Pazo do Picón
O Pazo do Picón, tamén chamado Pazo de San Fernando do Picón[1], é unha construción barroca do século XVII do lugar do Picón, na parroquia de Arca do concello do Pino.
Pazo do Picón | |
---|---|
Concello | O Pino |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galiza |
Coordenadas | 42°54′20″N 8°20′56″O / 42.905555555556, -8.34875 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | barroco (1699) |
Estilo actual | barroco, adicións contemporáneas (século XVII–século XX) |
Estado actual | En bo estado, propiedade privada, non visitable |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Descrición
editarO pazo atópase nunha contorna rural, aínda que apenas a un quilómetro da capital municipal, O Pedrouzo, case ao final da rúa do Picón. O acceso ao conxunto palaciano prodúcese a través dun bosque de cedros e eucaliptos, entre outras especies arbóreas de bo porte.
A meirande parte do pazo está construído con bos perpiaños de granito, tanto nas esquinas como nas aperturas (fiestras e portas), completándose os muros con cachotaría de lousa que está extensamente encalada. Ten forma de U aberta con prolongacións ao exterior, especialmente polo corpo duns 130 m² que se estende ao nordés e que, co corpo principal do pazo, presentaría a tradicional forma de L e unha superficie total duns 500 m². Porén, a estes espazos hai que engadirlles outras edificacións de menores dimensións, orientadas ao suroeste, que ocupan unha planta duns 450 m². A disposición de todas estas construcións dá como resultado a aparición de dous patios, un máis pechado que o outro. O patio do suroeste é máis amplo e está rodeado de distintas edificacións, servindo orixinalmente como patio de carruaxes. O patio do nordés é máis pequeno e nel atópase o patín e solaina, dispoñendo de decoración herbácea e limitando co gran xardín exterior. Por fin, separado uns metros no lado sueste, seguindo paralelamente o camiño de entrada, hai un hórreo tipo O Pino de bo tamaño e dúas plantas máis un pombal circular.
Os patios
editarO patio grande conta no seu lado nordés cun patín xunto ao que se atopa unha torre de dous corpos, lixeiramente adiantado con respecto á liña do resto da edificación. A disposición con respecto ao eixo do edificio, o seu escaso volume e os distintos elementos decorativos da torre (a ventá en tripla arcada de medio punto, as ameas, a forma cúbica superposta dos seus corpos que lle dan o aspecto de torreta...) fan considerar que a construción da torre se executou en tempos recentes. De feito, sábese que o corpo superior da torre data de 1958[2].
O portón arquitrabado da entrada exterior ao patio pequeno está coroado cunha pequena cruz na viga horizontal. Unha vez dentro deste, distínguese ao noroeste a solaina con patín, que no lintel da súa porta ten escrito o ano 1699, o de remate da construción do pazo. Ao seu carón, o lado suroeste presenta un airoso beirado sostido por uns tirantes inhabituais nas construcións galegas[3]. Baixo deste alar, o lenzo divídese en tres partes. A central e a da dereita teñen cadansúa porta e, sobre elas, cadansúa fiestra. A parte esquerda conta cun nicho cunha imaxe no primeiro andar e baixo del un antigo relevo no que se pode ler «PAZO DE S. FERNANDO EL PICON». No centro do patio hai unha pequena sebe circular que rodea unha esvelta árbore. A capela arranca desde este espazo cara ao sueste e conta cunha superficie duns 110 m². A liña que marca a capela é continuada polo exterior por un enreixado sobre un muro que vai bordeando o gran xardín.
