Portal:A Coruña/Artigo destacado/Arquivo
Aquí están todos os artigos destacados no portal A Coruña:
1
editarO porto da Coruña, matrícula das embarcacións CO, é un porto galego situado tralo dique de abrigo da cidade da Coruña, bañada polo océano Atlántico. É un dos motores económicos da cidade, con seis quilómetros de peiraos e preto dun millón de metros cadrados de superficie marítima e terrestre. Está integrado na provincia marítima da Coruña.
O porto da Coruña conta cun sector acondicionado para desembarcar graneis sólidos (carbón, coque) e contedores. No ano 2007 movéronse 13 842 964 toneladas de mercadorías no porto, o que supón un incremento total do 3,68 % respecto ao 2006, o que o converte no gran porto de mercadorías de Galicia e un de referencia no norte da Península Ibérica, seguido de preto por Ferrol-San Cibrao (10 228 000 toneladas).
2
editarO Hockey Club Liceo (coñecido por motivos de patrocinio como Coinasa Liceo), é un equipo de hóckey a patíns da cidade da Coruña (Galiza) fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e que na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego e é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 38 títulos (16 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais). É un dos equipos máis laureados internacionalmente, só superado polo FC Barcelona.
As cores do equipo son a verde e a branca. Xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, o seu presidente é Eduardo Lamas e actualmente é dirixido polo arxentino Carlos Gil. Actualmente compite na máxima categoría do hóckey a patíns de España, a OK Liga, competición que gañou en sete ocasións, a última delas na tempada 2012-13.
3
editarA batalla de Elviña foi un acontecemento bélico que tivo lugar o día 16 de xaneiro de 1809 no alfoz da cidade da Coruña, enfrontando as tropas francesas, conducidas polo xeneral Soult, que obtiveron a vitoria, contras as tropas británicas, mandadas polo xeneral John Moore, quen habería perder a vida no transcurso do combate. Na historiografía internacional este choque é coñecido como batalla da Coruña. A batalla desenvolverse no marco da Guerra da Independencia Española.
A batalla iniciouse na tarde do día 16 de xaneiro, tendo lugar os máis duros combates pola posesión da aldea de Elviña, da que se apoderaron os franceses na caída da noite, e avanzaron para a aldea de Palavea. Caeu ferido o xeneral inglés Baird, entanto o propio Moore foi ferido moi gravemente pola bala dun canón, morrendo dúas horas despois. Durante esa mesma noite as tropas británicas, foron embarcando, aínda que os barcos foron canoneados pola artillería francesa no amencer do día 17.
As forzas británicas estaban integradas por uns 16.000 homes (15.000 de infantería e 9 a 12 canóns), mentres que polo bando francés entraron en combate 16.000 homes (12.000 de infantería, 3.200 de cabalaría e 20 canóns).
4
editarA Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. Foi creada pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. Encóntrase estruturada territorialmente en Campus da Coruña (A Maestranza, Riazor, Elviña, A Zapateira, Bastiagueiro e Oza) e Campus de Ferrol (Esteiro e Serantes).
A Universidade da Coruña posúe titulacións únicas en Galicia e no norte de España como Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica en Deseño Industrial, Enxeñería Naval e Oceánica ou Socioloxía. Nos seus 25 anos de historia a Universidade da Coruña mantivo un número de alumnos superior ou próximo aos 20.000, chegando ao máximo nos inicios dos anos 2000.
5
editarO Río Mesoiro, tamén coñecido como Rego de Campos, Rego de Beneirón ou Río Monelos, é un río galego que nace e desemboca no concello da Coruña. Atópase soterrado durante a maior parte do seu percorrido, canalizado baixo o chan das rúas da cidade.
Nace na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no lugar de Castiñeiras, preto do límite municipal entre A Coruña e Arteixo. Dende alí baixa ata Feáns (recibindo durante este percorrido o nome de Rego de Beneirón), para continuar ata Mesoiro (chamándose neste treito Rego de Campos). A partir de Mesoiro é coñecido como Río Mesoiro e continúa o seu traxecto paralelo ó polígono de Pocomaco, sofrendo dúas pequenas canalizacións parciais durante este treito (na travesía de Mesoiro e arredor dunha vía de acceso a Pocomaco). A partir da entrada principal do devandito polígono xa se atopa totalmente canalizado baixo terra ata o peirao de San Diego, no porto da Coruña, onde desemboca.
