupo o Decreto de Bases e Garantías emitido polo gobernante costarriqueño Braulio Carrillo Colina (1841), no cal se declaraba xefe vitalicio e inamovible.

Eran cartas que o rei manifestaba a primacía do seu poder e demostrábao facendo a regulamentación que a el lle pracía. Estas cartas desapareceron cando desapareceu o poder monárquico de vocación absolutista ou autoritaria, para ser substituídas por constitucións "pactadas" (como a francesa de Luís Filipe I de 1830, que pretendían ser un pacto entre a soberanía do monarca e a da nación[2]), ou por constitucións liberais emanadas dunha asemblea constituínte.

En España, o Estatuto Real de 1834 foi a carta outorgada máis importante que houbo, na cal Martínez de la Rosa, liberal moderado, lle daba a entender ao pobo cal eran os seus propósitos no seu novo goberno, que estaba marcado por un ambiente de tensión e de continuas loitas fronte ao carlismo. A raíña rexente (María Cristina) apoiaba o Partido Moderado, xa que buscaba apoios fronte ao carlismo, pero non compartía os seus mesmos ideais.

NotasEditar

  1. "La Charte octroyée". www.devoir-de-philosophie.com. Consultado o 2022-05-18. 
  2. "Definición y sinónimos de 'Carta otorgada'.". diccionario.sensagent.com (en castelán). Consultado o 2022-05-18. 

Véxase taménEditar