Un dos elementos de maior importancia histórica que se atopan neste segundo patio é o escudo de armas. Segundo se entra no patio, encóntrase á dereita da solaina, inserto nunha robusta torre que pode ser xermolo do propio pazo. O primeiro que chama a atención é a súa forma oval en cruz e, polo tanto, dividido en catro carteis. Esta peza está sobre unha cartela que remata a súa parte superior á altura do helmo con senllas volutas. A forma ovalada e a cartela son de gusto barroco e inspiración italiana[4]. Está timbrado cun helmo simple virado á dereita decorado con penacho, propio de fidalgo sen xurisdición[5]. Tras da gola ou colar do helmo parte unha orla vexetal decorativa, en forma de gomos ou follas superpostos, que circunda o escudo. Autores como Martínez-Barbeito e García Iglesias resaltan que este brasón é practicamente idéntico ao que se pode atopar no Pazo de Portouteiro, na veciña parroquia de Medín, datándoos no século XVIII[6]. Ámbolos dous autores descoñecen o motivo polo que locen nestes pazos, o do Picón e o de Portouteiro, posto que as armas que se representan non se corresponden cos propietarios coñecidos dos pazos, a pesar de que algunha fonte insiste en atribuír as súas armas á familia dos Rey do Barreiro[7] sen coincidir exactamente coas que aquí se expoñen[8]. Así pois, seguindo a estes investigadores, nos carteis disponse, de esquerda á dereita e de arriba á abaixo, as armas correspondentes aos apelidos Leis[9] ou Caamaño[10], Vilardefrancos[11], Moscoso[12] e Pardiñas[13] ou Riobóo[14].
Os espazos axardinados
editarComo se apuntaba liñas atrás, da parte exterior do pazo cómpre referirse ao seu xardín, orientado ao seu nordés, e que conta cunha extensión duns 6 mil m² con forma cadrada e uns 80 m por cada lado. No seu lado suroeste, o máis próximo ao pazo, dispón dun pequeno labirinto de buxo[15] de gusto francés, pero que está inserto nun conxunto que responde á idea de parque-xardín. O do Pazo do Picón é un dos primeiros exemplos da introdución do xardín paisaxista en Galicia[16], dentro do impulso romanticista nado en Inglaterra desde finais do século XVIII e que aquí implantouse a comezos do XIX. De feito, hai que entender que o deseño xeral destes espazos axardinados vai máis aló da xa ampla zona enreixada. Por iso, sería posible afirmar que a moi próxima avenida de cedros que parte da Casa da Rúa e mesmo a carballeira de Santa Cristina forman parte desta idea de ordenación dos terreos circundantes do pazo.
A orixe do seu deseño e construción remóntase aos tempos do terceiro dono do pazo, Fernando Rey do Barreiro, aló polo 1814[17], tendo sido coidado polas sucesivas xeracións da familia ata tempos ben recentes.
O do Pazo do Picón responde perfectamente ás características xerais destes xardíns palacianos, especialmente no que se refire ao seu reducido tamaño, ao uso de elementos naturais e construtivos preexistentes e ao mantemento de deseños xeométricos realizados con buxos[18], propios dos tempos inmediatamente anteriores. Iso si, en lugar de estenderse a superficie axardinada fronte á fachada principal do pazo e estar orientada ao sur ou ao sueste, como é habitual nos pazos galegos, neste caso aquela sitúase ostentosamente no exterior e ao nordés, como se sinalaba. Porén, como todo o bosque previo á chegada do pazo é arauto da súa proximidade, procedeuse á plantación de exóticas especies arbóreas que hoxe locen gran porte, mesmo eucaliptos[19].
Contrasta o espléndido espazo axardinado coa sobriedade dos encalados e case rudimentarios lenzos exteriores do pazo. É quizais índice dunha dualidade propia dos pazos de orixe agraria que están, ademais, a curta distancia dunha cidade. En efecto, podemos atopar neste pazo elementos de interesante ornamentación e ambientes de sofisticado lecer, influídas polo ámbito urbano, ao carón de rústicas construcións debidas ás mans de habilidosos canteiros, cunha intención pragmática de aproveitamento económico. Precisamente, hai que resaltar que o primitivo uso agrícola das súas terras tiveron influencia na configuración destes xardíns. A proximidade dos predios de cultivo ao norte do pazo deberon ser o principal motivo da súa estraña localización, o que propiciou que este corpo practicamente se quedase inserto nunha zona de arborado[20].