6
editarA Revista Gallega, subtitulado Semanario de literatura é intereses regionales, foi un semanario galego, dominical e bilingüe, publicado na Coruña. Foi fundado en 1895 por Galo Salinas Rodríguez e rematou de publicarse en 1907, cun total de 640 números. Autoproclamado Órgano oficial de la Liga Gallega en la Coruña, durante os seus doce anos de historia constituíuse na publicación emblemática do rexionalismo liberal desa cidade.
Apareceu o 17 de marzo de 1895. Estaba dirixido por Galo Salinas Rodríguez, propietario e fundador do mesmo, como tamén figuraba no cabezallo do semanario, e da súa redacción facían parte Uxío Carré Aldao, Eladio Rodríguez González, Florencio Vaamonde Lores e Francisco Tettamancy Gastón; outros xornalistas, como Salvador Golpe Varela, Waldo Álvarez Insua ou Manuel Lugrís Freire colaboraron moi estreitamente, nas súas respectivas etapas coruñesas, co cadro desta publicación.
Para substituír a Revista Gallega naceu ás poucas semanas na Coruña o semanario bilingüe A Nosa Terra (1907-1908), que aínda chegaría a publicar 60 números erguendo a bandeira dun rexionalismo xa na encrucillada perante novas realidades históricas.
7
editarA Compañía de Tranvías da Coruña, S.A. é unha empresa galega de transportes que proporciona o servizo de transporte público urbano na cidade da Coruña, en réxime de concesión municipal. Creada en 1903 cun servizo entre Porta Real e a Estación de Norte mediante tranvías tirados por mulas, tiña ramais a Riazor e ás cocheiras. A rede actualmente está formada por 560 paradas ao longo das 23 liñas que percorren a cidade, incluída a liña que une o centro da capital herculina cos campus de Elviña e A Zapateira da Universidade da Coruña.
En 2014 a empresa levou a 20,9 millóns de viaxeiros e en 2013 daba traballo a 229 empregados.
A CTC conta cunha frota estable e permanente de aproximadamente 93-94 autobuses (as incorporacións non engrosan a frota, senón que substitúen as unidades máis antigas). O patrimonio da empresa foi valorado en 2013 en 18 millóns de euros.
8
editarO Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. Actualmente xoga na Primeira División, logo de ascender na tempada 2013–14. Con todo, xogou 21 das últimas 23 tempadas en Primeira División, 20 delas consecutivas (1991-2011) e 16 delas entre os 10 primeiros clasificados.
Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: Unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor". En total, o club ten no seu haber unha Liga, dúas copas do Rei e tres Supercopas de España como máximos logros nacionais, e unha clasificación á semifinal da Recopa de Europa e outra á da Liga de Campións como éxitos internacionais.
Logo de 42 temporadas en Primeira, o club ocupa o posto 11º na Clasificación histórica da Primeira división española, sendo o primeiro equipo galego neste ránking. Ademais é o 9º equipo en número de afeccionados en España (2,2%), segundo unha enquisa do CIS de maio de 2007.
Mantén historicamente unha gran rivalidade co Celta de Vigo, chamándose os partidos entre eles Derbis galegos.
9
editarO Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), antes coñecido coma Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, é un conxunto de centros de asistencia sanitaria especializada, docencia e investigación en Ciencias da Saúde pertencente ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), localizado na cidade da Coruña. Inaugurouse en 1972 e ten unha zona de docencia dependente da Universidade da Coruña. O centro é de referencia en queimados críticos, transplante de pulmón ou traumatoloxía infantil, entre outros.
O CHUAC foi inaugurado en 1972 por Franco co nome de Residencia Sanitaria Juan Canalejo en honra ao falanxista Juan Canalejo. O CHUAC foi o primeiro hospital de Galiza en facer transplantes, de ril en 1981, de corazón en 1991, e de fígado en 1994 era un centro de referencia para tratar a hemofílicos ou a lesionados medulares. En 1976 fixo a primeira operación para separar siamesas. En 1992 o hospital pasou a depender do Sergas ata entón dependeu do Insalud.