As estruturas en buxo que contén o xardín son de dous tipos: sebes e topiarios. As carreiras ou sebes de buxo marcan os paseos ao longo do parque[21] e teñen unha disposición lonxitudinal que van bordeando polo interior o recinto, deixando un grande espazo arborado no centro. A topiaria do pazo recibe o nome de labirinto de buxo, mais responde á tipoloxía de grandes composicións de buxos recortados e formando praciñas con parterres. Seguindo a Sánchez García, a súa estrutura é un «dobre recinto circundado por grosos muros, no que se abren pasos abovedados e actúan como reforzos torres nas esquinas rematadas por bolas e contrafortes esféricos de rotundas volumetrías». As praciñas cadradas son diferentes, «unha con parterres que incluían iniciais dos señores ao redor dunha tuia arbórea, e a outra cun ceador escavado no buxo»[22].
Outras construcións
editarNas inmediacións do pazo atópase unha antiga vivenda en pedra chamada a Casa da Rúa, lugar desde o que arranca cara ao nordés un paseo de cedros que van rematar na carballeira de Santa Cristina. Esta construción foi en tempos a residencia dos caseiros do pazo[1].
Ademais, a uns 125 m do pazo en dirección á rúa do Picón atópase o chamado cruceiro do Pazo do Picón, de probable orixe no século XIX. O seu fuste octogonal está apoiado sobre catro chanzos. Conta cun chapitel de orde composta rematado nunha cruz cilíndrica que posúe as imaxes do Crucificado e da Virxe en cada lado. Na base do fuste ten incrustada unha medalla en bronce cun retrato dun crego e sobre ela, na pedra, hai unha inscrición que di «Bendecido por».
Historia
editarDebido aos elementos descritos na parte anterior, cabe considerar ao Pazo do Picón como representativo dos pazos agrícolas desenvolvidos durante os séculos XVIII e XIX en Galicia. Aínda que non é de gran tamaño, si que as súas características e estado de conservación permiten facer esta afirmación.
As súas orixes non se afastan do devir das principais casas fidalgas do concello do Pino, confluíndo a súa propiedade coa do próximo Pazo de Portouteiro xa na segunda xeración de donos. Seguindo a Martínez-Barbeito[23], os sucesivos posuidores do pazo foron:
- Inés Varela Vaamonde, tamén chamada Inés Varela-Vaamonde Valenzuela: debeu mandar construír o pazo en 1699, tal como di a inscrición do patio, e talvez instituíu o correspondente morgado. As orixes desta señora non están claros e son importantes de cara a coñecer a correcta atribución das armas dos escudos que aparecen neste pazo e o de Portouteiro. De momento, baste indicar que Moar afirma que os seus pais eran Fernando de Marcos do Barreiro e Margarita de Verea-Vaamonde Aguiar, e que engade un terceiro apelido a esta primeira propietaria do Picón, o de Valenzuela[7]. Inés Varela Vaamonde casou con Fernando Barreiro Saavedra, álferez e Familiar do Santo Oficio, fillo do dono do próximo pazo de Dúas Casas.
- Bernarda Barreiro Varela, tamén chamada María Bernarda Barreiro Baamonde: filla dos anteriores, sábese que casou en Medín o 17 de setembro de 1725 con Pedro Rey-do Barreiro Nogueira[24], dono do pazo de Portouteiro, tamén no actual termo municipal do Pino, polo que ambas casas quedarían a partir deste momento unidas e os posuidores dunha tamén o serían da outra. O apelido Barreiro está moi vencellado á meirande parte dos pazos piñeiros, cuxas familias adoitan empregalo con preferencia. Estes señores tiveron oito fillos.
- Fernando Rey do Barreiro, tamén chamado Fernando Alonso Rey do Barreiro: nado en 1729 e bautizado o 30 de maio deste mesmo ano[24], é fillo dos anteriores. Como tense apontado, foi quen mandou deseñar o grande espazo axardinado do pazo. Segundo Moar, casou o 26 de xullo de 1794 na igrexa de Sar, en Compostela, á improbable idade de 65 anos, con Catalina Losada Bernaldo-de Quirós, nada en Castro Caldelas e pertencente á Casa dos señores de Oleiros, con soar en Láncara. Tiveron polo menos dous fillos.
- Antonio María Rey Losada: fillo dos anteriores, foi cabaleiro mestrante de Ronda e casou en 1822[7] con Teresa Raviña de Berriaga[25], con quen polo menos en 1845 residía en Arca. Tiveron sete fillos.
- Carlos Rey Raviña (1842 — Arca, 27/04/1896)[26]: médico, casou con Filomena Stolle Lamela (Santiago, 10/03/1845[27] — Santiago, 23/03/1933)[28], pertencente a unha familia de comerciantes do téxtil de orixe bohemia[29]. Tiveron seis fillos.
- Alejandro Carlos Rey-Stolle Raviña (Santiago, 1882 — Madrid, 15/08/1961)[30]: tamén médico, como o seu pai, secasí non desenvolveu o seu traballo neste eido, senón que foi funcionario xudicial. Tivo os postos de secretario de sala da Audiencia de Zaragoza, de relator da Audiencia de Barcelona e, por fin, desde 1938 ata o seu falecemento, de secretario de sala do Tribunal Supremo, en Madrid. En marzo de 1908 el e os seus irmáns obtiveron o dereito de usar o apelido composto Rey-Stolle, por Real Orde[31]. Casou dúas veces. A primeira en Santiago o 21 de abril de 1909[32] coa compostelá Mercedes Pedrosa Miranda († en Barcelona en abril de 1925)[33], quen herdou o Pazo de Coea, en Castro de Rei, en cuxa propiedade atopouse en 2020 unha villae romana da que se pensa que pode ser a casa natal do emperador romano Teodosio I[34]. En Coea, precisamente, o matrimonio concentrou a meirande parte da documentación familiar, nun arquivo privado considerado dos máis importantes de Galicia[35], tras derrubar a antiga edificación e construír unha nova en 1922. A segunda esposa de Alejandro Rey-Stolle foi María Rosa de Imbert Manero († en Madrid o 10 de agosto de 1984)[36]. Tivo unha ducia de fillos, entre eles o historiador e xornalista xesuíta Alejandro Rey-Stolle Pedrosa, "Adro Xavier".
- Ignacio María Rey-Stolle Pedrosa († en Madrid o 11 de novembro de 2001)[37]: herdou non só os pazos do Picón e Portouteiro, senón tamén o Pazo de Coea. Foi un alto funcionario do Estado, que desenvolveu o seu traballo no Ministerio de Agricultura e no Ministerio de Información e Turismo, sendo xefe da Secretaría Particular de Manuel Fraga durante o seu ministerio[38]. Finalmente acadou o posto de agregado de turismo na Embaixada de España en Roma[39]. Casou con Paloma Cisneros Asensio († en Guadarrama o 22/08/1997)[40], con quen tivo tres fillas. Deste señor descenden os actuais propietarios do Pazo do Picón.
A liñaxe dos Rey posuían o padroado da parroquia de Santo Estevo de Medín, é dicir, tiñan dereito de nomeamento do cura da devandita igrexa no arciprestado de Benvexo[41], que é o motivo polo que tantos destes curas foron membros da familia[7].