Hoxe en día do Complexo Hospitalario Universitario (CHUAC) forman parte o Hospital A Coruña, o Hospital Abente y Lago, o Materno Infantil (Hospital Teresa Herrera) e o Hospital Marítimo de Oza, así como os centros de especialidades do Ventorrillo, Carballo e Betanzos
10
editarSanta María de Oza, chamado abreviadamente Oza, foi un concello da provincia da Coruña, desaparecido en 1912 trala súa anexión ó concello da Coruña. Ó concello de Oza pertencían as parroquias de Visma, San Cristovo das Viñas, Elviña e Oza. Limitaba polo norte co concello da Coruña e co mar; polo leste co concello de Culleredo; polo sur co concello de Arteixo; e polo oeste co Océano Atlántico.
O núcleo histórico de Oza atopábase na costa da parroquia homónima, arredor da Capela de Santa María de Oza e ó pé da Praia de Oza, máis tarde coñecida como Praia de Lazareto. O lugar estaba situado entre Casabranca, A Pasaxe –topónimo alternativo para referise ás Xubias– e a batería de Oza. Porén, co paso do tempo Monelos se foi convertendo no núcleo máis poboado, feito que provocou que unha vez creado o concello, a casa consistorial rematase sendo establecida en Monelos e non en Oza, en torno a 1860.
O 1 de outubro de 1912, logo dunha convulsa historia, o Concello de Oza disolveu a súa Corporación Municipal e pasou a integrarse no da Coruña. Quedaba así amplamente incrementada a superficie do concello coruñés, supoñendo a anexión de Oza máis do 70% do actual territorio municipal herculino.
11
editarLuar na Lubre é grupo de folk galego creado na Coruña en 1985. Trátase dunha das bandas máis representativas do panorama folk galego. Obtiveron distintos premios, boas críticas, actuacións nos mellores escenarios e dous discos de ouro.
O grupo foi tecendo a súa traxectoria paseniñamente no eido musical galego até que a través da súa colaboración con Mike Oldfield nunha xira no ano 1992 tivo unha grande eclosión e a consecuencia desta deuse a coñecer a público ao que non chegara antes, isto viuse acrecentado pola versión que Oldfield fixo, e publicou con grande éxito, de "O son do ar" en The Voyager co título "The Song of the Sun", un tema instrumental do grupo. Na actualidade continúan a súa singradura no seu estilo e, ao tempo, experimentando con algunhas novidades.
12
editarA Biblia de Kennicott, ás veces denominada Primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea, sendo considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminada por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.
O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872.
Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.
13
editarMarcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo de España do que hai constancia. Ccoñecéronse mentres estudaban na Escola Normal de Mestras da Coruña, onde se formaban as futuras profesoras de ensinanza primaria e a súa amizade deu paso a unha relación máis íntima. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina e inventar un pasado. A cerimonia foi breve, os padriños deron fe da súa validez e a parella pasou a noite de vodas na pensión Corcubión, na rúa de Santo André. Finalmente, os veciños non puideron seguir indiferentes ante o que, a partir dese intre, deuse en coñecer como o “matrimonio sen home”. A nova da súa voda difundiuse axiña por toda España e por varios países europeos e, como consecuencia disto, foron excomungadas, perderon o seu emprego e ditouse unha orde de busca e captura.
Aínda non se sabe o que aconteceu con elas trala súa fuxida, crese que á Arxentina.
14
editarA Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo Concello da Coruña. Ten a súa sede no Palacio da Ópera da Coruña. Dende a tempada 2013-14, o director ruso Dima Slobodeniouk ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa, mentres que o burgalés Víctor Pablo Pérez ocupa o posto de director honorario logo de veinte anos á fronte da orquestra herculina. A OSG ofrece unha tempada sinfónica de concertos anual e adoita participar na Tempada Lírica da Coruña.
Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España. En 2007 realizou a súa primeira xira por Suramérica, que a levou a escenarios de Chile, Arxentina, Brasil e Uruguai, mentres que a finais de 2009 presentouse no famoso Musikverein de Viena. En 2007 foi nomeada para os Premios Grammy.
A Orquestra Sinfónica de Galicia creou, á súa vez, o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara, a OSG Camerata, a Orquestra Nova da OSG, os Nenos Cantores da OSG, o Coro Novo da OSG e o proxecto social ABANCA ReSuena.