A composición do escudo de armas do pazo non se corresponde a ningún dos apelidos dos seus posuidores coñecidos, se ben pode ter a súa orixe na relación con outros pazos da contorna. Na descrición que fai Martínez-Barbeito do Pazo de Vilamide (Vilouchada, Trazo), explica que as casas de Vilacova (en Restande, Trazo) e Vilamide acabaron por «unirse para varias xeracións, pero aínda tardaron en incorporarse a unha á outra, posto que os vínculos de Vilamid e de Medín os herdou (...) don Antonio Varela de Leis», quen foi «señor de Vilamid e de Medín»[42]. Cando se analizan os apelidos dos propietarios de Vilamid aparecen os devanditos Leis, Vilardefrancos e Pardiñas, e mesmo aos Riobóo, así como as formulacións Varela Vaamonde, que é a mesma que tiña a primeira posuidora do Pazo do Picón, e Varela de Leis. Este Medín non pode ser o mesmo que o Pazo do Portouteiro, que tamén se localiza nesta parroquia piñeira, senón o coñecido como Couto de Medín (que só comprendía a parroquia do mesmo nome), cuxa xurisdición ordinaria e señorío secular pertencía no século XVIII a Diego Leis Riobóo[43]. Deste xeito, a referida Inés Varela Vaamonde puido proceder da casa do couto de Medín, empregando libremente dous dos apelidos da familia como era habitual na época, e incorporando os verdadeiros aos brasóns do Picón e de Portouteiro. Hai que salientar, ademais, que en Ciencia Heráldica os escudos ovoides adoitan representar a unha dama[44], o que aquí coincidiría. Por fin, por unha banda a proximidade do Pazo de Medín ao de Portouteiro, separados apenas por un cento de metros, e destes ao do Picón, e por outra banda o demostrado costume dos pazos piñeiros de facer ligazóns matrimoniais entre eles, son un argumento máis para considerar a pertenza da devandita Inés Varela Vaamonde a esta casa, quen levaría as súas armas á fundación do seu propio pazo e, por extensión máis tarde, ao de Portouteiro.
Protección
editarO pazo encóntrase protexido como un dos elementos propios da Declaración como Patrimonio da Humanidade do Camiño de Santiago en 1993, aínda que está fóra do ámbito BIC[15]. Ademais, goza de estar incluído dentro do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, protexido pola Lei 8/1995, de 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, e a norma que a substituíu, a Lei 5/2016, de 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia[45], e listado no correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Pino do ano 2003[46].
Galería de imaxes
editar-
Portón de entrada ao patio pequeno, con cruz no cumio
-
Capela de San Fernando no pazo
-
Pombal e hórreo no exterior do pazo
-
Cruceiro do Pazo do Picón, vista xeral
-
Cruceiro do Pazo do Picón, detalle
-
Inscrición e medalla na base do fuste do cruceiro do Pazo do Picón
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 (García Iglesias 2001, p. 30)
- ↑ "Pazo de Picón". patrimoniodeopino.es.
- ↑ (Martínez-Barbeito 1986, p. 486)
- ↑ de Avilés y del Fierro, Gabriel, marqués de Avilés (1780). Ciencia Heroyca, reducida a las leyes heráldicas del blasón (en castelán) I. Madrid: Joachin Ibarra. p. 139.
- ↑ de Avilés y del Fierro, Gabriel, marqués de Avilés (1780). Ciencia Heroyca, reducida a las leyes heráldicas del blasón (en castelán) II. Madrid: Joachin Ibarra. p. 42.
- ↑ (Martínez-Barbeito 1986, p. 502)
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Moar Fandiño, José María (21-9-1927). "Linajes y armas de Galicia. Las de la familia del Sr. Rey Stolle". El Compostelano (en castelán). p. 2.
Terminemos hoy esta tabla genealógica describiendo los escudos heráldicos que los cronistas reyes de armas dan a los Rey: Una mano armada con una espada. Otros linajistas ponen: armada con una cruz. Y un castillo (también del apellido Rey).
- ↑ Segundo Fariña Couto, con respecto ao seu escudo de armas di: «REY.- De azur, cunha espada de prata gornecida de ouro, alta e posta en banda, acompañada no alto de catro crecentes de prata tornados, colocados en dúas faixas de dous, e no baixo de catro flores de lis de ouro, colocadas en dúas faixas de dúas» (Fariña 2001, p. 168), o que non se corresponde co presentado por Moar.
- ↑ (Fariña 2001, p. 132) «LEIS (3).- De prata, unha árbore de sinople, acostada de seis lanzas de sable, postas en pal e colocadas en faixa, tres a cada lado».
- ↑ O brasón deste apelido non se corresponde exactamente co que aparece nestes pazos, posto que adoita representarse con dez lanzas e non só seis.
- ↑ (Fariña 2001, p. 192) «VILLARDEFRANCOS (1).- De goles, un brazo armado, ovente do flanco destro, enarbolando na man unha bandeira de prata, colocada en banda».
- ↑ (Fariña 2001, p. 148) «MOSCOSO (2).- De prata, unha cabeza de lobo da súa cor, linguada de goles e degolada, sangante».
- ↑ (Fariña 2001, p. 158) «PARDIÑAS (1).- De goles, unha torre con homenaxe, de sable, aclarada de goles e saíndo da porta unhas ramas de espiños, sostido todo de ondas de prata e azur».
- ↑ (Fariña 2001, p. 148) «RIOBOO.- De ouro, cunha torre de pedra, ameada, e saíndo do pé da porta, unha rama con follas de sinople que abrangue a torre, todo sostido de ondas de azur e prata».
- ↑ 15,0 15,1 Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia (ed.). "Delimitación do trazado e ámbito vinculado ao Camiño Francés ó seu paso por Galicia. Separata N. 11: O Pino" (PDF). xunta.gal. p. 6.
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 162)
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 171)
- ↑ «La realidad territorial y productiva de los pazos determinará la presencia de unos jardines de extensión por lo general reducida, compartimentados en unidades autónomas y poco dados a expulsar aquellos componentes más utilitarios o tradicionales, asumiéndose los nuevos gustos como una moda que vendrá a superponerse eclécticamente a datos y condiciones preexistentes. El jardín de estos pazos decimonónicos incorporará así algunos rasgos del paisajismo difundido por toda Europa a lo largo del XVIII, favorecidos en este caso por el húmedo y pluvioso clima de la región, pero todavía jugando con la presencia de los trazados geométricos, con cuadros y cuarteles de boj organizando aquel sector más cercano al pazo, para descargar a continuación en la exuberante vegetación antes que en los contados elementos artificiales un umbrío y melancólico aspecto que con el paso del tiempo se verá cada vez más reforzado debido a la creciente llegada e instalación de especies exóticas» (Sánchez García 2004, p. 165).
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 166)
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 167)
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 169)
- ↑ (Sánchez García 2004, p. 170-171)
- ↑ (Martínez-Barbeito 1986, p. 486-489)
- ↑ 24,0 24,1 Alonso, María Esperanza (1998). Pleitos de hidalguía que se conservan en el Archivo de la Real Chancillería de Valladolid. Extracto de sus expedientes. Siglo XVIII. Tomo XXXIV - REIMÚNDEZ PARDO - RODRÍGUEZ (en castelán). Madrid: Hidalguía. pp. 45–46.
- ↑ O seu segundo apelido non é Buruaga, como afirma Martínez-Barbeito, senón Berriaga, tal como o testemuñan diversas fontes "Providencias judiciales" (PDF). Gaceta de Madrid (en castelán) (Madrid). 9-8-1845..
- ↑ "Sección local". El Eco de Santiago (en castelán). 28-4-1896. p. 2.
- ↑ Rexistro Civil de Santiago. Nacementos. Ano 1845 (AHUS, AM-739, fol. 41r, nº 161).
- ↑ "Filomena Stolle Lamela (necrolóxica)". El Compostelano (en castelán). 25-3-1933. p. 3.
- ↑ Faes, Rosa (6-9-2015). "Los 73 años de soledad de sor Eulalia". La Nueva España (en castelán) (Oviedo).
- ↑ "Alejandro Rey-Stolle Raviña (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 16-8-1961. p. 41.
- ↑ Moar Fandiño, José María (29-9-1927). "Ciencia Heroica Santiaguesa. La prosapia y blasón de los Stolle". El Compostelano (en castelán). p. 1.
- ↑ "Noticias locales". Diario de Galicia (en castelán) (Santiago). 22-4-1909. p. 2.
- ↑ "Los que mueren". El Diario de Pontevedra (en castelán). 11-4-1925. p. 3.
- ↑ López, Víctor (18-7-2020). "La villa romana que todos sospechaban". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ López Pombo, Luis (8-10-2007). "Opinión en Galicia. Linajes en Castro de Rei (III). Casa de Rey-Stolle Pedrosa, en Coea". galiciadigital.com. Consultado o 15-8-2020.
En el lugar de Coea, patria de Teodosio el Grande, existe la casa de los señores Rey-Stolle Pedrosa, en donde vivieron sus ascendientes, hidalgos notorios de sangre y posesión..., la verdad que dicha alabanza no es vana ni es tampoco superlativa al respecto, pues desde hace muchos años los moradores de la misma tuvieron posesiones en otras zonas de Galicia, siendo la casa de Coea una de las residencias veraniegas, o de menor importancia comparada con las otras, aunque en ella gustaba pasar grandes temporadas D. Alejandro Rey-Stolle Raviña y su esposa Dª Mercedes Pedrosa Miranda, verdaderos enamorados de sus posesiones, contando aquí por aquel entonces la mayor parte de la documentación familiar, constituyendo uno de los archivos privados más importantes de nuestra provincia, tanto en contenido como en genealogías (...).
- ↑ "María Rosa de Imbert Manero (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 11-8-1984. p. 72.
- ↑ "Ignacio Rey-Stolle Pedrosa (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 13-1-2001. p. 73.
- ↑ "El subsecretario de Información y Turismo estuvo en Galicia. Aparte de la capital visitó Villalba y Ribadeo. El señor Cabanillas hizo grandes elogios de la costa lucense". El Progreso (en castelán) (Lugo). 19-8-1967. p. 4.
- ↑ "Javier Rey-Stolle". Diccionario Sensagent (en castelán). Consultado o 15-8-2020.
- ↑ "Paloma Cisneros Asensio (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 7-9-1997. p. 123.
- ↑ Moar Fandiño, José María (4-10-1920). "El Arciprestazgo de Bembejo (II)". El Compostelano (en castelán). p. 1.
- ↑ (Martínez-Barbeito 1986, p. 681-682)
- ↑ Río Barja, Francisco Xavier (1990). Cartografía Xurisdiccional de Galicia no Século XVIII. Santiago: Consello da Cultura Galega. p. 41. ISBN 84-87172-55-5.
- ↑ Montojo, Lucas. "El origen del blasón (II). Las formas del escudo". Casa Troncal de Caballeros Hijosdalgo de los Doce Linajes de Soria (en castelán).
En Italia tiende a utilizarse el escudo oval, por ser la figura del escudo que más se acerca al círculo, diseño que usaron los romanos como símbolo de su dominio universal, aunque en varios países de Europa el escudo oval o circular suele ser de una dama.
[Ligazón morta] - ↑ "LEY 5/2016, de 4 de mayo, del patrimonio cultural de Galicia" (PDF). Diario Oficial de Galicia (en castelán). 16-5-2016. pp. 18576 e ss.
- ↑ Dentro do "Documento refundido. Catálogo de bens suxeitos a protección", páxina dous, na caixa dedicada ás Casas e Pazos.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Martínez-Barbeito, Carlos (1986). Pazos, torres y linajes dela provincia de La Coruña (en castelán). León: Editorial Everes / Deputación da Coruña. p. 486-489. ISBN 84-241-4015-X.
- García Iglesias, José Manuel (2001). Guía dos pazos de Galicia. A Coruña (en castelán). Vigo: Editorial Galaxia. p. 30-31. ISBN 84-8288-434-4.
- Fariña Couto, Luciano (2001). O Libro da Heráldica Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 645. ISBN 84-89748-92-6.
- Sánchez García, Jesús Ángel (2004). "Una señorial y melancólica escena. El Romanticismo y el jardín de los pazos gallegos". Jardín y Romanticismo (PDF) (en castelán). Carmen Añón (dirección) e Mónica Luengo (coordinación). Madrid: Comunidade de Madrid, Consejería de Educación. pp. 147–180. ISBN 84-451-2609-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Pazo de Picón" (PDF). patrimoniodeopino.es.